William Henry Bragg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
William Henry Bragg

Sir William Henry Bragg, nado en Wigton o 2 de xullo de 1862 e finado en Londres o 10 de marzo de 1942, foi un físico e profesor universitario inglés galardoado en 1915 co Premio Nobel de Física xunto co seu fillo William Lawrence Bragg.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou no King William's College (na Illa de Man), e no Trinity College de Cambridge. Foi profesor de física e matemáticas na Universidade de Adelaida (Australia, 1886-1908), na Universidade de Leeds (1909-1915), na de Universidade de Londres (1915-1923). Desde 1923 foi profesor de química no Real Instituto de Gran Bretaña (1923-1942) e director do laboratorio de investigación Davy-Faraday.

En 1906 foi elixido membro da Royal Society. En 1920 foi honrado cabaleiro (sir). En 1928, elixido presidente da Asociación Británica para o Progreso das Ciencias e en 1935 da Royal Society, cargo que ocupou ata 1940.

Investigacións científicas[editar | editar a fonte]

Xunto co seu fillo William Lawrence Bragg, formulou a lei de reflexión dos raios X dunha lonxitude de onda determinada cando inciden nunha superficie cristalina. Idearon o espectrógrafo de raios X, que lles permitiu determinar a posición dos átomos en varias clases de cristais.

En 1915 ambos recibiron o premio Nobel de Física, sendo a primeira vez que sucedía o feito de que un pai e o seu fillo recibisen o premio Nobel.

Entre as súas obras merecen ser apuntadas The World of Sound (1920), Concerning the Nature of Things (1925) e The Universe of Light (1933).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]