Juan Ruiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Páxina nun dos manuscritos do Libro de bo amor.

Juan Ruiz, nado en Alcalá de Henares cara a 1284 e finado cara a 1351, foi un sacerdote e escritor castelán, coñecido como arcipreste de Hita.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pouco é o que se coñece da súa vida. Probablemente estudou en Toledo, pasou na cadea varios anos entre 1337 e 1350 por orde do arcebispo de Toledo Gil Albornoz, e alí escribiu a súa única obra, o Libro de Buen Amor (Libro de bo amor). Este libro encerra unha protesta polas posturas integristas daquel prelado, que pretendía estender á súa diocese a doutrina papal do celibato obrigatorio, fronte á tradición hispánica da barraganía, ou contrato de convivencia dun sacerdote cunha muller, máis asentada nun territorio multicultural como era a diocese de Toledo, na que xa se estendera a herexía do adopcionismo de Elipando. A súa postura aparece na "Cantiga dos clérigos de Talavera", que parece que foi a que motivou a orde de prisión do arcebispo. Esta postura crítica cara o alto clero emparenta a Juan Ruiz coa literatura goliarda medieval, así como o restante contido desenfadado e crítico da obra. Estímase 1350 como data da súa morte porque ao ano seguinte era outro xa o arcipreste de Hita.

Juan Ruiz é considerado como o primeiro lírico español. Mostra unha cultura ampla e unha linguaxe rica, que gusta de acumular sinónimos parciais e de repetir o mesmo concepto de distintas maneiras, o que o relaciona coa técnica do sermón. A linguaxe é popular e coloquial, moi viva e creativa. Por outra banda, a súa obra mostra un coñecemento das paixóns humanas e caracterízase polo balanzo entre a delicadeza e a desvergoña, que logra mediante unha intelixencia fina, ambigua e irónica, pese ao que a obra posúe brío e audacia.

Do Libro de bo amor existen tres códices: o de Salamanca, ou S., hoxe na Real Biblioteca, considerado como o mellor. Os outros dous son o da Real Academia Española, coñecido como códice G. ou de Gayoso e o T. ou de Toledo. O poema consta de 1728 estrofas e é unha colección heteroxénea de diversos materiais unidos en volta dunha pretendida autobiografía amorosa do propio autor na que aparecen representadas a través das súas amantes todas as camadas da sociedade medieval española. Así, recóllense composicións líricas profanas (serranillas, moitas veces paródicas) ao lado doutras relixiosas, fábulas, apólogos, glosas do Ars Amandi de Ovidio, parodias da liturxia das horas canónicas ou cos cantares de xesta (como o "Combate de don Carnal con dona Coresma"), prantos (como o da morte de Trotaconventos, personaxe que constitúe un precedente da Celestina), sátiras (como as dirixidas contra as donas chichas ou o poder igualador do diñeiro, alegorías, moralidades, sermóns, cantigas de cegos e de escolares, etc.