Saltar ao contido

Cantabria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia de Cantabria»)
Modelo:Xeografía políticaCantabria
Imaxe

HimnoHimno a la Montaña Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°20′N 4°00′O / 43.33, -4
EstadoEspaña Editar o valor en Wikidata
CapitalSantander Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación584.507 (2021) Editar o valor en Wikidata (109,85 hab./km²)
Lingua usadalingua castelá Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie5.321 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Cantábrico Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoPeña Vieja (2.613 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoNivel medio do mar (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1982 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Presidente Editar o valor en WikidataMaría José Sáenz de Buruaga (2023–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
ISO 3166-2ES-CB Editar o valor en Wikidata
Código NUTSES13 Editar o valor en Wikidata

Páxina webcantabria.es Editar o valor en Wikidata
Facebook: gobcantabria Twitter: cantabriaes Editar o valor en Wikidata

Cantabria é unha comunidade autónoma uniprovincial situada no norte de España, considerada como «comunidade histórica» segundo o seu Estatuto de autonomía. Limita con Asturias ao oeste, con Euskadi (provincia de Biscaia) ao leste, con Castela e León (provincias de León, Palencia e Burgos) ao sur, e co mar Cantábrico ao norte. A súa capital e cidade máis poboada é Santander.

Cantabria está situada na cornixa Cantábrica, nome dado á franxa de terra existente entre o mar Cantábrico e a cordilleira Cantábrica, no norte da Península Ibérica. Posúe un clima oceánico húmido e de temperaturas moderadas, fortemente influenciado polos ventos do océano Atlántico que chocan contra as montañas. A precipitación media é de 1.200 mm, o que permite o crecemento de frondosa vexetación. A súa maior elevación localízase no pico de Torre Blanca (2.619 m). A comunidade está formada por 102 concellos, sendo un deles, Valle de Villaverde, un exclave en Biscaia.

Cantabria é a rexión máis rica do mundo en sitios arqueolóxicos do Paleolítico Superior. Os primeiros signos de ocupación humana datan do Paleolítico Inferior, aínda que este período non estea tan ben representado na rexión. Destacan neste aspecto as pinturas da cova de Altamira, datada entre o 16.000 e 9.000 a.C e declarada, xunto a outras nove covas cántabras máis, Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

As súas primeiras referencias datan do ano 195 a. C., momento en que o escritor romano Catón O Vello fala na súa obra Orixes do nacemento do río Ebro do "país dos cántabros". A moderna provincia de Cantabria constituíuse o 28 de xullo de 1778.[1] A Lei Orgánica do Estatuto de Autonomía de Cantabria aprobouse o 30 de decembro de 1981, dotando deste xeito á comunidade autónoma de organismos e institucións de autogoberno, co Parlamento de Cantabria como asemblea lexislativa.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Mapa físico de Cantabria.

Diversos foron os autores que trataron a orixe etimolóxica do nome de Cantabria (Santo Isidoro de Sevilla, Julio Caro Baroja, Aureliano Fernández Guerra, Joaquín González Echegaray, Adolf Schulten etc.). Aínda que non é segura a súa procedencia, a opinión máis aceptada polos expertos é que deriva da raíz cant-, de orixe celta ou ligur e que significa roca ou pedra, e o sufixo -abr, frecuente nas rexións celtas. De todo isto dedúcese que cántabro viría significar pobo que habita nas penas ou montañés, en clara referencia ao territorio abrupto e montañoso de Cantabria.

Xeografía física

[editar | editar a fonte]

A rexión posúe unha superficie de 5.321 km² e as súas costas teñen unha lonxitude total de 165,7 quilómetros. O seu cabo máis sobresaliente é o Cabo de Ajo (43º 29' N, 3º 37' O) . Na rexión existen tres ámbitos xeográficos ben diferenciados: A Mariña, A Montaña e Campoo e os vales do sur pertencentes ás concas do río Ebro e do Douro. A presenza predominante da montaña e a súa difícil orografía do terreo explica que historicamente ademais se coñeza á rexión enteira como A Montaña.

A medida que nos desprazamos cara ao sur o relevo suave da Mariña tórnase abrupto ata alcanzar as altas montañas da Cordilleira Cantábrica (imaxe panorámica)

Cantabria é unha rexión de carácter montañoso e costeiro e cun importante patrimonio natural. O seu enérxico relevo fai que o 40% da súa superficie sitúese por encima dos 700 metros de altitude e un terzo da rexión presenta pendentes de máis do 30% de inclinación.[2] Nela distínguense tres áreas morfológicamente ben diferenciadas:

  • A Mariña. Unha franxa costeira de vales baixos, amplos e de formas suaves duns 10 km de ancho cuxa altitude non adoita superar os 500 msnm e que limita co mar por medio dunha liña de rasas litorais, configurando abruptos cantís que son rotos pola aparición de desembocaduras de ríos xerando rías e praias. No litoral da rexión destaca a baía de Santander. Polo sur a mariña limita con a montaña.
  • A Montaña. É unha longa barreira de montañas abruptas paralela ao mar que compón parte da cordilleira Cantábrica. Na súa maioría de roca calcárea afectada por fenómenos kársticos e que cobren a maior parte de Cantabria. Forman vales profundos en disposición norte-sur con fortes pendentes horadadas por ríos de carácter torrencial, de gran poder erosivo e curtos pola pouca distancia entre o seu nacemento e a súa desembocadura. Os vales configuran diferentes comarcas naturais da rexión ben delimitadas fisicamente polos cordales montañosos: Liébana, Nansa, Saja, Besaya, Pas-Pisueña, Miera, Asón-Gándara, Campoo. Á montaña pertence a serra do Escudo, cordón montañoso de entre 600 e 1.000 m. e que ao longo da zona occidental de Cantabria segue paralela a uns 15 ou 20 km da costa. Montañas máis altas atopámonos a medida que nos desprazamos ao sur, cunha aliñación de cristas que limitan os vales e as concas hidrográficas dos ríos Ebro, Douro e aqueles que desembocan no mar Cantábrico. Polo xeral superan os 1.500 metros de altitude, desde o porto de San Glorio no oeste ata o de Los Tornos na parte oriental: Peña Labra, porto de Sejos, porto do Escudo, Castro Valnera e La Sía. Tamén destacan os grandes macizos calcáreos dos Picos de Europa na zona sur occidental da rexión, cuxas cumes exceden a maioría 2.500 metros e onde é ampla a presenza do modelado glaciar na súa morfoloxía. A maior elevación de Cantabria localízase no pico de Torre Blanca (2.619 m.), na divisoria entre Cantabria e a provincia de León, aínda que de forma tradicional asignouse esta honra a Peña Vieja (2.617 m.) por atoparse totalmente dentro do territorio montañés.
  • Campoo e os vales do sur. A outra comarca que se diferencia é Campoo, no extremo sur de Cantabria. Cun clima máis continentalizado, presenta un desenvolvemento óptimo de masas forestais de cerquiño (quercus pyrenaica) e que se atopa nun período expansivo polo abandono das terras agrarias. Ademais, tamén existen grandes repoboacións de coníferas (pinus sylvestris) nas suaves pendentes da comarca.

Debido á Corrente do Golfo Cantabria, do mesmo xeito que o resto da cornixa Cantábrica, ten unhas temperaturas moito máis suaves que as que lles correspondería pola súa latitude, similar á de Nova Escocia en Norteamérica. A rexión está afectada por un clima oceánico húmido, con veráns e invernos suaves. As precipitacións sitúanse ao redor de 1200 mm anuais na costa, aumentando os valores nas zonas montañosas ata os 1.600 mm, o que a sitúa na denominada España húmida (ou España verde).

Panorámica do porto de Alisas coas cumes nevadas.

A temperatura media sitúase ao redor dos 14 °C. A neve é frecuente nas partes altas de Cantabria entre os meses de outubro e marzo. Os meses máis secos son xullo e agosto, aínda que non existe seca propiamente dita, xa que por unha banda sempre existe un mínimo de precipitación, e por outra as temperaturas non son moi elevadas. Nalgunhas zonas dos Picos de Europa con clima de alta montaña, por encima dos 2.500 msnm mantéñense os bancos de neve durante todo o ano.

No entanto as diferenzas entre comarcas poden chegar a ser importantes. Así as máis afastadas do litoral, como Liébana e Campoo, presentan un clima mediterráneo continentalizado, no primeiro caso polo microclima especial da zona e no segundo pola súa proximidade á Meseta Central.

A influencia do relevo montañoso de Cantabria é destacable sobre o seu clima, sendo a causa principal de fenómenos atmosféricos peculiares como son as chamadas suradas, propiciadas polo efecto Foehn. O vento do sur sopra forte e seco, aumentando a temperatura a medida que nos achegamos á costa. Isto provoca unha rechamante diminución da humidade relativa do aire e a ausencia de precipitacións. Condicións que contrastan coas da vertente sur da cordilleira onde o vento é máis fresco e húmido e pode estar chovendo. Estas situacións son máis frecuentes en outono e inverno, rexistrándose unhas temperaturas anormalmente altas de máis de 28 °C. Non son infrecuentes os incendios avivados por este vento, como o que arrasou a cidade de Santander no inverno de 1941.

Doutra banda, as zonas costeiras adoitan estar sometidas a ventos constantes provenientes do océano Atlántico, que frecuentemente chegan a ser fortes. En condicións moi particulares, máis propicias nos meses de abril-maio e setembro-outubro, os ventos do Oeste poden alcanzar magnitudes de galerna.

Hidrografía

[editar | editar a fonte]
Nacemento do río Asón.
Río Camesa ao seu paso por Santa Olalla.
Estuario de San Vicente de la Barquera.

Os ríos cántabros son curtos, rápidos e pouco caudalosos; salvan unhas considerables pendentes ao estar o mar próximo ao seu nacemento na cordilleira Cantábrica. Os seus percorridos adoitan ser perpendiculares á costa, se exceptuamos o río Ebro, e posúen un caudal máis ou menos persistente ao longo de todo o ano motivado por unhas precipitacións polo xeral constantes. Aínda así, este é escaso (20 m³/s anualmente) en comparación con outros ríos da Península Ibérica. A rapidez das súas augas, motivado polas considerables pendentes dos percorridos, fan que teñan un gran poder erosivo, formando os encaixados vales en forma de V característicos da cornixa Cantábrica. A actividade humana, cada vez máis abundante neles polo aumento e concentración constante da poboación nos vales, está exercendo unha forte presión sobre estes ríos.

Os principais ríos que dividen a rexión noutras tantas concas hidrográficas son:

O Pico Tres Mares (2.175 m.), na comarca de Campoo-Los Valles, no límite con Palencia, separa as tres concas hidrográficas; nas súas saias nacen os ríos Híjar, Pisuerga e Nansa que verten respectivamente ao Mediterráneo, Atlántico e Cantábrico. Cantabria é, xunto con Castela e León, a única comunidade autónoma cuxos ríos desembocan en cada un dos tres mares que rodean a Península Ibérica.

Vexetación

[editar | editar a fonte]
Prado de sega en Valdáliga.

As diversas altitudes da rexión, que van en pouca distancia do nivel do mar aos 2600 msnm da Montaña, fan que a diversidade vexetal sexa grande e exista un amplo número de biótopos.

Cantabria posúe unha vexetación eurosiberiana, dentro da provincia Atlántica. Caracterízase por ter bosques de especies frondosas e caducifolias, como son o carballo e a faia. No entanto a acción humana desde tempos remotos favoreceu a creación de pastos, propiciando grandes superficies de pasteiros e praderías que alimentan ao gando vacún.

Os prados de pastos intercálanse con plantacións de eucaliptos (Eucalyptus globulus) e pequenas masas de bosques autóctonos de carballos e fresnos.

A parte meridional de Cantabria, xa dentro da comarca de Campoo e limitando coa meseta castelá, caracterízase por ter unha paisaxe de transición cara a unha vexetación seca, convivindo variedades biclimáticas atlánticas e mediterráneas. A súa diversidade vexetal está propiciada por localizarse no límite do dominio bioxeográfico mediterráneo, o que fai que existan especies propias deste bioclima, como é a aciñeira, localizadas en chans calizos pouco desenvolvidos e de escasa humidade.

Bastón perforado da Prehistoria atopado na Cova del Castillo.

A primeira referencia escrita do nome de Cantabria remóntase ao ano 195 aC, cando o historiador Catón fala no seu libro Orixes do nacemento do río Ebro no país dos cántabros. A partir de entón, as citas sobre os cántabros e Cantabria son comúns xa que os cántabros ocupábanse como mercenarios dos diversos conflitos dentro e fóra da península. Hai constancia de que participaron na guerra dos cartaxineses contra Roma durante a segunda guerra púnica polas referencias de Silio Itálico (libro III) e Horacio (libro IV, oda XIV). Posteriormente, a maioría das referencias proveñen a partir do inicio das guerras cántabras contra Roma no ano 29 aC. Consérvanse ao redor de 150 referencias deste pobo cuxa fama foi recoñecida por gregos e latinos. O seu territorio estendíase máis aló dos límites actuais da comunidade autónoma, limitando ao norte co mar Cantábrico, nome co que a bautizaron os romanos; ao oeste cos cumes occidentais do val do río Sella, do actual Principado de Asturias, ao sur estendíase ata a actual provincia de Burgos e ao leste ata o río Agüera.

Tras a caída do Imperio Romano, Cantabria recuperou a súa independencia e mantívoa ante os ataques do Reino Visigodo. O rei Leovigildo atacou Cantabria o 574 e conquistou Amaya e o sur do país, formándose unha provincia visigoda co nome de Ducado de Cantabria, que servía como zona fronteiriza para controlar aos cántabros xa a vez os seus veciños os vascones. Ao norte da cordilleira, os cántabros conservaron a súa independencia e forma de vida ata a invasión árabe. O 714 os musulmáns invadiron os vales do Ebro e conquistaron Amaya, a capital cántabra, obrigando aos cántabros a formar fronteiras bélicas para organizar o seu defensa.

Nas primeiras crónicas da Reconquista, Cantabria aínda era definida como rexión, e o título de duque de Cantabria foi utilizado. A partir de entón, as fontes documentais raramente facían uso do nome de Cantabria, xa que prevalecía o nome de "Asturias" coas comarcas coñecidas como Asturias de Santillana, Asturias de Trasmiera e Asturias de Laredo. Co núcleo da Irmandade das Catro Vilas -Santander, Laredo, Castro Urdiales e San Vicente de la Barquera- formouse a Irmandade das Marismas, unindo todos os portos importantes situados ao leste de Asturias. As Catro Vilas participaron activamente con homes e barcos na Reconquista de Andalucía, repoboando Cádiz e El Puerto de Santa María con familias provenientes dos portos do mar Cantábrico. Tamén participaron naves das Catro Vilas na toma de Sevilla, ao romper a ponte de barcos que unía Triana e Sevilla, un feito que se representa cunha nave e a Torre de Ouro de Sevilla aos escudos de Santander e Cantabria. Co reinado dos Reis Católicos desapareceu a Irmandade das Marismas, substituído co Correximento das Catro Vilas.

Santander vista por Joris Hoefnagel a finais do século XVI. Este gravado é a imaxe máis antiga existente da cidade.

A partir do século XVI comezou a ser utilizado a nivel popular e literario o nome da Montaña para designar a antiga Cantabria en contraposición a Castela, que se coñecía co nome do Altiplano. Esta distinción aínda existe e é a orixe do gentilicio "montañeiro" (montañés en castelán) como sinónimo de "cántabro". Entón, tamén xurdiu un novo interese polos estudos relativos a Cantabria e os cántabros.

O grao de autonomía que gozaban as pequenas entidades en que estaba dividido o territorio cántabro, axuntado coa pobreza de recursos, foi unha razón de debilidade, ante o centralismo borbónico. Cada vez era máis difícil facer fronte ás dificultades e os problemas de cada unha das entidades individualmente. Todo iso acelerou os contactos entre as vilas, os vales e as xurisdicións, polarizados nas Xuntas da Provincia de Nove Vales, conducidas polos deputados electos mediante os órganos tradicionais de autogoberno. Dous feitos contribuíron coa culminación do proceso de integración: o interese colectivo para evitar contribuír á construción da ponte de Miranda de Ebro, imposto polo intendente de Burgos en 1775 ano en que Cantabria sufrira dúas inundacións severas, e por outra banda a necesidade de mancomunarse para protexerse da gran cantidade de bandidos que actuaban en Cantabria e a inoperancia da xustiza dada a escaseza dos recursos. Tras a convocatoria enviada polo deputado xeral de Nove Vales á Xunta que se celebraría en Puente San Miguel o 21 de marzo de 1777, as xurisdicións afectadas polas dificultades enviaron deputados para que engadiran os seus territorios á provincia. En 1778, tras as diversas xestións necesarias, logrouse a unidade administrativa e xurisdiccional, e o 28 de xullo de 1778 coa constitución da Provincia de Cantabria, que ademais dos Nove Vales incluía a Vila de Santillana del Mar, Lugar de Viérnoles, Vila de Cartes e a súa xurisdición, Val de Buelna, Val de Cieza, Val de Iguña, que incluía as vilas de San Vicente e Los Llares, Vila de Pujayo, Vila de Pie de Concha e Bárcena, Val de Anievas e Val de Toranzo. A creación da provincia foi ratificada polo rei Carlos III de España o 22 de novembro de 1779.

Establecéronse, ademais, facilidades para a integración futura doutras xurisdicións, con igualdade de dereitos e deberes. Así se engadiron a Abadía de Santillo, os vales de Tudanca, Polaciones, Herrerías, Castañeda, a Vila de Torrelavega e a súa xurisdición, Val de San Vicente, Val de Carriedo, Tresviso e as vilas de La Vega, San Roque e San Pedro, así como a cidade de Santander e a súa abadía. Para a competencia da cidade de Laredo, o Concello de Santander, que comezara a titulación de Cantabria para a provincia creada a comezos do século XIX, impuxo a denominación de Santander para que non houbese ningunha dúbida de cal era a capital. En 1821, data en que a deputación provincial presentou ás Cortes constitucionais o proxecto definitivo sobre os límites da provincia e os partidos xudiciais, propondo a denominación de Cantabria, o concello de Santander opúxose, e impúxose o nome de Santander.

O auxe do interese sobre o carácter histórico e ancestral de Cantabria que comezara desde o século XVIII continuou durante o século XX, cun carácter político. O Partido Federal de Cantabria elaborou un Estatuto de Autonomía para un Estado Federal Cántabro-Castelán en 1936 que nunca foi aprobado debido ao estalido da guerra civil española. Como consecuencia da guerra e a marxinación de calquera tendencia rexionalista ou nacionalista, oficializouse o uso do nome de Santander, aínda que o nome de Cantabria foi utilizado para as federacións deportivas.

O 30 de decembro de 1981 concluíu o proceso iniciado desde 1979 polo concello de Cabezón de la Sal, baixo a presidencia de Ambrosio Calzada Hernández. Este municipio abriu o proceso previsto no artigo 143 da constitución española que levou á autonomía de Cantabria mediante o precepto constitucional de autogoberno ás "provincias con entidade rexional histórica". Coa aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981 e a firma do rei, Cantabria accedeu á súa autonomía e quedou separada de Castela e do réxime preautonómico de Castela e León, ao que fora engadido. En 1982 recuperouse o nome de Cantabria para a provincia e a comunidade autónoma.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Demografía de Cantabria.
Pirámide demográfica de Cantabria segundo o Padrón municipal de habitantes de 2006.
Mapa demográfico de Cantabria. Habitantes por núcleos de poboación no ano 2005.

No ano 2008 Cantabria tiña unha poboación de 581.215 habitantes segundo o Instituto Nacional de Estadística (representa o 1,26% da poboación de España). Ten unha densidade de poboación de 109,65 habitantes/km².

Comparada con outras rexións españolas, Cantabria non experimentou altas taxas de inmigración, posto que en 2007 un 5,7% da poboación de Cantabria era inmigrante mentres que no mesmo ano no total da poboación española o 11% era inmigrante. As nacionalidades predominantes son Colombia, Romanía, Ecuador, o Perú, Moldova e Marrocos por esta orde.[3]

As principais poboacións cántabras atópanse na zona litoral, destacando dúas cidades, a capital cántabra, Santander, con 182.302 habitantes e Torrelavega, como segundo núcleo urbano e industrial de Cantabria, cunha poboación de 55.910 habitantes. Ambas as cidades forman unha conurbación, denominada área metropolitana de Santander-Torrelavega.

Localidades máis poboadas

[editar | editar a fonte]
Listaxe Cidade Pob. Listaxe Cidade Pob.

Santander

Torrelavega

Camargo
1 Santander 182.302 11 Reinosa 10.208
2 Torrelavega 55.910 12 Cabezón de la Sal 8.234
3 Camargo 31.086 13 Santa María de Cayón 8.148
4 Castro Urdiales 30.814 14 Reocín 8.120
5 Piélagos 18.934 15 Suances 7.998
6 El Astillero 17.065 16 Colindres 7.677
7 Laredo 12.648 17 Medio Cudeyo 7.393
8 Santoña 11.601 18 Marina de Cudeyo 5.254
9 Los Corrales de Buelna 11.513 19 Cartes 4.761
10 Santa Cruz de Bezana 10.831 20 San Vicente de la Barquera 4.532
Censo 2008[4]

A lingua oficial de Cantabria é o castelán, que se fala en todo o territorio da comunidade. En Cantabria tamén existe o cántabro ou montañés, unha fala de transición entre o asturleonés e o castelán que hoxe en día está practicamente desaparecido e está restrinxido a algunhas zonas rurais do interior e a persoas de idade avanzada. Recentemente leváronse a cabo algunhas iniciativas para protexer o cántabro, pero a día de hoxe non conta con ningún tipo de recoñecemento oficial nin protección institucional.

Política

[editar | editar a fonte]

O Estatuto de Autonomía de Cantabria do 30 de decembro de 1981 establece que Cantabria atopa nas súas institucións a vontade de respectar os dereitos fundamentais e liberdades públicas, á vez que se afianza e impulsa o desenvolvemento rexional sobre a base dunhas relacións democráticas. Neste documento recóllense as competencias da Comunidade Autónoma que foron transferidas desde o Goberno de España, cabe destacar que aínda quedan algunhas non transferidas, do mesmo xeito que outras Comunidades, por exemplo a Xustiza.

  • O Parlamento de Cantabria é a principal institución de autogoberno da Comunidade Autónoma, sendo o órgano representativo do pobo cántabro. Na actualidade está constituído por trinta e nove deputados elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto. As funcións principais do Parlamento son: exercer a potestade lexislativa, aprobar os orzamentos da Comunidade Autónoma, impulsar e controlar a acción do goberno e desenvolver as demais competencias que lle confire a Constitución española, o Estatuto de Autonomía para Cantabria e as demais normas do ordenamento xurídico.
  • O Presidente da Comunidade Autónoma ostenta a máis alta representación da mesma e a ordinaria do Estado en Cantabria e preside, dirixe e coordina a súa actuación. Será elixido polo Parlamento de entre os seus membros, previa consulta coas forzas políticas representadas no mesmo, e nomeado polo Rei. Presentará o seu programa ao Pleno da Cámara e, deberá contar coa maioría absoluta ou simple en segunda votación.
  • O Goberno de Cantabria é o órgano encargado de dirixir a acción política e exerce a función executiva e a potestade regulamentaria de acordo coa Constitución, o Estatuto e as leis. O Goberno estará composto polo Presidente, o Vicepresidente, en quen poderá delegar temporalmente as súas funcións executivas e de representación o Presidente, e os Conselleiros, que serán nomeados e cesados polo Presidente.

Eleccións

[editar | editar a fonte]

As eleccións autonómicas son cada catro anos coincidindo coas eleccións municipais. Desta forma, nas eleccións autonómicas elíxense os deputados do Parlamento de Cantabria. Os 39 deputados que constitúen o Parlamento de Cantabria actualmente son elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto. As primeiras eleccións ao Parlamento de Cantabria celebráronse o 8 de maio de 1983.

Tras varias lexislaturas presididas polo Partido Popular ou pola UPCA de Juan Hormaechea, o Goberno Rexional de Cantabria está desde as eleccións autonómicas do ano 2003 dirixido por unha coalición entre o Partido Rexionalista de Cantabria e o Partido Socialista de Cantabria. Desde entón e ata 2011 o Presidente de Cantabria foi Miguel Ángel Revilla (PRC) e a Vicepresidenta, Dolores Gorostiaga (PSC-PSOE).

Nas eleccións do 22 de maio de 2011, o Partido Popular, con Ignacio Diego, logrou maioría absoluta co 46,12% dos votos, mentres que o PRC conseguiu o 29,15% e o PSOE o 16,31%. Logo de catro anos de Ignacio Diego como presidente, un novo pacto PRG-PSOE fixo presidente novamente a Miguel Ángel Revilla en 2015.

Organización territorial

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Comarcas de Cantabria.
Mapa municipal e comarcal de Cantabria.

Cantabria está dividida en comarcas desde 1999, coa lei 8/1999 que pretendía o desenvolvemento da comarcalización da comunidade autónoma. Segundo a división administrativa existen 10 comarcas:      Asón-Agüera      Besaya      Campoo-Los Valles      Costa Occidental      Costa Oriental      Liébana      Saja-Nansa      Santander      Trasmiera      Valles Pasiegos

Ademais existen divisións da comunidade en comarcas gandeiras, turísticas e rurais.

Na actualidade o número de municipios en Cantabria ascende a 102. Polo xeral estes posúen varias localidades e estas varios barrios. Algúns municipios teñen o nome dunha das súas localidades (sexa o seu capital ou non) e outros non comparten nome con ningunha das súas localidades. Cada municipio está rexido polo seu propio concello e dous deles, Tresviso e Pesquera, fano mediante concello aberto ao ter menos de 250 habitantes.

Economía

[editar | editar a fonte]
Sede do Banco Santander, no Paseo de Pereda de Santander.

De acordo coa Contabilidade Rexional que realiza o Instituto Nacional de Estadística, no ano 2007 o PIB per cápita de Cantabria era de 23.377 euros por habitante, similar á media española que se sitúa en 23.396 euros[5] e por baixo dos 29.455 € da UE dos 25. O PIB en termos reais é dun 4,1%, dúas décimas por encima da media nacional (3,9%) no mesmo período.

Cantabria conta cun sector primario en retroceso que ocupa ao 5,8% da poboación activa con gandería vacúa, leiteira tradicionalmente e cárnica nos últimos tempos; agricultura, destacando o millo, patacas, hortalizas e plantas forrajeras; pesca marítima; e minería do zinc e canteiras.

No sector secundario asenta o 30,4% da poboación activa. Na industria destacan a siderúrxica, a alimentaria, a química, a papeleira, a téxtil, a farmacéutica, equipos industriais e de transporte etc. Na construción empézanse a notar síntomas de estancamento, aínda que segue sendo o maior activo deste sector.

O sector terciario emprega ao 63,8% da poboación activa e vai en aumento, sendo este feito sintomático da concentración da poboación nos centros urbanos e da importancia que o turismo (especialmente o rural) adquiriu nos últimos anos. Como entidades bancarias principais da comunidade autónoma, destaca a Caja Cantabria que na actualidade xestiona un volume de negocio próximo aos 10.800 millóns de euros, e o Banco Santander que deu lugar ao Grupo Santander, con 129.000 empregados, 66 millóns de clientes, 10.200 sucursais e 2,4 millóns de accionistas en todo o mundo. O grupo atópase entre as dez primeiras entidades financeiras do mundo e é o maior banco da Zona Euro.

Transportes

[editar | editar a fonte]
Construción do Viaduto de Montabliz no tramo Molledo-Pesqueira.
Aeroporto de Santander

A consecuencia máis significativa que se deriva da forte enerxía do relevo do territorio cántabro é a existencia de barreiras topográficas que condicionan decisivamente o trazado das infraestruturas de conexión, tanto perpendicular, nos seus accesos á meseta castelá, como transversal, na comunicación entre vales, así como o seu elevado custo de construción e mantemento.

As insuficiencias na dotación de infraestruturas de transporte de competencia estatal,[6] fundamentalmente no que se refire a comunicación coa meseta por estrada[7] e por ferrocarril,[8] yo importante custo por quilómetro lineal de construción debido á súa difícil orografía, supuxo un significativo déficit nas comunicacións de Cantabria co exterior.[9]

Segundo o Ministerio de Fomento, Cantabria conta con 2.393 km de estradas convencionais e 206 km de autovías ou autoestradas.

O aeroporto de Santander, único aeródromo da rexión destinado ao tráfico regular de viaxeiros, sufriu un espectacular crecemento no volume de pasaxeiros que utilizaron as súas instalacións por mor de que no ano 2003 empezase a operar nel a aerolínea de baixo custo Ryanair.[10] Está situado a 5 km da cidade de Santander, no concello de Camargo. Na actualidade desde o aeroporto pódese voar a 11 destinos nacionais e sete internacionais.

En conxunto as principais infraestruturas de comunicación da rexión son:

Regata de traiñeiras na Baía de Santander
Palacio de Deportes de Santander. Partido de baloncesto do Cantabria Lobos.

O deporte tradicional por antonomasia en Cantabria é o xogo dos birlos nas súas catro modalidades: birlo palma, pasabolo taboleiro, pasabolo laxa e birlo pasiego. O primeiro é o máis estendido, pasando o propio ámbito rexional á zona oriental de Asturias, e sendo o que maior complexidade presenta á hora de xogar. A existencia de boleiras ou corros destinados ao xogo dos birlos é importante en todos os núcleos de poboación de Cantabria, localizándose xeralmente próximos á igrexa ou bar do pobo.

Desde finais dos anos 1980 os birlos viven unha época de consolidación coa potenciación das escolas de birlos, impulsadas polos diferentes concellos e institucións cántabras; as competicións de Liga, Copa e Circuítos Rexionais ou Nacionais ou a súa expansión nos medios motivado polo interese social.

Como en toda a costa norte de España, especialmente en Cantabria e o País Vasco, o remo é un deporte moi tradicional nas localidades costeiras. As orixes do remo remóntanse varios séculos atrás, cando varias traiñeiras de cada pobo disputábanse a venda do peixe, que se reservaba á embarcación que antes chegase á lonxa. Foi a finais do século XIX cando o traballo converteuse en deporte e comezáronse a organizar regatas entre localidades do Cantábrico. Os clubs de Cantabria, especialmente Castro Urdiales, El Astillero, e Pedreña son tres dos máis laureados na historia deste deporte e actualmente atravesan uns dos seus mellores momentos deportivos tras décadas de seca de trofeos.

O salto pasiego é outro dos deportes rurais destacados da rexión e un claro exemplo de como o uso dunha habilidade ou técnica de traballo vai desaparecendo co paso do tempo, dando lugar á competición e ao xogo. Similar en concepción a outro tipo de modalidades como o salto do pastor canario, nun principio esta técnica utilizábase nos vales pasiegos para salvar as paredes de pedra que limitaban os prados, arroios, barrancos etc. que obstaculizaban o paso na abrupta topografía das zonas altas de Cantabria.

Dentro dos deportes de masas, Cantabria está presente en competicións nacionais e internacionais a través de equipos como o Racing de Santander ou a Gimnástica de Torrelavega, en fútbol; o Balonmán Cantabria que gañou varias ligas e copas do Rei así como títulos internacionais, en balonmán, o Cantabria Lobos, que militou na ACB en baloncesto e o Estela Santander que milita en LEB, e tamén está representado na máxima categoría do ciclismo mundial como é o equipo UCI Prol Tour, Footon-Servetto así como a súa filial o Trasmiera-Fuji, o Camargo FerroAtlantica ou o Cuevas El Soplao en categoría afeccionado. Cabe mencionar no aspecto individual a deportistas do talle de José Manuel Abascal, Severiano Ballesteros, Óscar Freire e Francisco Gento.

  1. Instituciones Históricas de Cantabria
  2. "Cantabria na Comunidade Económica Europea.". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2007. Consultado o 27 de decembro de 2009. 
  3. "Datos da inmigración en Cantabria 2004-2006" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2007. Consultado o 20 de xuño de 2009. 
  4. INE 2008.
  5. "ICANE". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2011. Consultado o 22 de agosto de 2018. 
  6. "Comisión de Infraestructuras del Senado, Diario de sesións do 25 de xuño de 2001". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2009. Consultado o 27 de decembro de 2009. 
  7. Cantabria foi a última comunidade autónoma, en xullo de 2009, en estar conectada coa capital de España a través da rede radial de autovías da REXE [1] Arquivado 07/07/2009, en Wayback Machine.
  8. "O tren de alta velocidade pasa de longo por Cantabria.". Arquivado dende o orixinal o 07/07/2009. Consultado o 27/12/2009. 
  9. "As Accións Estruturais Comunitarias en España e as súas Comunidades Autónomas. Período 2000-2006" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de maio de 2006. Consultado o 27 de decembro de 2009. 
  10. O volume de pasaxeiros aumentou un 148% nos últimos catro anos (El Diario Montañés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]