Saltar ao contido

Estuario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estuario do río Mattole, na costa norte de California.
Esteiro do río da Prata, Arxentina fotografado pola NASA.

Os estuarios ou esteiros son rexións de costa entrantes, polo xeral longas e estreitas mais sempre cunha saída aberta ao mar, que decorren por unha chaira fluvial ou entran na terra ata o máximo do nivel da marea na boca dun río. Son zonas de transición de augas fluviais, doces, dun ou máis ríos e as augas mariñas, e salgadas.[1][2][3]

Neles dominan tanto os procesos mariños, como as mareas ou as ondas que lles traen augas salobres do océano, e as descargas de auga doce e sedimentación dos ríos. As entradas tanto do mar como das augas fluviais son unha fonte de entrada de nutrientes ao ecosistema que fan que sexan dos hábitats do planeta máis produtivos.[4]

Os estuarios formáronse en zonas de erosión fluvial ou glacial que se viron anegadas por augas no período de subida do nivel do mar do Holoceno, hai entre 10.000–12.000 anos. Nos primeiros estados da súa evolución os estuarios teñen unha forma determinada pola topografía costeira.[2][5] Despois progresan a estados onde a erosión e a deposición de sedimentos se contrarrestan.[6]

Os estuarios clasifícanse polo xeral segundo a súa xeomorfoloxía e polos patróns de circulación das augas. Algún autores só usan estuario para referirse a vales somerxidos, mais algunhas outras definicións danlle o nome de esteiro incluso a formacións como as baías, as docas, os fiordes e as rías; aínda que nalgunhas desas augas só hai auga salgadas e non hai unha mestura coa auga doce. Así, as rías son esteiros formados por vales somerxidos, dun perfil transversal en forma de "V", mais nos que domina por completo unha circulación de auga salgada, agás nas súas zonas interiores de esteiro.[6][7]

Os bancos dos esteiros son das áreas máis poboadas do planeta. A presión antrópica supuxo a degradación do 60% dos hábitats do litoral dos esteiros.[8] A degradación dos hábitats provén de factores como a traída de solo erosionado por deforestación, a chegada de sedimento grazas a eliminación da flora, a agricultura intensiva, a sobrepesca, a drenaxe de augas e ao recheo das zonas húmidas, aos procesos de eutrofización por un exceso de achega de nutrientes que chegan cos desperdicios e o lixo de animais domésticos, a polución de ata mesmo metais pesados ou a contaminación por uso de produtos sanitarios para augas de espazos recreativos, entre outros.[5]

Definición

[editar | editar a fonte]
Estuario do río Amazonas.
Xeografía da baía de Nova York, Nova Jersey.
Esteiro do río Exe, Somerset.
Boca do esteiro que se atopa en Darwin, Territorio do Norte, Australia.
A boca dun esteiro ateigado de xente, no río de Paravur en Kerala, India.

O termo "estuario" deriva do termo latíno aestuarium, que se refire a unha entrada da marea na terra. Á súa vez este termo deriva de aestus que significa mares. Houbo múltiples definicións de estuario na historia da xeoloxía.

Lyell en 1830 definiunos como «entradas na terra nos que chegan tanto os ríos como as mareas do mar». En 1952 Pritchard definiunos como «unha masa de auga medio pechada que ten unha conexión co mar aberto e que contén unha masa de auga definida»". En 1967 engadiulle a esa descrición que «a auga mariña dilúese dun xeito medible coa auga que provén da drenaxe da auga doce da terra».[3] Porén esa definición exclúe a múltiples formacións de masas de auga na costa, como as lagoas costeiras e outras masas de augas salobres. Outra definición defíneos como «unha masa de auga medio cerrada que está conectada co mar ata onde chega a marea ou o límite de intrusión da auga salgada e que recibe un aporte de auga doce; mais no que o aporte de auga doce non é esporádico, no que a barreira de conexión co mar pode estar pechada estacionalmente e nos que a marea pode ter pouco impacto.».[5] Esta definición, que non é consensuada,[7] engade así aos fiordes, as lagoas costeiras, as bocas dos ríos, rías, ou esteiros que son só unha canle pouco profunda e sobre dun delta ou marisma.

Unha das definicións máis amplas é que os esteiros son ecosistemas que teñen unha conexión co mar aberto, e que por esa entrante pasa a auga salgada traída polas mareas. A auga do mar que entra no estuario dilúese coa auga doce que provén dos ríos e outras fontes de auga doce. O patrón de dilución da auga cambia segundo o tipo de estuarios e depende do volume de auga fresca, o ritmo das mareas e a extensión da evaporación da auga no estuario.[4]

Clasificación segundo a xeomorfoloxía

[editar | editar a fonte]

Os estuarios están baixo a influencia de múltiples factores como a rexión onde se atopan ou as condición físicas ou químicas que predominan nelas. Unha clasificación común, con todo, é a baseada na orixe e nos perfís xeolóxicos de cada un dos estuarios. Así, distínguense formacións como chairas costeiras, deltas, rías ou fiordes.[9]

Vales fluviais anegados e rías

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ría.

Algúns estuarios formáronse en chairas costeiras cando o nivel da auga subiu e anegou os vales fluviais. Eses esteiros conservan unha forma similar ao val do río que ocupou a auga: son alongados, teñen a súa maior profundidade na boca do esteiro e seguen unha topografía similar a un val fluvial. Este tipo de esteiros son os máis comúns nos climas temperás. A profundidade das súas augas pode chegar como moito aos 30 metros. Algúns exemplos son o esteiro Severn en Inglaterra e o Ems Dollar da fronteira xermano-holandesa.[10]

As rías son igualmente esteiros que se formaron polo afundimento parcial dun val costeiro de río.[11] Porén, as rías teñen unha hidrodinámica mariña e polo xeral só no seu interior predomina o fluxo de augas fluviais e a auga e salobre. Un destes casos sería a ría do Burgo: un esteiro interior longo, que discorre entre Cambre e Culleredo, e unha ampla boca de ría aberta exterior, entre a Coruña e Oleiros. Mais, non necesariamente todas as ría teñen un río principal, cun caudal importante, na súa cabeira; como é o caso da ría de Vigo. As rías diferéncianse dos fiorde porque o val que as formou non tivo unha orixe glacial.

Con lagoa ou con barreira-lagoa

[editar | editar a fonte]

Os esteiros con barreira-lagoa formáronse en lugares onde a deposición de sedimento acadou un nivel similar ao do aumento do nivel do mar. Estes esteiros están case pechados na súa boca por unha formación de area en liña coa costa, unha barreira, ou por unha illa de area. A auga do mar entra só por uns pequenos entrantes. O interior destes esteiros son de pouca profundidade.

Estes estuarios de barra son habituais en zonas do litoral onde a costa é de pouca pendente e en lugares límites continentais estables a nivel tectónicos ou en costas mariñas illadas. Son comúns nos trópicos e subtrópicos.

A súa formación puido darse por varias causas:

  • por acumulación de area ao longo dun litoral de costa, e en paralelo a este, onde a acción das ondas externas o favorece,
  • polo traslado do material depositado polos ríos grazas á acción das ondas, á corrente mariña, á acción do vento na area de praia ou ao lavado de area acumulada en dunas,
  • por anegado de plataforma de area media das praias (antes formadas por erosión dos sedimentos de chairas costeiras hai 5 mil anos) por elevación do nivel de auga do mar, e que provocou rotura de liñas de praia e a formación de lagoas interiores pouco fondas,
  • ou por alongamento de cordóns litorais, que van medrando ao longo da costa grazas á acumulación de material erosionado por correntes paralelas á costa.

As praias barreira fórmanse en augas pouco profundas, e que polo xeral están en liña coa costa, e dan lugar á estuarios estreitos e alongados. A profundidade media da auga é polo xeral de menos de 5 metros, e poucas veces é maior de dez metros. Estas praias son abundantes na costa atlántica de América do Norte e do golfo de México, xa que alí hai unha deposición de sedimentos en costa activa e porque os rangos das mareas son menores dos 4 metros.

Tipo fiorde

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Fiorde.

Os fiordes formáronse cando os glaciares do plistoceno erosionaron profundas e anchas zonas dos vales fluviais, e consecuentemente, deron lugar a seccións perpendiculares á direccións dos ríos en forma de "U". Na boca dos fiordes hai polo xeral rochas, barras e sills de depósitos glaciais, e que por efecto da circulación estuárica víronse modificadas.

Os estuarios do tipo dos fiordes fórmanse e vales amplamente erosionados por glaciares. Estes estuarios de forman de U teñen polo xeral abas cunha forte pendente, bases rochosas e sills por debaixo da auga que se formaron grazas ao movemento dos glaciares. O estuario é máis profundo canto máis na súa boca, onde xa as morenas ou as barras de rochas forman sills que limitan o fluxo de auga. Na cabeceira dos estuarios a profundidade pode superar os 300 metros. A proporción de ancho sobre da profundidade adoita ser pequena. Nos estuarios con sills pouco profundas, as oscilacións de marea só afectan á auga ata o fondo da sill: as augas de maior profundidade case non teñen unha circulación activa. Nos casos nos que as sills son de maior fondura a circulación de auga está menos limitada e hai un suave pero constante intercambio de auga entre o esteiro e o océano.

Os esteiros do tipo fiorde atópanse na costa pacífica de América do Norte, no leste do Canadá, en Islandia, Nova Zelandia e Noruega.

De orixe tectónico

[editar | editar a fonte]

Algúns estuarios formáronse polo afundimento ou rotura con respecto dunha plataforma oceánica e que estivo ligada a fallas, volcáns ou desprendementos de terra. As inundacións por subida do nivel eustático do mar que se produciu na época do Holoceno contribuíu á formacións destes estuarios. Só hai unha ducia de casos de estuarios deste tipo. Un caso e o da baía de San Francisco xa que se formou polo desprazamento da placas tectónicas arredor da falla de Santo André e tivo inundacións das augas costeiras dos ríos de Sacramento e San Xoaquín.

Clasificación segundo a circulación da auga

[editar | editar a fonte]

A circulación das augas nos estuarios está controlada polo caudal que entra dos ríos, as mareas, as precipitacións en terra, a evaporación da auga, do vento e doutros procesos oceánicos como os afloramentos, o fluxo creado polo réxime de turbulencias ou as tormentas. O fluxo de circulación dos estuarios, e en particular nas rías, pode ter procesos de circulación da auga nos que hai períodos de estratificación na columna de auga ou mestura vertical. Estes procesos están determinados pola salinidade da auga e a temperatura e afectan ao tempo de residencia e exposición da auga no estuario.

En función dos procesos de circulación da auga, e mestura vertical, pódense catalogar diferentes tipos de estuarios.

De cuña salgada

[editar | editar a fonte]

Nestes estuarios a entrada de auga desde o río supera a entrada de auga mariña, polo que as mareas teñen un impacto mínimo. As augas doces están sempre por riba da auga salgada nunha capa que gradualmente se vai reducindo cara ao mar aberto. A capa de auga salgada, máis densa, vaise reducindo canto máis a dentro do esteiro se vai, e vaise reducindo da superficie ao fondo do esteiro (forma unha cuña salgada). Xa que existe unha diferenza de velocidade de fluxo entre as dúas capas de augas, as forzas de choque das dúas capas producen ondas internas na superficie, que facilitan que a auga salgada (inferior) se mesture coa auga doce, superior.

Un exemplo de cuña salgada é o río Mississippi.[12]

Parcialmente mesturado

[editar | editar a fonte]

Se a forza da marea aumenta, a entrada de auga doce desde o río ten un menor impacto que a auga mariña. Neste caso a turbulencia causada pola mestura das augas favorece que o gradiente de salinidade varíe non no perfil vertical do esteiro senón no perfil lonxitudinal (do exterior ao interior). Nestes casos hai unha condición de estratificación moderada.

Algúns exemplos de son a baía de Chesapeake e a baía de Narragansett.[12]

Totalmente mesturado

[editar | editar a fonte]

Se as forzas das mareas superan a entrada de auga doce polos ríos é que hai un caso de esteiro cunha columna de auga ben mesturada e na que non existen gradientes verticais de salinidade. As intensas mestura por turbulencia e efectos eddy a fronteira entre a auga doce a salgada desaparece.

A zona externa da baía de Delaware e o río Raritan de Nova Jersey son exemplos de estuarios totalmente mesturados.[12]

Os esteiros inversos son casos de climas secos onde a evaporación supera amplamente a entrada de auga doce. Neles fórmanse unha zona de máximo de salinidade e tanto o fluxo de auga oceánica como de río flúen cara a superficie desta zona.[13] Esa auga vese empuxada cara a abaixo e difúndese pola superficie do fondo do esteiro, expandíndose en todas as direccións.[13]

Un exemplo de esteiro inverso é o esteiro do golfo de Spencer, en Australia do Sur

Intermitentes

[editar | editar a fonte]

O hidrodinámica dos esteiros pode variar amplamente por cambios nas condicións ambientais. Así, namentres exista unha entrada de auga por precipitación na cabeceira dos ríos poden actuar como de cuña salgada. Porén, se acontece un período de seca esta achega de auga doce pode desaparecer, e a hidrodinámica do esteiro pasa a depender das correntes oceánicas e actuar como unha mera baía oceánica.[14][15]

Nesta liña as rías teñen unha hidrodinámica estacional na que pasan varios momentos de augas totalmente mesturadas verticalmente a momentos de estratificación vertical.

Os estuarios como ecosistemas mariños

[editar | editar a fonte]

Os estuarios son hábitats de multitude de grupos de organismos que soportan unha alta produtividade, que é o caso do fitoplancto. Os estuarios albergan hábitats para o desove múltiples especies de peixes, como o salmón,[16] para os mamíferos mariños e aves é un lugares de nutrición e cría.[17]

Dúas características que varían continuamente nestes hábitats e aos que as especies se necesitan adaptar son a salinidade e a sedimentación. O fitoplancto é o principal produtor primarios dos estuarios. Móvense entre as masas de auga grazas aos seus mecanismos de mobilidade ou pola deriva das correntes oceánicas. A súa produtividade depende en parte da turbulencia da auga. Moitas especies de peixes e de invertebrados teñen diferentes métodos para controlar, ou crear, os cambios na salinidade da auga que os rodea e denomínanse osmocomformadores e osmorreguladores. Moitos animais fan ocos e agóchanse neles para non ser depredados e vivir en ambientes de sedimentación máis estables. O detritos do fondo dos esteiros é unha fonte de alimentación para múltiples grupos. Por outra parte, as bacterias que se atopan no sedimento teñen unha alta demanda de osíxeno. Elas favorecen unha redución dos niveis de osíxeno do sedimento e xeran condicións de anoxia, que pode ser importante se non hai un fluxo de auga continuo.

  1. Huggett, Richard (2011-03-15). Fundamentals of Geomorphology. Taylor & Francis. ISBN 978-0-203-86008-3. 
  2. 2,0 2,1 Schubel, J. R. (1982). "Estuarine coasts". Beaches and Coastal Geology. Encyclopedia of Earth Science. Springer US. pp. 397–398. ISBN 978-0-87933-213-6. Consultado o 30/12/2017. 
  3. 3,0 3,1 Pritchard, D. W. (1967). "What is an estuary: physical viewpoint". En Lauf, G. H. Estuaries. A.A.A.S. Publ. 83. Washington, DC. pp. 3–5. 
  4. 4,0 4,1 D. S., McLusky; Elliott, M. (2004). Oxford University Press, eds. The Estuarine Ecosystem: Ecology, Threats and Management. New York. ISBN 0-19-852508-7. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Wolanski, E. (2007). Elsevier, eds. Estuarine Ecohydrology. Amsterdam. ISBN 978-0-444-53066-0. 
  6. 6,0 6,1 Skilbeck, C. Gregory; Heap, Andrew D.; Woodroffe, Colin D. (2017). "Geology and Sedimentary History of Modern Estuaries". Applications of Paleoenvironmental Techniques in Estuarine Studies. Developments in Paleoenvironmental Research. Springer, Dordrecht. pp. 45–74. ISBN 978-94-024-0988-8. Consultado o 31712/2017. 
  7. 7,0 7,1 Evans, Graham; Prego, Ricardo (15/05/2003). "Rias, estuaries and incised valleys: is a ria an estuary?". Marine Geology 196 (3–4): 171–175. ISSN 0025-3227. doi:10.1016/S0025-3227(03)00048-3. Consultado o 31/12/2017. 
  8. NOAA (eds.). "Estuaries: Human Disturbances to Estuaries". [Ligazón morta]
  9. National Oceanographic and Atmospheric administration - NOAA (eds.). "Estuaries Classifying Estuaries - By Geology". 
  10. Kunneke, J. T.; Palik, T. F. (1984). "Tampa Bay environmental atlas" (PDF). U.S. Fish Wildl. Serv. Biol. Rep. 85 (15): 3. Consultado o January 12, 2010. 
  11. Goudie A.S. et al. (2004). Encyclopedia Of Geomorphology. ISBN 0415863007. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Kennish, M. J. (1986). CRC Press, eds. Ecology of Estuaries. Volume I: Physical and Chemical Aspects. Boca Raton, FL. ISBN 0-8493-5892-2. 
  13. 13,0 13,1 Wolanski, E. (1986). "An evaporation-driven salinity maximum zone in Australian tropical estuaries". Estuarine, Coastal, and Shelf Science (4 ed.) 22: 415–424. doi:10.1016/0272-7714(86)90065-X. 
  14. Tomczak, M. (2000). "Oceanography Notes Ch. 12: Estuaries". Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2006. Consultado o 30 November 2006. 
  15. Day, J. H. (1981). Estuarine Ecology. Rotterdam: A. A. Balkema. ISBN 90-6191-205-9. 
  16. Gillanders, Bronwyn M. (2003). "Evidence of connectivity between juvenile and adult habitats for mobile marine fauna: an important component of nurseries" (PDF). Marine Ecology Progress Series. 
  17. Gill, Jennifer A. (2001). "The buffer effect and large-scale population regulation in migratory birds". Nature (6845 ed.) 412: 436–438. PMID 11473317. doi:10.1038/35086568. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]