Ruente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaRuente
Imaxe

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 43°15′34″N 4°15′58″O / 43.259444444444, -4.2661111111111Coordenadas: 43°15′34″N 4°15′58″O / 43.259444444444, -4.2661111111111
EstadoEspaña
Comunidade autónomaCantabria Editar o valor em Wikidata
CapitalRuente (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación1.052 (2023) Editar o valor em Wikidata (15,97 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie65,86 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude189,9 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataJaime Molleda Balbás (en) Traducir (2007–2015) Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal39513 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE39066 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webruente.es Editar o valor em Wikidata

Ruente é un concello da comunidade autónoma de Cantabria (España). Está situado na zona occidental da comunidade, dentro do val do Saja. É un dos tres municipios que forman o Val de Cabuérniga, dentro da Comarca de Saja-Nansa. Limita ao norte cos municipios de Valdáliga e Cabezón de la Sal, ao sur con Cabuérniga e Los Tojos, ao oeste con Cabuérniga e ao leste con Cieza. A súa cota máxima, situada no Alto de Espinera é de 967.1 metros e, a súa cota mínima, algo inferior aos 170 metros.

A capital é a localidade de Ruente, situada nunha veiga xunto ao nacemento de La Fuentona. Dista 7 quilómetros de Cabezón de la Sal e a 52 quilómetros da capital, Santander, a capital autonómica.

Elementos identitarios[editar | editar a fonte]

Xentilicio[editar | editar a fonte]

Non hai un xentilicio común de todos os habitantes do municipio, xa que en cada pobo existe un diferente. Así pois, os habitantes do mesmo Ruente coñécense como joscos, mentres que os de Ucieda chámanse garullos ou os de Barcenillas gallegos.[1]

Toponimia[editar | editar a fonte]

O nome de Ruente procede, segundo María Dolores Gordón, do romance somerxido, unha variante latina diferente pero moi similar á lingua romance que triunfaría. A evolución da voz fuente (<FONTE) nesta fala daría como resultado o nome de Ruente.[2]

Símbolos[editar | editar a fonte]

O concello non posúe bandeira, mais ten un escudo heráldico municipal aprobado por Real Decreto en 1978. Este intenta representar o máis característico do municipio como son os seus montes e fauna, así como a súa mitoloxía. O escudo consta de, en campo de ouro, un carballo de sinople (verde) canda un cervo da súa cor; cortado de azur (azul), unha serea de prata, canda unha troita, tamén de prata. Como timbre, ten unha coroa cerrada.[3]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Cunha superficie de 65.86 km2, Ruente é o vixésimo oitavo municipio de Cantabria por superficie (ver táboa).[4]

Municipios limítrofes[editar | editar a fonte]

Noroeste: Valdáliga Norte: Valdáliga e Cabezón de la Sal Nordeste: Mazcuerras
Oeste: Cabuérniga Leste: Cieza
Suroeste: Cabuérniga Sur: Cabuérniga e Los Tojos Sueste: Arenas de Iguña

Localidades[editar | editar a fonte]

Barcenillas[editar | editar a fonte]

Está situado a 220 metros de altura e a súa poboación aproximada é de 125 habitantes (2008). Atópase nunha pequena bárcena,[5] bañado en parte polo río Saja e polo río de Lamiña. Barcenillas está a 2,5 quilómetros da capital municipal, Ruente.

Lamiña[editar | editar a fonte]

Dista tres quilómetros da capital municipal, nun terreo chairo elevado asentado sobre un val a 360 metros de altura. No ano 2008 agrupaba a setenta e cinco veciños, sendo a localidade menos poboada do municipio. Lamiña é citada por primeira vez no ano 978 no Cartulario de Covarrubias que sitúa en Kaor-nega (Cabuérniga) a ermida de San Fructoso de Lamiña.[6]

Ruente[editar | editar a fonte]

É a capital do municipio. Atópase a 189 metros sobre o nivel do mar, na parte baixa do val, xunto ao río Saja. No ano 2006 contaba cunha poboación de 284 habitantes (INE), repartidos polos barrios de Gismana (100 hab.), Monasterio (58 hab.) e Ruente (126 hab.).

Ucieda[editar | editar a fonte]

Situada a 196 metros de altitude, no fondo dun val lateral, escavado polo río Bayones, dista 1,5 km da capital municipal. Con 516 habitantes (2008), Ucieda é a localidade con máis xente. A súa poboación repártese en catro barrios: Barrio de Abajo (170 hab.), Barrio de Arriba (241 hab.), La Cuesta (30 hab.) e Meca (56 hab.), con outros dezanove habitantes diseminados. No seu termo existiron dous despoboados, o de Rozas e o de Santa Marina. Destaca pola súa extensa zona de bosque autóctono, en particular, de carballo, integrado en gran parte dentro do parque natural Saja-Besaya.

Relevo e hidroloxía[editar | editar a fonte]

O municipio encóntrase na parte baixa do val de Cabuérniga, ocupando unha superficie de 65,86 km²,[4] que engloba as cuncas dos ríos Bayones, Barcenillas e parcialmente a do río monte Aa. O principal río que atravesa este concello, desde o suroeste cara ao nordeste, é o río Saja. Este desauga na Hoz de Santa Lucía, unha greta da Serra do Escudo de Cabuérniga, que comunica o val de Cabuérniga co de Cabezón e Mazcuerras.

As marxes do territorio municipal están bordeadas por unha cota montañosa de entre cincocentos e mil metros de altitude, sendo as altitudes máis notorias La Pedraje (850.9 m) ao noroeste, o Alto del Toral (897 m) ao oeste, o alto de La Nogaleda (880.7 m) ao sur e o Alto de Espinera ou Tordías (967.1 m) ao sueste. Este último é o punto máis elevado do concello e onde coinciden os municipios de Ruente, Valle de Cabuérniga, Cieza e Arenas de Iguña. Todas as localidades, agás Lamiña, están situadas nas zonas máis chairas, resgardadas das crecidas do Saja. A capital municipal atópase a 189.9 msnm.[7]

Clima[editar | editar a fonte]

Ruente atópase na rexión climática da Iberia Verde de clima Europeo Occidental, clasificada tamén como clima temperado húmido de verán fresco do tipo Cfb segundo a clasificación climática de Köppen.

Os principais trazos climáticos do municipio a nivel xeral son uns invernos suaves e veráns frescos, sen cambios bruscos estacionais, sendo a diferenza entre o inverno e o verán duns dez ou doce graos. O ar é húmido con abundante nubosidade e as precipitacións son frecuentes en todas as estacións do ano, acadando unha media anual arredor dos mil douscentos mm.[8] [9]

Datos climáticos para Ruente
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Media máxima en °C 12,5 10,7 17,6 14,3 21,4 22,4 24,2 25,7 23,5 19,8 15,4 15 18,54
Media mínima en °C 2,7 0,3 2,6 5,8 8,5 12 12,3 14 11,6 8,4 4,1 2,5 7,07
Chuvia media mm 158,1 260,8 99 305,7 48,3 62,1 31,8 19,8 65,7 221,3 236,4 65,4 1 574,4
Fonte: Estación meteorolóxica de Ruente.

Núcleo de poboación[editar | editar a fonte]

Casona de La Nogalera e boleira de Ruente.
Ponte medieval de Ruente.

Ruente é tamén capital do municipio. Está situada a 189 metros sobre o nivel do mar, na parte baixa do val, xunto ao río Saja. No ano 2006 contaba cunha poboación de 284 habitantes (INE), repartidos polos barrios de Gismana, Monasterio e Ruente.

Da capital destaca o Palacio de Mier, declarado Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento o 30 de novembro de 1992. Atópase no barrio de Monasterio.[10] Outras edificacións son a igrexa de Santa María Magdalena (século XVII, reformada en 1909), o casarón da Nogalera (século XVIII, restaurado en 1963), o casarón de Cossío e Terán (no barrio de Gismana) e a casa de Esteban González de Linares, erixida en 1886 nun estilo historicista. Na capital consérvase un cruceiro do século XVIII, cunha cruz de madeira orixinal e relevos representando varias escenas, como as Ánimas do Purgatorio ou Cristo atado a unha columna.

Ademais, nesta localidade atópase a surxencia cársica Fuentona de Ruente. Preto hai unha ponte moi baixa, feita de cachotaría, con nove arcos de medio punto rebaixados. Crese que é de orixe medieval e que formou parte do camiño ou calzada que atravesaba o val de Cabuérniga até Bárcena Mayor, por onde no pasado se ía até Reinosa e de aí a Castela.

Natureza[editar | editar a fonte]

A riqueza natural do municipio é grande, e ten numerosas especies vexetais e animais así como con amplas masas de monte. A totalidade do seu territorio está incluída na Reserva Nacional de Caza do Saja e o 40,17% do territorio forma parte do Parque natural Saja-Besaya, o que comprende unha superficie protexida de 26,47 km². O parque natural está catalogado como lugar de importancia comunitaria, así como o Río Saja, que conta cunha importante poboación de lontras.

Trece das árbores declaradas singulares polo Goberno de Cantabria encóntranse no municipio. Unha en Ruente, o Arriaga co número 26, moi preto do mítico Cajigu Cubilón; e o resto en Ucieda. Seis carballos: o de Canalejas (n.º 9), o Tumbado (n.º 30), o Joven (n.º 34), o Viejo (n.º 35), o roble Gordo (n.º 36) e o de Buzalgroso (n.º 38); tres faias: a de Bujilices (nº 18), a Escampauca (n.º 29) e a de Cotera Pumar (n.º 31); un piñeiro de Monterrey (nº 127) e unha tuia (nº 128).[11]

Desde marzo de 2006, o municipio conta cun heliporto que serve de base para un helicóptero e a unha brigada forestal dedicados principalmente á loita contra incendios.[12]

Recursos naturais[editar | editar a fonte]

Son moitas e variadas as especies vexetais e animais presentes no territorio municipal. Entre os moitos montes do concello, destacan as masas boscosas do Monte Río Los Vados e o Monte Aá, lugar este último onde existe unha parcela de 20 hectáreas destinada á produción de landra para a mellora xenética doutras carballeiras.

Nacemento de La Fuentona en Ruente.

Por outra parte, na vila de Ruente atópase un afloramento natural catalogado como "Punto de Interese Xeolóxico", que nace ao pé dunha parede de pedra calcaria. A surxencia é coñecida como "La Fuentona de Ruente".[13] O destacable desta fonte, é que non é tal fonte senón un río que nace xa con gran forza en canto a volume de auga. Ademais ten a peculiaridade que moi de vez en cando, deixa de manar durante unhas horas, reaparecendo posteriormente coa mesma forza. Non se chegou a ningunha explicación satisfactoria do fenómeno, aínda que a tese máis válida sería a dun sistema de sifóns que darían lugar aos descensos de caudal. Froito do estraño comportamento do caudal xurdiron infindade de historias e lendas arredor de La Fuentona. Algunha delas foi recollida por escritores como Manuel Llano e Juan Sierra Pando. Conta a lenda que no interior da gruta vive unha anjana que garda o tesouro dos templarios.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras referencias atopámolas no ano 978 no Cartulario de Covarrubias que sitúa en Kaor-nega (Cabuérniga) a ermida de San Fructoso de Lamiña.[6] Así mesmo, no ano 1085 aparece constancia do mosteiro de Santa María de Ucieda que máis tarde aparecerá nomeado como "Santa María de La Fuente", "Santa María de La Ruente" e finalmente como "Santa María de Ruente". A pesar de que as súas igrexas aparecen vinculadas ao mosteiro de Cardeña e a outros señoríos eclesiásticos, a maior parte dos veciños eran de behetría. Co paso dos anos, acabarían rendendo vasalaxe a casa de La Vega, ao igual que os veciños de Cabuérniga.

En canto á organización territorial, os Valles de Cabuérniga e Ucieda aparecen como entidades civís diferenciadas e independentes entre si. Ao primeiro pertencían Barcenillas e Lamiña e ao segundo os concellos de Ruente e Ucieda. Esta organización territorial perdurou así, polo menos até o ano 1497, data da concordia celebrada en Bárcena Mayor polos representantes de Campoo, Cabuérniga e Ucieda para formalizar o aproveitamento forestal e gandeiro na Mancomunidade Campoo-Cabuérniga.

Os séculos XV e XVI son tempos nos que os veciños soportan fortes cargas fiscais impostas polo Marqués de Santillana, contra as que o Val de Cabuérniga xunto con outros vales establecen un longo contencioso coñecido como o Preito dos Nove Vales. A resolución final en 1581 devolve a condición realenga aos vales, un dos cales era o Real Val de Cabuérniga, do que formaban parte o tres concellos que hoxe conforman o municipio de Ruente.

A finais do século XIX o Real Val de Cabuérniga disgrégase e aparece o municipio de Ruente que permaneceu sen variacións desde a súa conformación até hoxe.

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación censada no concello é de 1.003 habitantes (INE 2005). A tendencia demográfica foi descendente desde principios de século até os 1990, a partir dos cales comeza un crecemento. O municipio presenta un perfil demográfico máis envellecido que o da rexión cunha taxa de envellecemento de 20,54 fronte á 18,71 rexional.

Evolución demográfica
1900 1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1980 1990 2000 2007
1.145 1.138 1.205 1.193 1.189 1.146 1.083 1.064 972 996 955 1.022

Fonte: INE

Administración[editar | editar a fonte]

Os alcaldes de Ruente desde as eleccións democráticas de 1979 foron: de 1987 a 1991, Ángel González Valverde (PP); de 1991 a 1992, Avencio Alonso (Partido Socialista de Cantabria), até que perdeu a alcaldía por unha moción de censura e formou goberno Mariano González do Partido Popular, xunto con Centro Democrático y Social, que ostentou o cargo de alcalde de 1992 a 1995. A seguinte lexislatura de 1995 a 1999 estivo repartida entre Jaime Molleda Balbás (UPCA) que gobernou a primeira metade, e Abel Campuzano (PRC) que gobernou a segunda metade tras unha moción de censura. De 1999 a 2003 de novo Jaime Molleda Balbás pero esta vez co PP. De 2003 a 2007 ostentou o cargo de alcaldesa Alicia Renedo Alonso (PSC-PSOE). Nas eleccións de 2007 e até 2015 Jaime Molleda volve a ser elixido alcalde.

O actual (2015) alcalde do municipio é Jaime Díaz Villegas (PRC). As seguintes táboas amosan os resultados das eleccións municipais celebradas no ano 2003, 2007, 2011 e 2015.[14]

Eleccións municipais, 25 de maio de 2003
Partido Votos % Concelleiros
PP 351 44,60 % 3
PSOE 229 29,10 % 2
PRC 197 25,03 % 2
  • Alcalde electo: Alicia Renedo Alonso (PSC-PSOE).
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007
Partido Votos % Concelleiros
PP 358 46,68 % 5
PSOE 264 34,42 % 3
PRC 109 14,21 % 1
  • Alcalde electo: Jaime Molleda Balbás (PP).
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011
Partido Votos % Concelleiros
PP 370 49,70 % 5
PSOE 215 28,51 % 2
PRC 178 20,95 % 2
  • Alcalde electo: Jaime Molleda Balbás (PP).
Eleccións municipais, 24 de maio de 2015
Partido Votos % Concelleiros
PP 273 38,50 % 3
PRC 214 30,15 % 3
PSOE 208 29,34 % 3
Alcalde electo: Jaime Díaz Villegas (PRC)

Economía[editar | editar a fonte]

A dedicación da poboación mostra un equilibrio entre os sectores terciario (42% da poboación) e secundario (41%). A taxa de ocupación no sector primario é do 17%, bastante superior á media rexional.

Gandaría e agricultura[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente este sector foi a base da economía dos habitantes do municipio e aínda hoxe a taxa de ocupación no sector é bastante elevada. Principalmente a actividade agropecuaria baséase en explotacións de gando vacún aínda que tamén son importantes outros tipos de gandaría como a cabalar. O aproveitamento forestal tamén tiña relevancia aínda que na actualidade é residual. Un 17 % da poboación adícase ao sector primario.

Industria e construción[editar | editar a fonte]

A construción daba traballo a un 20,9 % da poboación activa. En canto á industria, nunca existiu tradición no municipio, aínda que existen varias empresas dedicadas ao moble. A maior parte da poboación que se dedica a ela desprázase ás zonas industriais de Cabezón de la Sal e Torrelavega. A industria daba traballo a un 20,1 % da poboación.

Servizos[editar | editar a fonte]

É o principal sector económico. As excepcionais condicións do contorno, a súa coidada paisaxe e a súa gastronomía coa axuda de programas europeos, servíronlle ao municipio para apoiar este sector desde a década dos noventa. O turismo está baseado na calidade culinaria e o turismo rural. Un 42 % da poboación dedícase ao sector servizos. A grande oferta de servizos relacionados co turismo rural fan de Ruente un punto ideal de saída para excursións e actividades rurais.

O municipio ten sete bares e seis bares-restaurantes, a maioría concentrados nas localidades de Ruente e Ucieda (seis e cinco respectivamente). Moitos destes establecementos son especialistas na preparación de pratos de cociña tradicional como o cocido montañés e carne de caza como o porco bravo ou o veado.[15]

Igualmente hai oferta de hospedaxe, con algo máis dunha ducia de apartamentos, casas rurais ou pensións especialmente nas localidades de Ucieda e Ruente.[16]

Servizos públicos[editar | editar a fonte]

A maior parte dos servizos públicos concéntranse na capital municipal

Consultorio médico[editar | editar a fonte]

O consultorio médico do municipio encóntrase na Capela do Palacio de Mier, en Ruente. Dependente do Centro de Saúde Saja Cabuérniga, atende con cita previa todas as mañás de luns a venres.[17]

Os servizos médicos compleméntanse cunha pequena farmacia situada no mesmo barrio de Monasterio.

Bibliotecas[editar | editar a fonte]

A Biblioteca Municipal, situada tamén na capela do Palacio de Mier, ofrece un modesto abano de materiais en diversos soportes e varios ordenadores con accesos a Internet. Permanece aberto todas as tardes de luns a venres.[18]

Ademais da biblioteca municipal, na vila de Ruente tamén se encontra a Biblioteca comunitaria El Toju, actualmente xestionada polo colectivo Agitación Rural. Conta cun fondo de máis de 800 libros, con especial foco nas temáticas sociais e antagonistas, un amplo abano de revistas e fanzines e varias publicacións periódicas. A biblioteca leva en funcionamento desde outubro de 2006 na Casa El Toju.[19]

Telecentro[editar | editar a fonte]

Localizado nas antigas escolas de Ucieda, este espazo ofrece acceso de balde a Internet os luns e mércores, ademais de organizar cursos e actividades.[20]

Transporte[editar | editar a fonte]

O municipio ten como principal medio de transporte a CA-180 Cabezón de la Sal-Valle de Cabuérniga.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Ponte medieval.

Son numerosas as mostras de arquitectura popular nos catro pobos do municipio. Destaca especialmente Barcenillas, que constitúe un dos conxuntos de arquitectura rural máis representativos de Cantabria. A construción máis habitual é a casona montañesa (séculos XVII e XVIII), casa de dúas plantas con arcada de medio punto na fachada e dominada por unha solaina tendida entre muros devasa, elemento moi popular nas Asturias de Santillana.[21]

Bens de interese cultural[editar | editar a fonte]

O palacio de Mier, ben de interese cultural, con categoría de monumento desde 1992. Trátase dunha casa solariega con capela, construída a finais do século XIX, en estilo neoclásico con marcados signos barrocos e arquitectura montañesa. Este monumento é de propiedade municipal. Tras a súa rehabilitación a capela utilízase como consultorio médico e biblioteca municipal, mentres que a casa palacio permanece pechada.[10]

Patrimonio civil[editar | editar a fonte]

[21]

Ademais, a Casona de La Canal en Ucieda, é un ben inventariado.[22] Trátase dunha típica casona montañesa propia do val, que conserva boa parte da fábrica dos séculos XVII e XVIII. A casa posúe planta rectangular, tellado a dúas augas e dous corpos separados por un muro cortaventos, no que aparece labrado un escudo de armas con coiros recortados. Ten dúas plantas, con solaina e soportal. A fachada principal está alzada con pedra de cadeirado, mentres que os muros laterais están armados con cachotaría e rematados na fronte da fachada principal en pedra de cadeirado, conformando os muros cortaventos, que posúen na primeira planta unha pequena ménsula labrada.

Dentro das casonas de Barcenillas destacan dúas casonas señoriais arrimadas na praza do Cantón –unha delas do século XVI– e a casa de Calderón, (construída a mediados do século XVIII), de planta rectangular, cuberta de dúas augas, soportal de dobre arco, solaina de cinco tramos e escudo na fachada oeste.

Ademais de en Barcenillas, nos outros pobos tamén poden verse exemplos, como a casa Velarde en Lamiña, Casona de la Nogalera e Casona de Cossío en Ruente ou o palacio de Quirós e o palacio de Escagedo en Ucieda, de finais do século XVII-principios do século XVIII, destacando este último notablemente, cunha fachada norte de cadeirado e catro arcadas de medio punto.[21]

Predecesora da casona montañesa é a casa chaira dos séculos XVI e XVII, con moitos exemplos en Ruente en especial no barrio de Gismana e en Ucieda, tanto no barrio de arriba como no de abaixo.

Sobre o río de La Fuentona de Ruente, érguese unha ponte románica de arenito. É moi angosta e de baixa altura e a auga pasa a través de nove arcos de medio punto,[23][24][25][26][27] o que lle confire grande orixinalidade. A ponte é ás veces descrita como de ocho ojos.[28][29][30][31][32]

Patrimonio relixioso[editar | editar a fonte]

En canto á arquitectura relixiosa, destaca a ermida de San Fructoso situada preto da localidade de Lamiña. A construción data do século XVII aínda que existe documentación, o Cartulario de Covarrubias (ano 978),[6] que proba a existencia no lugar dun mosteiro no século IX. Da época consérvase no interior da ermida un sarcófago prerrománico e unha pila bautismal tamén prerrománica na igrexa do pobo.

A igrexa do pobo, Nuestra Señora del Rosario de Lamiña, data tamén do século XVII. Trátase dun pequeno templo dunha nave con capela maior cun retablo do século XVIII. No interior atópase unha pila bautismal con decoracións prerrománicas, traída probablemente da ermida de San Fructuoso.

San Sebastián en Barcenillas, é un templo dunha nave con capela maior cadrada, con bóveda de aresta, datado de principios do século XVII. Na cara sur, ten unha portada en arco de medio punto con motivos ornamentais labrados. O retablo é do século XVIII.

En Ucieda encóntrase a iglesia de San Julián do século XVIII, sendo a súa parte máis antiga as bóvedas e a ermita del Moral, de finais do século XVII, cunha portada con doelas decoradas. Por último, ao longo do antigo camiño dos foramontanos poden encontrarse varios cruceiros.[33]

Patrimonio cultural[editar | editar a fonte]

Festividades[editar | editar a fonte]

No concello celébranse as seguintes festividades:[34]

  • O sábado máis próximo ao 19 de marzo celébrase a feira de gando de San Xosé (Ruente).
  • En maio ou xuño, concretamente 9 semanas despois do Domingo de Pascua, celébrase o Corpus Christi (Ucieda).
  • O 22 de xullo celébrase a María Magdalena (Ruente).
  • O 15 de agosto celébrase a Santa María (Ucieda).
  • O sábado seguinte tras o 15 de agosto celébrase a "Virgen del Moral" (Ucieda).
  • O 16 de agosto San Roque (Ruente).
  • O terceiro venres do mes de agosto celébrase San Sebastián (Barcenillas).
  • O primeiro domingo de setembro é a festa do cocido montañés declarada Festa de Interese Turístico Rexional no ano 2001. Celébrase na campa da Casa do Monte, en pleno Parque natural do Saja-Besaya. Ten como protagonista o cocido montañés, que se prepara alí mesmo para todos os asistentes con ingredientes típicos da comarca: feixóns, verzas, e o compango do porco.
  • Os días 8 e 9 de setembro festexan a Nosa Señora e San Fructuoso en Lamiña.
  • O último domingo de outubro celébrase a Feira e Concurso Exposición Monográfico Rexional de Gando Vacún de Raza Tudanca en Ruente.

Tradicións[editar | editar a fonte]

Marzas: Os marceros ou marzantes (como os denominaba José María de Pereda nas súas Escenas Montañesas) son cuadrillas de mozos dun pobo que percorren a última noite de febreiro ou a primeira de marzo as casas dos seus veciños en conmemoración da chegada da primavera. Tras dar as boas noites os marceros preguntan "Cantamos, ou rezamos, ou ímosnos?", se os habitantes da casa responden "Cantamos", lánzanse cantos tradicionais a cambio dun aguinaldo ou recompensa. Este toma normalmente a forma de alimentos (naqueles tempos, uns celemíns de castañas ou outros froitos secos ou, incluso, nos fogares máis podentes, os produtos da matanza do porco). Algúns antropólogos asocian este costume cos ritos de paso e as tradicións de comensalidade de inverno e encontran paralelismos en toda a vertente atlántica europea. Actualmente non acostuma cantarse máis que na vila de Ruente, onde o grupo de marceros está composto por unha ronda de veciños algún xa veterano.

Letra:

Buenas noches nos dé Dios,
buenas noches nos de el cielo (Bis)
a pedir las marzas vienen,
los marceros de este pueblo (Bis).

no venimos con orgullo,
venimos con humildad (bis)
que tenemos una apuesta,
y la queremos ganar (bis)

y venimos donde ustedes,
que nos saquen de este anhelo (bis)
que nos den unos chorizos,
y una docena de huevos (bis)

unas mantequillas frescas,
también las recibiremos (bis)
un celemín de castañas,
para irnos entreteniendo (bis)

y si nos van a dar algo,
dénnoslo cuanto primero (bis)
que tenemos mucha prisa,
para recorrer el pueblo (bis)

Quédense con dios señores,
hasta el año venidero,
que si dios nos da salud,
a pedirlas volveremos,
y si no somos nosotros,
otros vendrán de relevo.

Picayos: Os Picayos é o nome que reciben uns grupos de danza típicos do occidente de Cantabria. Vestidos habitualmente de branco, realizan un baile tradicional acompañados de castañolas. Este é realizado só polos homes, mentres que as mulleres ataviadas con faldras tocan a pandereta e cantan os versos que normalmente se dedican ao patrón ou patroa que os Picayos sacan en procesión. Ocasionalmente, con motivo da celebración das festas, fórmanse grupos de picayos nas vilas de Ruente e Ucieda.

Música e folclore[editar | editar a fonte]

Son varios os grupos ou individualidades que se dedican á música e ao cante. A Ronda La Fuentona Arquivado 25 de novembro de 2015 en Wayback Machine. de Ruente e o grupo de danzas San Julián e Santa Basilisa de Ucieda son os que gozan de máis sona.

O cocido montañés, prato máis representativo da gastronomía cántabra.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A vida tradicional do municipio, ligada tanto á actividade agropecuaria, como á cinexética ou a pesca, dótao dunha variada gastronomía en canto a ingredientes. As hortalizas e os legumes das hortas, así como a gandaría bovina, combínanse cos peixes e mariscos do Cantábrico, a troita do Saja e as pezas de caza maior da Reserva de caza.

Entre os seus pratos destaca o tradicional e famoso cocido montañés, realizado con fabas e verzas da zona, acompañado co "compango" da matanza do porco. En canto á repostaría, caben destacar o leite frito, as tostás, o arroz con leite, a torta ou os sacristáns de Ruente.

Deportes[editar | editar a fonte]

  • Birlos: O bolo palma ten unha grande tradición en Ruente. O municipio ten cinco campos de birlos e peña birleira.
  • Pistas polideportivas. No concello hai dúas pistas de futbito, unha xunto ás antigas escolas de Ucieda, entre o barrio de abaixo e o de arriba e a outra na vila de Ruente, tras o consistorio (tamén antigas escolas).

Localidades hermanadas[editar | editar a fonte]

Igrexa de Saint-Martin, en Savignac.

O municipio está irmandado con Savignac-les-Églises, unha poboación e comuna francesa, situada na rexión de Aquitania, departamento de Dordoña, no distrito de Périgueux.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (coord.), María Dolores Gordón Peral (2010). Toponimia de España : estado actual y perspectivas de la investigación. Berlín: De Gruyter. p. 96. ISBN 9783110233483. Consultado o 18 de agosto de 2015. 
  2. Goberno de España (31 de maio de 1978). "REAL DECRETO polo que se autoriza ao Concello de Ruente, da provincia de Santander, adoptar o seu escudo heráldico municipal." (pdf). Boletín Oficial do Estado nº. 129 (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  3. 4,0 4,1 Instituto Cántabro de Estadística. "Relevo, datos xerais" (xls) (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  4. A voz bárcena está recollida no DRAE como cantabrismo co significado de lugar chan próximo a un río, que é anegado, en todo ou en parte, con certa frecuencia.
  5. 6,0 6,1 6,2 O Cartulario de Covarrubias datado en 978 cita:
    "In Kaornega, illo mosteiro Sancti Fructuosi que vocintant illa Consente"
  6. Goberno de Cantabria. "Visualizador de información xeográfica de Cantabria". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2018. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  7. Rafael Ancell Trueba. "Termopluviometría de Cantabria durante o periodo 1981-2010". DT en Cantabria, AEMET. Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  8. "Parque Natural SAJA BESAYA". Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2015. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  9. 10,0 10,1 "DECRETO 85/1992, do 30 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural coa categoría de monumento, a favor do edificio denominado Palacio de Mier,en Ruente (Cantabria)" (PDF). BOE (en castelán) (71): 8967–8968. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  10. Dirección General de Medio Ambiente. "Árbores singulares de Ruente". Consultado o 3 de abril de 2021. 
  11. Artigo do 2 de marzo de 2006 en El Diario Montañés. [1] Consultado o 15 de novembro de 2015.
  12. "57001 Fuentona de Ruente" en Inventario Español de Puntos de Interés Geológico do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME)
  13. Resultados electorais de Ruente, en El País(en castelán)
  14. Concello de Ruente. "Onde comer" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  15. Concello de Ruente. "Onde durmir" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  16. Concello de Ruente. "Consultorio médico" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  17. Concello de Ruente. "Biblioteca municipal" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  18. Casa el Toju. "Biblioteca comunitaria El Toju" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  19. Concello de Ruente. "Telecentro" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  20. 21,0 21,1 21,2 Cantabria 102 Municipios. "Patrimonio civil de Ruente" (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  21. "Listado 2003 Patrimonio Cultural de Cantabria" (pdf). Acanto. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  22. Turismo de Cantabria: Ruente
  23. Ayuntamiento de Ruente: Sus barrios y la Fuentona
  24. "Riqueza Natural". Saja Nansa en Red (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2009. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  25. "Revista Ibérica: Tradicional Concurso Exposición de Ganado Vacuno de Raza Tudanca de Ruente". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2015. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  26. "El Diario Montañés Puente de NUEVE ojos". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  27. "Turismo de Cantabria: Ruente. Arte e historia". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2007. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  28. "Guía Pueblos". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2010. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  29. "Cantabria Joven". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2014. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  30. Cantabria 102 Municipios: Ruente
  31. "Saja-Nansa en red: Pueblo a pueblo. Ruente". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2009. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  32. "Patrimonio civil de Ruente". Cantabria 102 Municipios. Consultado o 15 de novembro de 2015. 
  33. Concello de Ruente. "Feiras e festas". Consultado o 15 de novembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fichas municipales del Instituto Cántabro de estadística ICANE
  • VV.AA; Ruente. Naturaleza y patrimonio arquitectónico de un municipio tradicional de Cantabria. Ayuntamiento de Ruente. Santander. 2005
  • Virginia Calvente Iglesias; Ordenanzas por las que se regían los concejos de Ucieda y Ruente, siglo XVI. Altamira, revista do centro de estudios montañeses. 2006
  • Virginia Calvente Iglesias; El Retablo de los castaños maíllos: Una historia dieciochesca acontecida en Cabuérniga, Cádiz y Caracas. Santander, 2004.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]