UNESCO

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Unesco")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
UNESCO
UNESCO flag.png
Bandeira da UNESCO
Organización Nacións Unidas
Siglas UNESCO
Director Bulgaria Irina Bokova
Estado Activa
Fundada 4 de novembro de 1946
Oficinas Place de Fontenoy, París, Flag of France.svg Francia
Páxina web unesco.org

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas. Fundouse o 16 de novembro de 1945 co obxectivo de contribuír á paz e á seguridade no mundo mediante a educación, a ciencia, a cultura e as comunicacións. A constitución firmada ese día entróu en vigor o 4 de novembro de 1946, ratificada por vinte países[1]. En 1958 inaugurouse a súa sede principal, no distrito VII de París[2]. A súa directora xeral é a búlgara Irina Bokova. A 21 de setembro de 2015 conta con 195 estados membros e oito membros asociados[3].

Características[editar | editar a fonte]

Dedícase a orientar ós pobos nunha xestión máis eficaz do seu propio desenvolvemento, a través dos recursos naturais e os valores culturais, e coa finalidade de modernizar e facer progresar ás nacions do mundo, sen que por iso se perdan a identidade e a diversidade cultural. A UNESCO ten vocación pacifista, e entre varias cousas oriéntase moi particularmente a apoiar a alfabetización. Na educación, este organismo asigna prioridade ao logro da educación elemental adaptada ás necesidades actuais. Colabora coa formación de docentes, planificadores familiares e vivenda, administradores educativos e alenta a construción de escolas e a dotación de equipo necesario para o seu funcionamento.

As actividades culturais buscan a salvagarda do patrimonio cultural mediante o estímulo da creación e a creatividade e a preservación das entidades culturais e tradicións orais, así coma a promoción dos libros e da lectura[4]. En materia de información, a UNESCO promociona a libre circulación de ideas por medios audiovisuais, fomenta a liberdade de prensa e a independencia, o pluralismo e a diversidade dos medios de información, mediante o "Programa Internacional para a Promoción da Comunicación".

Historia[editar | editar a fonte]

Traslado do Gran Templo de Abu Simbel a un lugar seguro, en 1967.

A UNESCO ten as súas raíces en 1942, durante a Segunda Guerra Mundial, cando os países aliados comezan a prepararse para restablecer os seus sistemas educativos en canto remate a guerra. Na Conferencia de Ministros Aliados de Educación (Conference of Allied Ministers of Education, CAME), no Reino Unido, inícianse as conversacións entre países europeos[5].

Como resultado, prepárase unha conferencia das Nacións Unidas para temas de educación e cultura, do 1 ao 16 de novembro de 1945. Reúnense corenta e catro países, dos cales trinta e sete deciden fundar a UNESCO. A constitución da UNESCO asínase o 16 de novembro, e vinte estados ratifícana un ano despois, o 4 de novembro de 1946 (Arabia Saudita, Australia, Brasil, Canadá, Checoslovaquia, China, Dinamarca, Exipto, Estados Unidos de América, Francia, Grecia, India, Líbano, México, Noruega, Nova Zelandia, República Dominicana, Reino Unido, Suráfrica e Turquía). Poucos días despois iníciase a primeira Conferencia Xeral da UNESCO, en París.

Segundo se van normalizando as relacións internacionais rotas pola Segunda Guerra Mundial, vanse incorporando máis países. Así, Xapón e a República Federal Alemá entran en 1951, España en 1953, a URSS en 1956 e os países africanos xurdidos na descolonización de África durante a década dos sesenta do século XX.

En 1957, por primeira vez un país membro abandona a UNESCO: o goberno de Suráfrica alega "interferencias" da UNESCO nos seus "problemas raciais". En 1996, con Nelson Mandela como presidente, Suráfrica volverá a incorporarse á UNESCO[6].

Durante a X Conferencia Xeral da UNESCO celebrada en París en 1958, acórdase crear un "Centro Latinoamericano de Estudos Superiores de Xornalismo"[7]. A iniciativa contou co apoio do Goberno e a Universidade Central de Ecuador, os cales o 9 de outubro de 1959 asinaron, xunto coa UNESCO, un acordo tripartito para a fundación e radicación en Ecuador de dito Centro, que hoxe leva o nome de Centro Internacional de Estudios Superiores de Comunicación para América Latina ou CIESPAL[8].

O 3 de novembro de 1958 inaugúrase a sede principal no número 7 da praza de Fontenoy, en París. A súa planta ten forma de Y. Os planos foron deseñados polos arquitectos Marcel Breuer, Pier Luigi Nervi e Bernard Zehrfuss e aprobados por un comité internacional de cinco membros: Lucio Costa, Walter Gropius, Le Corbusier, Sven Markelius e Ernesto Rogers. Tamén foi consultado Eero Saarinen[2].

En 1960 lánzase o primeiro proxecto de grandes dimensións: a protección do templo de Abu Simbel e outros 21 monumentos e complexos arquitectónicos en Exipto, ameazados pola construción do encoro de Asuán.

En 1985, Estados Unidos abandona a UNESCO alegando diferenzas en temas de xestión; o Reino Unido e Singapur tamén a abandonaron en 1986. Isto fixo que o orzamento diminuíra considerabelmente durante os anos seguintes. Os tres países reincorporáronse posteriormente (en 2003, 1997 e 2007 respectivamente).

Órganos reitores[editar | editar a fonte]

Os órganos reitores da UNESCO son a Conferencia Xeral e o Consello Executivo[9].

A Conferencia Xeral[editar | editar a fonte]

A Conferencia Xeral está formada por representantes de todos os Estados membros da organización. Reúnese cada dous anos, coa participación dos estados membros e dos membros asociados.Cada estado membro ten un voto, independentemente de cal sexa a súa achega ao orzamento da organización.

Tamén se invita a participar, en calidade de observadores, a Estados non membros, organizacións intergobernamentais, organizacións non gobernamentais e fundacións.

A Conferencia Xeral determina a orientación e a liña de actuación xeral da UNESCO. Decide o Programa e o orzamento da UNESCO para os dous anos seguintes. Elixe aos membros do Consello Executivo e designa, cada catro años, ao Director Xeral.

Os idiomas de traballo da Conferencia Xeral son inglés, árabe, chinés, español, francés e ruso.

O Consello Executivo[editar | editar a fonte]

O Consello Executivo, á unha sorte de consello de administración da UNESCO. Prepara o traballo da Conferencia Xeral e vela porque as decisións se executen axeitadamente.

As funcións e responsabilidades do Consello Executivo emanan da Constitución e dos regulamentos ou directivas establecidos pola Conferencia Xeral. Este regulamento complementase coas resolucións da Conferencia Xeral. Cada dous anos, a Conferencia Xeral encarga tarefas específicas ao Consello. Outras atribucións emanan de acordos asinados entre a UNESCO e a ONU, as institucións especializadas e outras organizacións intergobernamentais.

Os seus 58 membros son escollidos pola Conferencia Xeral. A selección respecta a diversidade de culturas e a orixe xeográfica que representa cada país; trátase de acordos complexos para lograr que haxa equilibrio entre as diversas rexións do mundo, e reflectir a universalidade da organización. O Consello Executivo reúnese dúas veces no ano.

Directores Xerais da UNESCO[editar | editar a fonte]

Nome Nacionalidade Período
1. Julian Huxley Flag of the United Kingdom.svg Reino Unido 19461948
2. Jaime Torres Bodet Flag of Mexico.svg México 19481952
3. John Wilkinson Taylor Flag of the United States.svg Estados Unidos 19521953
4. Luther Evans Flag of the United States.svg Estados Unidos 19531958
5. Vittorino Veronese Flag of Italy.svg Italia 19581961
6. René Maheu Flag of France.svg Francia 19611974
7. Amadou-Mahtar M'Bow Flag of Senegal.svg Senegal 19741987
8. Federico Mayor Zaragoza Flag of Spain.svg España 19871999
9. Koichiro Matsuura Flag of Japan.svg Xapón 19992009
10. Irina Bokova Flag of Bulgaria.svg Bulgaria 2009-actualidade

Críticas á UNESCO[editar | editar a fonte]

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura foi fortemente criticada ó longo da súa historia. Os críticos a acusan de tomar posicións contrarias á liberdade de prensa e de mercados, en particular pola iniciativa New World Information and Communication Order que recoñecía o dereito dos estados a censurar á prensa. En 1984 os Estados Unidos abandonaron a organización en protesta.

Así, mesmo no período dos anos 1970 e 1980, a organización recibiu repetidas acusacións de malgasto e corrupción.

Posteriormente, baixo a dirección de Federico Mayor Zaragoza e Koichiro Matsuura a UNESCO foi recuperando progresivamente a súa credibilidade, culminando coa reincorporación dos Estados Unidos no 2002.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. UNESCO (ed.). "UNESCO Constitution" (en inglés). Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 UNESCO (ed.). "Tres arquitectos, tres nacionalidades" (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  3. UNESCO (ed.). "About us" (en inglés). Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  4. Revista Tips de Educación, ed. (24/4/2014). "Leyendo en la Era móvil por UNESCO" (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  5. UNESCO (ed.). "The Organization's history". Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  6. UNESCO (ed.). "Fechas clave en la historia de la UNESCO". Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  7. "Conferencia General. Décima Reunión, París 1958. Resoluciones" (PDF) (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  8. "Mundo CIESPAL". ciespal.org (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015. 
  9. UNESCO (ed.). "Órganos rectores de la UNESCO" (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: UNESCO Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]