Cerquiño
Cerquiño | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Follas aveludadas do cerquiño (Quercus pyrenaica) | |||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Quercus pyrenaica Willd. | |||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||
O cerquiño[1][2] ou carballo cerqueiro[3] (Quercus pyrenaica Willd.) é unha especie de carballo monoico que habita en bosques caducifolios. Pode chegar até os 20 ou 25 metros. É máis miúdo, rústico e frugal có carballo común (Quercus robur) e carballo albariño (Quercus petraea). Aparece en Galiza.
Recibe tamén os nomes de carballo cerquiño, carballo curpio, rebolo[3], carballo negro ou carballo negral.
Descrición
[editar | editar a fonte]Ten raíces profundas, cun eixo central e numerosas raíces horizontais estoloníferas. O tronco é dereito e de cor grisalla ou parda, grosa e con gretas; a copa é alta e ampla.
As follas miden 8-16 x 4–12 cm, cun pecíolo de 5–20 mm; son simples, alternas, de forma elíptica e moi pinnatipartidas; teñen cor verde cincenta mate na face e abrancazada polo tomento no envés.
As landras, de 1,5-4,5 cm, teñen unha cúpula que cobre máis da metade, e teñen un pedúnculo de non máis de 4 cm.
Os cerquiños teñen flores unisexuais. Florecen entre maio e xuño.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]É orixinaria do suroeste de Europa e do norte de África. Esténdese por case toda a Península Ibérica agás na faixa norte, onde falla ou escasea, porén en Galiza abunda no sur e no leste. Medra na contorna do mediterráneo occidental. Polo norte acada a Bretaña e outras zonas occidentais de Francia —dende o nivel do mar até os 500 metros—, mentres que cara ao sur só existe no norte de Marrocos, acadando a súa fronteira meridional no macizo do Rif. Na Península Ibérica é máis ou menos frecuente en todas as rexións interiores, especialmente nas montañas do centro e do cuadrante noroccidental, principalmente nas abas das montañas silíceas, entre os 400 e os 1600 metros de altitude e algo máis en Andalucía. Falta en Baleares e no sueste é moi escaso por ser os terreos calcarios e o clima moi seco. Cómpre resaltar a presenza de pés illados, touzas ou pequenos cerqueirais achegados ás costas cantábrica e galega, onde o cerquiño mestúrase co carballo veriño formando fragas ao longo da beiramar francesa, chegado até a Bretaña. En Galiza abunda en todo o territorio, sendo moi frecuente nas carballeiras do sur ou formando touzas (cerqueirais).
É unha especie que gusta do solleiro ou de media luz e temperamento robusto, silicícola e basífuga, instálase sobre terreos de variada natureza —cuarcitas, arenitas, lousas, micacitas, gneises, granitos e areas máis ou menos arxilosas; raro en calcarias descalcificadas o dolomíticas—. Atura mellor un clima máis continental e con invernos máis fríos ca outros carballos. Na meirande parte da súa zona de distribución danse precipitacións que van dende os 650 aos 1.200 mm anuais. O seu período vexetativo coincide coa falla de choivas estivais. O cerquiño é un excelente creador de solos, coñecidos como «terras de cerqueiral», que na nomenclatura edafolóxica se consideran cambisolos húmicos e pertencen á familia das terras pardas.
O cerquiño na cultura galega
[editar | editar a fonte]Un dos poemas de Eduardo Pondal fala do cerquiño:
Rei d'os castros, castro fòrte,
garrido castro Nemenzo,
o d'as uces montesias
e d'os carballos cerqueiros[4].
Usos
[editar | editar a fonte]En boas estacións, as características dendrométricas deste carballo son semellantes ás dos veriños e albariños (como acontece por exemplo nas serras do sur de Salamanca). Pola contra é frecuente que por mor da falla da tratamentos axeitados, presente unha madeira deformábel, de peor calidade ca outros carballos, con toros menos grosos e máis irregulares (resulta difícil atoparmos pezas rectas de abondo e cun tamaño axeitado para traballos de carpintaría). Tense usado especialmente para travesas do camiño de ferro, trabes de edificacións rurais ou postes de teléfono, así como carpintarías de portas e fiestras. Debido á facilidade de regromar de raíz é moi axeitado para a súa explotación en monte baixo, fornecendo leña e carbón de excelente calidade.
Como ocorre con outros carballos, a casca posúe gran cantidade de taninos, polo que se emprega no curtume de peles, sendo preferida a do carballo veriño (Quercus robur) e outros carballos.
As landras serven para alimentar o gando polo outono e o inverno, aínda que, doutra volta, son mellores as dos carballo de folla perenne, especialmente a aciñeira; e na primavera ramallean os gomos tenros, tanto na árbore coma nos rebentos de raíz, o que axuda a rozar o terreo e mantelo adevesado con excelentes pasteiros.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Quercus pyrenaica foi descrita por Carl Ludwig Willdenow e publicado en Species Plantarum. Editio quarta 4: 451. 1805.[5]
Quercus: nome xenérico do latín que designaba a todos os carballos (carballo común, aciñeira, caxigo...).
pyrenaica: epíteto xeográfico que alude á súa localización nos Pireneos. Nalgúns manuais denomínaselle erroneamente carballo pirenaico, galeguizando o binome latino, mais o nome específico pyrenaica é pouco apropiado, xa que falta case por completo nos Pireneos. Débese a que llo puxo o botanista alemán Carl Ludwig von Willdenow (1765-1812)[6] baseándose nunhas mostras secas do herbario que lle chegaron cunha etiqueta que lle atribuía esa procedencia. Prevalece sobre outro que foi moito máis usado, Quercus toza Bosc, pois así o esixen as regras de nomenclatura botánica.
O termo galego cerquiño podería vir adxectivo latino quercico (de Quercus, carballo)[7].
- Sinonimia
- Quercus aurin Bosc
- Quercus brossa Bosc
- Quercus camata Petz. & G.Kirchn.
- Quercus castellana Bosc ex Pers.
- Quercus cenomanensis Desf. ex Endl.
- Quercus cerris DC.
- Quercus humilis DC.
- Quercus lanuginosa subsp. palensis (Palassou) A.Camus
- Quercus palensis Palassou
- Quercus pubescens subsp. palensis (Palassou) O.Schwarz
- Quercus stolonifera Lapeyr.
- Quercus tauza Desf.
- Quercus tauzin Pers.
- Quercus tauzinii Bubani
- Quercus toza Gillet ex Bosc
- Quercus toza Bastard[8]
Nomes comúns
[editar | editar a fonte]Posúe numerosos nomes populares en galego. A Real Academia Galega só recolle no seu dicionario: carballo cerqueiro, carballo cerquiño, carballo curpio e rebolo[3].
Carballo cerquiño, carballo cerqueño, carballo cenquiño, cerquiño, cerqueiro, carballo cerqueiro, carballo curpio, rebolo negro, rebolo negral, rebolo cerqueiro, rebolo bravo, rebolo beriño, rebolo beliño, rebolo alberiño, rebolo, rebola, rebola negra, negrelo, negredo, negraíño, marouviño, carballo negro, carballo negrel, carballo negral, carballo mourau, carballo moural, carballo de casca escura, garno, cerquiño, cerqueiro, carballo maría velino, carballo enciviño, carballo do norte, carballo viriño, carballo veriño, carballo veliño, carballo veleiriño, carballo verdiño, carballo albar, carballo, carballizo e carballeiro[9], touza, carroucha e chaparreiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome vulgar galego preferido en varias publicacións, entre elas: Vocabulario forestal, VV. AA. (2012), Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo.
- ↑ "Carballo". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carballo.
- ↑ Recollido por Marcial Valladares Núñez en 1884 no seu Diccionario gallego-castellano, Santiago de Compostela, Imp. Seminario Conciliar
- ↑ "Quercus pyrenaica Willd.". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 25 de marzo de 2015.
- ↑ López González, Ginés A. (2004). Guía de los árboles y arbustos de la península ibérica y Baleares. Mundi-Prensa. ISBN 84-8476-210-6.
- ↑ Eugenio Reguera Pardiñas (1840-1858): Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995)
- ↑ "Cerquiño". The Plant List. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2019. Consultado o 25 de marzo de 2015.
- ↑ "Cerquiño (Quercus pyrenaica Willd.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cerquiño |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cerquiño |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Quercus (xénero dos carballos)