Miranda de Ebro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miranda de Ebro
Bandera de Miranda de Ebro.svg Coat of Arms of Miranda de Ebro.svg
Situación xeográfica
Municipio Miranda de Ebro (España).png
País España España
Comunidade Autónoma Castela e León
Provincia Burgos
Comarca Ebro
Xeografía
Altitude 471 msnm
Superficie 101,39 km²
Poboación
Poboación 37.648 hab. (2013)
Densidade 371,31 hab./km²
Xentilicio mirandés/esa
Información
Código postal 09200
Alcalde Fernando Campo Crespo (PSOE)
Páxina web www.mirandadeebro.es

Miranda de Ebro é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León). É a capital da comarca do Ebro. Sitúase no nordeste da provincia, moi próxima ás lindes con Álava e A Rioxa. Ten unha extensión de 101,39 km² e unha poboación de 37.648 habitantes (INE 2013).

É a segunda localidade máis poboada da provincia tras a capital. Goza de notábel carácter industrial, sendo un importante nó de comunicacións, especialmente ferroviario. Nun radio de tan só 80 km de Miranda atopamos as cidades de Bilbao, Burgos, Logroño e Vitoria.

Miranda e o río Ebro

Xeografía[editar | editar a fonte]

Miranda de Ebro está situada na submeseta castelá norte, a 471 m de altitude sobre o nivel do mar, e nas coordenadas seguintes: 42º 41' 6" N, e 2º 55' 60" W. A chaira onde se asenta a cidade está cercada por unha serie de alturas que pertencen aos Montes Obarenes, con saída no Oeste a través do Paso de Pancorbo; o paso de Conchas de Haro ao Sueste en dirección á Rioxa; e o desfiladeiro de La Puebla de Arganzón no Nordeste en dirección ao País Vasco.

Economía[editar | editar a fonte]

Miranda destaca polo seu sector secundario. A revolución industrial comezou a súa expansión coa chegada do ferrocarril en 1862. Durante a primeira metade do século XX asentáronse na cidade unha industria azucreira (1925) e anos máis tarde FEFASA (1948), dedicada a produción de fibra artificial, e posteriormente a papeleira ENCE. A mediados do século proliferaron as industrias químicas como Montefibre, ELF-Atochen, Rests etc.

En 1981 creouse o parque industrial. Na zona de influencia mirandesa instaláronse compañías agro-alimentarias, aeronáuticas, metalúrxicas etc. Tamén industrias da enerxía como a central nuclear de Santa Maria de Garoña, pechada en 2012.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Edificacións civís[editar | editar a fonte]

Ponte Carlos III sobre o río Ebro
  • Ponte Carlos III: construída en 1777 baixo a dirección de Francisco Alejo de Aranguren. Dous leóns gardan a ponte desde 1786, obra do escultor alavés Juan Antonio de Moraza; un suxeita o escudo real e outro o da cidade.
  • Pazo do Concello: o edificio actual érguese na Praza de España desde 1778. É obra neoclásica de Francisco Alejo de Aranguren, sob revisión de Ventura Rodríguez.
  • Casas nobres: Varios pazos urbanos salientan no casco vello de Miranda. Destacan a Casa de las Cadenas, construída no século XVI. Nela hospedáronse Napoleón e Fernando VII, que en 1828 mandou colocar unhas cadeas como lembranza da súa estadía. Outro edificio ddestacado é a Casa dos Urbina, tamén do século XVI, cos seus cubos defensivos. Albergou a Filipe IV, de paso para Francia, e Margarida de Savoia, vicerraíña de Portugal, que faleceu en 1655 neste edificio.
  • Estación de Ferrocarril: construída no 1862 polo arquitecto inglés Charles Vignoles, sendo unha das estacións máis antigas do Norte de España. Nela conflúen as liñas Madrid-Irún e Castejón-Bilbao.
  • Teatro Apolo: singular edificio construído en 1920 polo arquitecto rioxano Fermín Álamo. Destaca a decoración historicista como mostran bustos erixidos nas xanelas e a ornamentación vexetal.
  • Ruínas do castelo: foi construído no século XIV polo conde Don Tello e tivo uso ata as Guerras Carlistas, aínda que hoxe tan só se conservan algunhas murallas.
  • A Picota: esculpido en 1569 polo mestre local maese Miguel de Aguirre, trátase do "pelouriño" da antiga vila, símbolo do seu poder xudiciario e que tamén se podía utilizar como picota.

Edificacións relixiosas[editar | editar a fonte]

Igrexa do Espírito Santo de Miranda
  • Igrexa do Espírito Santo: antes coñecida como de San Nicolás. É en orixe un templo de estilo románico, xa mencionado no Foral de Miranda de 1099. A portada e a ábsida son do século XIII e a súa pequena nave gótica do século XVI. Durante a Guerra Civil sufríu importantes danos, pasando a denominarse do Espírito Santo logo da súa restauración.
  • Igrexa de Santa María: construída no XV, con estilo entre renacentista e gótico tardío. No seu interior descansa o corpo momificado do Chantre.
  • Igrexa dos Sagrados Corazóns: sita no antigo Convento de San Francisco, o templo foi construído no século XVI. Destaca a súa espectacular espadaina de estilo barroco, erguida en 1693.

Deporte[editar | editar a fonte]

O Club Deportivo Mirandés é un club de fútbol con sede na cidade de Miranda de Ebro. Foi fundado o 3 de maio de 1927 e desde 2012 compite na Segunda División. O club exerce de local no Estadio Municipal de Anduva, que conta cunha capacidade aproximada de 6.000 espectadores.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Miranda de Ebro

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]