Georg Zoëga
Debuxo de Georg Zoëga por Bertel Thorvaldsen. | |
Nome orixinal | (da) Jørgen Zoëga |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | Jørgen Zoëga 30 de decembro de 1755 Daler, Tønder. Dinamarca |
Morte | 10 de febreiro de 1809 (53 anos) Roma. Italia |
Lugar de sepultura | Igrexa de Sant'Andrea delle Fratte, Roma. |
País de nacionalidade | Dinamarquesa. |
Relixión | Luteranismo (ata 1783). Catolicismo (desde 1783). |
Educación | Universidade de Gotinga. Universidade de Leipzig. |
Director de tese | Christian Gottlob Heyne (pt) |
Q89547790 | Pioneiro da exiptoloxía. |
Actividade | |
Campo de traballo | Arqueoloxía, numismática, antropoloxía, exiptoloxía. |
Ocupación | antropólogo, historiador da arte, arqueólogo |
Empregador | Universidade de Kiel. |
Membro de | Real Academia Danesa de Ciencias e Letras. Real Academia de Belas Artes de Dinamarca. Academia Real das Ciencias de Prusia. Academia Bábara das Ciencias. |
Profesores | Christian Gottlob Heyne (pt) |
Alumnos | Friedrich Gottlieb Welcker (pt) |
Influencias | Christian Gottlob Heyne. Joseph Hilarius Eckhel. |
Familia | |
Cónxuxe | María Petrucioli. |
Fillos | Maria Emilia, Laura e Fredrik Salvator. |
Pais | Hans Zoega e Henriette Clausen |
Irmáns | Hans Zoëga. |
Premios | |
Cabaleiro da Orde de Dannebrog. | |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Allgemeine Deutsche Biographie (pt) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Lista
|
Georg Zoëga (chamado orixinalmente Jørgen Zoëga), nado na parroquia de Daler, concello de Tønder, na Dinamarca Meridional, o 20 de decembro de 1755 e finado en Roma o 10 de febreiro de 1809, foi un erudito dinamarqués destacado polo seu labor como arqueólogo, numismático e antropólogo. Foi investigador da escritura copta e un dos pioneiros da exiptoloxía.
Zoëga proviña dunha familia de sacerdotes; os seus antepasados trasladáronse ao sur de Dinamarca desde o norte de Italia no século XVI e aínda que a súa lingua materna era o alemán, publicou as súas obras en latín e italiano. Estudou nas universidades de Gotinga e Leipzig, e gozou do patrocinio do ministro dinamarqués Ove Höech-Guldberg. Tamén estudou durante algún tempo co numismático austríaco Joseph Hilarius Eckel.
Despois de 1783, Georg Zoëga viviu en Roma, onde se converteu ao catolicismo. Alí, o cardeal Stefano Borgia pasou a ser o seu principal mecenas. Desde 1790 foi membro da Real Academia de Belas Artes de Dinamarca. En 1798 foi nomeado cónsul xeral de Dinamarca en Roma. En 1802 foi elixido profesor e bibliotecario da Universidade de Kiel, aínda que nunca chegou a ocupar estes cargos. Tamén foi membro estranxeiro das Academias de Ciencias de Baviera e de Prusia, nesta última elixido en 1806, ao mesmo tempo que Goethe.[1][2] Dúas semanas antes da súa morte, foi elixido cabaleiro da reformada Orde de Dannebrog.
Como científico, Georg Zoëga buscou combinar a análise estilística de Johann Joachim Winckelmann cun enfoque filolóxico e tratou de construír unha tipoloxía da arte exipcia. Seguindo o espírito da escola de anticuarios, compilou compendios que describen obeliscos exipcios, moedas imperiais alexandrinas e baixorrelevos da época romana. Zoëga converteuse nun dos primeiros eruditos en descifrar os xeróglifos exipcios baseándose na filoloxía copta. Puido determinar que os nomes dos faraóns nos textos están rodeados por un marco (cartucho) e poden escribirse foneticamente, e identificou correctamente a importancia da Pedra de Rosetta para a descifraxe final da escritura exipcia. Como coptólogo, Zoëga foi o descubridor dos textos literarios e predicativos do patriarca da igrexa ortodoxa copta Xenute e realizou a súa primeira publicación. Tamén está considerado como un dos fundadores da arqueoloxía científica moderna.
En 1910 ergueuse un monumento ao científico en Copenhague. Entre 1967 e 2013, o corpus de correspondencia de Zoëga publicouse en seis volumes. En 2013 celebrouse en Roma e en Boloña unha conferencia internacional na súa memoria, na que se examinaron os seus logros como historiador da arte e como exiptólogo a nivel científico moderno.
Foron curmáns de Zoëga o botánico Johan Zoëga, alumno de Carl von Linné, e o diplomático Georg Nikolaus Nissen, segundo marido de Constanza Mozart.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe familiar
[editar | editar a fonte]O apelido Zoëga é de orixe italiana e provén do nome da illa Giudecca (en lingua véneta "Zuecca"), na lagoa de Venecia. Un dos seus antepasados, Matteo Zuecca, posuía a finais do século XVI unha propiedade en Verona e, logo de matar un opoñente nun duelo, fuxira a Alemaña, convertérase ao luteranismo e servira como mordomo en Mecklemburgo. Os fillos de Matteo (chamado daquela Matthias) convertéranse en sacerdotes luteranos en Schleswig, e logo, durante máis de cen anos, os representantes da dinastía serviron no sur de Xutlandia, en Vilstrup. Un descendente directo de Matthias foi Vilhade Christian Zoëga (1721-1790), o pai de Georg Zoëga. A súa esposa, Henriette Clausen, era filla do chanceler Otto Fredrik Clausen, quen gobernaba as propiedades de Skakkenborg e Treiborg nos territorios anexados de Schleswig. A familia Clausen tamén tiña sacerdotes, algúns dos cales estudaron en universidades alemás.[3]
Primeira época (1755-1773)
[editar | editar a fonte]Jørgen —así chamado durante a súa etapa en Dinamarca, antes de cambiar á forma alemá Georg— naceu o 20 de decembro de 1755, primoxénito de Henriette Clausen e de Vilhade Christian Zoëga, na parroquia de Daler, municipio de Tønner, onde estaba destinado o seu pai como sacerdote, que pouco despois foi trasladado a Mögeltönner. Puxéronlle como nome Jørgen na honra do seu avó, que finou pouco antes do seu nacemento. A nai morreu cando Jørgen tiña oito anos. Os ingresos do pai como sacerdote permitíronlle contratar mestres para a educación de Jørgen e dos seus dous irmáns e as súas dúas irmás, que estaban baixo unha estrita supervisión paterna. Ao notar as habilidades de Jørgen, Vilhade decidiu confiarlle a formación a un irmán seu, un sacerdote chamado Matthias. Na correspondencia do seu pai constátase que Jörgen, aos seus 10 anos, gozaba coa lectura e co estudo. Na súa educación prestóuselle especial atención ás linguas estranxeiras, en tanto que se prohibiron a música e o debuxo. A xulgar polo amor de Zoëga pola poesía de Friedrich Gottlieb Klopstock, así como polo feito de que a correspondencia coa súa familia se realizaba en alemán, este idioma foi o seu idioma materno, e no que recibiu a súa educación inicial, aínda que non hai dúbida de que dominaba tamén o idioma dinamarqués.[4][5]
En Pascua de 1772, Zoëga ingresou no Gymnasium de Altona, un distrito situado na parte oeste da cidade Hanseática de Hamburgo. Con 16 anos, demostrou un excelente dominio dos idiomas grego e inglés, e recitaba e analizaba as epopeas de Homero e os poetas británicos. No Gymnasium creou un club de tradución e estudou retórica. Na primavera 1773 aprobou con éxito os seus exames finais e foi recomendado para a Universidade de Gotinga.[6]
Etapa universitaria (1773-1777)
[editar | editar a fonte]Georg Zoëga estivo na cidade de Gotinga durante o apoxeo da súa universidade, que tiña sona de ser un templo da ciencia pura, e non só como unha institución que formaba funcionarios e sacerdotes. Logo do nomeamento de Christian Heyne como profesor en Gotinga en 1763, comezou nela o auxe das disciplinas históricas e filosóficas, que levaron á creación da filoloxía clásica moderna e a arqueoloxía como disciplinas académicas.[8] Zoëga estudou durante tres anos en Gotinga, e deste período consérvanse 14 cartas que permiten xulgar as circunstancias da súa vida e a súa evolución espiritual. O seu pai proporcionou unha cantidade para a educación suficiente para que o seu fillo puidese elixir disciplinas académicas ao seu gusto.[9]
Durante o seu primeiro ano de estudos, Zoëga interesouse especialmente polas clases de Lóxica, de Metafísica e de Filosofía Práctica de Johann Feder. Un ano e medio despois, el mesmo determinou un programa de autodesenvolvemento, baixo a supervisión do profesor de historia Miners e co beneplácito do seu pai, que se amosaron favorables á súa idea de incidir no estudo da filosofía pura, illada da filoloxía e da historia, que consideraba inútiles. Sen abandonar a súa paixón por Klopstock, Zoëga uniuse ao club literario Gotinga Grove, dirixido por Johann Voss, cuxos membros, ademais de promover a poesía de Klopstock, crearon obras poéticas, discutiron sobre elas, traduciron clásicos antigos e practicaron diversos rituais pagáns que conmocionaron a burguesía da época. Neste grupo, Zoëga relacionouse particularmente con Christian Esmarch, e xuntos estudaron os textos de Píndaro e a lingua italiana, que preferían á francesa. No entanto, un ano despois, Esmarch mudouse a Copenhague, o que levou consigo un arredamento entre Zoëga e o Gotinga Grove.[10]
No semestre de inverno de 1774-1775, Zoëga finalmente decidiu dedicarse á Historia. Foi admitido nos seminarios do profesor Heyne sobre antigüidades gregas, que logo considerou como "a mellor escola da súa vida". Asistiu ao curso sobre a Antigüidade romana durante só catro semanas; nunca tomaba apuntamentos na clase, mais podía establecer unha discusión co profesor, que el sempre aprobaba e apoiaba. Nestes seminarios exploraron a historia civil da antiga Atenas, as institucións do goberno popular e a súa transformación, a relixión antiga, a arte da guerra e as estruturas da vida cotiá. No semestre de verán de 1775, Zoëga descubriu as obras de Winckelmann e o método morfolóxico. Durante o seu derradeiro semestre en Gotinga, recibiu tamén clases de estatística, diplomacia, política e historia moderna.[11]
O biógrafo de Zoëga, Adolf Jørgensen, argumentou que se no ensino secundario en Altona e no universitario en Gotinga o científico se formou exclusivamente no mundo dos libros, durante unha viaxe de verán a Suíza e a Italia, así como durante o semestre de inverno na Universidade de Leipzig, puido relacionar os seus coñecementos teóricos coa realidade. No verán de 1776, Georg chegou a Zürich, onde foi recibido na casa do poeta Solomón Gessner. Logo desprazouse a Roma, interesado polo país dos seus antepasados, e decidiu que “podería desenvolver a súa sensibilidade cara á beleza”, segundo lle dixo ao seu pai nunha carta.[12]
De Roma, Georg Zoëga dirixiuse a Nuremberg, onde permaneceu só uns días. A Universidade de Leipzig decepcionou a Zoëga. O seu pai insistiu en que estudase co profesor Johann Ernesti, aínda que este resultou amosarse arrogante e non tomou a Georg en serio. No entanto, nesta cidade retomou a comunicación co barón Wedel-Jarlsberg, a quen coñecera en Gotinga, e tamén lle escribía constantemente a Esmarch en Copenhague. Na primavera de 1777, regresou á súa casa en Mögeltönner.[13]
Copenhague - Viena - París - Roma (1777-1785)
[editar | editar a fonte]Depresión
[editar | editar a fonte]Segundo Adolf Jørgensen, logo do regreso de Georg Zoëga de Alemaña, sufriu unha crise interna que durou dous anos. Regresou á casa do seu pai nun “estado de ánimo filosófico” —máis tarde, a melancolía converteríase no seu estado de ánimo habitual—. No primeiro ano traballou como mestre e educador para a súa irmá e os seus irmáns menores, que se converteron en sacerdote e en administrador inmobiliario, respectivamente. Georg ensinoulles francés e inglés. Fixo algúns intentos de escribir poemas e baladas en dinamarqués e en inglés, aínda que finalmente non chegou a se converter en poeta. Tamén comezou a traballar nunha disertación filosófica sobre o suicidio e o alén —como aparece no diario do seu pai—, mais algúns dos documentos familiares se perderon nun incendio, entre eles o manuscrito da súa tese.[14]
Vilhand Zoëga insistiu en que Georg se postulase para un posto de profesor nalgunha universidade, e suxeriulle a de Kiel. En outubro de 1777, viaxou por mar a Copenhague e instalouse na casa do marido da súa defunta tía Anna, na habitación do seu curmán Georg Nikolaus Nissen. Alí Georg frecuentou a biblioteca da universidade e converteuse nun asiduo da ópera italiana.[14] Atopouse con problemas para atopar un emprego para se manter economicamente.[15] Na primavera de 1778, Georg sentiu atracción por unha muller, coa que mantivo unha relación que acabou nunha abrupta ruptura, o que incrementou o seu sentimento depresivo. Zoëga enfermou gravemente, probablemente polo seu sistema nervioso; estaba desgustado coa súa existencia, aínda que se recuperou un pouco no verán. Considerou humillante o seu regreso á casa do seu pai en agosto, e Vilhand escribiu no seu diario que o seu fillo seguía tan triste como cando partira cara a Copenhague.[16]
Grand Tour
[editar | editar a fonte]En outubro de 1778, Zoëga foi contratado como mestre orientador do fillastro de 15 anos do rico terratenente Jacob Brögger en Kerteminde. A encomenda consistía en preparalo para ingresar na universidade e logo acompañalo nas súas viaxes ao estranxeiro. Ocupou este posto durante seis meses, durante os cales e a correspondencia con diversos amigos demostra graves cambios de humor. O terratenente consideraba a Georg un excéntrico e el queixábase da súa falta de espiritualidade, aínda que ao mesmo tempo eloxiaba a súa paciencia.[17]
En marzo de 1779, Georg abandonou a provincia porque o camarlengo Albrecht Christopher von Heinen, de 20 anos, buscaba un compañeiro para o seu Grand Tour, para o que se lle recomendou unanimemente a Zoëga. O 28 de marzo dese ano, Georg partiu de Odense e permaneceu en Copenhague máis dun mes; toda a correspondencia e o diario deste período están escritos exclusivamente en italiano.[18] A viaxe comezou o 1 de xuño, e no camiño Zoëga logrou visitar o seu pai. A ruta pasaba por Kiel e Hamburgo ata Harz, e logo pasaba por Wolfenbüttel e Gotinga. A estadía na universidade durou oito meses: do 7 de xullo de 1779 ao 5 de marzo de 1780. Zoëga descubriu que a cidade e a universidade melloraran nos últimos tres anos. Volveu a comunicarse co profesor Heyne, que o acolleu calorosamente, e xa non cambiou o tema da investigación científica, leu memorias sobre Winckelmann e estudou intensamente historia da arte. A correspondencia menciona repetidamente a lectura das obras estéticas de Lessing, Herder e Goethe, entre as que deu preferencia ás deste último.[19] A viaxe continuou ata Ratisbona, onde o 26 de marzo Zoëga celebrou a Pascua e se queixou en cartas da “esterilidade” do seu propio espírito.[20]
Ao longo do Danubio, os viaxeiros chegaron a Viena. O diario de Zoëga en italiano foi o seu primeiro texto literario voluminoso dotado dunha trama coherente. Este diario continuou recollendo a viaxe cara a Venecia e Como, ata chegar a Roma, o principal destino. Christopher von Heinen e Zoëga permaneceron en Roma do 27 de xuño ao 30 de outubro. Logo fixeron unha viaxe a Nápoles de cinco meses; as escavacións de Pompeia e Herculano deixaron a Georg indiferente, e os templos de Paestum causáronlle unha impresión moito maior.[21] Entre o 29 de marzo ao 23 de maio de 1781, os dous viaxeiros volveron residir en Roma. Polo Nadal, aparece no diario de Zoëga un “Bosquexo para un experimento no estudo da Antigüidade” (dinamarqués: Skitse til et Forsøg over Studet af Oldtiden).[22] Logo dirixíronse a Turín. Os viaxeiros tiñan aínda por diante unha estadía de dous anos en Francia, os Países Baixos e Inglaterra, mais as circunstancias na casa cambiaron radicalmente e provocaron a conclusión da xira.[23]
O 28 de maio, Christopher e Georg separáronse en Turín: o primeiro foi directamente a Dinamarca e o segundo dirixiuse inicialmente a Gotinga —o profesor Heyne insistiu en que Zoëga debería dedicarse só a actividades intelectuais e ofreceulle recomendacións— e regresou finalmente a Copenhague o 23 de xullo de 1781. Por recomendación do seu tío, o ministro Ove Høegh-Guldberg recibiuno e encomendoulle ordenar as coleccións numismáticas do palacio de Fredensborg; no futuro estaba previsto gravar os exemplares máis senlleiros en cobre, acompañados dunha descrición científica. Alí tamén se gardaban algunhas das coleccións do propio Guldberg. A tarefa durou un total de 10 meses e foi o primeiro traballo científico de éxito de Zoëga. Colaborou co escultor Johannes Wiedewelt, cuxas opinións estéticas estiveron moi influídas por Winckelmann. En 1786 ilustrou tamén unha edición de antigüidades exipcias e romanas con 27 láminas gravadas en cobre; era unha descrición da colección persoal de Guldberg.[24]
Viaxe científica, inicio na numismática e casamento
[editar | editar a fonte]En cartas de novembro de 1781, Zoëga escribiu que o ministro Guldberg se convertera nun admirador do seu talento e do seu coñecemento, o que fixo que o recomendase a moitas persoas influentes, entre elas o primeiro ministro Frederik Moltke, que estaba moi interesado nas antigüidades clásicas e que tamén apreciaba o talento de Georg. O propio Zoëga, logo de completar o seu traballo coa colección de moedas do ministro, leu a Platón, de quen en Copenhague só achou unha colección das súas obras, publicada en 1534.[25]
O 22 de xaneiro de 1782, Georg Zoëga solicitoulle ao rei unha bola económica para unha viaxe científica, e o 20 de abril emitiuse un decreto ao respecto por proposta do Gabinete de Ministros. Zoëga recibiu o título de Studosum philologiæ et antiquitatum para o estudo da numismática antiga, e a partir do 1 de abril asignáronselle 600 riksdaler por un período de dous anos. O 11 de maio de 1782, Georg foi recibido polo ministro Guldberg e ese mesmo día abandonou Copenhague.[26]
Guldberg deulle instrucións a Zoëga: tiña que traballar durante seis meses nas coleccións antigas de Viena, nove meses en Italia e tres meses en Francia e Alemaña. Georg chegou a Viena o 5 de xullo e, polo camiño, visitou a colección numismática Schmettau en Holstein. Tivo que achar unha linguaxe común co abade Joseph Hilarius Eckel, o primeiro especialista universitario profesional en numismática. As recomendacións que o acompañaban déronlle inmediatamente libre acceso ás coleccións; permitíuselle asistir ás conferencias de Eckel para uns poucos elixidos e mesmo ao seu arquivo. Zoëga mergullouse por completo na ciencia e apenas se comunicaba con ninguén excepto co seu mestre, cos diplomáticos daneses e co nuncio papal. Finalizados os traballos previstos, Zoëga chegou a Roma o 30 de xaneiro de 1783, e alí traballou durante dous meses diariamente co profesor Andreas Birch, a quen coñecía de Gotinga, para afondar na crítica textual bíblica e na codicoloxía. Nos seus primeiros días en Roma, Zoëga coñeceu dúas persoas que determinaron o seu destino: o cardeal Stefano Borgia e a súa futura esposa, María Petrucioli. Os ingresos e o tempo de lecer permitíronlle ir a Albano, onde máis tarde Zoëga alugou unha casa de campo para a tempada de calor; alí coñeceu a Antonio Canova e ao escultor Bertel Thorvaldsen.[27]
Maria Petrucioli (1763-1807) era filla dun artista a quen o profesor Birch lle alugaba un apartamento. Segundo a opinión xeral dos seus contemporáneos, tiña unha beleza notable, "a primeira en Roma". Unha carta a un erudito bíblico datada o 5 de abril indica que Georg iniciou un achegamento con “Mariucia”, aínda que debía acompañar o barón Wedel-Jarlsberg a Nápoles, onde exercía como cónsul dinamarqués. Zoëga tiña présa por acceder ás coleccións privadas da nobreza italiana. Tras regresar a Roma, tomou a decisión máis importante para si mesmo: en xullo converteuse á fe católica e o 7 de agosto de 1783 casou con María Petrucioli —os matrimonios de non católicos estaban prohibidos no Estado Pontificio—. Despois disto puido abandonar o barrio de estranxeiros e mudouse coa súa esposa a unha casa na Piazza Santa Maria Rotunda. A decisión de se converter foi espontánea; Georg nin sequera advertira previamente o cardeal Borgia, que se amosou entusiasmado cando máis tarde soubo que se convertera á relixión católica e que casara cunha muller italiana. O matrimonio, segundo Zoëga, non debería modificar o seu plan de viaxe, mais dúas semanas despois da voda escribiu unha carta ao respecto, escrita en dinamarqués, na que dicía: “Estou canso do idioma alemán e de todo o xermánico”.[28][29]
O cardeal Borgia convenceu doadamente a Zoëga para que pasase o inverno en Roma e logo rexeitase a bolsa dinamarquesa e viaxase a París ás súas expensas. O cardeal tamén lle ofreceu que se encargase de compilarlle unha descrición dos monumentos exipcios da súa colección persoal, ao que seguiu un traballo de análise de moedas alexandrinas da época romana e con lendas en grego, que non foran catalogadas. O catálogo comentado elaborado incluía máis de 400 descricións con ilustracións gravadas sobre cobre; no entanto, debido a unha serie de circunstancias, non se publicou ata 1787, converténdose na primeira publicación de Zoëga.[28][29][30]
Na primavera de 1784, Zoëga, deixando a súa esposa en Roma, pasou por Florencia ata París, a onde chegou o 12 de maio “nun estado de excitación mental, pero fisicamente esgotado”. Quedou co nuncio Príncipe Doria, quen acadou permiso para que Georg traballase con todas as coleccións do Gabinete de Moedas e Medallas da Biblioteca Nacional. En París, Zoëga recibiu unha carta de Guldberg, quen o chamou á súa terra natal, garantíndolle un acollemento amigable. Así e todo, científico decidiu regresar a Roma e abandonou a capital francesa o 19 de xuño. Inmediatamente despois de chegar a Roma, Georg caeu gravemente enfermo; a crise orou catro semanas e a recuperación durou todo o outono. En outubro, a parella viviu na residencia Borgia en Velletri, onde María e Georg tiveron unha filla.[28][29]
Mentres tanto, en Copenhague os inimigos da súa familia difundían rumores sobre a apostasía de Zoëga. Mesmo así, o pai amosouse tranquilo e Esmarch, nunha mensaxe datada o 8 de decembro, recomendou “resolver o malentendido”. O curmán Georg falou no Consello de Estado o 30 de decembro e logrou que o Estado lle concedese unha nova prestación de 600 riksdaler, e logo unha renda vitalicia de 800 riksdaler ao ano e un apartamento. O 11 de xaneiro de 1785 chegou a Roma unha carta na que se informaba desta cuestión, un día despois de que a Zoëga se lle concedese unha audiencia co Papa Pío VI, na que lle outorgou unha pensión de 300 escudos ao ano, o que correspondía a 1.200 coroas dinamarquesas. Así as cousas, Zoëga escribiu ao seu curmán para lle dicir que a súa saúde xa non lle permitiría regresar a Dinamarca. Só no verán, Georg confirmou á súa contorna familiar que se convertera á fe católica e que tiña unha esposa e unha filla italianas. O 30 de xuño, por decisión do Gabinete de Ministros dinamarqués, cancelouse o pagamento da pensión concedida a Zoëga.[31][32]
Período romano. Actividade creativa
[editar | editar a fonte]"Anos de calma" (1785-1797)
[editar | editar a fonte]A pensión papal foi concedida a Zoëga "en espera de ocupar un cargo que lle corresponda". O cardeal Borgia, que dirixía o Collegio di Propaganda Fide, contratou o dinamarqués como tradutor de novos idiomas europeos. Dúas semanas máis tarde, a finais de 1785, Georg alugou a casa número 44 (Casa Tomati) na Strada Gregoriana, no monte Pincio, onde viviu durante 24 anos ata a súa morte. A casa estaba fronte a Villa Malta, preto das ruínas do Foro e da basílica de Santa Maria del Popolo, con vistas ao Vaticano. Despois de 1789, nunca saíu de Roma, excepto para viaxes ao campo a Albano ou a Velletri. Recibir un ingreso regular permitiulle completar o traballo sobre os obeliscos exipcios e, desde entón, dunha forma ou doutra, todas as publicacións de Zoëga estiveron relacionadas co Antigo Exipto. Na súa biografía, os 24 anos romanos divídense en dous períodos: doce anos “de calma” e outros doce “turbulentos”.[34][35][36]
A pensión papal era pequena para os gastos de Zoëga, polo que aceptaba tamén outros traballos remunerados na súa especialidade. Borgia pagoulle á parte os seus estudos sobre os obeliscos. Ademais, Zoëga serviu como guía para viaxeiros da nobreza e cumpriu un pedido dunha universidade inglesa de realizar unha copia dun manuscrito grego veneciano da Biblia. Aínda que rexeitou o pagamento polo seu libro sobre as moedas romanas de Exipto, na primavera de 1788 Borgia entregoulle a edición terminada, e os ingresos netos da venda do libro, segundo os cálculos do autor, ascenderon a unha cantidade equivalente á súa pensión anual. En Dinamarca tampouco se esqueceran del, e na primavera dese ano recibiu unha carta do seu curmán Nissen con promesas de encargas para o futuro. Ademais, Zoëga asesorou con frecuencia o cónsul dinamarqués Schlanbusch, e o príncipe herdeiro Federico fixoulle unha pensión anual de 704 coroas (220 riksdaler) a partir de 1788. O príncipe Federico presentou tamén a candidatura de Zoëga á Real Academia de Belas Artes de Dinamarca o 22 de febreiro de 1790, e consecuentemente saíu elixido membro de pleno dereito nas eleccións do 29 de marzo de 1791. Nesta academia consideróuselle como unha especie de axente italiano e pedíaselle que informase anualmente sobre os acontecementos dos estados italianos modernos, polo que recibía unha gratificación de 320 coroas (100 riksdaler).[37][38]
Malia a súa alta posición e os ingresos garantidos que foi acadando, a habitual tristura e o medo ao futuro de Zoëga nunca o abandonaron. En 1790 morreu o seu pai, quen deixou en herdanza máis de 70.000 riksdaler, dos cales Georg recibiu uns trece mil en ouro. Consonte os documentos dispoñibles, non investiu este diñeiro e simplemente foino gastando para vivir, probablemente sen un sentido económico práctico. A súa muller tiña unha criada, a casa estaba sempre aberta, e numerosos amigos italianos, alemáns e escandinavos mencionaban adoito a hospitalidade da parella. No inverno de 1796-1797, a correspondencia dá conta de débedas menores que foron pagadas polos seus amigos, entre eles o príncipe Emil de Augustenborg.[37][38]
A vida familiar de Zoëga non foi feliz. En Roma contraeu malaria, pola que mesmo houbo de morrer. Durante 23 anos de matrimonio con María, tivo once fillos, tres dos cales naceron mortos, outros cinco morreron na infancia e tres viviron ata a idade adulta: as súas fillas Emilia e Laura, e o seu fillo Fredrik Salvator. Nos primeiros anos do seu matrimonio, Georg gabou repetidamente a xentileza de carácter e a paciencia de María, que eran completamente opostas á súa tristura, á súa impaciencia e á súa explosividade. Ademais, Zoëga estivo constantemente atormentado en Roma pola morriña por Dinamarca, alimentada polo constante desexo dos seus compatriotas de que volvese á súa terra natal. Co tempo, o ambiente familiar deteriorouse; María deixou os seus fillos ao coidado de serventes e levou un estilo de vida secular.[39] En correspondencia con Friederike Brun e os seus irmáns, Zoëga queixouse de que nunca chegou a adaptarse culturalmente a Italia e consideraba os romanos "frívolos e pouco fiables". Á parte do cardeal Borgia, non tiña amigos italianos que tomasen en serio a ciencia das antigüidades. Na década de 1790, Zoëga permitiuse críticas inequívocas ao clero católico e á censura papal, que eran contrarias a calquera actividade intelectual libre.[40]
En 1794, xurdiu un plan para establecer a Zoëga como profesor na Universidade de Kiel cun salario de 800 riksdaler ao ano; Kiel estaba máis preto dos centros intelectuais de Europa e tiña un clima mellor que Copenhague. Máis tarde Georg foi proposto para o posto de Anticuario Real Dinamarqués, pero no momento da campaña italiana de Napoleón non se fixera nada ao respecto.[41]
"Anos turbulentos" (1797-1809)
[editar | editar a fonte]O Tratado de Tolentino do 19 de febreiro de 1797, que autorizou a exportación de obras de arte dos Estados Pontificios a Francia, provocou un gran impacto en Zoëga. A colección do Museo do Louvre incluía 153 estatuas, 219 relevos e bustos, 145 vasos e frisos, e moitos outros obxectos. Debido ao pagamento de indemnizacións, as obrigas do Tesouro papal de pagar salarios e pensións reducíronse á metade. Nese momento, o príncipe Emil de Augustenborg achábase en Roma co diplomático Edmund Burke, quen utilizou os servizos de Zoëga como guía. Logo serviu como cicerone do conde Raventlov, cuxa esposa era irmá do Ministro de Finanzas dinamarqués. Convenceron a Zoëga para que presentase unha petición en nome real solicitando o máximo patrocinio, sen especificar as circunstancias. Este documento estaba datado o 30 de agosto de 1797 e foi lido no Consello de Estado o 10 de xaneiro de 1798. Daquela, decidiuse concederlle a Zoëga o posto de Cónsul Real en Roma, cun salario de 300 riksdaler (960 coroas), e por respecto aos seus méritos científicos establecéuselle unha pensión anual de 300 riksdaler, que logo pasou á súa filla ata a morte desta en 1868. No decreto do nomeamento consular do 24 de abril, o salario de Zoëga elevouse a 400 riksdaler.[42] En marzo de 1797, por recomendación de Friedrich Munter, Zoëga coñeceu o escultor Bertel Thorvaldsen, quen máis tarde se convertería nun seus dos amigos máis achegados.[43]
Logo da captura francesa de Roma no inverno de 1797-1798, provocada polo asasinato do xeneral Dufault por parte da Garda Papal, Zoëga comezou a manter correspondencia cos seus familiares en italiano. Describiu a creación da República Romana o 15 de febreiro de 1798 e a plantación da “Árbore da Liberdade” no Capitolio. Probablemente estivese cativado por sentimentos revolucionarios e escribiu con orgullo que se convertera nun verdadeiro cidadán romano. Nese contexto, foi elixido membro do Instituto nazionale, que se acababa de crear, na sección de Historia e Antigüidades —aparece citado á italiana, como Giorgio Zoega—; el era o único estranxeiro dos seus corenta membros. Posteriormente tivo que lle dar unha explicación ao Goberno dinamarqués, xa que o xuramento inaugural incluía maldicións contra a tiranía e a monarquía. Zoëga participou activamente no traballo do Instituto, e leu informes sobre a mitoloxía antiga e a interpretación dos antigos baixorrelevos. No entanto, o 8 de marzo de 1798, o seu principal mecenas, o cardeal Borgia, foi arrestado, exiliado a Padua e as súas propiedades confiscadas. Zoëga, aproveitando a súa posición como cónsul, solicitou para el unha pensión dinamarquesa por ser “un marido digno, durante moito tempo patrón dos daneses en Roma”. Por real decreto do 29 de agosto de 1798, o cardeal recibiu un subsidio único de 200 riksdaler e unha pensión de 800 riksdaler por ano. Tales accións provocaron que, despois da captura de Roma polo Reino de Nápoles, o cónsul dinamarqués fose recibido amablemente polo novo Goberno o 18 de outubro, e logo escribiu constantemente ao Ministerio de Relacións Exteriores de Dinamarca, recompilando informes políticos e comerciais con rigor científico. En 1801-1802, Zoëga logrou o establecemento de dous viceconsulados en Ancona e Civitavecchia, separados para Dinamarca e Noruega, que estaba baixo dominio dinamarqués.[44]
Despois da chegada do século XIX, o estado de ánimo de Zoëga cambiou. Escribiu con irritación que era imposible combinar o comercio e as antigüidades. Nese momento, o conservador da Universidade de Kiel, Fredrik Reventlow, retomou o proxecto de que Georg volvese á súa terra natal, outorgándolle unha cátedra asistente en Filoloxía Clásica. A petición ao rei foi presentada o 18 de marzo de 1801; isto coincidiu coa recuperación da correspondencia entre Zoëga e Esmarch, interrompida dezasete anos antes. Polo decreto do 14 de abril de 1802, Zoëga foi nomeado profesor de Arqueoloxía e bibliotecario na Universidade de Kiel, cun salario total de 1.000 riksdaler ao ano (500 pola cátedra, 400 pola biblioteca e 100 pola compensación das deducións fiscais) e ademais unha subvención única de 800 riksdaler para o traslado. Entre os artigos de Zoëga áchase unha conferencia sobre mitoloxía grega en alemán, sen dúbida destinada á universidade. Porén, o profesor sufriu un ataque de febre e, ademais, tanto a súa esposa María como o cardeal Borgia se opuxeron firmemente á medida. O Goberno permitiu que se pospuxese a toma de posesión do cargo ata o ano seguinte, algo que Borgia defendeu persoalmente. E en 1803, Zoëga non abandonou Roma, pero o 23 de abril de 1804 presentou unha petición ao Príncipe Herdeiro para que renunciase á súa cátedra, xustificándoo pola súa mala saúde, a súa renitencia a se separar da súa esposa e a súa preocupación polos científicos daneses en Roma. En resposta, o 25 de maio emitiuse un decreto que asignaba a Zoëga un salario de profesor de 500 riksdalers, e por decisión do rei, o 24 de agosto, engadiuse o salario de bibliotecario co desexo de “atopar beneficios para as ciencias filolóxicas e arqueolóxicas en Roma”. Ao mesmo tempo, a universidade foi compensada polos gastos do salario de Zoëga. As funcións consulares de Zoëga en Roma foron transferidas ao enviado dinamarqués en Nápoles, o barón Schubart e ao vicecónsul de Ancona. Consérvase unha carta do escultor Thorvaldsen a Schubart, na que se transmitía a gran alegría do “noso bo e digno Zoëga” nesta ocasión. Nunha carta persoal a un amigo anónimo —o comezo da carta non se conserva—, Georg Zoëga argumentou que a decisión real fora unha verdadeira sorpresa. No verán sufriu doenzas oculares e estomacais, e a súa esposa recrimináballe constantemente que debería ter casado cunha muller dinamarquesa. A depresión intensificouse aínda máis coa morte do cardeal Borgia, que se produciu en Francia o 23 de novembro de 1804, camiño a Roma desde a coroación de Napoleón, á que estaba invitado. Logo da morte de Gorgia, as responsabilidades en relación con Zoëga asumiunas o seu sobriño, Camillo Borgia, quen tamén estivo asociado co servizo diplomático dinamarqués.[45]
Foi durante este período cando Zoëga recorreu á coptoloxía e comezou a compilar un catálogo de manuscritos exipcios da colección Borgia. En xaneiro de 1807, Zoëga desenvolveu unha doenza cardíaca, agravada pola morte da súa esposa o 6 de febreiro. O agora viúvo de 51 anos autodenominábase “vello” nas súas cartas. Camilo Borgia invitouno a traballar con Piranesi para producir un álbum con debuxos de relevos romanos que representasen a vida cotiá antiga. O 16 de marzo de 1807 asinouse ao respecto un contrato por un ano cun salario de cinco escudos por cada edición de gravados con texto explicativo. Isto axudou a superar a depresión e activou a Zoëga. En total, a publicación prolongouse ata a súa morte, cun total de 115 gravados, o derradeiro sen texto explicativo, que Zoëga non tivo tempo de escribir. Así e todo, os volumes publicados non representaron máis que unha doceava parte do previsto.[46]
A depresión de Zoëga volveu cando recibiu a noticia do abandono da neutralidade por parte de Dinamarca e o posterior bombardeo británico de Copenhague; Thorvaldsen, que acababa de chegar a Roma, informou dos detalles. Porén, en Roma a censura non permitía o paso de xornais e revistas políticas, e os estudos antigos foron tranquilizando pouco a pouco a Zoëga, que permaneceu indiferente ante as conquistas napoleónicas. A guerra da Cuarta Coalición non se mencionou en absoluto na súa correspondencia, o que enfureceu a algúns amigos alemáns. Georg sobreviviu con dificultade ao inverno de 1808, dado que polo Nadal ía unha friaxe pouco habitual. Nunha carta datada o 28 de decembro, exclamou desesperado que “en feliz ignorancia... Non me decatei de que o estudo das antigüidades é só un xeito de entretemento, talvez unha perda de tempo”.[47]
Morte e legado
[editar | editar a fonte]A doenza empeorou en 1809. A partir do 1 de febreiro, Georg xa non se levantaba da cama. Malia os esforzos do doutor Lupi, que vivía na súa casa e vixiaba o paciente as 24 horas do día, o seu estado non mellorou. Thorvaldsen converteuse no enfermeiro constante do dinamarqués, que rexistrou os derradeiros días de Zoëga no seu diario, e os artistas Wahl e Lund tamén axudaron moito. Dúas semanas antes da súa morte, Zoëga foi aceptado como membro da Orde de Danebrog nunha asemblea xeral de cabaleiros. Xa moribundo, recibiu a unción do párroco e dun frade capuchino, e finou na madrugada do 10 de febreiro. Thorvaldsen obtivo unha máscara mortuoria, a partir da cal creou un debuxo de perfil, que se incluíu por primeira vez no segundo volume da edición de baixorrelevos. O corpo de Zoëga foi exposto na basílica de Sant'Andrea delle Fratte e despois da misa foi enterrado no mesmo lugar, sen marcar a tumba.[48][38] Publicáronse varios obituarios, entre eles o do helenista dinamarqués Niels Iversen Skou, o do aspirante a diplomático Andreas Christian Gerlev,[49] e o do erudito francés Arsene Thibault de Bernaud.[50]
Os fillos de Zoëga foron acollidos por amigos italianos e daneses da súa familia. A biblioteca do erudito valorouse en 136 escudos, pero vendeuse por só 56. Thorvaldsen pagou débedas por valor de 343 escudos, así como outros 313 escudos por gastos funerarios. Na casa de Georg Zoëga acháronse 3.200 escudos en efectivo,[51] que lle foron entregados ao banqueiro Saverio Schultheis para que se ocupase dos fillos do defunto.[52] A tutela concedéuselle ao tío do defunto, Karl Zoëga de Stenderupard. Pola súa parte, o arquivo foi adquirido polo Estado dinamarqués mediante o Decreto do 2 de setembro de 1809, a cambio do pagamento da pensión paterna a favor dos seus fillos. O fillo Federico debía recibir 500 riksdaler ata que alcanzase a maioría de idade, e as súas fillas Laura e Emilia recibirían 200 riksdaler antes do matrimonio, e outros 1.000 como dote.[53]
Actividade intelectual
[editar | editar a fonte]Zoëga e Christian Gottlob Heyne
[editar | editar a fonte]O contacto máis estreito entre Georg Zoëga e o profesor Christian Gottlob Heyne en Gotinga durou desde abril de 1773 ata o verán de 1776, cando o daquela estudante danés asistiu ás conferencias e aos seminarios sobre antigüidades romanas e gregas, sobre Píndaro, sobre a historia da literatura romana e sobre a Odisea de Homero. En 1779 asistiu tamén aos seminarios de Heyne sobre arqueoloxía, únicos naquela época, xa que estaban ausentes dos plans de estudos doutras universidades europeas. A partir de 1780 tivo lugar en Roma unha correspondencia constante entre o mestre e o alumno, cando Zoëga declarou que Heyne lle enviaba un cuestionario que só podía completarse examinando os monumentos pertinentes. Georg referiuse a estes estudos como "anticuarios" (en alemán: antiqvarische Studium) e, no mesmo contexto, mencionou repetidamente o altísimo nivel de respecto que o seu mestre, co seu "penetrante ollo filosófico e o seu espírito sereno", lle infundira. En xullo de 1781 tivo lugar un encontro persoal con Heyne durante outra visita a Gotinga. Nunha carta ao seu pai, o investigador sinalaba que foran estas conversas con seu mestre as que desempeñaran un papel clave á hora de determinar a súa vocación na vida. Zoëga decatouse de que a ciencia da arqueoloxía aínda non se establecera como tal e de que o seu obxectivo específico aínda non se formulara. Heyne, que concibira un plan de investigación para si mesmo, buscaba desde había tempo un científico novo adecuado "cuxo espírito puidese seguir o seu, libre de prexuízos e, ao msmo tempo, cheo do entusiasmo suficiente para dedicar todas as súas enerxías exclusivamente á ciencia". Georg Zoëga comprometeuse a realizar tanto como lle fose posible, pois xa desde a súa primeira viaxe a Italia se inclinara polo estudo da Antigüidade.[54]
A partir de 1784, a correspondencia entre Zoëga e Heyne pasa a ser esporádica. Así e todo, en outubro de 1789 Georg notificou ao su mestre a publicación do seu catálogo de moedas imperiais alexandrinas da época romana procedentes da colección Borgia. Heyne enviáralle unha longa carta en resposta, na que acollía con satisfacción o xiro de Zoëga cara á arqueoloxía exipcia e, como de costume, aconsellaba a literatura. Na correspondencia posterior, no entanto, prevaleceu un enfoque crítico. Heyne reprendeu a Zoëga por confiar demasiado nas fontes grecorromanas, en tanto que a perda do significado dos xeróglifos exipcios facía imposible a dobre comprobación da información facilitada por autores posteriores. Con todo, no libro sobre os obeliscos Heyne recoñeceu o labor dun verdadeiro erudito e experto en antigüidades. Do mesmo xeito, o profesor gabou o libro de Zoëga sobre os baixorrelevos romanos, que proclamou "a promesa dunha nova era na crítica de arte".[55]
O arqueólogo alemán Daniel Grepler chamou a atención sobre o feito de que, malia a reverencia por Heyne expresada constantemente na súa correspondencia, Zoëga apenas o citou nos seus propios tratados. Só nunha ocasión se mencionan os seus comentarios sobre Apolodoro e os seus tratados sobre as momias. É posible que isto explicase a inaccesibilidade das obras de Heyne en Roma. Tampouco se conservan os apuntamentos das clases de Heyne tomados por Zoëga; de feito, non existen fontes que poidan amosar en detalle ata que punto Georg percibía as ideas do seu mestre. Non obstante, a comparación da herdanza científica de Zoëga e Heyne permite extraer unha serie de conclusións importantes. En primeiro lugar, Zoëga asimilou a idea de Heyne de que as probas arqueolóxicas permiten traducir a información que non se reflicte nos rexistros escritos. Co tempo, porén, Heyne desenvolveu unha hipercrítica das fontes escritas, que Zoëga tratou de superar xuxtapondo os achados da análise da historia da arte e dos materiais, e a crítica das fontes escritas. Heyne favorecía o establecemento da fiabilidade dos feitos históricos e a estrita racionalidade das conclusións, negando en xeral a importancia das hipóteses baseadas en "fantasías". Neste sentido, adiantouse ao hipercriticismo dos positivistas decimonónicos. Ao mesmo tempo, mantívose na posición do anticuarismo, xa que presentou o coñecemento da Antigüidade como un catálogo de toda a información concibible sobre o pasado. Zoëga retomou esta idea, tratando de crear unha descrición verbal e visual de todas as antigüidades romanas, á que pouco a pouco se unirían as descricións de todas as demais antigüidades. Esta tarefa seguen a realizala os arqueólogos clásicos no século XXI.[56]
Georg Zoëga como crítico de arte
[editar | editar a fonte]Axente da Academia de Belas Artes de Copenhague
[editar | editar a fonte]Durante o período 1790-1801, Georg Zoëga enviou periodicamente informes sobre o estado da arte no seu tempo en Italia —incluídos os monumentos achados durante as escavacións arqueolóxicas— para a Real Academia de Belas Artes de Copenhague. Sobreviven corenta e cinco documentos deste tipo, escritos en dinamarqués. En Dinamarca distribuíronse regularmente a todas as partes interesadas, moitos deles mesmo se publicaron na revista Minerva de Copenhague durante o bienio 1798-1799. As actas da Academia para o período especificado rexistraron a discusión de 37 informes, incluídos os que non se conservaron no arquivo persoal do erudito. En 1789, Zoëga recibiu do príncipe herdeiro Federico, que era presidente da Academia de Belas Artes, o título de correspondente estranxeiro. O primeiro informe data do 10 de febreiro de 1790; os resultados da súa discusión convertéronse na base formal para a elección de Zoëga como membro de pleno dereito da Academia. Durante os dez anos seguintes, visitou regularmente os obradoiros de artistas romanos, italianos e estranxeiros, e asistiu a todas as exposicións de arte públicas. Da correspondencia despréndese que Georg Zoëga se viu obrigado a escribir informes en dinamarqués. Queixándose da falta de terminoloxía artística na súa lingua materna, insistiu en que debía escribir en alemán, o que lle era negado. Así mesmo, admitiu abertamente o seu amateurismo —que non era só un xeito de cortesía—, na correspondencia con persoas máis importantes.[57]
Nos seus textos críticos, Zoëga utilizou integramente o método e o vocabulario de Winckelmann e Mengs. Avaliou as obras de arte desde o punto de vista da estética neoclásica, utilizando os conceptos de “forma”, “expresividade”, “verdade”, “simplicidade” e “perfección técnica”. O crítico de arte Jesper Svennigsen argumentou que a correspondencia de Zoëga "parece ser un exemplo de libro de texto de crítica de arte neoclásica". Ao describir as obras de pintura do artista inglés Hugh Robinson, Zoëga queixouse da falta de claridade das liñas e da violación do principio de inmiscibilidade das cores, e tamén se queixou de que os artistas romanos do seu tempo non seguían os principios establecidos por Rafael. As esculturas de Antonio Canova foron moi apreciadas: “Entre os italianos, Canova é o único en cuxa obra achamos adherencia tanto á natureza como ao modelo antigo, combinada con gusto, enxeño e sentimento sincero”. No entanto, Zoëga considerou que o Xasón de Thorvaldsen, esculpido posteriormente, era o seu “triunfo”.[58]
A arte francesa non lle agradaba a Zoëga, que achaba nela unha excesiva “teatralidade” e falta da nobreza característica da arte helénica. Zoëga expresou o seu credo estético na descrición das obras de Angelika Kauffmann: a obra non só debe ser impecable en termos de técnica, cor e composición, senón que tamén debe corresponder á verdade histórica e á “decencia”. O científico Zoëga non perdeu a oportunidade de criticar as obras de arte desde o punto de vista da ciencia histórica: por exemplo, non lle gustaban moito as lápidas piramidais encaixadas na parede. Nas pinturas de Johann Schmidt, irritábao o feito de que o pintor, no canto de ler fontes primarias gregas, recorrese á enciclopedia e se dedicase a “estrañas fantasías”.[59]
A partir deste e de moitos outros exemplos, Georg Zoëga chegou á conclusión, paradoxal para a época, de que a mitoloxía clásica e a historia antiga eran temas inadecuados para os artistas modernos. Esta idea pasou a ser central no seu informe datado o 17 de abril de 1793. Ao mesmo tempo, este é o único manifesto estético de Zoëga no que teoriza sobre a arte. Aclarando a idea anterior de que a imitación da arte grega se realiza da xeito máis superficial, sen ter en conta os contextos e a diferenza entre as condicións de vida na antiga Grecia e a Europa moderna, Zoëga afirmou que a nova conciencia e percepción estética europea se remonta ao medieval e continúao. Ao mesmo tempo, a Antigüidade e a Idade Media son igualmente alleas ao home moderno. Tratábase dunha ruptura directa co legado de Winckelmann: aínda que Georg Zoëga admitiu que seguir o antigo canon facía que a pintura e a escultura fosen máis estéticas, “copiar cegamente modelos antigos fainos perder máis do que gañamos”. Noutras palabras, o científico da arte era consciente da diferenza entre forma e contido, que eran inseparables na Antigüidade. Posuía plena conciencia histórica e argumentou que o desenvolvemento histórico radica no progreso mental, o que inevitablemente significa que a cultura e a ciencia europeas modernas superaron a Antigüidade en todo. O interese pola Idade Media converte a Zoëga nun dos precursores da arte e a crítica románticas. Como sinalou E. Svenningsen, “en certo sentido, as ideas de Zoëga apareceron no momento axeitado, pero no país equivocado e no idioma equivocado”. Suxeriu que se tivese escrito en alemán, agora sería considerado un dos principais teóricos da arte de principios dos séculos XVIII e XIX.[59]
Baixorelevos antigos
[editar | editar a fonte]Georg Zoëga estudou a arte antiga desde aproximadamente 1791. As esculturas de mármore, como para Winckelmann, eran para el a forma máxima de expresión do espírito antigo clásico. Para o científico sistematizador, a tarefa principal era desenvolver unha tipoloxía da serie pictórica de baixorrelevos romanos. A elección de baixorrelevos en lugar dunha escultura redonda explícase polos seus puntos de vista teóricos: a estatua, pola súa natureza, expresa unha idea e un estado de ánimo únicos, e representa unha "revelación única da beleza". O baixorrelevo, pola contra, está moito máis preto da pintura, porque reproduce unha narrativa sobre unha situación determinada, o que permite unha análise significativa. Ao mesmo tempo, o baixorrelevo encarnaba toda a arte antiga: a beleza da forma, a arte da composición, a idea poética e a filosofía do mito.[60]
O impulso para o traballo foi unha relación co diplomático hannoveriano, graduado da Universidade de Gotinga, Ernst Münster. En xuño de 1794, por petición súa, Zoëga escribiu un artigo en italiano sobre a análise dos conceptos mitolóxicos de Tique e Némese; foi publicado por Welker nunha tradución ao alemán na edición de 1817. Aquí quedou plenamente demostrada a síntese de filoloxía e crítica de arte característica de Zoëga: utilizou activamente o estudo de imaxes antigas. Un traballo similar realizouse en 1797-1798 para interpretar os relevos do pedestal do altar de mármore do Museo Pío Clementino; tamén se incluíu na publicación de Welker. O lugar central neste traballo ocupouno a análise do motivo da representación da alma: Psique en forma de bolboreta. Ao mesmo tempo, Zoëga interesouse pola iconografía de Mitra, da que informou nas reunións do Instituto Romano Nacional os días 21 e 26 de maio de 1798. O investigador relacionou o mitraísmo cos cultos órficos. As "disertacións" de Zoëga sobre Mitra e Licurgo publicáronse en Dinamarca en 1801, e logo Welker traduciunas ao alemán.[61]
A obra xeral sobre baixorrelevos romanos foi realizada por Zoëga en italiano. Do mesmo xeito que ocorreu coa publicación do libro sobre os obeliscos, a obra atrasouse excesivamente por mor das dificultades para gravar as imaxes. Zoëga concibiu a creación dun catálogo xeral de todos os relevos de todos os monumentos de Roma, cos sitios arqueolóxicos ordenados alfabeticamente. Os volumes publicados trataban do Palatino e a Villa Albani; as descricións destes monumentos permitíronlle ao dinamarqués volver aos problemas dos mitos de Mitra, Cibeles e Hércules.[62]
Zoëga numismático
[editar | editar a fonte]Entre as obras publicadas por Georg Zoëga, só unha está integramente dedicada á numismática: Numi Aegyptii imperatorii. Segundo Daniela Williams e Bernard Wojtek, mesmo no século XXI, en termos da cantidade de material e o valor dos comentarios, este compendio académico do século XVIII segue a ser valioso para os investigadores das moedas alexandrinas da época romana. O volume contén abundantes pasaxes autobiográficas que revelan os detalles do xurdimento do interese por esta disciplina e os camiños para adquirir a profesionalidade.[63]
Unha das fontes importantes de información sobre as actividades de Zoëga como numismático foi a súa correspondencia con Friedrich Munter, que se mantivo entre 1785 e 1808. Malia a súa inmensidade, está dedicado principalmente ás demandas de Munter, para quen Zoëga serviu como comisionista e axente —como o fixo máis tarde para Christian Ramus—. Un lugar importante ocupouno tamén o intercambio de opinións sobre a tecnoloxía de cuñaxe, os problemas de identificación das casas de moeda da Antigüidade e outros temas que non ían alén dos intereses habituais dos anticuarios. O coñecemento persoal de Munter comezou en 1779, e no futuro, Munter seguiu a ser un amigo leal que sempre defendeu os intereses de Zoëga na súa terra natal.[64]
O mestre e mentor de Zoëga no campo da numismática foi o austríaco Joseph Hilarius Eckhel, con quen traballou do 5 de xullo ao 4 de decembro de 1782. Mesmo antes de coñecelo, Georg Zoëga formulara unha serie dos seus principais enfoques para o estudo das moedas antigas: o científico argumentara que na súa época había unha gran falta de investigacións xerais e catálogos de moedas de varios tipos, en tanto que as publicacións existentes se consideraban notables, aínda que exemplares raros. As moedas con inscricións gregas examináranse minimamente, o que requiriu a compilación dunha tipoloxía xeral da prevalencia de moedas e a posterior publicación dun catálogo xeral baseado nunha comparación crítica de materiais de grandes coleccións europeas. a viaxe científica de Zoëga estivo relacionada precisamente con este traballo. Cando o dinamarqués chegou a Viena, Eckel xa cobrara sona co seu tratado Numi veteres anecdoti (1775) e o catálogo consolidado do Gabinete Numismático de Viena, publicado en 1779. Nestes compendios, as moedas da colección imperial austríaca estaban agrupadas xeograficamente e presentadas en orde cronolóxica. O método permitiu combinar os produtos de casas de moeda situadas en rexións históricas e en illas do Mediterráneo.[65]
Durante o período de traballo con Eckel, Zoëga pasaba seis horas ao día no Gabinete Numismático de Viena, xeralmente procesando moedas dun grupo á vez. A guía contou con materiais inéditos do catálogo xeral Doctrina numorum veterum, proporcionados polo profesor, así como o manuscrito da súa introdución á numismática para os estudantes. A Zoëga permitíuselle levar a Roma o libro de texto inédito de Eckel, Kurzgefaßte Anfangsgründe zur alten Numismatik ("Breves razóns iniciais da numismática antiga"), que proporcionou un método universal para construír e estudar calquera colección numismática. No entanto, por mor das circunstancias da vida do dinamarqués, a correspondencia co mestre non se retomou ata 1785. Zoëga converteuse nun dos principais contactos profesionais da rede de correspondentes de Eckel; discutiron unha ampla gama de cuestións de numismática e epigrafía, e intercambiaron información sobre escavacións arqueolóxicas en toda Italia, mesmo en Gabii. Zoëga compartiu voluntariamente debuxos e descricións das coleccións do cardeal Borgia, con quen traballou constantemente, e compartiu estimacións do número de viaxes do emperador Hadriano a Exipto, baseadas en lendas sobre moedas. A partir da correspondencia con Eckel pódese saber cando exactamente Zoëga decidiu ampliar o tema da súa investigación, pasando das moedas á reconstrución da relixión exipcia —o punto de partida foron moedas con imaxes e fórmulas sagradas—. O mestre intentou en van devolvelo “ao verdadeiro camiño”. Probablemente, o comezo da publicación da introdución de oito volumes de Eckel ao estudo das moedas antigas, Doctrina numorum veterum, que comezou a imprimirse en 1792, tampouco puido estimular a investigación numismática de Zoëga. A correspondencia entre eles terminou en 1794, xusto despois da publicación do cuarto volume, dedicado ás moedas alexandrinas.[66]
Mentres estaba en Roma, en xuño de 1783, Zoëga recibiu unha oferta do cardeal Borgia para pór en orde a súa colección de moedas gregas. Nunha carta ao seu pai, Georg indicou que estaban desordenadas en varias bolsas. A elección do tema de publicación, as moedas alexandrinas da época da Roma imperial, foi consecuencia dos desexos de Stefano Borgia, cuxos motivos se descoñecen. A proposta do cardeal foi aceptada, xa que Zoëga nese momento aínda non pensara ficar en Roma, e na súa terra natal asignóuselle o cargo de conservador da Real Casa da Moeda de Dinamarca. A finais de 1783, a colección Borgia recibiu unha importante incorporación de moedas de Exipto, que aumentou a colección nun terzo. En 1785 seguiron novas incorporacións, entre eles a procedente da colección do mosteiro romano de San Bartolomeo all'Isola.[67]
O catálogo de moedas alexandrinas nunca foi un fin en si mesmo para Zoëga, quen o viu como unha fonte para o seu estudo planificado das raíces exipcias da historia da cultura humana. En 1784, o cardeal enviou o dinamarqués a Florencia, Turín e París, onde achou moitas moedas exipcias ata entón descoñecidas do período abranguido entre Marco Antonio e Traxano, que engadiu ao seu catálogo. En París, Zoëga tivo a oportunidade de se comunicar co famoso abade Jean-Jacques Barthélemy, coñecido como o autor de Voyage du Jeune Anacarsis "Viaxe do rapaz Anacarsis", e de traballar na descifraxe das cartas fenicias e de Palmira. Zoëga decatouse de que tería que compilar un novo compendio, catro ou cinco veces maior que o que xa preparara en Roma, cun novo sistema de numeración e un corpus de notas.[68]
Publicado en 1787, o volume Numi Aegyptii imperatorii prostantes in museo Borgiano Velitris incluía 404 páxinas de texto e 22 láminas con mostras de moedas gravadas. No limiar, Zoëga describiu as 48 fontes utilizadas. O catálogo en si, de 345 páxinas, incluía unha descrición de 3.560 moedas. Zoëga construíu unha clasificación segundo a cronoloxía dos reinados, colocando moedas con imaxes de emperatrices despois dos seus maridos. Os primeiros exemplares remóntanse á época de Marco Antonio —todos de París—, e o último, de Licinio, da colección de Richard Pococke. Os exemplares da colección Borgia incluíronse por separado mediante numeración romana. A descrición das moedas foi seguida por unha listaxe de cidades e nomos exipcios na orde de aparición nas moedas, unha táboa de correspondencias entre os anos do reinado dos emperadores, correspondencias entre os calendarios xuliano romano e cristián, así como un apéndice con adicións, correccións e ilustracións. A estrutura do catálogo de Zoëga resultou exemplar para publicacións posteriores. A primeira recensión do traballo apareceu en agosto de 1788 na publicación L'Esprit des journaux francois et étrangers e pódese describir como entusiasta. Eckel tamén eloxiou a exactitude das descricións de Zoëga e o seu desexo de ter en conta e publicar todas as variantes imaxinables de imaxes, lendas e outros detalles, para realizar unha tipoloxía das cecas romanas da moeda provincial. No entanto, Eckel achou dubidosa a idea de Zoëga de utilizar o método alegórico para interpretar imaxes de moedas dedicadas aos cultos e á mitoloxía exipcios. Neste asunto, o dinamarqués actuou como seguidor de Athanasius Kircher e de Marsilio Ficino.[69]
Exiptoloxía
[editar | editar a fonte]Discurso de Georg Zoëga aos estudos exipcios
[editar | editar a fonte]O exiptólogo dinamarqués Thomas Christiansen, baseándose en materiais do arquivo de Zoëga, atribuíu os seus primeiros achegamentos ao estudo de Exipto ao período 1781-1782. Estudar en universidades alemás formou a determinación de Georg de se converter en anticuario, e a súa viaxe científica serviu para o mesmo propósito. As instrucións do ministro Guldberg tamén mencionaron "ídolos exipcios". A colección, que incluía 35 obxectos do antigo Exipto, en parte de Carsten Niebuhr, foi mencionada no diario de Zoëga do 15 de abril de 1782, nunha entrada sobre a preparación dun catálogo da colección do ministro. É probable, aínda que as fontes non din nada ao respecto, que Zoëga aprendese moito do artista Wiedeveldt, quen herdou o seu interese pola arte exipcia de Piranesi. Cando Wiedeveldt publicou un catálogo ilustrado da colección Guldberg en 1786, o limiar falaba da importancia de representar os obxectos en ilustracións coa maior precisión posible, sen distorsións nin “restauración” especulativa, unha idea constantemente mencionada por Zoëga nos seus propios escritos. Consonte probas indirectas, Zoëga podería ter estado presente no anfiteatro anatómico de Copenhague o 11 de decembro de 1781, cando o profesor Morten Thrane Brünnich desenvolveu a momia da colección de Guldberg. Ao comezo da súa viaxe a Roma, Zoëga descubriu dous sarcófagos exipcios en Fionia, que os residentes locais utilizaban como bebedoiro para os cabalos; os obxectos foron adquiridos polo historiador Abraham Kall. Así, Exipto como tema de estudo ocupou a Zoëga mesmo antes de se establecer en Roma.[70]
Colección exipcia de Borgia
[editar | editar a fonte]Georg Zoëga foi o primeiro estudoso que examinou especificamente a colección exipcia dos Borgia no seu conxunto. Actualmente é o núcleo do Departamento Exipcio do Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles.[71] As fontes describen o cardeal Stefano Borgia como un líder eclesiástico activo que non sempre mantivo relacións pacíficas co papa Pío VI. No entanto, para as xeracións seguintes o papel principal desempeñouno o museo da súa casa, cuxa importancia ía moito máis aló do habitual gabinete de curiosidades da aristocracia. A colección desenvolveuse en dez áreas temáticas, cada unha das cales foi asignada a un especialista invitado: o cardeal preferiu financiar científicos estranxeiros novos. A dirección exipcia asignóuselle a Zoëga, e o resultado do seu traballo foi o catálogo nunca publicado Catalogo dei monumenti egiziani nel Museo Borgiano composto ede ordinato dal Sig. Giorgio Zoega dotto Danese nel mese di Ottobre del 1784. Consérvanse dúas copias manuscritas: unha na Biblioteca Real de Dinamarca en Copenhague e a segunda na biblioteca municipal de Velletri, onde o cardeal tiña a súa residencia. O manuscrito de Copenhague incluía descricións detalladas de 628 obxectos, mais a sistematización do catálogo non se completou. O manuscrito de Velletri, co título de Catalogo dei monmenti egiziani nel Museo Borgiano, está encadernado e consta de 99 páxinas, cuxos materiais están ben organizados: non só se dan descricións dos obxectos, senón tamén das súas dimensións. Os especialistas do Museo Arqueolóxico de Nápoles Rosanna Pirelli e Stefania Maneril suxeriron que o manuscrito de Copenhague era un borrador e un laboratorio creativo, e o manuscrito de Velletrian era un traballo preparado para a súa publicación. A pesar de que o catálogo de Copenhague está datado en 1784, engadíronselle follas cara a 1790 e, en xeral, é moito máis detallado canto ao seu contido, xa que inclúe esbozos, notas do científico e citas adecuadas de textos antigos. O sobriño do cardeal, Camillo Borgia, en 1814, baseándose no catálogo de Zoëga, preparou unha descrición da colección exipcia, que se incluíu na colección de fontes sobre a historia dos museos en Italia e non foi publicada polo Ministerio de Educación ata 1878. O principio de organización nesta publicación baseouse no material dos produtos: madeira, pedra, bronce, louza etc. Describíronse 583 obxectos que estaban incluídos na colección do Museo de Nápoles, dos cales só 464 se tiveron en conta no catálogo de 1989. A calidade da obra de Zoëga era tan alta que na década de 1980 foi posible identificar unha momia danada nun cartón de Saqqara —ingresada na colección en 1785—, así como avaliar as actividades dos anticuarios de hai 200 anos, que , para aumentaren a integridade dos produtos e os seus prezos, utilizaron para a restauración partes de diversas esculturas, sarcófagos e outros artigos.[72]
Obeliscos
[editar | editar a fonte]Segundo o exiptólogo Emanuel Marcello Ciampini, coa publicación en 1797 da monografía De origine et usu obeliscorum ("Sobre a orixe e a finalidade dos obeliscos exipcios"), Georg Zoëga trazou unha nova dirección nos enfoques da cultura occidental sobre a herdanza dos faraóns, a partir do concepto alquímico renacentista da sabedoría esotérica da civilización exipcia. A instalación de obeliscos da Antiga Roma nas prazas da capital papal nos séculos XVI-XVII marcou o predominio da doutrina hermética e os intentos de utilizala. O enfoque de Zoëga contrastaba en que consideraba explicitamente os xeróglifos non descifrados como unha fonte histórica e intentaba dar unha resposta á importancia dos obeliscos para a antigüidade faraónica. Segundo E. Ciampini, o seu método consistiu nunha reconstrución integral do significado do monumento en contextos modernos e antigos, mentres que nas obras de Zoëga non se menciona en absoluto o hermetismo, é dicir, en lugar da “sabedoría” secreta ao dispor da elite, a análise científica puido obter coñecementos sobre a cultura antiga. Este foi o maior logro da ciencia anticuaria occidental antes da descifraxe da escritura exipcia e o xurdimento da exiptoloxía no sentido moderno da palabra.[73]
O papa Pío VI en 1787 continuou a política urbanística dos seus predecesores. Logo de decidir erixir tres obeliscos que permanecían no chan desde a antigüidade, o pontífice ordenou coñecer máis sobre o propósito e a orixe destes monumentos. A elección recaeu en Zoëga tras a recomendación do cardeal Borgia e a publicación dun libro sobre as moedas alexandrinas, polo que seguiu o mandato apostólico de escribir un libro sobre os obeliscos, algo que satisfacía plenamente os intereses do dinamarqués.[74] O pontífice asignou 12.000 escudos para gravar textos exipcios para a monografía de Zoëga, pero o traballo levou demasiado tempo e non se completou ata 1800. No entanto, o autor ordenou que se imprimise na portada o ano 1797 e incluíu no libro unha dedicatoria ao defunto bispo romano. A tiraxe, malia os tempos difíciles, ascendeu a 1.000 exemplares, 100 dos cales foron entregados ao autor a modo de dereitos de autoría. Case a metade da tiraxe distribuíuse entre coñecedores e eruditos de Inglaterra; Zoëga recomendou activamente o libro a amigos e coñecidos, e acadou así un beneficio de 1.100 escudos.[75]
A primeira parte do volume de case 700 páxinas estivo dedicada aos obeliscos erixidos na cidade de Roma. Logo vén unha descrición dos monumentos dispoñibles noutras cidades de Italia e Europa, e a parte final está dedicada a Exipto e Etiopía. O traballo demostrou a erudición de Zoëga no estudo dos relatos de viaxes dos viaxeiros. O Exipto de Zoëga remóntase ao mapa cultural da Antigüidade clásica, e é descrito augas arriba do Nilo. Son numerosas as referencias a templos e soterramentos, cuxo significado se interpreta segundo Hecateo de Abdera, e tamén se volve contar o mito de Osiris, baseándose en Diodoro Sículo. O estudo da escrita baseouse nos “Xeróglifos” de Horapolo, pero tivo en conta todas as referencias aos xeróglifos na literatura antiga. Zoëga anticipou os construtos dos positivistas do século seguinte: a Antigüidade aparece nos seus monumentos, incluídos os escritos, e a tarefa principal do científico é “facela” falar no seu propio idioma.[76]
Zoëga e a escrita exipcia
[editar | editar a fonte]En 1784, nunha das súas cartas ao seu amigo Christian Esmarch, Zoëga esbozou un grandioso programa de investigación. A súa base foi a descifraxe da escrita exipcia, sen a cal o coñecemento da civilización antiga era impensable para "disipar as tebras que envolvían o Antigo Exipto desde a época de Moisés". Os primeiros pasos nesta dirección foron o estudo da lingua copta e a xeografía de Exipto, para logo pasar á historia e a relixión. Probablemente discutise máis a fondo estes plans; en calquera caso, o seu patrocinador, o ministro Guldberg coñeceunos en 1787. Despois da orde papal de estudar os obeliscos, Zoëga tivo un ano enteiro para estudar as fontes; os construtores fixéronlle os debuxos máis precisos de todos os detalles das imaxes e os signos escritos.[77][78]
No tratado sobre os obeliscos dedicáronse 226 páxinas de texto aos xeróglifos. A intención orixinal de Zoëga era utilizar a lingua copta para ler caracteres xeróglifos, pero non deixou unha descrición sistemática do seu método. O exiptólogo dinamarqués Paul John Frandsen sinalou que aparentemente Zoëga “sabía o que estaba a facer e non necesitaba explicarllo aos non iniciados”. O arquivo do científico contén dous tipos de materiais: listaxes sistematizadas de xeróglifos e esbozos dalgúns dos monumentos ao seu dispor, onde se escriben números en lugar de xeróglifos. Traballou principalmente con textos dos monumentos de Latrán e Napolitanos.[79] Dos artigos do científico despréndese que descubriu que as inscricións xeroglíficas poden ter diferentes direccións e tamén entendeu perfectamente o propósito dos cartuchos: "o nome dun nome propio designado". En total, o catálogo preliminar de Zoëga contén 137 descricións de xeróglifos —sen ningunha orde en particular— e debuxos de 21 cartuchos, e enumera 53 grupos de caracteres.[80]
É moi salientable unha listaxe separada de 197 signos, na que se dividiron en 13 grupos: 1: números; 2: detalles arquitectónicos; 3: vasos; 4: plantas; 5: barcos; 6: armas militares; 7: instrumentos musicais; 8: panos; 9: animais; 10: partes do corpo humano; 11: momias; 12: figuras humanas; 13: figuras entrelazadas.[81]
Utilizando o idioma copto, Zoëga intentou ler foneticamente os signos identificados. Daquela, entendeu completamente e correctamente que o círculo significaba o Sol e foneticamente se lía "re". No entanto, é probable que el nunca chegase á conclusión de que as partes estándar dos signos xeróglifos se len do mesmo xeito en todas as combinacións e non requiren interpretación alegórica. As imaxes do escaravello e de Isis poderían significar sete ou oito cousas diferentes para Zoëga. A xulgar pola correspondencia con Joseph Eckel e o seu mestre Heyne —ambos escépticos—, en agosto de 1792 o dinamarqués perdera a fe na súa capacidade para descifrar xeróglifos. Só unha década despois, ao ser coñecedor da descuberta da Pedra de Rosetta —cuxo molde de xeso foi entregado a París no outono de 1800—, Zoëga considerou volver a descifrar os xeróglifos, xa que a inscrición de tres partes era a clave para a lectura hierática e dos xeróglifos, pero isto nunca chegou a suceder.[82]
Coptoloxía
[editar | editar a fonte]Segundo a opinión unánime dos expertos, o Catalogus codicum copticorum manuscriptorum (“Catálogo dos manuscritos coptos”) de Zoëga é un dos seus logros científicos máis importantes e un fito significativo no desenvolvemento da coptoloxía como ciencia.[83] Consonte a exiptóloga Anna Budors, a contribución de Zoëga á coptoloxía foi verdadeiramente anovadora e de alto nivel científico. Ao catalogar os manuscritos coptos da colección Borgia, clasificounos segundo as súas características lingüísticas: os escritos na lingua bohaírica (o idioma litúrxico da Igrexa copta; Zoëga chamouno "Bakhmur"), no dialecto faium e no sahídico, que na literatura antiga se chamaba "tebano". Ao traballar cos manuscritos de Said das obras do patriarca Xenute, enfrontouse a problemas fundamentalmente novos: por exemplo, viuse na obriga de traballa con follas de papiro dispersas ou cadernos sen encadernar que contiñan obras diferentes, pero similares en contido, que debían recompilarse, ordenarse e datarse, ante a práctica ausencia de elementos de comparación. O resultado do traballo foi a identificación de 35 obras de Xenute, ata daquela completamente descoñecidas, e tamén supuxo a proba de que o dialecto sahídico era a lingua literaria da antigüidade copta, cuxa sintaxe e cuxo vocabulario alcanzaron a máxima complexidade e sofisticación. Estes logros foron apreciados por primeira vez por Champollion na súa recensión de 1811. Estudos posteriores demostraron que só en cinco casos o dinamarqués se equivocou ao identificar os textos. As súas publicacións dun dos sermóns de Xenute e extractos do segundo traducidos ao latín foron as primeiras en ser accesibles a unha ampla gama de investigadores. A. Budors sinalou que a comprensión precisa de Zoëga do significado e a interpretación do estilo do orixinal —por exemplo, a homonimia reflectida nos seus comentarios— eran notables para unha época na que non había dicionarios nin gramáticas de alta calidade do dialecto Said.[84]
Antes de que Zoëga comezase a súa obra, existía un único catálogo impreso, realizado en 1785 en Boloña por Giovanni Luigi Mingarelli, que serviu de modelo inicial e guía para a obra. A coptoloxía non formaba parte dos intereses do dinamarqués, e na correspondencia o traballo de análise dos manuscritos coptos da colección Borgia menciónase só despois de 1789, e Zoëga escribiu que emprendeu este traballo "con desgana". Stefano Borgia expresou claramente o seu desexo de ver publicado o catálogo da súa colección copta en 1790, malia o descontento de Zoëga. Ao pouco de comezar a estudar o idioma, Georg Zoëga decatouse da importancia do dialecto sahídico e converteuno no tema principal dos seus estudos. Volvendo aos problemas da codicoloxía e a paleografía, Zoëga foi o primeiro na historia europea moderna en afrontar o problema da correcta identificación dunha unidade codicolóxica: un caderno ou unha folla dispersa pertencente a un mesmo manuscrito. Ocupado co seu proxecto exipcio, Zoëga tiña inicialmente a intención de lle confiar este traballo ao sacerdote dinamarqués Wolf Frederik Engelbreth, pero terminou facendo el só todo o traballo do catálogo. Neste sentido, o seu traballo foi verdadeiramente anovador, xa que Zoëga mesmo proporcionou mostras da caligrafía e da disposición do texto dos manuscritos descritos, realizando un debuxo mediante a aplicación de papel de calco.[85]
O traballo non se detivo nin sequera despois da ocupación francesa de Roma e o arresto e a confiscación da propiedade dos Borgia. En xullo de 1798, o borrador do catálogo estaba listo. Foi daquela cando xurdiu a idea de incluír no catálogo algúns dos textos traducidos de Xenute, por mor do enorme valor histórico e literario dos seus sermóns. No entanto, en 1799 foi destruída a editorial Fulgoni, especializada en textos orientais, e tamén un conxunto de fontes coptas. Non foi ata 1803 cando finalmente se completou o manuscrito, como se evidencia no limiar. As descricións dividíronse en tres partes segundo dialectos: menfiano ou bohair (82 unidades; principalmente manuscritos de Uadi Natrum), basmiri ou faium (3 unidades) e sahídico (312 manuscritos, principalmente do Mosteiro Branco de Sohag. Dentro de cada sección de idioma, as unidades do catálogo distribuíronse por xénero. Os manuscritos de bohair foron descritos a partir da colección do Vaticano traída polo bispo chipriota Raphael Tuki (1701-1787). Para cada manuscrito —case non houbo completos— indicouse o número de follas restantes, indicando a numeración das páxinas orixinais, deuse unha descrición da fonte e describiuse o contido e, de ser posible, o título do manuscrito, e reproduciuse o colofón. No limiar, Zoëga escribiu que comezou con manuscritos bíblicos en dialecto bohair, xa que eran os máis doados de identificar; isto serviu como escola para o investigador. Logo continuou a traballar con textos litúrxicos e patrísticos no mesmo dialecto, e só despois puido dedicarse aos sermóns e ás vidas sahídicas. En Copenhague consérvase o manuscrito de Zoëga para a imprenta, a partir do cal é posible reconstruír o seu método de traballo. Despois de determinar o contido do manuscrito e un “conxunto” completo de unidades codicolóxicas, Zoëga elaborou unha breve descrición e logo engadiu unha transcrición do orixinal e unha tradución latina dos fragmentos que lle pareceron especialmente importantes. As notas escribíronse por separado e colocáronse en notas a pé de páxina durante a composición tipográfica.[86]
O catálogo de Zoëga publicouse despois da súa morte grazas ao interese do secretario de Estado da Santa Sede, Bartolomeo Pacca, e aos esforzos de Bertel Thorvaldsen e Hermann Schubart. Segundo a exiptóloga e coptóloga Paola Busi, da Universidade La Sapienza, o catálogo de Zoëga non é só un rexistro histórico da colección Borgia antes da súa desunión, senón que tamén representa un modelo de traballo textual e codicolóxico mesmo para os estudosos do século XXI.[87]
Herdanza e memoria de Zoëga
[editar | editar a fonte]Logo do pasamento de Zoëga, Bertel Thorvaldsen gardou todos os seus manuscritos nun cofre e, xunto co científico novo Georg Coes, entregounos á casa de Wilhelm von Humboldt, que daquela se achaba en Roma. Foi Humboldt quen informou o barón Schubart sobre o destino do arquivo, en tanto que este último declarou con franqueza que “non quería que ningún italiano metese os fociños nestes manuscritos” e encargoulle a Coes que describise e clasificase os documentos. O traballo finalizou o 14 de maio de 1809, logo do cal o cofre selado entregóuselle á Villa Montenero de Schubart en Livorno. Exactamente seis meses despois, o 14 de novembro de 1809, os manuscritos de Zoëga foron adquiridos para a Biblioteca Real Dinamarquesa e transferidos á súa colección en 1811. Coes clasificou os artigos en 17 seccións, segundo as cales se ordenaron os manuscritos en Copenhague. O catálogo de Coes constaba de 60 follas en formato cuarto; presumiblemente, as súas divisións reproducían o principio de clasificación do propio Zoëga, quen foi gabado polos seus contemporáneos pola exemplar organización do seu traballo. Coes proporcionoulle a cada artigo do seu catálogo as seguintes marcas: “preparado para publicación”, “case listo” e “pode ser preparado para publicación por un científico novo”. Suponse que o Goberno dinamarqués considerou plans de publicación, aínda que os abandonou de camiño. En marzo de 1813, Friedrich Welcker tivo acceso a todos os materiais do arquivo e traduciu dez artigos do dinamarqués e do italiano para a súa publicación en 1817, e tamén utilizou a correspondencia para a súa propia biografía de Zoëga, publicada en dous volumes en 1819. No limiar, Welker reproduciu a clasificación de Coes.[88][89]
Segundo o exiptólogo dinamarqués John Poul Fransen, o legado de Zoëga adquiriu un status paradoxal. Mesmo a principios do século XX, foi mencionado invariablemente entre os fundadores da exiptoloxía como ciencia e foi considerado como un "xigante" na antigüidade, durante a transición do anticuario ao científico,[90] pero en principio foi lembrado como "o mestre de Thorvaldsen” e foi percibido como parte da biografía do escultor, e non como unha figura independente.[91] As obras de Georg Zoëga reimprimíronse moi raramente. En 1881 publicouse unha biografía escrita por Adolf Jørgensen baseada no seu arquivo, e en 1935 publicouse unha breve monografía do arqueólogo Knud Friis Johansen: “Georg Zoëga e Roma”.[92] Logo, o científico caeu no esquecemento case por completo durante todo un século.[90] Entre 1967 e 2013 levouse a cabo un proxecto para publicar un corpus da súa correspondencia almacenado na Biblioteca Real Dinamarquesa e no Museo Thorvaldsen. O primeiro volume, que contén textos de 1755 a 1785, incluídas cartas do seu pai, foi transcrito e anotado por Eivin Andreasen. Antes da súa morte en 1991, logrou completar a preparación dos materiais que se publicaron baixo a dirección de Karen Askani e Jesper Svennigsen. O sexto volume da publicación contén índices detallados.[93][94]
En 1904, o crítico de arte dinamarqués Frederik Fries publicou un artigo sobre os retratos de Zoëga, que reviviu brevemente o interese por el na súa terra natal.[95] O primeiro retrato coñecido foi pintado polo dinamarqués Johan Hermann Cabott e realizado para a Academia Volsca polo cardeal Borgia en 1786 en forma dun perfil inscrito nun medallón. Tamén se coñecen catro debuxos de Zoëga, de 50 anos, realizados por Bertel Thorvaldsen: dous esbozos, o famoso medallón de perfil e unha caricatura. Un gravado de Sargent-Marceau, que representa o Zoëga científico analizando unha colección numismática, foi reproducido repetidamente en varias publicacións. O gravado foi unha encarga para a publicación Serie di vite e ritratti de famosi persoaggi degli ultimi tempi, que entre 1815-1818 incluíu máis de trescentas imaxes de personaxes ilustres da súa época.[96]
O centenario de Zoëga celebrouse en Dinamarca por iniciativa do cervexeiro Carl Jacobsen. En 1911, na praza próxima á Neue Carlsberg Glyptothek, fundada por Jacobsen en Copenhague, erixiuse un monumento a Zoëga de case catro metros de altura, realizado por Ludwig Brandstrup. Represéntase o anticuario examinando unha estatuíña antiga, e a capa está botada sobre o seu brazo á maneira dunha toga romana.[97][98] O mesmo escultor xa realizara anteriormente un baixorrelevo de perfil sobre unha lápida da igrexa románica de Sant'Andrea delle Fratte, instalada en 1907.[43]
Do 27 ao 30 de outubro de 2013 celebrouse en Roma e en Boloña a conferencia internacional "O científico esquecido Georg Zoëga", na que se realizou unha reavaliación integral da súa contribución ao desenvolvemento da historia da arte, os estudos clásicos, a coptoloxía e a exiptoloxía. A principal organizadora foi a conservadora da colección exiptolóxica da Universidade de Boloña, Daniela Pichi.[99][90] So bre a base de fontes e materiais de conferencias recentes, en 2015 publicouse unha monografía colectiva, editada por Karen Askani e Daniela Pichi.[100][101]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma das obras máis salientables de Georg Zoëga, algunhas delas publicadas postumamente:
- (1787). Numi Aegyptii imperatorii prostantes in museo Borgiano Velitris : adientis praeterea quotquot reliqua huius classis numismata ex variis museis atque libris colligere obtigit. Antonium Fulgonium, Roma.
- (1797). De origine et usu obeliscorum ad Pium Sextum Pontificem Maximum. Lazzarinii, Roma.
- (1808). Il bassirilievi antichi di Roma incisi da Tommaso Piroli colle illustrazioni di Giorgio Zoega. Tomo I; Tomo 2. Francesco Bourlié, Roma tradotto in tedesco da Welcker (1811)
- (1810). Catalogus codicum copticorum manuscriptorum, qui in museo Borgiano Velitris adservantur. Sacræ congregationis de propaganda fide, Roma.
- (1817). Georg Zoegas Abhandlungen herausgegeben und mit Zusätzen begleitet von Friedrich Gottlieb Welcker. Dieterichschen Buchhandlung, Gotinga.
- (1967, 2013). Georg Zoëga: Briefe und Dokumente (editores: Ø. Andreasen e K. Ascani). Vol. I (1967). ISBN 87-7876-426-2 / Vol II-V (2013). ISBN 978-87-7533-023-2. Danske Sprog- og Litteraturselskab, Copenhague.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Georg Zoega". Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften (BBAW.de).
- ↑ Michaelis A. (1900). Páxina 400.
- ↑ 3,0 3,1 Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 1-5.
- ↑ Zoëga era políglota. A súa correspondencia demostra que falaba con igual fluidez o dinamarqués, o alemán e o italiano. Tamén dominaba o inglés e o francés (neste último escribía informes para o Goberno danés e mantiña correspondencia co cónsul Schubart), así como o grego antigo e o latín, nos que era quen de escribir textos extensos. Tamén dominaba os dialectos do copto ata o punto de poder describir manuscritos de coleccións romanas.
Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 36. - ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 4-9, 212.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 4-9, 12.
- ↑ Otto Leixner von Grünberg (1880). Illustrierte Literaturgeschichte. O. Spamer.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 10-12.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 13-14.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 15-17.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 18-20.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 20-22.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 22-24.
- ↑ 14,0 14,1 Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 24-28.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxina 34.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 36-38.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 39-42.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxina 48.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 49-50, 53.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 58-59.
- ↑ Johansen, K. F. (1935). Páxina 228.
- ↑ Johansen, K. F. (1935). Páxina 229.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxina 60.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 62-66.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 67-70.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 67-70.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 71-73.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 82-83.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Johansen, K. F. (1935). Páxinas 23-234.
- ↑ Véxase "(1787)" en "Publicacións".
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 84-85, 89.
- ↑ Frandsen P. J. (2014). Páxinas 3-4.
- ↑ "Zoëga, Georg Jørgen, arkæolog (1755-1809)". Frederiksborg Nationalhistorisk Museum (dnm.dk).
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 89-90.
- ↑ Michaelis A. (1900). Páxina 397.
- ↑ Johansen, K. F. (1935). Páxina 234.
- ↑ 37,0 37,1 Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 91-94.
- ↑ 38,0 38,1 38,2 Michaelis A. (1900). Páxina 399.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 95-100.
- ↑ Johansen, K. F. (1935). Páxinas 237-238.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxina 100.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 101-103.
- ↑ 43,0 43,1 "Georg Zoëga". Thorvaldsens Museum (Thorvaldsensmuseum.dk).
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 104-109.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 110-116.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 116-117.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 118-119.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 119-120.
- ↑ Jørgensen H. "A. C. Gierlew". Dansk Biografisk Leksikon (Biografiskleksikon.lex.dk).
- ↑ Thiebaut, A. T. de (1812). Páxinas 129-132.
- ↑ Os arquivos conteñen información máis precisa. O banqueiro recibiu 3.316 escudos e 27 baiocchi, e a venda da propiedade reportou 17,5 escudos por culleres de prata, 56 escudos pola biblioteca (valorada en 136 escudos), un escudo por dúas navallas de afeitar, oito escudos por medallas e moedas, 30 escudos pagados polo editor por debuxos de baixorrelevos romanos e 30 escudos por moblaxe. Ademais, o Museo Thorvaldsen posuía 270 debuxos e probas de gravados da descrición dos camafeos e moedas da colección Borgia, 11 ilustracións orixinais para a descrición dos obeliscos etc.: un total de 427 autógrafos e gravados.
Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 28-29. - ↑ Thiele J. M. (1852, 1854). Páxinas 122-123.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 121-123.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 44-46.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 47-50.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 50-51.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 67-69.
- ↑ Michaelis A. (1900). Páxina 401.
- ↑ 59,0 59,1 Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 70-74.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 153-155.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 153-160.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 160-163.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 101.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 89-91.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 102-104.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 105-108.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 111-113.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 114-115.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 116-119.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 124-129.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 151.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 152-155.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 185-186.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 161.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxina 142.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 189-191.
- ↑ Johansen, K. F. (1935). Páxina 250.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 160-162.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 162-164.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 165-158.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 169.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 171-172.
- ↑ "Zoega: Catalogus codicum Copticorum manu scriptorum qui in Museo Borgiano Velitris adservantur". En Revue des études byzantines Année. 1904. Nº 48. Páxina 315.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 206-211.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 216-220.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 220-222.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 223.
- ↑ Jørgensen A. D. (1881). Páxina 212.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 15-19.
- ↑ 90,0 90,1 90,2 Frandsen P. J. (2014). Páxina 6.
- ↑ Johansen, K. F. (1935). Páxina 223.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 21.
- ↑ "Georg Zoëga: Briefe und Dokumente II-V". Syddansk Universitetsforlag (universitypress.dk).
- ↑ "Briefe und Dokumente". Stanford University (Stanford.edu).
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 77.
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 78-80.
- ↑ "Carl Jacobsens Brevarkiv". Ny-carlsbergfondet.dk
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxinas 80-82.
- ↑ "The forgotten cholar. International Conference". Danish Academy.
- ↑ "The Forgotten Scholar: Georg Zoëga (1755-1809)". Brill (Brill.com).
- ↑ Ascani, K. et al. (eds.) (2015).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Georg Zoëga |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Thiebaut, A. T. de (1812). "Sketch of the life of George Zoega, a learned Dane". En The Monthly Magazine. Vol. 34. Páxinas 129-132.
- Ascani, K. et al. (eds.) (2015). The forgotten scholar Georg Zoega (1755-1809), at the dawn of Egyptology and Coptic studies. Brill, Leiden. ISBN 978-90-04-29023-5
- Frandsen P. J. (2014). "«Ikke rovlystent som romerne, ikke snakkesaligt som grækerne…» Georg Zoëga og ægyptologien". En Papyrus. Aegyptologisk Tidsskrift. Vol. 34. Nº 1. Páxinas 4-17.
- Johansen, K. F. (1935). "Georg Zoega og Rom". En Bobé, L. Rom og Danmark gennem Tiderne. Vol. 1. Páxinas 223-267. Levin & Munksgaard Forlag, Copenhague.
- Jørgensen A. D. (1881). Georg Zoega et mindeskrift. Samfundet til den danske literaturs fremm, Copenhague.
- Michaelis A. (1900). "Zoega, Georg". En Allgemeine Deutsche Biographie. Vol. 45. Leipzig. Páxinas 386-402.
- Thiele J. M. (1852, 1854). Thorvaldsen i Rom : efter den afdøde Kunstners Brevvexlinger, egenhændige Optegnelser og andre efterladte Papirer. Vol. I (1852) / Vol. II (1854). Reitzel, Copenhague.
- Welcker F. G. (1819). Zoega’s Leben. Sammlung seiner Briefe und Beurtheilung seiner Werke. Cotta, Stuttgart.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Gasparri C. (1973). "Zoega, Jurgem". Enciclopedia dell' Arte Antica. Istituto della Enciclopedia Italiana.
- "Georg Zoega". Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften (BBAW.de).
- "Georg Zoëga". Thorvaldsens Museum (Thorvaldsensmuseum.dk).
- "Georg Zoëga". Kiel Directory of Scholars (Gelehrtenverzeichnis.de).
- Jensen J. "Georg Zoëga". Dansk Biografisk Leksikon (Biografiskleksikon.lex.dk).
- Kettenburg, P. "Jörgen Zoega". Catholic Encyclopedia (Newadvent.org).
- Nados en 1755
- Finados en 1809
- Nados na rexión de Syddanmark
- Arqueólogos de Dinamarca
- Numismáticos de Dinamarca
- Historiadores de Dinamarca
- Antropólogos de Dinamarca
- Filólogos de Dinamarca
- Científicos de Dinamarca
- Exiptólogos
- Historiadores da arte
- Alumnos da Universidade de Gotinga
- Alumnos da Universidade de Leipzig
- Profesores da Universidade de Kiel