Imprenta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Composición con caracteres móbiles metálicos.

A imprenta é un conxunto de tecnoloxías que permiten reproducir textos escritos e ilustracións en grandes cantidades sobre soportes planos, xeralmente papel, permitindo a difusión a grande escala. Coa denominación de imprenta referímonos ás distintas técnicas para a produción de impresos, e que abranguen dende a composición dos textos, ata a encadernación, pasando pola propia impresión.

Historia[editar | editar a fonte]

Desde que a humanidade desenvolveu medios de comunicación (pinturas rupestres, escritura…) buscou darlle persistencia e difusión ás súas obras.

Desde os escribas exipcios, ata os monxes copistas medievais, que pasaban os seus días copiando a man obras (relixiosas na súa maioría), a humanidade buscou desde cedo automatizar os seus medios de copia.

En Europa[editar | editar a fonte]

Os primeiros pasos cara a reprodución en serie de escritos e imaxes danse coa madeira: é a xilografía. Tamén se emprega a pedra como soporte: é a litografía.

Pero se presenta un problema considerable: un só erro obriga a refacer todo o gravado.

Johannes Gensfleisch, máis coñecido polo nome de Gutenberg, ten cara o 1440 a idea de utilizar un procedemento análogo: o uso de caracteres móbiles en chumbo. Atribúese a Gutenberg o nacemento da tipografía moderna, aínda que esta última xa existía en Corea. Segundo a época produciranse dous tipos de obras: os incunables, os primeiros exemplares producidos entre 1450 e 1500, e os libros modernos, producidos pola tipografía e o resto das técnicas máis modernas como a impresión offset ou o rotogravado.

A innovación de Gutenberg en Europa reduciu considerablemente o número de hora-home necesarias para a produción do libro, e polo tanto o custe, permitindo aumentar amplamente a difusión.

En Galiza[editar | editar a fonte]

A imprenta de Monterrei foi a primeira en imprimir no Reino de Galicia. O 3 de febreiro de 1494, a finais do século XV, remátase de imprimir o Misal auriense por Juan de Porras. Nesta impresión hai dous socios: Gonzalo Rodríguez de la Pasera e o xa mencionado Juan Porras. O bibliógrafo F.J. Norton opina que o verdadeiro impresor foi de la Pasera, xa que o papel do segundo foi máis o de editor.

Este misal está composto por 280 follas e está organizado da seguinte maneira:

  1. Calendario (10 follas).
  2. Dominicla (172 follas).
  3. Ordinario da Misa (10 follas).
  4. Santoral (40 follas).
  5. Común dos Santos (20 follas).
  6. Misas votivas (18 follas).

Outra imprenta foi a de Mondoñedo na que en 1550 se publicou Descripcion del Reyno de Galizia y de las cosas notables del redactado en castelán. O autor desta obra é Juan de Molina, Francisco de Molina, Luis de Molina, Bartolomé Francisco de Molina ou Bartolomé Sagrario de Molina, máis coñecido como Licenciado Molina.