Hadriano (emperador)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hadriano é tamén unha variante culta do nome propio Hadrián
Hadriano
14º Emperador do Imperio Romano.
Bust of Hadrian in the Musei Capitolini MC817.jpg
Busto de mármore de Hadriano nos Museos Capitolinos.
Reinado 10 de agosto de 117 - 10 de xullo de 138
Nome completo Publius Aelius Hadrianus (de nacemento)
Caesar Publius Aelius Traianus Hadrianus Augustus (como emperador)
Nacemento 24 de xaneiro do 76
Itálica, Hispania
Falecemento 10 de xullo do 138 (62 anos)
Baiae
Predecesor Traxano
Sucesor Antonino Pío
Cónxuxe/s Vibia Sabina
Descendencia Lucius Aelius
Antonino Pío (adoptivos)
Dinastía Dinastía Antonina
Pai Publio Élio Hadriano Afer
Nai Domitia Paulina

Publius Aelius Traianus Hadrianus, en galego Publio Elio Hadriano, nado en Itálica o 24 de xaneiro de 76 e finado en Baia o 10 de xullo de 138, foi un Emperador romano da dinastía dos emperadores Antoninos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Hadriano sobe a dignidade imperial á morte de Traxano, no ano 117. Tamén nado na Betica, chegou a emperador na idade madura, e a pesar de estar nomeado por Traxano, á morte deste tivo que facer fronte a unha conxura dos lugartenentes de Traxano, que desexaban evitar o seu nomeamento. Tódolos conspiradores foron condenados a morte.

Hadriano tivo que protagonizar unha retirada das terras conquistadas por Traxano co abandono da Mesopotamia. Xa no ano 115 víñase a rexistrar un clima de rebelión nas provincias orientais, promovido polas comunidades xudías. O destronado rei parto Cosroes aproveitou esta circunstancia para volver ao poder e tratar de desprazar a influencia romana na rexión. Adriano comprendeu que era moi difícil de manter a soberanía máis aló do Eufrates, e ordenou a evacuación, mais na beira daquel río quedou un importante continxente militar romano. Tamén na zona de Mauritania se rexistrou un leve retroceso das fronteiras.

O emperador dedicou unha grande parte do seu reinado a viaxar e percorreu unha gran parte dos territorios limítrofes, intervindo persoalmente na sufocación dalgúns levantamentos. Rematou o trazado do limes xermánico, deulle un pulo á romanización da rexión alpina, reforzou os efectivos da raia do Danubio e levantou na Britania o que se coñece como a muralla de Hadriano (Vallum Hadriani) co obxecto de previr as incursións dos pictos e escotos. Tratábase dunha serie de fortificacións entre Inglaterra e Escocia, dende a desembocadura do río Tyne, no mar do Norte e o Solvay Firth no mar de Irlanda.

O Imperio Romano nos tempos de Hadriano.

Para favorecer a fidelidade do exército, Adriano procurou recrutar as lexións nas mesmas rexións que ian defender. Co tempo, esta idea foi negativa, xa que alimentaría ideas centrífugas e cantonalistas, pero na época de plenitude imperial, os soldados sentianse moi motivados por se encarregar da defensa dos eidos que os viran nacer.

As sublevacions dos xudeus tiveron o seu cumio no 132, cunha rebelion aberta en Xudea, encabezada por Eleazar e Simón Bar Kojba, os cales non dubidaron en atacar a colonia romana de Elia Capitolina (Xerusalén), encravada naquel territorio. Esta sublevación foi asulagada a sangue e lume no 134, e a ofensiva relixiosa xudía rematou.

Hadriano reforzou o papel do consello imperial (Consilium principis) en detrimento do Senado. A dita institución era obxecto de consulta regular e as súas decisions facianse públicas de tres xeitos: por medio de edictos, por decretos (sentenzas de casos xudiciais) e rescriptos (respostas a consultas). Foi neste período cando se fai público o Edicto Perpetuo, obra de Salvio Xuliano, que recollia os edictos anteriores e foi unha fonte esencial de xurisprudencia.

Reformouse a admistración pública, separando netamente os carregos civís dos militares, creandose a figura do advocatus fisci, encarregado de representar o Estado nos litixios con particulares. Tamén se organizou un servizo de Correos.

Hadriano prestou especial atención ao problema sucesorio. Nomeou un primeiro candidato, pero á morte deste designou a Tito Aurelio Antonino, a quen o Senado daria o nome de Antonino Pío. A partir daquel, os herdeiros designados levarian o título de César. O carrego comportaba os títulos de procónsul e tribuno. Pero Hadriano non se limitou a nomear o herdeiro, senón que exixiu que este á súa vez nomeara o seu para previr continxencias. Antonio nomeou a Marco Aurelio Vero e a Lucio Vero. Os dous, co tempo, chegarían a emperadores. A sucesión imperial estaba garantida, e con ela a estabilidade.

Hadriano morreu no 138 e foi inhumado no monumental mausoleo, que tras a caída do Imperio foi utilizado como fortaleza e que chegou deica os nosos días como Castelo de Sant Angelo, na beira do río Tíber.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Imperio Romano

Segue a:
Traxano
Hadriano (emperador)
Precede a:
Antonino Pío
Dinastía dos Antoninos