Morriña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os soldados acabados de enrolar algunhas veces experimentan morriña cando están nun campo de adestramento.

A morriña é un sentimento de tristeza, é a melancolía que se sente cando se está lonxe da terra en que se nace, a cal botas en falta[1]. Máis concretamente, a morriña é un estado de depresión vital ao que acompaña un sentimento psicolóxico de tristura. O estado vital contraposto é a euforia, á que acompaña o sentimento psicolóxico de ledicia.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra morriña procede do galaico-portugués morriha (tristeza). Uns pensan que a palabra morriha provén do latín "mori" (morrer). Pero a morte non ten nada que ver co sentimento de tristeza que a morriña presenta. Segundo os Corimas, a palabra morriña podería vir de "morro" "emurria" (tristeza).

Diferenciación entre morriña e saudade[editar | editar a fonte]

Segundo Ramón Piñeiro, moitas veces, morriña e saudade empréganse como sinónimos, pero son sentimentos diferentes. A saudade é un sentimento que sempre resultou difícil de definir, identificamos a saudade propoñendo varios sentimentos como a nostalxia, a melancolía e a propia morriña; todos correspondentes á liña de tristura. Isto débese a que o carácter depresivo que ten a tristura favorece a interiorización, achega á intimidade e mesmo por iso, ten certo punto de contacto coa saudade. Pero non chegan a ser a mesma cousa.

A morriña pode ser, nalgún caso, unha consecuencia da vivencia da saudade. Cando o home sente saudade pode saír deste sentimento de dúas maneiras: ou entregándose a un pulo de transcendencia, o sentido final da cal é a procura do Ser, ou abandonándose a unha especia de pasividade interior "que conduce á caída na morriña" (melancolía).

Outras veces ocorre á inversa: séntese morriña por causas de orixe orgánica, psíquica, moral etc., e o seu efecto depresivo, xunto coa adherencia psicolóxica de tristura, tenden a producir un ensimismamento, unha interiorización anímica que nos pode levar ao sentimento puro da saudade.

Tanto nun caso como outro, o sentimento de morriña está próximo ao da saudade, pois non tenden á obxectivación, senón á interiorización do home en si mesmo. Pero a relación entre ambos sentimentos é de pura propincuiade, non de natureza. O que caracteriza á morriña é a tristura depresiva; o que caracteriza á saudade é a carencia de significación psicolóxica. O contraposto da morriña é a euforia; o contraposto de saudade é o éxtase místico (a contemplación do Ser).

A morriña, un sentimento de identidade[editar | editar a fonte]

A morriña é un sentimento de identidade propio de todos os seres humanos. Pero para os galegos é como un signo de identidade. O sentimento de morriña comeza á saír nun galego cando este deixa atrás todo o que ama (fillos, muller, pais...) e emprende viaxe cara terras descoñecidas, onde os anos transcorren en silencio cómplice coa tristura. Esa morriña, en moitos casos, chega a converterse nun sentimento que desgarra a alma. É unha morriña que só se pode comprender a fondo cando es galego e ademais se es galego emigrante.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Piñeiro, Ramón (1984). Galaxia, ed. Filosofía da saudade. Vigo. pp. 35, 39, 59. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]