Saltar ao contido

Sarcófago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sarcófago
Imaxe
 Subclase de
Códigos e identificadores
Freebase/m/019v8c Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata C:Commons
Sarcófago exipcio de Ibi, no Museo Exipcio de Turín.
Sarcófago dos esposos, no Museo Nacional Etrusco de Vila Giulia.
Sarcófago romano, no Museo da antiga construción naval, de Maguncia.
Sarcófago medieval de madeira na Igrexa da nosa Señora da Asunción en Osorno la Mayor (Palencia, Castela e León).

Un sarcófago ou sartego é un recipiente, xeralmente tallado en pedra, destinado a conter un cadáver. No Antigo Exipto, os sarcófagos da realeza albergaban polo menos un cadaleito, xeralmente de madeira, onde se custodiaba a momia do defunto que previamente era sometido a un proceso de embalsamamento.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Do latín sarcophagus, sendo este a transcrición de σαρκοφάγος, palabra grega composta σαρκος - φαγος, que en galego se traduciría como «o que devora a carne». A palabra provén da expresión lithos sarkophagos (λιθος σαρκοφάγος). A explicación do nome xorde con Eratóstenes e recóllea Plinio o Vello. Comentan que o nome debíase a que os gregos construíanos cun tipo de pedra calcaria moi porosa procedente das canteiras de Assos, na Tróade, que en pouco tempo consumía os cadáveres.[1][2]

Moitos sarcófagos foron construídos para permanecer en mausoleos, templos ou criptas visitables, e xa que logo adoitaban estar elaborados, tallados, ou adornados esmeradamente.

No Antigo Exipto o sarcófago estaba relacionado cos rituais de embalsamamento e momificación, tendentes a conseguir a vida eterna. Os sarcófagos eran depositados en mastabas, pirámides, hipoxeos, e outros tipos de sepulturas ou edificacións funerarias. Son destacables os sarcófagos antropomorfos elaborados en pedra, ouro, prata ou madeira policromada. É soado o de Tutankhamon, faraón da dinastía XVIII, descuberto por Howard Carter no Val dos Reis, fronte a Tebas. Estaba elaborado en cuarcita e albergaba tres cadaleitos e a momia, que portaba unha máscara funeraria de ouro e pedras preciosas.[3]

En Etruria, durante os séculos III e II a.C., elaboráronse sarcófagos de terracota (como o Sarcófago dos esposos, do século VI a.C.).

Os sarcófagos, tanto de metal ou xeso así como de pedra calcaria, tamén foron utilizados polos romanos ata que apareceu o costume cristián do enterramento en sepulcros, co que caeu en desuso o sarcófago.[2]

Exemplos de sarcófagos paleocristiáns:

Coa chegada da Idade Media, o costume de elaborar sarcófagos para os dignatarios e monarcas vestidos coas súas regalías máis suntuosas, tallándoos xacendo placidamente coma se durmisen, cada vez aumentou máis. A finais da Idade Media, e coa chegada do Renacemento, unha serie de símbolos apareceron paulatinamente, onde leóns, cans e outros animais aparecían baixo os pés do defunto tallado, reflectindo a súa supremacía. Tamén xunto aos personaxes eclesiásticos e laicos, anxos sostiñan un manto por encima seu, ou sinxelamente portaban o escudo de armas da familia.

Estes ricos tallados nos sarcófagos funcionan como unha valiosísima referencia para coñecer as armaduras e a vestimenta da época, definir a heráldica e simbolismo ao redor desa persoa e a súa dignidade, e inclusive, atrevidamente para definir os trazos físicos, fisionómicos do personaxe histórico.

Outros significados

[editar | editar a fonte]
  • A palabra sarcófago tamén foi utilizada para describir a grande estrutura erixida ao redor dos restos da central nuclear de Chernóbil para illala da contorna, tras o accidente de Chernóbil.
  • O nome da mosca da familia Sarcophagidae ten a mesma raíz pero distinto significado. É coñecida vulgarmente como moscardo da carne porque as súas larvas desenvólvense na prea e o esterco, así como nos tecidos vivos das persoas e outros animais.

Lendas e crenzas

[editar | editar a fonte]

Existen diferentes tipos de mal do aire e un deles é ocasionado polas emanacións dos sartegos: é o mal do sartego. De feito, o propio nome de sartego designa o raquitismo, e da persoa enferma dise que ten o sartego.[5]

Pero tamén hai outras tradicións que recorren ós sartegos para obter a curación de certas doenzas, como o aire de morto. Así, en Caldas de Reis levan o meniño enfermo á igrexa de Santa María de Iria Flavia (Padrón), e déitano a durmir sobre o sartego do Corpo Santo, á vez que algúns dos acompañantes lle mollan a cara cunhas follas. Cóntase que alí levaron a Rosalía de Castro, cando era nena (no ano 1850).[6][7]

Máis común resulta ir ó cemiterio, o enfermo e tres mulleres chamadas María, ás doce da noite, e pedir ó defunto que se supón que lle botara o aire de morto que llelo sacara. Para conseguilo, a persoa enferma debe deitarse sobre a tumba e aspirar con forza o aire que lle roubara o morto; ou ben, de xeonllos sobre a lauda ou ante ela, o enfermo rezará: "Defuntiños todos, dádeme o aire que a vós non fos fai falta".[8]. Se o enfermo é un meniño, póusase sobre a lápida e pídese: "Tíralle o aire de morto e dálle o de vivo".

Nun lateral da igrexa parroquial de Santiago de Trasmonte, no concello de Friol, existe un sartego no que se di que, en tempos, abrollaba unha fonte. O caso é que cando se acumula na pía auga de chuvia nunca se ve bicho ningún, do que se entende que conta con algunha protección contra as impurezas porque contivo os restos dalgún santo.[9]

Cóntase que o misioneiro galego Francisco Blanco, estando enfermo, curou deitándose sobre o sartego do frade San Xoán de Navarrete, que se conserva no convento de San Francisco de Pontevedra.[10]

No Mosteiro da Armenteira (Meis, Pontevedra) existe outro sartego ó que se atribúen curacións milagrosas: o de Domingos III, que fora abade do mosteiro no século XIV. Na crónica do mosteiro cóntase que o escribán Gonzalo Pérez, de Raxó (Poio) sufría fortes dores de estómago, e dunha volta deitouse sobre a tampa do sartego. Quedou dormido de inmediato e, cando despertou, a dor desaparecera e sentía saír do sartego un arrecendo a ámbar. Desde entón, comezou a acudir ó mosteiro para curar as súas doenzas.

A terapéutica popular utiliza o po ou fragmentos de certos sepulcros, aqueles que contiveron un corpo santo, para curar certas enfermidades, como doenzas da vista, dos oídos ou da gorxa. Para iso disólvese en auga un pouco deste po e bébese.[11]

  1. Etimoloxía WordInfo. Como substantivo do termo grego foi máis tarde utilizado co sentido de "cadaleito" e foi levado a América, onde se utiliza na expresión lapis sarcophagus, en referencia ás propiedades da pedra calcaria.
  2. 1 2 Roman and Early Christian Burial Practices Columbia University Dept. de Arqueoloxía. Arquivado 18 de decembro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
  3. "Sarcófagos exipcios.". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2011. Consultado o 24 de novembro de 2012.
  4. Beckwith, John (1970, 1979): Arte paleocristiano y bizantino. – Cátedra, Madrid, 1997, p. 50. ISBN 84-376-1589-5
  5. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s. v. sartego.
  6. "Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia". Consultado o 26.01.2026.
  7. "Ó desarmar unhas capelas en 1675, que estaban baixo as naves da igrexa de Iria Flavia (Padrón), atopáronse dous sepulcros, e nun deles estaba un corpo perfectamente conservado, créndose que era o dun dos bispos de Iria. Desde entón chámaselle 'O corpo santo', e as nais da comarca teñen gran devoción a esta tumba, á que levan os seus fillos enfermos buscando curación" (Eladio Rodíguez, s. v. corpo; en castelán no orixinal).
  8. Cuba e outros, s. v. aire.
  9. V. Vaqueiro, s. v. sartego.
  10. V. Vaqueiro, s. v. sartego. A fonte non especifica de qué enfermidade curou o santo.
  11. Rafael Quintía Pereira: Dicionario de amuletos galegos, Ab Origine Edicións, Pontevedra 2024, s. v. pó de sartegos de santos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]