Esoterismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Esoterismo (do grego έσώτερος [API /e'so:teros/]: «dentro, desde dentro, interior, íntimo»; unido ao sufixo «–ismo») é un termo xenérico usado para referirse ao conxunto de coñecementos, ensinanzas, tradicións, doutrinas, técnicas, prácticas ou ritos dunha corrente relixiosa ou filosófica, que son segredos, incomprensibles ou de difícil acceso e que se transmiten unicamente a unha minoría selecta denominada iniciados, polo que non son coñecidos polos profanos.

Por extensión, o esoterismo refírese a toda doutrina que require un certo grao de iniciación para estudala no seu total profundidade. En contraste, o coñecemento exotérico é facilmente accesible para o público común e é transmitido libremente. Polo tanto é esotérica unha doutrina que, apoiándose sobre a concepción do mundo que ten un sistema relixioso ou laico, propón unha interpretación reservada a un número restritivo de iniciados.

Caracterízase ante todo por un coñecemento iniciático, con frecuencia asociado a técnicas espirituais destinadas á transformación dun mesmo (meditación, concentración, xexún, etc.) e o ligamento a unha escola de pensamento no seo da cal o neófito pode progresar con prácticas individuais ou colectivas. Cando o aspecto práctico predomina no esoterismo, fálase sobre todo de maxia; por contra outros movementos apóianse sobre todo en textos de teor esotérico.