Publicación científica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Un texto científico, ou sexa, unha publicación científica ou comunicación científica, é un dos derradeiros pasos de calquera investigación científica, previo ao debate externo.
As publicacións científicas comezaron como cartas persoais entre os científicos, libros e publicacións periódicas (como anuarios ou revistas científicas). Actualmente a ferramenta máis avanzada é Internet, que xustamente naceu como un mecanismo para comunicar as fases das investigacións científicas entre científicos e militares situados en distintas partes do mundo. Se un achado científico é de gran transcendencia ou actualidade, tamén se utilizan os medios de difusión masiva e as roldas de prensa, aínda que se considera pouco respectable facelo antes de ser comunicado á comunidade científica.
Ademais do seu uso xenérico, adoita coñecerse especificamente como "comunicación" un tipo de texto científico, máis ou menos breve, orixinalmente concibido para a súa transmisión oral, especialmente o remitido a un congreso ou simposio para que estea ao dispor dos asistentes, dea lugar ou non a unha conferencia lida realmente nesa reunión. Moi habitualmente publícanse conxuntamente.
A ciencia como saber público
[editar | editar a fonte]A ciencia distínguese doutros saberes non científicos (como a alquimia, por exemplo) pola publicidade a que se obriga o científico con respecto ás conclusións do seu traballo. A pseudociencia, pola contra, baséase fundamentalmente na promoción e a publicación, pero sen control científico previo nin posterior. Non é de estrañar que entre os best-séller haxa máis pseudociencia que ciencia.
Hai quen fala [quen?] mesmo dun comunismo científico, xa que publicar os traballos é renunciar a telos en exclusiva para un mesmo e pólos ao dispor de toda a comunidade científica e a sociedade. Iso non significa non recibir a remuneración correspondente ao traballo científico, que debe estar protexido por patentes, dereitos de autor ou a forma correspondente de propiedade intelectual. Así e todo, é moi corrente que as persoas que producen traballos científicos estean motivadas especialmente pola difusión destes, que lles produce recoñecemento social ou simplemente a satisfacción de compartir o producido.
É discutible se é eticamente aceptable que unha empresa ou un estado poidan manter secreta unha actividade científica por razóns económicas ou militares, ou ata que punto poden facelo.
Comparación internacional
[editar | editar a fonte][1]Os Estados Unidos e a China son os países que teñen maior produción científica. O número de publicacións científicas presenta gran variabilidade dun país a outro. O principal factor é o número de científicos de cada país; así, os Estados Unidos o China encabezan as listaxes mundiais de poboación, xa que teñen as maiores poboacións de científicos traballando en universidades e centros de investigación. Unha comparación máis razoable do desempeño dun país é o número de publicacións per cápita, é dicir, o volume de produción científica cualificada en relación á súa poboación.
Cando se compara o número de publicacións per cápita de cada país obsérvase que o principal factor que explica estas diferenzas é a renda per cápita, que pode explicar ata un 56 % da varianza observada. Xa que logo, o número de artigos publicados por país pode aproximarse á relación:
Onde:
- é a poboación total.
- é o PIB per cápita.
- é unha medida do desempeño científico do país.
"Publica ou morre!"
[editar | editar a fonte]A expresión "Publica ou morre!" é un tópico, pero expresa claramente a necesidade que ten un científico de ver recoñecida a súa tarefa para continuar con ela, o que ás veces produce consecuencias indesexadas, tanto na calidade das publicacións como na das mesmas investigacións.
O número de artigos científicos publicados é unha medida da repercusión da actividade dun científico ou grupo investigador e, por tanto, da súa importancia. Hai mecanismos que refinan esa medida, como a análise de citas (que amosa a cantidade de veces que outros científicos citaron unha determinada publicación), e mesmo mecanismos que refinan ese parámetro (como o índice de citación ou o Índice h).
De todas as maneiras, o mecanismo publicación-cita é unha poderosa ferramenta para que un grupo de científicos, autocitándose e acollendo nas súas revistas as publicacións dos seus afíns, se promocionen conxuntamente. O mesmo ocorre na política académica e das universidades.
A diferenza entre a avaliación da cantidade, da calidade e da repercusión das publicacións en cada disciplina científica, e entre ciencias e humanidades, deu orixe a consideracións de orde diversa sobre a conveniencia ou non de sometelas aos mesmos principios de avaliación, sobre todo polas súas consecuencias na investigación e na docencia, a vida intelectual e universitaria.[1]
Revistas científicas
[editar | editar a fonte]As revistas Science e Nature disputan o posto de revista científica máis importante nas ciencias experimentais. Estas revistas son altamente selectivas co que publican e están reservadas ás descubertas máis senlleiras ou que poidan ter un impacto máis amplo en diversas áreas da ciencia.
Ademais de revistas xeralistas como Science o Nature, existen algúns milleiros de revistas que se caracterizan pola súa alta especialización. Este tipo de revistas converteuse no referente para o traballo científico, debido a que só se publican artigos que fosen sometidos a controis externos e á revisión por pares (chamado en inglés peer preview). Estas revistas son clasificadas consonte o seu factor de impacto, que se calcula a partir do número de traballos publicados nesas revistas que son publicados por outras revistas. As ciencias sociais non dispoñen dun consenso xeneralizado que saliente un número tan reducido de revistas.
Historia das publicacións científicas
[editar | editar a fonte]Entre as primeiras publicacións científicas están o Journal des sçavans (París, 1665), e as Philosophical Transactions of the Royal Society (Inglaterra) e as Acta Eruditorum (Leipzig), ambas de finais do séculoo XVII. Nese momento, o acto de publicar investigación científica era controvertido e mesmo ridiculizado. Non era infrecuente que un novo descubrimento se anunciase como un anagrama, reservando a prioridade ao descubridor, pero indescifrable para calquera que non compartise o segredo. Malia publicar en ambas as revistas (a inglesa e a alemá), tanto Isaac Newton como Leibniz usaban ese sistema e dubidaban da prioridade das súas respectivas descubertas, o que os levou a unha feroz disputa (no caso do cálculo diferencial e infinitesimal). Loxicamente, o método non era eficaz.
O sociólogo Robert K. Merton atopou que o 92 % dos casos de descubrimento simultáneo do século XVII terminou en disputa. O número de disputas descendeu a un 72 % no século XVIII, 59 % na segunda metade do XIX e 33 % na primeira metade do XX. O descenso nas reclamacións de prioridade nos descubrimentos débese atribuír á crecente aceptación da publicación das investigacións nas modernas revistas científicas.
Institucións como a Royal Society ou a Academie Francaise des Sciences adiantáronse na súa consideración de que a ciencia só pode avanzar mediante un intercambio de ideas aberto e transparente, apoiado por probas experimentais.
"As sesións de academia, a correspondencia epistolar entre investigadores ou a edición restrinxida de monografías e libros en edicións locais e idiomas nativos non eran métodos áxiles nin eficaces para difundir e validar os novos coñecementos (por exemplo, os traballos de Mendel tardaron 30 anos en seren redescubertos). A solución máis plausible consistiu na publicación de artigos curtos adaptados a un formato estándar en revistas de circulación mundial, escritas nunha linguaxe aceptable pola comunidade científica: o inglés.[2]
Na actualidade, as novas tecnoloxías revolucionaron o crecemento e o acceso ás publicacións científicas. Nos anos 80 do século XX empezaron a aparecer as publicacións de acceso aberto nas que calquera usuario, científico ou non, podía acceder ás bases de datos de publicacións de certas revistas.
Características das publicacións científicas
[editar | editar a fonte]Características xerais
[editar | editar a fonte]- Claridade: conséguese a través de oracións e expresións non ambiguas, ordenadas e sen sobreentendidos. A orde é predicible e as informacións ordénanse secuencialmente en cada nivel.
- Precisión: os textos científicos tenden a evitar terminoloxía ambigua e a subxectividade, e no seu lugar empregar termos unívocos (cun só significado). Ás veces precisar un contido implica matizar ou citar casos, o cal pode ser difícil de contrapor co propósito de claridade.
- Verificabilidade: os textos científicos tenden a basearse en fontes verificables, polo que é común que o texto cite as fontes de numerosas afirmacións. Moitas afirmacións acompáñanse de gráficos, estatísticas e táboas que amosan cuantitativamente o afirmado.
- Universalidade: posibilidade de que os feitos tratados poidan ser comprendidos en calquera parte do mundo por calquera membro do grupo ao que vaian dirixidos. Para iso recórrese a unha terminoloxía específica que se pode traducir con moita facilidade dunha lingua a outra. Estes termos científicos, tamén chamados tecnicismos, adoitan ser unívocos, xa que designan unha única e precisa realidade.
- Obxectividade: dáselle prioridade aos feitos e aos datos sobre as opinións e as valoracións subxectivas do autor. Cando se introducen hipóteses, é frecuente citar as diferentes posibilidades de explicar un feito (hipóteses alternativas).
Características lingüísticas
[editar | editar a fonte]As características lingüísticas destes textos débense aos seguintes factores:
- A necesidade de usar a lingua culta e/ou especializada.
- O uso das formas expresivas propias da materia tratada.
- O respecto ás calidades propias do estilo científico.
- A consideración da capacidade do receptor.
Léxico
[editar | editar a fonte]- Posición dunha terminoloxía propia, constituída por tecnicismos e cultismos denotativos, monosémicos, unívocos e descritivos.
- Repetición de palabras.
- Emprego dun código heteroxéneo ou unha metalinguaxe.
Morfosintaxe
[editar | editar a fonte]- Predominio de substantivos.
- Abundante complementación.
- Substantivos precedidos de determinantes.
- Uso do artigo con valor xeneralizador.
- Escaseza de adxectivos cualificativos con predominio dos especificativos.
- Nominalización.
- Uso do indicativo con predominio do presente (atemporal).
- Emprego de aposicións.
- Emprego de oracións enunciativas.
- Emprego de oracións atributivas e pasivas.
- Predominio da xuxtaposición e a coordinación fronte á subordinación.
- Subordinadas adxectivas (especificativas>explicativas).
- Oracións temporais e condicionais.
Publicacións científicas paródicas, fraudulentas ou extravagantes
[editar | editar a fonte]Cun fin non unicamente humorístico, senón procurando marcar os límites do que debería ser a publicación científica admisible, xurdiron publicacións científicas paródicas (a primeira foi Journal of Irreproducible Results "Revista de resultados irreproducibles" -suponse que unha das condicións da práctica científica é a reproducibilidade-), onde científicos recoñecidos publican artigos aparentemente convencionais canto á súa xerga, o seu ámbito, a súa metodoloxía de investigación e a estrutura de presentación (a clásica adoita ser: Introdución, Material e métodos, Resultados, Discusión, Bibliografía), pero con asuntos tales como encher con labra de poliestireno expandido o Canón do Colorado.[3] Para as ciencias sociais, similar obxectivo tiveron os difundidos artigos de Carlo Maria Cipolla compilados no libro Allegro ma non tropo.[4]
A presenza de notables científicos no campo da ciencia ficción establece unha fluída relación entre ambas; concretamente presentados coa estrutura das comunicacións científicas, Isaac Asimov (químico de formación) publicou unha serie completa de contos sobre a tiotimolina resublimada e as súas propiedades, que se chegou a considerar un modelo perfecto de artigo científico, excepto en que é unha substancia de ficción.[5]
En ocasións déronse provocacións menos aparentes, pero igualmente inverosímiles, que intencionalmente se presentaron a revistas científicas serias e pasaron os controis e chagaron a publicarse, para seren logo denunciadas polo autor; como o chamado escándalo Sokal.[6]
Outro tipo de casos, completamente diferentes canto á intención dos autores, son as fraudes na investigación científica ou a presentación apresurada de conclusións, ás veces fóra das vías científicas, para lograr notoriedade dos medios, e que máis axiña ou máis tarde son descubertas e denunciadas, como o doutor Hwang Woo-Suk, científico coreano que afirmaba ter conseguido avances espectaculares en clonación.[7]
Tamén se produce a publicación de investigacións científicas completamente ben intencionadas, pero que conteñen algún extremo (o seu tema, a súa presentación ou as súas conclusións) tan extravagante que chega a ser cómica. Unha revista paródica similar á citada (Annals of Improbable Research) concede para eles un premio, denominado Ig Nobel, que adoita ser recibido con transixencia polos científicos atinxidos.
A crise de prezos das publicacións académicas
[editar | editar a fonte]Os prezos de subscrición das revistas científicas subiron por riba da taxa de inflación doutros produtos durante décadas.[8][9]Esta inflación crónica débese a diversos factores. Cada revista difunde achados científicos únicos e, por tanto, economicamente son produtos únicos que non poden ser substituídos nunha biblioteca por outra revista máis barata baseada na mesma materia (por non existir substitutibilidade nos artigos científicos). Esta característica das publicacións científicas permítelle á editorial que divulga a revista un comportamento monopolístico. As revistas científicas varían enormemente en calidade, igual que varían en calidade os autores que publican nelas. As revistas de maior calidade son demandadas polos académicos que piden que sexan obxecto de subscrición das bibliotecas das súas institucións, frecuentemente, sen teren en conta ou non coñecer demasiado os custos da subscrición. Isto conduce a unha baixa elasticidade da demanda das revistas de maior calidade, que frecuentemente son tamén máis caras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cortina A. ¿La calidad de las humanidades? El País. 24/11/2008.
- ↑ Argüelles JC. ¿Qué es la producción científica?. El País. 06/02/2008.
- ↑ Joandomènec Ros. Los científicos se divierten. Mundo Científico. Setembro de 1997. Páxina 768.
- ↑ 1988. Edición en castelán de Drakontos, 1991 ISBN 84-7423-509-X.
- ↑ Ros, op. cit. páxina 769. Cita a edición de Bruguera: Asimov. Selección 3.
- ↑ Sokal regresa. Cita como fonte as propias publicacións de Sokal, profesor de física, dispoñibles en inglés na súa web da Universidade de Nova York.
- ↑ "Hwang no volverá a la clonación humana". publico.es (en castelán). 1 de agosto de 2008. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 28 de agosto de 2018.
- ↑ Panitch, Judith M; Michalak, Sarah (January 2005). "Hill Scholarly Communications Convocation" (white paper). The Serials Crisis. UNC-Chapel. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2016. Consultado o 16 de xullo de 2016..
- ↑ Dingley, Brenda (2005). "U. S. Periodical Prices – 2005" (PDF). U.S. Periodical Price Index 2005 (en inglés) (Library Materials Price Index Committee (LMPIC). ALA’s Association for Library Collections and Technical Services (ALCTS).) 45: 1–16. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de outubro de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Castedo Valls J. Buen uso del idioma en las publicaciones científicas y los informes clínicos. Madrid: HM; 2007. ISBN 9788461197248