Saltar ao contido

Reva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reva
Deus da xerarquía, a xustiza e a morte
Ilustración representando o deus Reva, segundo unha intelixencia artificial.
Outros nomesReve, Reue ou Reo
XéneroMasculino
RexiónGallaecia e Lusitania
Grupo étnicoGalaicos e lusitanos
Equivalentes
Equivalente gregoZeus
Equivalente romanoXúpiter

Reva, tamén chamada ás veces Reve, Reue ou Reo,[1] é un deus supremo do panteón galaico prerromano asociado á xerarquía, á xustiza e á morte. É a divindade máis difundida na Gallaecia interior, con dez dedicacións galaico-romanas.[2] Un dos seus maiores santuarios é o balneario galaico-romano atopado nas Burgas de Ourense do século I D. de C., onde se atoparon ata o de agora cinco aras adicadas ao deus (asimilado polos romanos) polo que este deus se atopa relacionado con ríos, lagoas ou fontes termais.

Polo xeral, Reva aparece cun epíteto relativo a un lugar, como Reo Paramaeco descuberto en Lugo. Ás veces, está relacionado con deidades asociadas ás montañas baixo o epíteto Reo Larouco.

Nome e significado

[editar | editar a fonte]

Ademais de Reo Larauco (Reus de Larouco), os epítetos comparten un elemento -aik- interpretado como marcador adxectival familiar[3] das inscricións lusitanas nas dedicacións a Reo Paramaeco (Reus de Paramo) Amoaego Arcunii, Anabaraeco e Alabaraico Sulensi.[4]

O primeiro elemento Reo / Reus é moi semellante ao nome REVE que aparece na inscrición lusitana de Cabeço das Fráguas, parte da cal di INDI TAVROM IFADEM REVE T ..., normalmente interpretada como «e (ou despois) un fértil (?) boi para Reve» co epíteto perdido. Polo tanto, Reve tamén semella un dativo na forma lusitana do nome. Reve aparece de novo na inscrición de Ribeira da Venda, incluíndo un epíteto, REVE AHARACVI (desta volta a deidade recibe un sacrificio de dez ovellas).[5]

KT Witczak deriva o nome do antigo *diewo, o cal suxire que a lingua lusitana cambiou a protoindoeuropea d por r, facendo de Reo unha divindade celestial semellante (e cun nome relacionado con eles) cos deuses grego Zeus e romano Xúpiter,[6] o cal pode ser ser apoiado por dedicacións a el preto de montañas que tamén fan alusión a Xúpiter romano; ademais, outras autoridades como Blázquez e Villar suxiren que pode ter sido unha deidade vencellada aos ríos e que o nom deriva dunha raíz celta que significa «río» ou «corrente de auga».[7]

Inscricións

[editar | editar a fonte]
REBE TRASANCI AVG[VST]E século I da era actual ou I antes da actual, Castro de Santa Comba, Ferrol.

Foron atopadas varias inscricións a esta divindade, principalmente ligadas a correntes fluviais, especialmente nas zonas de Ourense e Beira. Figura frecuentemente baixo o epíteto Langanidaeco: REVE LANGANID(AECO) V(OTUM) S(OLVIT) L(IBENS). Segundo Fidel Fita Colomer é posible que esta divindade dese orixe ao nome do río Areva, que é a orixe do nome dos arévacos.

Existe unha inscrición de ofrecemento de sacrificio a Reue nunha rocha nunha montaña na contorna de Cabeço das Fraguas, Portugal. En Cabeço Pelado, a uns 3 km ao norte de Alcains (Portugal) foi atopada unha inscrición que di: REVE LANGANID(AECO) V(OTUM) S(OLVIT) L(IBENS).

O 15 de outubro de 2001 André Pena Graña atopou no castro de Santa Comba (Ferrol) unha lousiña circular datada no século I do tamaño e da forma dunha fusaiola duns 4 centímetros de diámetro, cunha inscrición adicada a Reva: REBE TRASANCI AVG[VST]E[8] ("PARA REVA TRASANCIUCA", da «Terra de Trasancos»). Esta inscrición fai referencia á Terra de Trasancos, organización territorial nacida durante a Cultura castrexa.

  1. O nome Reo é a versión declinada do dativo latín, para un nome latinizado en *Reus.
  2. Juan Carlos Olivares Pedreño "Los Dioses de la Hispania céltica"
  3. La declinación céltica de los temas en ā y los datos hispanos, Joaquín Gorrochategui, Indogermanica et Caucasica
  4. "Últimas aportaciones a las religiones prerromanas de Hispania: Teónimos" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2 de abril de 2010. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  5. Carneiro, Encarnação (2008). "Uma inscrição votiva em língua lusitana" (PDF). Oliveira & Teixeira (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de xuño de 2009. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  6. Witczak, Krzysztof Tomasz (1999). On the Indo-European Origin of Two Lusitanian Theonyms (Laebo and Reve). Łódz. 
  7. "Celtic Gods of the Iberian Peninsula". e-Keltoi (6). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2009. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  8. "Un excepcional achado epigráfico" Arquivado 14 de marzo de 2016 en Wayback Machine., artigo de André Pena Graña, 2001.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]