A Discoverer Enterprise foi unha plataforma petrolífera móbil, tipo FPSO (Floating Production Storage and Offloading vessel), con dobre casco e dinamicamente situada, construída no estaleiroASTANO, na ría de Ferrol. Foi botada o 12 de decembro de 1997 e entregada o 6 de agosto de 1998. Na data da súa botadura era a maior plataforma petrolífera do mundo[1].
A Discoverer Enterprise encaixada na ponte das Pías.
Na noite do 13 de xaneiro de 1998 a Discoverer Enterprise estaba atracada no peirao nº 10 de ASTANO, no concello de Fene, estando a traballar a quenda de noite. Durante a madrugada, o temporal rachou coas estachas que a mantiñan amarrada ó peirao do estaleiro, logo de padecer ventos que acadan os 140km/h. Aínda non ben pasara un cuarto de hora, cando a plataforma bateu lateralmente coa ponte das Pías, destruíndo uns 100 m do taboleiro, varios piares e a traída de augas dos concellos de Ares, Fene e Mugardos e sen producirse danos persoais. Na tarde dese mesmo día, aproveitando a preamar, retirouse coa axuda de varios remolcadores.
Os efectos do accidente supuxeron que, durante os seis meses seguintes, colapsase a antiga vía de entrada a Ferrol, atravesando os concellos de Neda e Narón, cun percorrido superior ós oito quilómetros, chegando as retencións ata Pontedeume nalgunha ocasión. A reconstrución da ponte foi inmediata e o acceso restableceuse oficialmente o 10 de marzo, agora con catro carrís en lugar dos dous que tiña orixinalmente.