Ponte das Pías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°29′2.37″N 8°11′3.70″O / 43.4839917, -8.1843611

Ponte das Pías
Ponte das pías dende ferrol wikigl.jpg
Localización
Río ría de Ferrol
Concello Fene - Ferrol
Provincia A Coruña
Características
Construción 16 de outubro de 1968
Lonxitude 2000 m (total)
350 m (sobre a ría)
Ancho 2 + 2 carrís + beirarúas
Tipo Taboleiro
Material Formigón

A ponte das Pías une os concellos de Fene e Ferrol sobre a ría de Ferrol. Por ela pasa a FE-14, anterior N-651, un dos ramais da N-VI.

Historia[editar | editar a fonte]

Discoverer Enterprise encaixado na ponte das Pías.

A ponte das Pías foi construída entre marzo de 1966 e outubro de 1968 cun custo total, incluídos os accesos de 246 millóns de pesetas[1] sendo inaugurada en 1968. O nome oficial era Puente del Caudillo, denominación que nunca foi empregada e a ponte era chamada das Pías, nome que por uso se fixo oficial[2]. O nome das Pías ven de «pías megalíticas», ocos funerarios de distinta profundidade baleirados sobre os penedos á beira da ría en Perlío, Fene. Tiñan forma variada: elíptica, rectangular e unha delas tiña forma de pirámide invertida coñecida como o funil. Esta necrópole celta vinculada co castro de Cardoeiro foi esnaquizada nos anos 1960 xunto co castro e está baixo os obradoiros do estaleiro[3].

A ponte era un proxecto necesario despois da creación do estaleiro Astano, actual Navantia Fene, e o seu paso á construción de petroleiros. Ata a inauguración da ponte era a vella ponte de Xuvia (ao fondo da ría) o camiño de entrada e saída de Ferrol. En 1913 inaugurárase a ponte do ferrocarril. O outro xeito de cruzar a ría era en lancha, medio que se empregou ata os inicios do século XXI pero que desapareceu coa inauguración da AP-9 en 2003. Dende a inaugaración da ponte das Pías as lanchas tiveron cada vez menos uso ata quedar só co servizo da lancha de Mugardos que unía esa cidade co porto de Ferrol.

A ponte das Pías tiña na súa inauguración un carril en cada sentido e beirarrúas. A ponte non tiña beiravía, o que limitaba o uso. O martes 13 de xaneiro de 1998 a ponte foi esnaquizada pola plataforma petrolífera Discoverer Enterprise que rompeu amarras pola noite, o que volveu deixar a comarca como antes de 1968. Despois de dous meses de obras a nova ponte foi inaugurada de novo con catro carrís (dous en cada sentido) seguía sen beiravía e estaba limitada a velocidade de circulación a 80 km/h. En 2003 foi inaugurada a nova ponte da autoestrada AP-9 o que deixou a ponte como comunicación local.

Servizos[editar | editar a fonte]

Punto negro na ponte das Pías, Fene.

A ponte ten unha gasolineira na beira de Ferrol, dirección Fene. A velocidade na ponte vindo de Ferrol e dirección Fene é de 80 km/h dende Caranza ata chegar á altura de Navantia Fene onde a limitación é de 50 km/h, alí hai un radar que en 2010 puxo a cuarta parte de tódalas multas da provincia da Coruña[4][5].

A ponte nunca foi un lugar de paseo aínda que é moi empregada por afeccionados á pesca. A máxima concentración de xente prodúcese durante as botaduras de buques no estaleiro.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]