Carnota
| Localización | |||||
|---|---|---|---|---|---|
| |||||
| Estado | España | ||||
| Comunidade autónoma | Galicia | ||||
| Provincia | provincia da Coruña | ||||
| Capital | Carnota | ||||
| Poboación | |||||
| Poboación | 3.780 (2025) | ||||
| Xeografía | |||||
| Parte de | |||||
| Superficie | 75,56 km² | ||||
| Bañado por | Océano Atlántico | ||||
| Altitude | 700 m | ||||
| Comparte fronteira con | |||||
| Organización política | |||||
| • Alcalde | Ramón Noceda Caamaño | ||||
| Eleccións municipais en Carnota | |||||
| Identificador descritivo | |||||
| Código postal | 15293 | ||||
| Fuso horario | |||||
| Código INE | 15020 | ||||
| Sitio web | concellocarnota.com | ||||
Carnota é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Muros. Segundo o IGE no ano 2024 tiña 3.809 habitantes (4.376 no 2014, 4.938 no 2009, 5.017 no 2007, 5.112 no 2006, 5.244 no 2005, 5.285 no 2004, 5.421 no 2003). O xentilicio é carnotán.[1]
Demografía
[editar | editar a fonte]| Censo total (habitantes) | 3.809 (2024) |
| Menores de 15 anos | 279 (7,32 %) |
| Entre 15 e 64 anos | 2.026 (53,19 %) |
| Maiores de 65 anos | 1.504 (39,48 %) |

| Evolución da poboación de Carnota Fontes: INE e IGE. | |||||||||||||||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 | 2024 |
| 5.507 | 6.594 | 7.196 | 7.213 | 5.285 | 4.605 | ||||||||||||||
| (Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) | |||||||||||||||||||
Xeografía
[editar | editar a fonte]
O concello ten 70,9 km2, e abrangue 5 parroquias. Ocupa unha estreita franxa costeira entre os montes da serra de Outes ao leste (límite co concello de Mazaricos) e a costa do océano Atlántico ao oeste. Limita ao norte co concello de Dumbría a través da desembocadura do río Xallas e o monte Pindo, e ao sur co concello de Muros a través da punta Lens, nas inmediacións do Ancoradoiro. O seu centro administrativo e a casa do concello atópanse no núcleo de Carnota, dentro da parroquia de Santa Comba de Carnota.
Desde a súa creación, a estrada C-550 (de Fisterra a Tui) é a principal rota de comunicación. Na actualidade, coa mellora da estrada de Santa Comba a Muros, esta última converterase na vía principal con Santiago de Compostela.

O concello marca a transición entre as rías Altas e as rías Baixas e é, segundo algúns, o derradeiro polo sur da costa da Morte.
A parte norte, a partir de Caldebarcos, é pedregosa e vai subindo cara ao Pindo, que no extremo norte cae sobre o mar desde unha grande altura. Os montes do Pindo esténdense entre a desembocadura do Xallas e o Valdebois. Este macizo montañoso atinxe a súa maior altura na monte Pindo (627 m), desde a que se poden albiscar as torres da catedral de Santiago. Existen numerosas lendas relacionadas con estes montes, chamados "O Olimpo Celta". Ao sur predominan as praias. A praia de Carnota pasa, cos seus case sete quilómetros, por ser a máis longa de Galiza. Parte deste espazo natural está protexido dentro da Rede Natura 2000 e ten dunas móbeis, semi-móbeis e fixas. O relevo érguese rapidamente cara ao interior, chegando aos 503 m no lugar de Adraño.
O clima é oceánico húmido, con temperaturas suaves de 14-15 °C anuais e precipitacións abondosas entre 1.500 e 2.000 mm anuais.
Historia
[editar | editar a fonte]
Existen mámoas e castros que indican que a zona foi poboada desde antigo. O castro de Mallou é unha acrópole fortificada da idade de ferro. O castro de Miñarzos está na actual vila de Lira, polo que está moi alterado.
Na Idade Media pertenceu aos condes de Trastámara e de Lemos e formou parte do antigo condado de Cornatum. Coa Gran Guerra Irmandiña de 1467 desapareceron as fortalezas. Hai restos de catro fortificacións:
O castelo de Penafiel, situado sobre o monte e a fervenza do Ézaro, foi derrubado durante a Gran Guerra Irmandiña. Era un castelo roqueiro, cunha serie de construcións e aterrazamentos nun penedo de difícil acceso. Na súa base hai unha inscrición de excomuñón, o que podería remontar a súa existencia cando menos ao século XII
O castelo de Pindo Central é unha gran fortificación na zona máis alta do Monte Pindo. Nela había unha capela.
O castelo de San Xurxo está nunha penichaira do monte Pindo, no camiño natural entre o arco de Carnota e as aldeas do Ézaro e o Pindo. Foi construído no século X polos prelados da Catedral de Santiago de Compostela, e pertenceu á Mitra de Santiago, á monarquía e a nobres feudais. Foi escenario da Revolta de Carnota.
O castelo de Canedo (Canetum, ou Bico do Santo) é outra fortificación episcopal do século X. Tamén tiña unha capela, destruída segundo a tradición oral polo exército francés.
O lugar da capital, Carnota, naceu no século XVII. No século XIX foi saqueada polos franceses na Guerra de Independencia española.
Monumentos e turismo
[editar | editar a fonte]Carnota é coñecida sobre todo polos hórreos ("cabaceiras") de Carnota e Lira, que compiten por seren os máis grandes de Galiza.
A igrexa de Carnota (Santa Comba) é barroca, ten planta de cruz latina e tres naves lonxitudinais. A de San Mamede é neoclásica, e conta cun retablo do século XVIII, obra do escultor J. Ferreiro.
O bico do Santo, situado no lugar de Pedrafigueira, é un picacho en cuxo cumio houbo unha ermida dedicada a San Sebastián e que hoxe alberga unha cruz de factura civil.
Na praia de Carnota o areal mide sete quilómetros. As dunas son o produto do insistente vento do noroeste. A zona de marismas divídese en dúas partes: Caldebarcos, ao norte e A Lagoa ao sur. Sepáranas Punta Larada, que tamén divide as praias de Carnota estrita e a de San Mamede (A Berberecheira).
A praia de Boca do Río, onde desemboca o río Valdebois, é moi popular entre os veraneantes. De feito, a revista alemá Traum Strände considéraa unha das praias máis fermosas do mundo.
Festas
[editar | editar a fonte]- O 1 de xaneiro celebrase a festa popular de San Gregorio con gran prestixio na comarca.
- A comezos de agosto, celébrase a Festa de San Mamede, en honor ó patrón municipal.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Carnota.
-
Aeroxeradores nos montes do Pindo.
-
Hórreo de Carnota.
-
Hórreo de Lira.
-
Vista da Igrexa de San Mamede de Carnota dende a porta do adro.
-
Solpor na praia de Carnota.
-
Vista das marismas de Carnota e Caldebarcos no inverno de 2018.
Parroquias
[editar | editar a fonte]| Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Carnota | |
|---|---|
|
Lariño (San Martiño) | Lira (Santa María) | O Pindo (San Clemente) | San Mamede de Carnota (San Mamede) | Santa Comba de Carnota (Santa Comba) |
Lugares de Carnota
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Carnota vexa: Lugares de Carnota.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 44. ISBN 978-84-8158-706-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carnota |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web do Concello de CarnotaArquivado 24 de xuño de 2009 en Wayback Machine.
