Saltar ao contido

Porto do Son

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaPorto do Son
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°43′28″N 9°00′21″O / 42.724553, -9.005914
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
CapitalPorto do Son Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación9.125 (2023) Editar o valor en Wikidata (96,48 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie94,58 km² Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataLuis Oujo Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Porto do Son Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15970 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15071 Editar o valor en Wikidata

Sitio webportodoson.gal Editar o valor en Wikidata
Entrada na vila pola AC-550, desde Noia.
No centro, a igrexa parroquial de San Vicente de Noal.

Porto do Son (á espera da oficialización da forma O Porto do Son[1][2]) é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Noia. A capital do concello é a vila homónima, situada na parroquia de Noal. O termo municipal ten unha extensión de 94,58 km² e, segundo o padrón municipal (INE 2015), conta cunha poboación de 9.436 habitantes, o que daba, nesa data unha densidade de 99,77 hab./km². O seu xentilicio é sonense.

No concello de Porto do Son están o castro de Baroña e a vila de Portosín.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Porto do Son é un concello que ocupa o lado noroeste da Península do Barbanza. Limita ao norte coa ría de Muros e Noia, ao sur con Boiro e a Pobra do Caramiñal, ao leste con Noia e Lousame, e ao oeste con Ribeira.

A Península do Barbanza é unha terra moi accidentada e Porto do Son non é unha excepción. O monte está en case todo o concello moi preto da costa, o que obriga á poboación a concentrarse en torno á liña costeira en case todo o territorio.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Comparando a evolución demográfica desde 1900, a poboación de Porto do Son mantense estable ó contar nese ano con 9.244 habitantes e no 2005 con 9.990.

A poboación aumentou lixeiramente ata a metade de século, cando comeza a baixar lenta pero progresivamente, con pequenas variacións. Isto débese á baixa natalidade e a unha emigración que leva unha parte significativa da poboación ó exterior, o cal é constante na maioría dos concellos de Galicia.

En 2012 a poboación era de 9 699 habitantes, o que indica unha diminución a 2011, cando era de 9 847 persoas (9 899 habitantes en 2007, 10 025 no 2006, 9 990 no 2005).

Censo total (2014) 9 571 habitantes
Menores de 15 anos 1 208 (12,62 %)
Entre 15 e 64 anos 6 016 (62,86 %)
Maiores de 65 anos 2 347 (24,52 %)


Evolución da poboación do Porto do Son (1857-2011) [3]

Evolución da poboación de Porto do Son   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
9.244 9.682 10.876 11.102 10.039 9.847 9.873 9.699 9.613
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Panorámica do castro de Baroña.
Cruceiro na Praza de España
Vista da ría de Muros e Noia desde Porto do Son

Antigüidade

[editar | editar a fonte]

Como no resto da zona do Barbanza, son numerosas as testemuñas que demostran a antiga ocupación humana de Porto do Son, con innumerábeis restos da cultura paleolítica,[4] sobre todo petróglifos, esparexidos por todo o termo municipal, e mámoas, sobre todo en Baroña. O asentamento castrexo máis importante é o castro de Baroña (de feito é un dos máis importantes de Galicia). Estivo habitado probablemente entre os séculos séculos IV e III a.C. Foi romanizado e abandonado arredor do século I a.C. E na cova de Fonforrón acháronse útiles da época.[4]

Por outra banda, en canto á era romana, á parte da xa citada romanización do castro de Baroña, atopáronse mosaicos romanos en Portosín, hoxe desaparecidos. O mesmo topónimo desta entidade de poboación probablemente vén de Portus Sinus. A vía per loca maritima pasaba polo termo municipal.[4]

Idade Media

[editar | editar a fonte]

A historia medieval deste concello foi bastante tranquila. Porén, entre outras cousas, son mencionables algúns ataques de piratas viquingos que se fixeron pola zona,[4] por causa da situación da vila, a medio camiño entre Santiago de Compostela e o mar. Nos primeiros séculos da Idade Media o Reino de Galicia era a potencia económica e marítima do oeste e sur europeo. Os Annales Cambriae de 1159 falan de Bizancio, Xermania e Galicia como os tres principais imperios de Europa. Atraídos pola riqueza do reino, os escandinavos (chamados normandos nas crónicas da época) organizaron numerosas expedicións militares ao "País de Santiago", onde atacaban e se retiraban rapidamente collendo ricas preas.[5] Durante este período e tempos posteriores, o que vén sendo o concello actual dependeu de Noia, importante vila galega durante a Idade Media.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Moderna o concello de Porto do Son seguiu sendo dependente da vila Noia. Son mencionables os preitos que houbo durante esta época entre os veciños sonenses e os doutros lugares, sobre todo relacionados coa pesca. Houbo un coa ordenanza noiesa, que prohibía empregar o xeito, pois os veciños sonenses o empregaban. Porén, houbo outro cos veciños de Muros: esta vez eran os sonenses os que non estaban de acordo con empregar o xeito como facían os muradáns.
A pesca adquiriu en toda Galicia importancia real a finais do século XVIII coa chegada de empresarios cataláns, os chamados fomentadores, que introduciron novas técnicas pesqueiras e lle deron pulo á industria da salga de peixe.

Historia recente

[editar | editar a fonte]

O actual concello non se independizou de Noia ata 1812.[4] Durante o século XIX chegaron estes fomentadores cataláns ao Porto do Son. Creáronse fábricas de salgadura na capital municipal, na da Aguieira e en Portosín. Isto impulsou o sector pesqueiro, e deu traballo a gran parte da poboación do concello, aínda que provocou problemas sociais. A comezos do século XX o negocio deixou de ser rendible e pouco a pouco fóronse pechando as fábricas. Tamén foi o primeiro lugar en desenvolver fábricas de roupa de augas.[6]

Economía

[editar | editar a fonte]

No ano 2001, a taxa de actividade do concello de Porto do Son era do 45,2 % e o paro de 9,1 %. Por sectores, o sector terciario é o predominante, pois ocupa un 42,3 % dos traballadores sonenses. O sector secundario, cunha ocupación predominante da construción, ocupa un 33 % dos traballadores. E o sector primario é o minoritario, ocupando un 24 % dos traballadores sonenses, a maioría en actividades pesqueiras.

Porto do Son celebra nos meses de xullo, agosto e setembro varias festas, como a "Feira Celta" (29, 30 e 31 de xullo), a "Festa Hortera" (6 de agosto), a "Festa da exaltación do polbo" (13 de agosto),[7] e as festas da vila, dedicadas á virxe do Carme, san Roque e á virxe de Loreto (7, 8, 9, 10 e 11 de setembro).[8]

[editar | editar a fonte]
  • As mociñas de Goiáns/ a todas lles cai o pelo/ que lle caeu o resío/ na fontiña de Sequelo [9].
  • As mociñas de Goiáns/ fixeron o río Novo/ para lavar o refaixo/ que c... polo rodo [10].
  • Miña nai non me casedes/ nese portiño do Son,/ que están os demos metidos/ nas covas de Fonforrón [11].
  • Na miña vida tal vin/ nesa aldea de Seráns:/ unha cadela con pitos,/ unha galiña con cans [12].
  • O Cristo de Finisterre/ ten unha pistola d'ouro/ pra matar aos do Son/ por riba de Monte Louro [13].
  • Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros [14].
  • Os de Noia son bos mozos,/ os de Muros baloqueiros,/ os de Fisterra son negros,/ e os do Son son mariñeiros [15].
  • Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón [16].
  • Quen me dera estar na Creba/ e na Creba haber un piño,/ para ver o que se pasa/ esta noite en Portosiño [17].
  • Santo Cristo de Fisterra,/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do Monte Louro [18].
  • Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [19].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Parroquias

[editar | editar a fonte]

O territorio sonense está dividido en dez parroquias, a maior das cales é Nebra e a máis poboada, Noal, onde se atopa a capital do concello. Todas elas están bañadas polas augas da ría de Muros e Noia, excepto Ribasieira, que non dá ó mar.

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Porto do Son

Baroña (San Pedro) | Caamaño (Santa María) | Goiáns (San Sadurniño) | Miñortos (San Martiño) | Nebra (Santa María) | Noal (San Vicente) | Queiruga (Santo Estevo) | Ribasieira (San Pedro) | San Pedro de Muro (San Pedro) | Xuño (Santa Mariña)

Lugares de Porto do Son

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Porto do Son vexa: Lugares de Porto do Son.

  1. Real Academia Galega (22 de xullo de 2021). "Así é como figura na revisión e actualización do Nomenclátor de 2003 (aínda en vigor) aprobada polo Seminario de Onomástica da RAG". Twitter. Consultado o 2022-09-01. 
  2. Seminario de Onomástica (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. p. 83. Consultado o 2022-09-01. 
  3. Fonte: INE; 1857-2011
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Historia Porto do Son Arquivado 14 de setembro de 2016 en Wayback Machine. en AGalicia.com.
  5. As Invasións Viquingas en RiasBaixas.net.
  6. "A industria de confección de roupas de auga en Porto do Son". La Voz de Galicia. 2009-04-30. Consultado o 2024-06-23. 
  7. "CONCELLO DE PORTO DO SON". www.portodoson.gal. Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2017. Consultado o 2023-09-16. 
  8. Festas na web do Concello.
  9. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 171. Recollida en [[Lampón, Boiro|Lampón]}], parroquia de Boiro, concello limítrofe con Porto do Son, ó que pertence Goiáns. Estas dúas parroquias non son lindeiras.
  10. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 171.
  11. Fonforrón é unha praia da parroquia de Noal, en Porto do Son. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931, 216. No texto: cobas.
  12. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 188. No texto: vín, n-esa, cáns. Seráns é lugar de San Pedro de Muro pero a cantiga está recollida en Palmeira (Ribeira).
  13. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No texto: d-ouro, Montelouro.
  14. ANÓNIMO (1968): Cantigas do viño. Ed. Castrelos, Vigo (Col. O Moucho 6). Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
  15. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No texto: bós. Segundo Eladio Rodríguez, chámase baloqueiro á persoa moi aficionada ás balocas (castañas ou patacas) cocidas.
  16. Fermín Bouza-Brey: “Cantigas populares da Arousa”, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 172. No texto: Noya, Són.
  17. A illa da Creba pertence a Muros pero está fronte por fronte a Portosín (lugar de Porto do Son). Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192.
  18. Monte Louro é lugar da parroquia de Louro, en Muros. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 184. No texto: ôs do Son.
  19. Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No texto: Montelouro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barreiro Barral, José (1989): Historia de Porto do Son y su distrito. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña. ISBN 978-84-86040-33-8.
  • Díaz Santana, Beatriz (2002): Los celtas en Galicia. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN ISBN 978-84-95622-69-3.
  • Guitián Castromil, Jorge e Guitián Rivera, Xoan (2001): Arte rupestre do Barbanza. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 978-84-95622-21-1.
  • Morales Romero, Eduardo (1997): Os vikingos en Galicia. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-8121-661-5.
  • Suárez Piñeiro, Ana (2009): Romanización en Galicia. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 978-84-96673-97-7.
  • Torres de Río, Joaquín (2000): A toponimia do concello de Porto do Son. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 978-84-89129-12-2.
  • Torres de Río, Joaquín (2006): Os apelidos do Concello de Porto do Son: 800 nomes de familia tradicionais e dos segundorresidentes: xenealoxía, etimoloxía e heráldica. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 978-84-96259-86-2.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]