Coello

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coello
Oryctolagus cuniculus

Coello silvestre fotografado en Tasmania
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Lagomorpha
Familia: Leporidae
Xénero: Oryctolagus
Lilljeborg, 1873
Especie: O. cuniculus
Nome binomial
Oryctolagus cuniculus
(Linnaeus, 1758)
Especie tipo
Lepus cuniculus Linnaeus, 1758
Área de distribución de Oryctolagus cuniculus      Área nativa     Introducido
Área de distribución de Oryctolagus cuniculus
     Área nativa     Introducido

Área de distribución de Oryctolagus cuniculus
     Área nativa     Introducido
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

O coello[2] (ou coello europeo, para distiguilo doutras especies da familia), cientificamente Oryctolagus cuniculus, é unha especie de mamífero lagomorfo da familia dos lepóridos, a única do xénero Oryctolagus.[3][4]

Orixinario do suroeste de Europa (España, Portugal e o suroeste de Francia) e do noroeste de África (norte de Marrocos e de Alxeria),[5] onde aínda existe (cada vez menos) en estado salvaxe, existen tamén moitas subespecies domesticadas en case todo o planeta. Útil ás persoas pola súa carne, usada como alimento, e pola súa pel, usada para confeccionar vestiario.

Crese popularmente que a pata de coello é un amuleto de boa sorte. Hoxe en día é tamén frecuente criar coellos como animais de compañía.

Os coellos distínguense das lebres por seren altriciais.[6]

O tamaño dos coellos é variábel. Como todos os lagomorfos, posúen catro dentes incisivos no maxilar superior e dous na mandíbula, que medran continuamente durante toda a súa vida. Nisto diferéncianse dos roedores, que posúen dous incisivos tanto no maxilar superior como no inferior. Os coellos teñen orellas longas, as patas posteriores grandes e colas pequenas e suaves. Desprázanse saltando, para o que utilizan as súas poderosas patas posteriores. Para facilitar o movemento rápido estas están revestidas dunha cuberta grosa de pel que amortece o impacto dos pulos rápidos. Dependendo da subespecie poden atinxir unha velocidade de 15 a 20 m/s. Os coellos novos (cazapos, cazapellos ou láparos) parecen "camiñar" en vez de saltar. Os coellos viven entre 4 e 10 anos.

Os coellos escavan redes de túneles, ou tobos ou coelleiras, nas que permanecen a maior parte do tempo.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Xénero

O xénero Oryctolagus foi descrito en 1873 polo zoólogo sueco Wilhelm Lilljeborg, en Sverig. Og Norges Ryggradsdjur, 1: 417.[7]

Especie

A especie describiuna Carl von Linné na páxina 58 do volume 1º do seu Systema Naturae.[3]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Xénero

O nome científico do xénero, Oryctolagus está formado polos elementos do latín científico orycto- e -lagus. O primeiro deriva do grego antigo ὀρύκτος orýktos, 'escavaor', termo tirado do verbo ὀρύσσω orýssō, 'escavar', e o segundo do substantivo do grego antigo λαγώς lagṓs, 'lebre'.[8] Literalmente: a lebre escavadora'.

Especie

O epíteto específico tomouno Linnneo do latín clásico cunīculus, 'coello'.

Anatomía interna dun coello.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Xénero

O xénero coñeceuse tamén polo sinónimo:[7]

  • Cuniculus Meyer, 1790
Especie

Os sinónimos cos que se coñeceu tamén a especie foron:[3]

  • Lepus cuniculus Linnaeus (epónimo)
  • Oryctolagus borkumensis Harrison, 1952
  • Oryctolagus campestris (Meyer, 1790)
  • Oryctolagus nigripes Bartlett, 1857

Subespecies[editar | editar a fonte]

Na actiualidade recoñécense as subespecies seguintes:[7][9]

  • Oryctolagus cuniculus algirus (Loche, 1858)
  • Oryctolagus cuniculus brachyotus Trouessart, 1917
  • Oryctolagus cuniculus cnossius Bate, 1906
  • Oryctolagus cuniculus cuniculus (Linnaeus, 1758)
  • Oryctolagus cuniculus habetensis Cabrera, 1923
  • Oryctolagus cuniculus huxleyi Haeckel, 1874

Os coellos domésticos[editar | editar a fonte]

Cando os coellos están ben coidados son animais amigables e xoguetóns, son comúns en todo o mundo e téñense tanto en interior como en exterior.

Os mantidos en interior son máis sans e sociables xa que están a salvo dos seus depredadores naturais e de temperaturas extremas. Os mantidos en exterior necesitan un abrigo que sexa caloroso en inverno e un lugar que lles proporcione sombra no verán.

A temperatura ideal para os coellos domésticos oscila entre os 10 e 21 graos centígrados.

O coello na cultura[editar | editar a fonte]

O coello é un animal presente na cultura popular como símbolo de fertilidade e asociado tamén á Pascua. Polo seu carácter de animal de presa parece que se presta como símbolo da inocencia e do ser que non desexa mal para outros. Ademais, utilízase con frecuencia como símbolo de sexualidade, baseado precisamente na imaxe de inocencia xunto coa súa reputación como enxendrador (como o logotipo da revista Playboy).

Tamén é un arquetipo popular do trampulleiro, que utiliza o seu enxeño para vencer os seus inimigos, como aparece nas fábulas centroeuropeas e no personaxe de Bugs Bunny. Ademais deste último, teñen aparecido moitos outros coellos antropomórficos na literatura, como o Coello Branco das aventuras de Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll e nas novelas de Beatrix Potter.

Un dos doce animais do Zodíaco chinés é un coello.

Disque as patas de coellos traen sorte, polo que se levan como amuleto.

Na tradición xaponesa, os coellos viven na Lúa, onde fan mochi, un petisco a base de arroz. Esta idea parte da interpretación visual dos mares da lúa como un coello de pé nas puntas dos pés mirando cara a esquerda e traballando cunha manteigueira.

No manga Sailor Moon aparece un personaxe cuxo nome é Usagi (coello en xaponés).

O coello na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

En Cambados, para curar a decipla (erisipela), untan a parte enferma con sangue de coello. Tamén se cre que se unha muller embarazada come carne de lebre ou de coello, o meniño durmirá despois cos ollos abertos.

  • Cada coello no seu tobo arránxase de calquera modo.
  • Inda o demo ten cara de coello!
  • Labrego cazador, coellos na cociña e fame no comedor.
  • O coello, por san Xoán, e a perdís por Navidá.
  • Ó abade vello, polos e coello.
  • Ó coello fuxido, consello vido.
  • Se os coellos morreran con palabras, cantos matabas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Smith, A. T. & Boyer, A. F. (2008):European Rabbit. Oryctolagus cuniculus na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 21 de decembro de 2018.
  2. coello no Dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 3,2 Oryctolagus Lilljeborg, 1873 en MSW.
  4. Oryctolagus Lilljeborg, 1873 no ITIS.
  5. "ADW: Oryctolagus cuniculus: INFORMATION". Animal Diversity Web. 
  6. Chámanse altriciais ás crías que nacen cegas, practicamente sen pelo e cunha mobilidade moi limitada, necesitando un largo proceso de aprendizaxe. Cando as crías nacen xa desenvolvidas se denominan precociais.
  7. 7,0 7,1 7,2 Oryctolagus Lilljeborg, 1873 en MSW.
  8. Oryctolagus no Merriam-Webster Unabridged Dictionary.
  9. Oryctolagus cuniculus (Linnaeus, 1758) no ITIS.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]