Polbo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Polbo
Polbo común (Octopus vulgaris)
Polbo común (Octopus vulgaris)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Subclase: Coleoidea
Superorde: Octopodiformes
Orde: Octopoda
Leach, 1818[1]
Subordes
Sinonimia
  • Octopoida
    Leach, 1817[2]

Os polbos[3] son moluscos mariños cefalópodos, formando a orde Octopoda, que significa "oito pés". Son animais mariños e carnívoros. Carecen de cuncha e a súa característica principal é unha coroa de oito tentáculos ou raxos na cabeza, arredor da boca, provistos de fortes ventosas. Como o resto dos cefalópodos, o polbo ten un corpo mol mais non ten esqueleto interno (como as luras) nin externo (como o náutilo). Como medio de defensa, o polbo posúe a capacidade de botar tinta (conseguida a través dos cromatóforos) e a autonomía dos seus tentáculos.

Morfoloxía e evolución[editar | editar a fonte]

Todos os polbos teñen a mesma estrutura básica e son depredadores. Posúen uns ollos moi desenvolvidos, un cerebro e tres corazóns. Dispoñen dun sifón que permite o movemento por expulsión dun chorro de auga; este sifón pode cambiar de dirección, a diferenza do das luras. Cada uno dos oito brazos está conectado cun pequeno cerebro, dependente do principal, que controla o movemento do brazo. A única parte ríxida do seu corpo é o bico córneo co cal desfai as súas presas. Os seus ollos son moi semellantes en estrutura aos do ser humano, aínda que teñan evolucionado de forma diferente. Teñen unha incríbel forza con delicadísimos sentidos de tacto e padal presentes nos seus centos de ventosas, grazas ás cales practicamente calquera cousa quedará irremediabelmente capturada así que o brazo do polbo toca a súa superficie.

Os polbos máis pequenos, como o polbo de aneis azuis de Australia chega a medir 15 cm. O polbo común pode alcanzar os 3 m de longo e os 12 kg de peso. As especies máis grandes, como Haliphron atlanticus e Enteroctopus dofleini poden chegar a medir 6 metros e pesar 70 kg. A coloración é variable, e modifícase para camuflarse co medio. Tamén son quen de moficicar a textura da pel para imitar á superficie da rocha na que se agochan. Son globosos e carecen de aletas (a diferenza dos decápodos, coma a lura).

Por outra banda, os polbos son moluscos, ou sexa, entre os seus parentes máis próximos podemos enumerar os caracois, as "danzarinas españolas" -un tipo de lesma do mar- e as ostras (todos eles animais de movementos lentos e simples, en gran parte herbívoros, raspadores de detritos ou filtradores de plancto, seres que case invariablemente pasan a vida agachándose dentro das súas cunchas).

Un polbo no zoolóxico de Frankfurt

Do mesmo tronco xurdiron, no Período Cámbrico, os cefalópodos, aparentemente a partir dos gasterópodos (caramuxos e os seus parentes). A semellanza é relativamente fácil de percibir, especialmente ao ver un náutilo, o máis primitivo dos cefalópodos vivos, que posúe unha gran cuncha espiral da cal abrochan os seus innumerábeis tentáculos e mailos seus ollos simples. Gasterópodos mariños de estrutura semellante poden ter desenvolvido unha forma de natación libre, multiplicando o número de tentáculos e creando unha forma de propulsión a chorro (un sifón que expele auga por medio de músculos poderosos e así permite un movemento bastante rápido).

Polbo. Acuario da Coruña

Máis tarde outros cefalópodos tiveron diferentes tipos de cunchas, con varias formas, por veces estrañas, e algunhas formas pasaron a prescindir da cuncha en favor dunha locomoción máis lixeira e maior liberdade de movemento. Xurdiron así as formas das xibas, que posúen unha pequena cuncha espiral escondida no interior do corpo, das luras, e as potas, que conservan só unha lámina fina que sustenta o eixo do corpo, e dos polbos, que perderon (case sempre) todo resquicio de cuncha.

Mais esas mudanzas foron acompañadas de moitas outras, que acabaron xerando unha das formas máis adaptábeis que coñecemos. Os tentáculos desenvolveron ventosas e outras estruturas para coller as vítimas, e tamén gañaron músculos máis potentes e movementos máis áxiles (chegando a "chimpos" rápidos, como por exemplo o dos tentáculos da lura). Para permitir eses movementos vigorosos, o sistema circulatorio (que forma o esqueleto hidrostático) foi amplamente mellorado; e para coordinalos o sistema nervioso aumentou de tamaño e eficiencia. Para empregar mellor todos eses recursos, desenvolveron ollos de grande complexidade, capaces de enfocar, distinguir cores e producir a visión binocular (como a nosa, que dá mellor percepción de profundidade).

Non é realmente de estrañar que depredadores que desa maneira estaban gañando tamaño, axilidade e vida libre, e polo tanto tornándose máis visíbeis, acabasen desenvolvendo estratexias de mimetismo. Os cefalópodos superiores (chocos, luras e polbos) chegaron ao extremo de teren todo o corpo cuberto por células pigmentadas ligadas a células musculares - os cromatóforos, que rexidas polo seu poderoso sistema neuronal producen mudanzas de cor e inclusive padróns móbiles (as ondulacións de branco e negro dun choco son tan asombrosas como as sucesivas mudanzas de tonalidade dun polbo).

O polbo, tras perder na súa evolución todo resquicio de cuncha, ten a particularidade de ser capaz de estreitarse para pasar por case calquera abertura, en canto os seus tentáculos desenvolveron independencia e axilidade ata o punto de se tornaren verdadeiros brazos, que son oito (e deles vén o nome latino, Octopus, que é tamén o nome do xénero máis común de polbos). Cada brazo é un órgano incriblemente versátil, dotado de ventosas e dunha musculatura poderosísima. Se fose perdido durante a caza (ou durante unha fuga), o brazo crecerá novamente. E mesmo nos machos, un dos brazos fai as veces de pene (brazo hectocótilo), que introducen na cloaca da femia para depositar os espermatozoides. A femia colocará os ovos pendurados do teito da cova na que se protexe, a modo de acios. Coida dos ovos ata que estes eclosionan, arredando os depredadores e osixenando a auga da cova.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A reprodución dos polbos é sexuada e iniciase cun ritual de emparellamento que pode durar varias horas ou días entre o inicio da corte (durante a cal machos concorrentes poden competir de diversas formas para establecer dominación, sen necesariamente entrar en combate) e a fecundación. Os biólogos consideran que cando a femia está pronta para a fecundación ela libera unha feromona sexual que, ademais de atractivo, prevén para que o parceiro sexual non as devore (o canibalismo é común en varias especies de polbos). A femia pode ser fecundada por un ou mais parceiros sexuais nese período. Cando a femia o acepta, os espermatozoides do polbo macho son introducidos, na forma de espermatóforos, a través de dous brazos especializados, chamados de hectocotylus. O polbo macho morre nun período dalgúns meses despois da cópula. A femia, após a fecundación, pode gardar os espermatozoides por semanas até que os óvulos estean maduros. Dependendo da especie, a femia deposita os ovos fecundados nun "niño" en fileiras ou illadamente que poden atinxir até 200.000 ovos. O niño xeralmente é un oco de pedra ou calquera outro lugar abrigado que ela limpa minuciosamente cos seus tentáculos (dotados de sensores de padal, os tentáculos poden identificar impurezas invisíbeis ao ollo). Durante a maduración dos ovos, a femia coida deles, evitando que algas e outros organismos os ataquen. Ela tamén facilita a circulación de correntes de agua a fin de que os óvulos reciban oxixenación suficiente. Durante ese período a femia non se alimenta e normalmente morre pouco despois de os ovos eclodiren.[4]

Despois de eclodiren os ovos, as crías viven nunha fase paralarvae. Nesa fase aliméntanse de pequenos animais do plancto tales como copépodos, e larvas de caranguexos e estrelas do mar. Nesa fase integran a cadea trófica de seres vivos maiores como medusas e baleas. Despois da fase paralarvae, cando as crías se volven maiores, deixan a superficie dos mares, tornándose adultos no fondo dos mares, en baixas profundidades.

A femia, que non se alimenta durante a incubación, xeralmente enfraquece e morre pouco tempo despois da eclosión. O macho vive o bastante para se reproducir talvez unha ou dúas veces, envellecendo e morrendo pouco despois.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Segundo WORMS divídense en dous subordes e sete familias ou superfamilias:

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes sobre o polbo en Galicia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "ITIS Report: Octopoda Leach, 1818". Itis.gov. 10 de abril de 2013. Consultado o 4 de febreiro de 2014. 
  2. "Coleoidea – Recent cephalopods". Mikko's Phylogeny Archive. 
  3. Entrada polbo en Digalego
  4. http://www.royalbcmuseum.bc.ca/School_Programs/octopus/index-part2.html (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]