Lebre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lebre
Side view close up of rabbit sitting on gravel under brush.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Lagomorpha
Familia: Leporidae
Xénero: Lepus
Linnaeus, 1758
Especie tipo
Lepus timidus
Linnaeus, 1758
Lebre común

Reciben o nome común de lebres polo menos 35 especies pertencentes á familia Leporidae sendo chamadas o resto "coellos" de forma común. Tal división dos Leporidae non é científica, pois non responde a unha realidade dende o punto de vista evolutivo, senón a observacións sobre o seu aspecto e hábitos. Polo xeral, dise que as lebres son os lagomorfos coas orellas e ollos máis desenvolvidos, son máis lixeiras e veloces (algunhas especies chegan ata os 70 km/h), non constrúen coelleiras senón simples leitos nos acobillos do terreo e paren crías provistas de pelo e cos ollos abertos. Non obstante, existen excepcións a algúns destes trazos xerais, como por exemplo os coellos do xénero Sylvilagus, que non constrúen coelleiras como os coellos europeos, pero que non se consideran lebres.

Polo xeral as lebres son animais de figura lixeira e patas traseiras moi evolucionadas para a carreira. As orellas, xeralmente longas, varían en lonxitude dunhas especies a outras, sendo máis longas e amplas naqueles animais que viven en climas desérticos como a lebre de California, chamada popularmente jackrabbit nos Estados Unidos, mentres que as que viven en climas fríos, como a lebre ártica, son proporcionalmente máis pequenas e aseméllanse ás dos coellos. Tódalas especies posúen un oído moi agudo e probablemente é o principal sentido á hora de detectar os seus eventuais depredadores, aínda que tamén dispoñen dunha boa vista e olfacto. Ó mínimo indicio de perigo o animal comeza unha frenética carreira que, nalgunhas especies como a lebre europea, inclúe constantes cambios de sentido e rodeos para confundir ó atacante.

A lonxitude e cor do pelo varía en cada especie, pero sempre adaptado para camuflarse coa contorna. A lebre ártica varía de cor cada ano, sendo parda en primavera e verán, gris en outono e branca en inverno. Son completamente vexetarianas e a súa dieta é similar a dos coellos.

As lebres son criaturas solitarias, aínda que non lles importa a presenza doutros conxéneres nos arredores do seu territorio. Tan só pelexan na época de celo (variable segundo as especies). As lebres europeas macho apenas comen durante este período de tempo (primavera) e pasan o día loitando cos seus rivais, golpeándose coas patas dianteiras nunha especie de boxeo ritual. En Inglaterra, o dito popular Estás máis tolo ca unha lebre marceira ten a súa orixe nesta conduta. Curiosamente, as femias que non aceptan emparellarse loitan cos pretendentes rexeitados do mesmo xeito que estes se desfán dos seus competidores.

O que tódalas lebres teñen en común entre si é o feito de parir crías moi precoces e ser especies moi prolíficas. Paren entre 3 e 8 crías en cada parto e cada femia é capaz de producir máis de 4 camadas ó ano. Viven en tódolos continentes, salvo Oceanía (aínda que en Australia foron introducidas recentemente) e na Antártida.

As lebres constitúen as presas de multitude de mamíferos carnívoros e aves de presa e son unha especie de interese cinexético en todo o mundo. Nalgunhas zonas as lebres son transmisoras da tularemia, unha enfermidade infecciosa que tamén afecta ós humanos.

Especies[editar | editar a fonte]

Ata non hai moito os científicos clasificaban nunha soa especie a moitas lebres de Europa, Asia e África baixo a denominación de lebre común ou europea, que se recoñece como especie independente (Lepus corsicanus). Na Península Ibérica atópanse tres especies diferentes:

  • Lepus europaeus (lebre europea) nos Pireneos e zonas limítrofes.
  • Lepus granatensis (lebre ibérica) no resto da Península Ibérica. Conta cunha subespecie Lepus granatensis gallaecius (lebre galega).
  • Lepus castroviejoi (lebre de piornal) nos montes de León e na zona oriental de Galicia.