Pecado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os sete pecados capitais (Bosch).

Pecado é, en diversas relixións, unha ofensa contra a divindade que vai contra a orde das cousas por ela establecida.

Por extensión, pode aplicarse tamén a calquera cousa que se aparta do recto e xusto. Como tal, así dise que é un pecado estragar a comida.

Características[editar | editar a fonte]

Xudaísmo[editar | editar a fonte]

No xudaísmo identifícase cunha traizón á Alianza entre o pobo de Israel e Yavé, cando este, tras liberar a aquel da escravitude de Exipto, dita a Moisés a Torá ou Lei condensada no decálogo prometéndolle felicidade e prosperidade. Nesa mesma relixión, a tradición profética identifica o pecado como a infidelidade á Alianza asimilándoa a unha relación nupcial onde Deus é o amante, fiel e celoso Esposo, e Israel, ao oprimir ao pobre, o orfo, o estranxeiro e a viúva e caer na idolatría, é a Esposa adúltera.

Cristianismo[editar | editar a fonte]

Na Igrexa Católica o pecado é un acto, intención ou actitude libre do ser humano que supón faltar ao amor para con Deus e para co próximo, a causa dun apego perverso a certos bens. Fire a natureza do home, imaxe de Deus e chamado ao Amor, e atenta contra a solidariedade humana. A raíz do pecado está no corazón do home cuxa natureza caída está ferida polo pecado orixinal que limita e atenaza o amor que reside nel e que é o principio das obras boas.

A Igrexa católica distingue dous tipos de pecado: o pecado mortal que destrúe o amor no corazón do home por unha infracción grave con plena conciencia e deliberado consentimento contra a orde querida por Deus, que é Amor. E o pecado venial que fire e debilita o amor pero deixándoo subsistir. O pecado mortal é unha posibilidade radical e dramática da liberdade do home.

Na Igrexa Ortodoxa enfatízase a identificación do pecado cunha enfermidade do ser, unha escravitude que lle imposibilita a deificación que arela a súa esencia. Para teólogos ortodoxos como Olivier Clément ou Pavl Evdokimov, dentro da tradición ascética oriental, o pecado aparece como dislocación divino-humana e humana, dos homes e entre os homes. Para eles o pecado aliena, separa e illa nunha soidade infernal, envelena as relacións humanas e ata o mesmo ambiente cósmico.

Para o protestantismo é o estado existencial por antonomasia do ser humano, incapaz por si mesmo de facer o ben, por estar toda obra boa envolta tamén pola concupiscencia. Isto determina a maldade esencial da súa conduta sempre debedora da soberbia e impregnada do egoísmo e cuxo poder o home sofre cunha impotencia característica. Teólogos luteranos como Eberhard Jüngel afirman que o pecado non se dá a coñecer por si mesmo. Lonxe diso busca impedir a súa identificación e coñecemento. Cando o pecado acontece, seduce xa tamén ao home para que viva unha existencia como se o pecado non existise. O propio Martiño Lutero afirma natura peccati est non velle esse peccatum. Segundo Sören Kierkegaard ningún home, polas súas propias capacidades e por si mesmo, é quen de enunciar o que é o pecado, e non o é precisamente porque está en pecado. Nesta mesma liña, Karl Barth entende que o coñecemento de que o home é pecador, fáltalle precisamente porque é pecador. En Xesús de Nazaret, Deus salva gratuitamente ao home da escravitude do pecado e o rescata da morte eterna.

A luxuria é considerada habitualmente como pecado

As primeiras listas de pecados na literatura cristiá figuran nas cartas de Paulo de Tarso que mencionan a idolatría, os odios, as rencillas, as disensións, as divisións, os celos, as orxías, a fornicación, as discordias, a mentira, a murmuración, a avaricia...

Para Gregorio Magno a raíz de todo pecado concreto está na soberbia, que é o pecado demoníaco e do que derivan o resto dos pecados capitais: envexa, avaricia, xenreira, tristura, luxuria, gula.

Para os Pais da Igrexa os pecados provocan situacións sociais de inxustiza e desigualdade contrarias á bondade divina. Salvo o que se denomina blasfemia contra o Espírito Santo, o pecado non supón un límite para a misericordia de Deus. Xa para Paulo de Tarso, onde abondou o pecado sobreabundou a graza, e na liturxia das Igrexas proclámase: Oh! feliz culpa, que mereceu tan grande redentor.

Islam[editar | editar a fonte]

Para o islam pecado é todo o que atenta contra a concepción de Deus (tawhid) como o Único e o Principal, Aquel de quen procede todo. Isto é o que expresa o primeiro dos Cinco Piares do islam coñecido como Sahadah. A violación do principio do tawhid equivale a cometer shirk: "asociación". A forma máis groseira de "asociación" é a idolatría, ou crer que Deus non é un. Existen formas sutís de shirk como a preocupación polas riquezas ou a arrogancia. No Corán existen dous nomes de Deus que salientan sobre os demais: al-Rahman (o "Compasivo") e al-Rahim (o "Misericordioso"), que expresan cualidades que han de ser imitadas polos seres humanos[1]. O Corán di que Deus ordenou aos anxos venerar a Adán (II:32), por iso atentar contra un home é atentar contra todos os homes e ofender a Deus (V:35). Deus é amigo do home, por iso outórgalle unha dignidade que lle permite defenderse pero sen excederse. Non facelo é faltar a amizade con Deus e excederse tamén. O infiel é o ingrato, o que cae no ghaflah ou esquecemento da orixe divina, da omnipotencia e misericordia de Deus[2].

A ética musulmá e o seu concepto de pecado está entretecida profundamente coa tarefa política de fundar unha sociedade (umma) boa e xusta baixo a guía de Deus[3]. No Corán regúlanse as normas e condicións para conseguilo (xaria ou lei islámica), entre o que salienta o deber da esmola, outro dos Piares do islam, que supón compartir os bens cos necesitados e practicar a hospitalidade. A fidelidade a Deus esixe de cada crente a xihad, que é a loita contra todo o pecaminoso que se opón á vontade de Deus, quer no interior do home, quer na súa dimensión social e política.

O pecado non condena ao home de xeito irrevogable;

Quen se arrepinte despois de ter cometido unha inxustiza e se corrixe, consegue que Deus volva a el. Deus é indulxente, misericordioso
Corán V:43

O pecado na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • A gran pecado, gran misericordia.
  • A pecado novo, penitencia vella.
  • A pecados vellos, penitencia nova.
  • No pecado está a penitencia.
  • Non me fagas pecar, que veño de me confesar.
  • Pecado calado é medio perdoado.
  • Tan malo é pecar por carta de máis como por carta de menos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Michael D. Coogan, Religiones del Mundo, Barcelona 1999. ISBN.84-8076-318-3
  2. Huston Smith, Las Religiones del Mundo, Barcelona 1995. ISBN 84-8237-006-5
  3. Niniam Smart, Las Religiones del Mundo, Madrid, 2000. ISBN 84-460-1027-5

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]