Cantigueiro galego da muller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O mar tamén é casado,
o mar tamén ten muller,
é casadiño coa area,
dálle bicos cando quer.
  • A espicha do catalán/ non dá proveito a ninguén;/ mandei a muller á espicha/ i espicháronma tamén [1].
  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.
  • A mazán do alcipreste/ non é verde, qu’é madura;/ a muller que coma dela/ non morre de paridura.
  • A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ hei de facer un pandeiro/ para correr o Antroido.
  • A miña muller é vella,/ de vella non pode andar;/ heina de pór de cancela/ á entrada do lugar [2].
  • A miña muller é vella,/ de vella non pode andar;/ heina de pór de espantallo/ á saída do lugar [2].
  • A miña muller é vella,/ de vella rompeulle o coiro;/ hemos faguer un pandeiro/ para corre-lo entroido [3].
  • A miña muller é vella,/ heina de mandar matar/ e poñela de cancela/ na entrada do lugar.
  • A miña muller é vella,/ máis vella que Belcebú;/ tiña seis libras de la/ onda a regaña do cu [4].
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira [5].
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [6].
  • A miña muller morreu/ enterreina tras do forno,/ pasei onte por alí,/ inda me choscou un ollo [7].
  • A miña muller morreume,/ por ela non hei chorar;/ chorarei polo diñeiro/ que o crego me ha de levar.
  • A muller ía no prado/ a vaca facía o xantar,/ a cadela varre a casa/ e a vasoira vai lavar.
  • A muller que é casadeira/ que a vida con tino leve,/ pois muller que moito loce/ ó cabo ninguén a quere [8].
  • A muller que ha de ser boa/ ha de ter o cu de pau,/ a barriga de cortiza/ i o nariz de bacallau [9].
  • A muller que ha de ser miña/ ha de te-lo cu de pau,/ a barriga de cortizo/ e os peitos de bacallau [10].
  • A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau [11].
  • A muller que ten dous homes/ non é tonta, que é entendida;/ cando se apaga unha vela/ a outra queda encendida.
  • A muller traballadora/ e que tamén é calada,/ non sabe o home que a leva/ que boa sorte lle agarda [12].
  • A perdiz anda no monte,/ herba seca non a come./ A muller que non ten fillos/ logo acaba co seu home [13].
  • Agora que foi e foi,/ nena, non teñas pesares,/ agora que foi e foi/ Dios cho ha de remediare [14].
  • Agora que foi e foi,/ niña non teñas pesar;/ agora que foi e foi/ Diolo ha de remediar [15].
  • Agora que a puxeches/ coa barriga redonda,/ ou has de casar con ela/ ou haslle de volve-la honra.
  • Ai da muller que se perde/ deixándose ir da levada!/ Nunca arde a leña verde/ mais aparece queimada! [16].
  • Anque os vexas reventados/ dos homes non fagas caso,/ que despois, desque se casan,/ por ti non dan nin un paso [17].
  • Arriba, pandeiro roto,/ abaixo, manta mollada,/ a muller de ruín home/ xempre anda mal amañada [18].
  • Arriba, pandeiro roto,/ abaixo, manta mollada,/ onde estamos as mulleres/ os homes non valen nada [18].
  • As esfolladas de noite/ non dan porveito a ninguén;/ mandei a muller a unha/ i esfolláronma tamén [19].
  • As esfolladas do millo/ non dan porveito a ninguén;/ miña muller foi a ela/ i esfolláronma tamén [20].
  • As mociñas que hai agora/ xa che son unhas laretas;/ por unha cunca de papas/ déixanche apalpa-las tetas.
  • As morenas todas teñen/ moi negriño o curazón,/ por eso elas dos homes/ non poden ter compasión [21].
  • As mozas de Vilacova,/ non son unha que son todas,/ poñen tres pares de medias/ para ter as pernas gordas [22].
  • As mulleres cando paren/ acórdanse de san Ramón/ pero non se acordan do santo/ cando están na función.
  • As mulleres e o reloxo/ teñen certo parecido;/ en chegando a variar/ todo o traballo é perdido.
  • As mulleres i o reló/ ten un certo parecido:/ en chegando a varear/ todo traballo é perdido [21].
  • As mulleres son tan meigas/ que dende que están casadas/ danlle ao home o caldo todo/ i elas comen as talladas [23].
  • Calai, que eí ven os mozos,/ que non nos sintan falar,/ que din que nós as mulleres/ so sabemos barallar [24].
  • Canta cuco, canta cuco,/ na rabela do arado;/ as mulleres antre os homes/ é un gando mal gardado [25].
  • Canta rula, canta rula,/ por riba daquil valado;/ as mulleres antre os homes/ é un gado mal gardado [26].
  • Cantas penas, cantas penas/ pasa unha muller casada;/ non come por darllo ó home/ i aínda esí é maltratada [27].
  • Casadiña de onte á noite/ déronme a comer ameixas,/ o meu marido vai fóra/ non teño a quen dar as queixas [28].
  • Casadiña de tres días/ non se cansa de chorar/ pola vida de solteira/ que non ha de recobrar [29].
  • Casaime, meu pai, casaime./ Miña filla, non tes roupa./ Casaime, meu pai, casaime,/ que unha perna tapa a outra [30].
  • Caséicheme por un ano/ por saber que vida era,/ o ano vaise acabar,/ solteira quen che me dera ’' [31].
  • Caseime, miña naiciña,/ e caseime en mala hora;/ paso fame e mais traballo/ i aínda o home fai mofa [32].
  • Chamácheme trobisqueira,/ herba que o gando non come./ Vale máis ser trobisqueira/ que muller de ruín home [33].
  • Coida meu pai que me ten/ debaixo do pé dereito./ Fanlle a cama no sobrado:/ non sabe cando me deito [34].
  • Como che pille no prado/ como che pillei máis veces/ heiche de meter no corpo/ herba para nove meses [35].
  • Costureiriña bonita,/ que ó palacio vai coser,/ no medio do corredor/ hanche de dar que facer [36].
  • De solteiriños os mozos/ todos son garatuxeiros/ e dende que están casados/ fan das mulleres pandeiros [37].
  • De solteiros os mozos/ todos son garatuxeiros/ e dende que están casados/ fan das mulleres pandeiros.
  • Dime, casadiña nova,/ como che vai de casada?/ Como á criada que serve/ e lle non pagan soldada [38].
  • Dinme que non teño rentas/ para mante-la muller;/ teño un salgueiro na horta,/ roi nel canto quixer.
  • Dios che me dea paciencia/ con esta miña muller/ que non fai o que eu lle mando/ e que fai o que ela quer [39].
  • Disme ti que non tes cruz/ pra rezares o rosario;/ cásate, pois, queridiña,/ que has de ter cruz e calvario.
  • En palabras de canteiros,/ Rapazas, non vos fiedes;/ Collen os picos e marchan,/ E despois ¿qué lles faredes? [40].
  • Esta noite fun labrar/ e rompeume o aradoiro,/ fuxeume a muller da cama/ e fun atrás dela en coiro [41].
  • Estate quedo, meliciano,/ non me rómpa-lo refaixo,/ si queres que rompa logo/ bótalle a man por debaixo [42].
  • Eu ben vin esta-lo cuco/ na rabela do arado;/ as mulleres entre os homes/ son gando mal reparado.
  • Eu caseime con un vello/ ¡non sei que estaba pensando!/ todo o día funga, funga,/ todo o día anda fungando [43].
  • Eu teño sete camisas/ que me deron sete tolas,/ todas son amigas miñas/ eu son amigo de todas [44].
  • Fanse moi homildosiños/ os homes pra pretender/ e despois, desque se casan,/ fan a mofa da muller [45].
  • Garatuxas fan os homes/ cando andan a pretender;/ raio parta a toda a casta,/ leve o demo o seu querer [46].
  • Máis quero ser solteiriña/ que muller de home baldío;/ máis quero probe con honra/ que sen honra un home rico [47].
  • Mariñeiro quero, madre,/ mariñeiro me han de dar,/ se non me dan mariñeiro/ solteiriña hei de quedar [48].
  • Meu señor San Andresiño/ que estás na alta montaña,/ este ano vin, solteira,/ pro o que vén virei casada [49].
  • Miña comadre é unha ladra,/ non vin muller coma ela;/ os ósos dállos ó home/ a polpa cómea ela.
  • Miña sogra morreu onte,/ deixoume o caldo na ola./ ¡Vamos comendo e roendo/ quen se morreu que se morra! [6].
  • Miña sogra querme mal/ porque lle falo co fillo,/ heille de mandar dicir/ que o garde no bolsillo [50].
  • Miña Virxe dos Milagros,/ os milagros vanse vendo,/ ás rapaciñas de agora/ vaille a barriga crecendo [51].
  • Na casa do probe reñen/ e todos teñen razón;/ as mulleres pola saia/ e os homes polo calzón.
  • Namoreime dun casado,/ pensei e volvín en min,/ quen á súa muller deixa/ millor me deixará a min [52].
  • Ninguién se fíe dos homes/ nin de todo o seu afán,/ que teñen o mel na boca/ e no peito o solimán [53].
  • Non busques muller na feira/ e menos na romaría;/ busca as rapazas na casa/ vestidas de cada día.
  • Non me toques na barriga/ que me doi que me atormenta,/ un pouquiño máis abaixo/ na caixa da ferramenta [54].
  • Non poña-lo pé no meu,/ nin a mau na miña saia,/ que anque son moza solteira,/ espero de ser casada [55]
  • Non son bonita que espante/ nin fea que poña medo;/ moreniña como son,/ esí me quer o meu Pedro.
  • Non te chegues tanto a ela;/ éche unha muller casada,/ ten o marido na terra.
  • Nunca vin ponte sin río/ nin muíño sin rodicio,/ nunca vin moza bonita/ que tivese moito xuicio.
  • O donaire dunha nena/ inda non cho saben todos;/ o donaire dunha nena/ vaiche no mirar dos ollos.
  • O home, cando pretende/ faise doce e garimoso;/ non fagas caso, meniña,/ sonche as mañas do raposo [56].
  • O mar tamén é casado,/ o mar tamén ten muller,/ é casadiño coa area,/ dálle bicos cando quer.
  • O paxaro carpinteiro/ mete o rabo na silveira;/ así fai a boa moza/ cando non ten quen a queira.
  • Pica, canteiriño, pica,/ pica na pedra miúda,/ pica na muller allea/ que outro picará na túa [57].
  • ¡Quen che me dera, meniña,/ no canaval do teu pai!/ Non che había de valer/ o chamar polo teu pai [58].
  • Quen me dera ser o clavo/ en que cólga-lo candil/ para te ver desnudar/ e pola mañá vestir [59].
  • San Antonio bendito/ dádeme un home,/ anque me mate,/ anque me esfole.
  • San Benito de Lantaño, casamenteiro das vellas,/ porqué non casa-las mozas,/ que mal che fixeron elas [60].
  • Se canto, son unha tola,/ se non canto, unha curuxa,/ se me lavo, unha profana,/ se me non lavo, unha sucia [61].
  • Sei tocar e sei bailar,/ sei tocar a pandereta,/ o home que a min me leve/ leva músiva compreta [62].
  • Solteiriña, non te cases,/ mira que tes boa vida,/ que eu seiche dunha casada/ que está ben arrepentida.
  • Sempre suspirei, de moza,/ por un guapo labrador;/ agora tamén o teño/ borrachón e xogador.
  • Traballo é ser casada,/ traballo é non o ser,/ traballo é te-los fillos,/ traballo é non os ter [63].
  • Un mariñeiro me dixo/ se me quería casar./ Eu lle dixen: mariñeiro/ outro ano e nada máis [64].
  • Vive ti, dorme, descansa/ e por min non teñas pena/ porque me tes tan segura/ coma a iauga nunha cesta [65].
  • ¿Vosté que ten? ¿que lle doi?/ ¿vosté que lle doi? ¿que ten?/ ¡ai, vosté troulou, troulou,/ vosté troulou con alguén! [66].
  • Xanciño, Xanciño, Xan,/ Xanciño, Xan de Manuela,/ ¿pra que quére-la muller/ se non vas durmir con ela?

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xaquín Lorenzo Fernández, 212. A espicha consiste en colocar as sardiñas nas espichas para as afumar ou secar; a salga das sardiñas en Galicia estivo durante moito tempo nas mans dos cataláns.
  2. 2,0 2,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 37.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: correlo.
  4. Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: lá, cú.
  5. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: éch’unha.
  6. 6,0 6,1 Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: inteira.
  7. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: choscóu.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: ninguiéna.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: .
  10. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No texto: tel-o, .
  11. É posible un erro na recollida da cantiga de pan por pau.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 39.
  13. Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: perdíz, non-a.
  14. Xosé Ramón Fernández-Oxea:220.
  15. Saudade nº 4, xullo 1943, 28). No orixinal: Diol-o.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 32.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 40.
  18. 18,0 18,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 45.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 47. A esfollada era a xuntanza para arrincar as follas da mazaroca do millo antes de almacenalas no piorno.
  20. Xaquín Lorenzo Fernández, 212.
  21. 21,0 21,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 49.
  22. Fermín Bouza Brey 1929, 170. No orixinal: Vilacoba. Recollido en Cambados, pero no Nomenclátor non hai tal Vilacova na Arousa. ¿El será erro por Vilanova?
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 49. No orixinal: dánlle.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: ehí, dín, nólas, so.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 216.
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 58. No orixinal: de aquil, balado.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 58.
  28. Fermín Bouza Brey 1929, 198. No orixinal: â noite, fora.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 60.
  30. Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No orixinal: qu’unha.
  31. Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 216.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 60. No orixinal: e máis.
  33. Fermín Bouza Brey 1929, 199. No orixinañ: trovisqueira, mais.
  34. Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: Còida meu pai que me tèn/ debaijo d'o pe dereito./ Fanll'a cama n'o sobrado:/non sabe cando me deito.
  35. Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: mais, eiche.
  36. Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: ô Palacio.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 69.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 70.
  39. Fermín Bouza Brey 1929, 198.
  40. Diccionario da Real Academia Galega 1913.
  41. Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: de ela.
  42. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: Státe, rompal-o, bótall’a.
  43. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: qu’estaba.
  44. Fermín Bouza Brey 1929, 195.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 84.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 86.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 91. No texto: valdío.
  48. Fermín Bouza Brey 1929, 167.
  49. Vicente Risco: "Cultura espritual", 405.
  50. Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 215. No texto: héille, decir.
  51. Fermín Bouza Brey 1929, 189. No texto: âs rapaciñas. Bouza Brey di que o santuario dos Milagros sitúase no concello de Cuntis, pero ten que referirise á virxe dos Milagros de Amil, Moraña, concello lindeiro con aquel.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. No orixinal: de un.
  53. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. O solimán, ou sublimado, é a substancia que resulta da combinación de cloro e mercurio, moi velenosa e empregada en medicina como desinfectante.
  54. Fermín Bouza Brey 1929, 194. No orixinal: mais.
  55. Marcial Valladares Núñez. No orixinal: Non poña-l-o pè n'o meu,/ nin a mau n'a miña saya,/ qu'anque son moza solteira,/ espèro de ser casada.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
  57. Fermín Bouza Brey 1929, 196. No texto: miuda. En Portugal corre esta variante: A muller do ferreiriño/ non hai muller como ela/ de día peta no xunque;/ pola noite peta nela.
  58. Fermíon Bouza Brey 1929, 178. No orixinal: canabal, pol-o.
  59. Xaquín Lorenzo Fernández, 137. No orixinal: cólgalo.
  60. Fermín Bouza Brey 1929, 185. No orixinal: casal-as. Recollido en Godos (Caldas), parroquia estremeira de Lantaño (Portas).
  61. Xaquín Lorenzo Fernández, 142.
  62. Santa Cristina de Barro é unha parroquia do concello de Noia. Álvaro das Casas, Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: mín.
  63. Fermín Bouza Brey, Nós nº 97, 15.01.1932, 19. No orixinal: non-o, tel-os, non-os.
  64. Fermín Bouza Brey 1929, 168.
  65. Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No orixinal: tés, i-auga.
  66. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: voste (nos dous primeiros versos), qué lle, troulóu.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • Fermín Bouza-Brey (colector): "Literatura popular da parroquia de Paradela, concello da Estrada, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • RAMÓN E FERNÁNDEZ OXEA, Xosé (BEN CHO SHEY): Santa Marta de Moreiras, Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 41. Ed. do Castro, Sada 1982.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.