Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

Mazá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Mazá.
Mazá.

A mazá[1] é o froito comestible da maceira, máis particularmente, da maceira doméstica (Malus domestica), árbore froiteira amplamente cultivada. É unha froita pomácea de forma redonda e sabor máis ou menos doce ou ácido segundo as variedades. O estudo do cultivo das mazás constitúe unha parte da pomoloxía, que é a rama da botánica que estuda as froitas.

As maceiras cultívanse en todo o mundo e son as especies máis cultivadas do xénero Malus. A árbore é oriúnda de Asia Central, onde aínda se encontra hoxe en día o seu antecedente salvaxe, Malus sieversii. Levan cultivándose miles de anos en Asia e Europa, e foron levadas a América polos colonos europeos. As mazás teñen un significado relixioso e mitolóxico en moitas culturas, coma a nórdica, a grega ou a cristiá europea.

A selección artificial permite controlar o tamaño da árbore e conseguir diversos gustos e usos, o que resulta nunha gama de características desexadas para diversos usos como cociñar, comer cru ou producir sidra. Xeralmente, os cultivares de mazás, dos que se coñecen máis de 7 500, propáganse enxertando en portaenxertos que controlan o tamaño da árbore resultante. As maceiras grandes cultívanse a partir de sementes.

As árbores e os froitos son propensos a unha serie de problemas de fungos, bacterias e pragas que poden seren controlados por unha serie de medios orgánicos e non orgánicos. O xenoma do froito foi secuenciado en 2010, como parte dunha investigación sobre a reprodución selectiva e o control de enfermidades na produción de mazás.

A produción mundial de mazás en 2019 foi de 87 236 221 t, das que case a metade (máis de 42 millóns de toneladas) producíronse na China.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra mazá vén do latín (mala) mattiana, plural neutro de (malum) mattianum. A árbore, maceira, chamábase malus mattianus. A palabra mattiana áchase acreditada nun edicto romano do ano 301,[3] que controlaba o prezo dos produtos para evitar a inflación. Ao parecer, o nome era o dunha variedade de mazá cultivada uns dous séculos antes polo botánico e tratadista de agricultura Caius Mat(t)ius.[4][5]

En latín o nome da maceira, malus, e o adxectivo descualificador ou pexorativo malus, distinguíanse perfectamente porque existía lonxitude vogálica, nunha o a era curto e noutra longo (mâlus). Pero esta diferenciación practicamente desaparecera xa no latín do século III, comezándose a utilizar o eufemismo pomum que, nun principio só significaba froita.[5] Esta forma evolucionou a poma, nome da mazá en catalán e que tamén se usou en galego,[6] onde aínda permanece a palabra pomar para referirse a unha plantación de árbores froiteiras, especialmente maceiras.[6][7] En italiano salvouse a identificación derivando o nome a melo. No castelán, portugués e galego, de latín máis conservador, a variedade mattiana de malas acabou dando nome a todos os tipos.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

As mazás proveñen das montañas de Tian Shan, zona limítrofe entre a China, Casaquistán e Kirguizistán. Tradicionalmente dise que a súa orixe está na zona de Almaty. De feito, o nome desta cidade é a forma adxectivada do substativo "mazá" en casaco e é popularmente traducido como "pai das mazás".[8][9][10] Disque Alexandre o Grande encontrou mazás ananas en Casaquistán en 328 a.C.;[11] aquelas que levou de volta a Macedonia puideron ser as xeradoras das plantacións de mazás ananas. As mazás do inverno, collidas no final do outono almacenadas en temperaturas pouco superiores á conxelación, foron un alimento importante en Asia e en Europa durante milenios.[12]

As mazás foron levada a América do Norte polos colonos no século XVII,[11] e o primeiro pomar de mazás no norte do continente americano foi plantado en Boston polo Reverendo William Blaxton en 1625.[13] As únicas mazás nativas de América do Norte son as mazás silvestres, que foron chamadas "mazás comúns"[14] Variedades de mazás levadas de Europa como semente se espallaron ao longo das rutas comerciais dos nativos americanos, ademais de seren cultivadas en facendas coloniais. En 1845, un catálogo de viveiro de mazás nos Estados Unidos vendía 350 das "mellores" variedades, amosando a proliferación de novas variedades norteamericanas no inicio do século XIX.[14] No século XX, iniciáronse os proxectos de irrigación na parte leste do estado de Washington, permitindo o desenvolvemento dunha industria de froitas multimillonaria, onde a mazá era o produto líder.[11]

Ata o século XX, os agricultores almacenaban mazás en depósitos total ou parcialmente subterráneos durante o inverno para o seu propio uso ou para a venda. As melloras no transporte de mazás frescas por tren e por estradas dispensou a necesidade de almacenamento.[15][16] No século XXI, o almacenamento a longo prazo volveuse popular de novo, cando as instalacións con "atmosfera controlada" pasaron a ser empregadas para manter as mazás frescas durante todo o ano. Tales instalacións usan alta humidade, baixo teor osíxeno e niveis de dióxido de carbono controlados para manter o frescor da froita.[17]

Descrición[editar | editar a fonte]

A maceira é unha árbore caducifolia, xeralmente de 2 a 4,5 metros de altura en cultivo, e ata de 9 metros na natureza. Cando se cultiva, o tamaño, a forma e a densidade da póla determínanse mediante o método de selección e recorte de portaenxertos. As follas están dispostas alternativamente, son de cor verde escuro e teñen óvalos simples con marxes en forma de serra e lixeiramente cara abaixo.[18]

As flores saen en primavera ao mesmo tempo que brotan as follas e prodúcense en esporóns e algúns brotes longos. Miden de tres a catro centímetros e son brancas cun ton rosa que se vai esvaecendo gradualmente, teñen cinco pétalos cunha inflorescencia consistente nun cimo de catro a seis flores. A flor central da inflorescencia chámase "flor do rei"; ábrese primeiro e pode desenvolver un froito máis grande.[18][19]

O froito madura a finais do verán ou no outono, e hai unha ampla gama de tamaños nos cultivares. O obxectivo dos produtores comerciais e satisfacer as preferencias do mercado que demanda unha mazá de 7 a 8,5 cm de diámetro. Nalgúns países, como Xapón, os consumidores prefiren unha mazá máis grande, mentres que as mazás por debaixo dun diámetro de 5,5 cm teñen pouco valor de mercado e utilízanse xeralmente para facer zume. A pel das mazás maduras ten distintas tonalidades de cor vermella, amarela, verde, rosa ou oxidada, podendo acharse moitos cultivares bicolores ou tricolores.[20] A pel tamén pode ser total ou parcialmente rosada, isto é, rugosa e parda. Unha capa protectora de cera epicuticular cobre a pel.[21] A cor do endocarpo (carne) da mazá varía entre o branco e o amarelo pálido; aínda que pode ser tamén branco verdoso ou incluso pode estar tinguido de vermello.[20]

Tipos[editar | editar a fonte]

Xeralmente, distínguense tres tipos de mazás comestibles: as mazás de sidra, as mazás de mesa ou mazás "de coitelo" e as mazás para cocer, que pertencen a un dos dous primeiros tipos pero soportan ben a cocción. Estes tres tipos proveñen da especie Malus pumila con máis de 20.000 variedades en todo o mundo.

Mazá silvestre[editar | editar a fonte]

A mazá silvestre (maceira brava: Malus sylvestris) é máis pequena cá cultivada e frutifica e madurece máis tarde, o seu sabor é lixeiramente máis acedo. Consumida en cantidade pode provocar indixestión polo que é máis habitual o seu consumo en forma de compota ou asada, consérvase durante meses nun lugar fresco e seco.

Usos[editar | editar a fonte]

Varias bebidas son elaboradas a base de mazás, en particular o zume de mazá que non ten fermentación, azucrado e sen alcol, e a sidra, producida a partir da fermentación dese zume.

Variedades[editar | editar a fonte]

Estímase que existen entre 5000 e 20 000 variedades de mazás,[22] aínda que o número é máis reducido a nivel comercial. Continúa a desenvolverse novas variedades, xeralmente mutacións doutras anteriores.[23] As diferentes variedades distribúense preferentemente en zonas de climas temperados-fríos, pois a maceira é unha das árbores froiteiras que requiren unha maior cantidade de horas de frío (temperaturas inferiores a 7 °C) durante o descanso invernal. Aínda que de media requiren unhas 1200 horas de frío, existen variedades empregadas en zonas subtropicais que requiren tan só duascentas ou trescentas horas, como Anna.

Pódense almacenar varias meses e non perden a súa frescura. De feito, os produtores colleitan durante a tempada e logo almacénanas ata un ano en instalacións creadas especialmente para evitar o proceso de maduración excesivo. Con todo, consérvase mellor en frío que a temperatura ambiente.[24]

Comercio[editar | editar a fonte]

Arredor de 55 millóns de toneladas de mazás foron cultivadas no mundo en 2005, dando un valor aproximado de 10 billóns de dólares. Preto de dous quintos dese total foi producido na China. Preto do 7,5% foi producido nos Estados Unidos.

Nos Estados Unidos, máis do 60% de todas as mazás vendidas comercialmente son cultivadas no estado de Washington. As mazás importadas de Nova Zelandia e outras áreas máis témperas están competindo coa produción dos Estados Unidos e aumentándoa cada ano.

A maior parte da produción de Australia é para o consumo interno. As importacións provenientes de Nova Zelandia non son aceptadas, por mor dunha lei que entrou en vigor en 1921.

Os maiores exportadores de mazás en 2006 foron: a República Popular da China, Chile, Italia, Francia e os Estados Unidas, mentres que os maiores importadores no mesmo ano foron Rusia, Alemaña, o Reino Unido e Holanda.

Produción en toneladas
Ano 2018
Fonte: FAOSTAT (FAO)

Clasificación País Produción (ton) Porcentaxe Área plantada (ha) Produtividade (ton/ha)
Flag of the People's Republic of China.svg China 39.233.400 45,54% 2.071.480 18,9
Estados Unidos de América Estados Unidos 4.652.500 5,40% 117.844 39,5
Polonia Polonia 3.999.523 4,64% 161.790 24,7
Turquía Turquía 3.625.960 4,21% 174.690 20,8
Flag of Iran.svg Irán 2.519.249 2,92% 140.287 18,0
Italia Italia 2.414.921 2,80% 55.063 43,9
India India 2.327.000 2,70% 301.000 7,7
Rusia Rusia 1.859.400 2,16% 207.283 9,0
Flag of France.svg Francia 1.737.412 2,02% 50.663 34,3
10º Flag of Chile.svg Chile 1.727.277 2,01% 34.427 50,2
11º Ucraína Ucraína 1.462.360 1,70% 91.800 15,9
12º Alemaña Alemaña 1.198.517 1,39% 33.978 35,3
13º Flag of Brazil.svg Brasil 1.195.007 1,39% 33.029 36,2
14º Flag of Uzbekistan.svg Uzbekistán 1.130.335 1,31% 98.117 11,5
15º Sudáfrica Suráfrica 829.636 0,96% 20.963 39,6
Total Mundial 86.142.200 100% 4.904.304 17,6

A mazá na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Moza bonita no mundo
non había de nacer,
porque fai como a mazá:
tódolas queren comer.

Aspectos culturais[editar | editar a fonte]

"Brita como Iduna" (1901) por Carl Larsson

Paganismo xermánico[editar | editar a fonte]

Na mitoloxía nórdica, a deusa Iduna é retratada no Prosa Edda (escrito no século XIII por Snorri Sturluson) como a fornecedora de mazás para os deuses que lles dan a xuventude eterna. A académica inglesa Hilda Ellis Davidson dixo que na mitoloxía nórdica se desenvolvían prácticas relixiosas con mazás. Resalta que se atoparon baldes de mazás no navío Oseberg en Noruega, e que se atoparon froitas e noces (Iduna foi descrita como sendo transformada nunha porca no Skáldskaparmál) nos túmulos dos primeiros pobos xermánicos en Inglaterra e outras partes de Europa, que puido ter un significado simbólico, e que as noces son aínda un símbolo de fertilidade no suroeste da Inglaterra.[25]

Davidson observou unha ligazón entre as mazás e os Vanir, unha tribo de deuses asociados coa fertilidade na mitoloxía nórdica, citando un exemplo de once "mazás douradas" dadas para cortexa a bela Gerðr por Skirnir, que era mensaxeiro dos principais deuses. Davidson tamén observa unha conexión máis entre a fertilidade e as mazás na mitoloxía nórdica no capítulo 2 da saga Völsunga cando a deusa principal Frigg envía ao Rei Rerir unha mazá, o mensaxeiro de Frigg (coa forma dun corvo) deixa caer a mazá no seu colo mentres el fica no cumio dun monte.[26] O consumo das mazás resulta na gravidez da muller de Rerir, nacendo mais tarde o heroe Volsungo.[27]

Alén diso, Davidson sinala a "estraña" expresión "Mazás de Hel" usada nun poema do século XI de Thorbiorn Brúnarson. Afirma que este puido pensar que a mazá era o alimento dos mortos. Ademais, Davidson observa que a deusa xermánica Nealênia ás veces é representada con mazás. Davidson afirma que, mentres que o cultivo da mazá no norte da Europa se estende ata polo menos no tempo do Imperio Romano e chegou a Europa a partir de Oriente, as variedades nativas da mazá son pequenas e amargas. Davidson conclúe que na figura de Iduna "debemos ter un pálido reflexo dun vello símbolo: o da deusa gardiá do froito doador da vida do outro mundo".[25]

Mitoloxía grega[editar | editar a fonte]

O xuízo de Paris, Peter Paul Rubens, ca. 1638 - 1639. (Museo do Prado, Madrid).

Na mitoloxía grega, as mazás aparecen en moitas tradicións relixiosas, moitas veces como un místico ou un froito prohibido. Un dos problemas para identificar as mazás na relixión, na mitoloxía e nas lendas populares é que a palabra "mazá" se empregaba como un termo xenérico para todos os froitos (estranxeiros).[28] Por exemplo, na mitoloxía grega, o heroe grego Heracles, como parte dos seus doce traballos, foi obrigado a viaxar ao Xardín das Hespérides e roubar as mazás de ouro da Árbore da Vida.[29][30][31] A mazá foi considerada na Grecia antiga o símbolo do amor.[32]

A mazá da discordia desata un problema entre as deusas Hera, Afrodita e Atenea.

O froito prohibido no Xardín do Edén[editar | editar a fonte]

Aínda que no libro da Xénese non se especifica cal era o froito prohibido do Xardín do Edén, a tradición popular considerou que foi unha mazá a que Eva persuadiu a Adán para compartir.[33] En latín, as palabras "mazá" (malum) e "mal" (malum) son semellantes, o que puido influír para que se convertese no "froito prohibido". A larinxe na gorxa humana chamouse "mazá de Adán".[33]

O froito de Isaac Newton[editar | editar a fonte]

Isaac Newton comentou ao seu biógrafo William Stukeley, que usou a caída dunha mazá na súa horta como inspiración para formular a lei da gravitación universal.[34]

Outros[editar | editar a fonte]

  • En contos tradicionais, como o de Brancaneves a mazá ten un papel fundamental.
  • Empregouse como logotipo polo grupo de rock The Beatles para a súa compañía discográfica.
  • O logotipo da empresa de informática Apple Inc. é unha mazá mordida e os seus computadores chámanse Macintosh (McIntosh é unha variedade de mazá).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mazá.
  2. FAO (ed.). "FAOSTAT" (en inglés). Consultado o 22 de xaneiro de 2021. 
  3. Haenel, Gustav Friedrich, ed. (1857). Corpus legum ab imperatoribus romanis ante Iustinianum latarum: quae extra constitutionum codices supersunt. Accedunt res ab imperatoribus gestae, quibus romani iuris historia et imperii status illustratur (en latín). Lipsiae J. C. Hinrichs, Bibliopola. p. 177. 
  4. "Mazá". Portal das Palabras. Consultado o 30 de agosto de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Etimología de manzana". etimologias.dechile.net (en castelán). Consultado o 23 de xaneiro de 2021. 
  6. 6,0 6,1 Carré Alvarellos, Leandro (1972). "Entradas "poma" e "pomar"". Diccionario Galego-Castelán e Vocabulario Castelán-Galego (4ª ed.). A Coruña: Moret. p. 717. 
  7. "Pomar". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 23 de xaneiro de 2021. 
  8. BUGA: orixes e variedades de mazás (en alemán).
  9. Apfel... Links & Informationen für Obstbauern (en alemán).
  10. Der Apfel. Schoenheit und Kosmetik (en alemán).
  11. 11,0 11,1 11,2 "Origin, History of cultivation". Universidade de Georgia. Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2008. Consultado o 22 de xaneiro de 2008. 
  12. "An apple a day keeps the doctor away". vegparadise.com. Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  13. Smith, Archibald William (1997). A Gardener's Handbook of Plant Names: Their Meanings and Origins. Dover Publications. p. 39. ISBN 0-486-29715-2. 
  14. 14,0 14,1 Lawrence, James (1980). The Harrowsmith Reader, Volume II. Camden House Publishing Ltd. p. 122. ISBN 0-920656-10-2. 
  15. Van Valen, James M. (2010). History of Bergen county, New Jersey. Nabu Press. p. 744. ISBN 1-177-72589-4. 
  16. Brox, Jane (2000). Five Thousand Days Like This One: An American Family History. Beacon Press. ISBN 978-0-8070-2107-1. 
  17. "Controlled Atmosphere Storage". Washington Apple Commission. Consultado o 3 de abril de 2012. 
  18. 18,0 18,1 Universidade de Xeorxia (ed.). "Apple - Malus domestica" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2008. Consultado o 23 de xaneiro de 2021. 
  19. Natural History Museum (ed.). "Apple" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 5 de novembro de 2013. Consultado o 23 de xaneiro de 2021. 
  20. 20,0 20,1 Janick, J.; Cummins, J. N.; Brown, S. K.; Hemmat, M. (1996). "1:Apples". En Janick, J.; Moore, J. N. Fruit Breeding (PDF) (en inglés). I: Tree and Tropical Fruits. John Wiley & Sons, Inc. pp. 9, 48. ISBN 0-471-31014-X. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xullo de 2013. Consultado o 23 de xaneiro de 2021. 
  21. Washington State University: Tree Fruit Research & Extension Center (ed.). "Natural Waxes on Fruits" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2013. Consultado o 23 de xaneiro de 2021. 
  22. Pijpers, D.; Constant, J. G.; Jansen, K. The Complete Book of Fruit. Multimedia Publications (UK) Ltd., Londres, 1986.
  23. "Nuevas variedades de Manzanos en Pomáceas, Boletín Técnico, 13, 3, Centro de Pomáceas de la Universidad de Talca, 2013" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 04 de agosto de 2017. 
  24. Jackson, J. E. (2003). The Biology of Apples and Pears. Nova York: Cambridge University Press. p. 37. ISBN 978-0-521-38018-8. 
  25. 25,0 25,1 Ellis Davidson, H. R. (1965) Gods And Myths Of Northern Europe, page 165 to 166. ISBN 0140136274
  26. Ellis Davidson, H. R. (1965) Gods And Myths Of Northern Europe, page 165 to 166. Penguin Books ISBN 0140136274
  27. Ellis Davidson, H. R. (1998) Roles of the Northern Goddess, page 146 to 147. Routledge ISBN 0415136105
  28. Sauer, Jonathan D. (1993). Historical Geography of Crop Plants: A Select Roster. CRC Press. p. 109. ISBN 0849389011. 
  29. Wasson, R. Gordon (1968). Soma: Divine Mushroom of Immortality. Harcourt Brace Jovanovich. p. 128. ISBN 0-15-683800-1. 
  30. Ruck, Carl; Staples, Blaise Daniel; Heinrich, Clark (2001). The Apples of Apollo, Pagan and Christian Mysteries of the Eucharist. Durham: Carolina Academic Press. pp. 64–70. ISBN 0-89089-924-X. 
  31. Heinrich, Clark (2002). Magic Mushrooms in Religion and Alchemy. Rochester: Park Street Press. pp. 64–70. ISBN 0-89281-997-9. 
  32. Edmonds, J. M., trans.; rev. John M. Cooper. "Epigrams". Plato: Complete Works. Ed. John M. Cooper. Indianapolis: Hackett, 1997. p 1744, note to VII. Print.
  33. 33,0 33,1 Macrone, Michael; Lulevitch, Tom (1998). Brush up your Bible!. Random House Value. ISBN 0517201895. OCLC 38270894. 
  34. "Véxase nas Memorias de Newton a páx. 42". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 04 de agosto de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]