V Televisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
V Televisión
Inicio das emisións 30 de maio de 2010
Fin das emisións 1 de xaneiro de 2018
Propiedade de Corporación Voz de Galicia
Formato da imaxe 576i (SDTV 16:9)
Datos de audiencia 0,5 % (xullo de 2013, VerTele)
Slogan A primeira televisión autonómica privada de Galicia
País España España
Lingua Galego e castelán
Área de emisión Galicia
Sede central Polígono de Sabón, Arteixo Galicia Galicia
Dispoñibilidade
Terrestre
TDT A Coruña (salvo zona de Santiago): 61
Santiago: 40
Lugo: 59
Ourense: 62
Pontevedra: 58
Cable
R Dial 119

Na rede
Páxina web V Televisión

V Televisión foi unha cadea de televisión privada, fundada pola Corporación Voz de Galicia, de difusión en aberto en Galiza a través da TDT. Comezou a emitir en probas dende o 9 de marzo do 2010 cunha mira de axuste. Nas primeiras medicións de audiencia, a porcentaxe correspondente a este cadea foi do 0,3 %.[1]

Dende decembro do 2016, a Corporación Voz de Galicia empezou a desmantelar a cadea, cancelando o seu programa estrela "Vía V", debido ós problemas económicos que tiña debido a saída dalgúns investidores. Durante o 2017 emitía principalmente teletenda e programa repetidos.[2] Finalmente o 1 de xaneiro de 2018, xusto despois das badaladas, a cadea pasou a negro e deixou de emitir, sen mira de axuste.[3]

Características[editar | editar a fonte]

A cadea da Voz foi a única televisión autonómica privada de capital galego, e dispoñía da última tecnoloxía. Os sistemas operativos permitían editar contidos de maneira simultánea en radio, televisión e Internet. Ademais, non se operaba con cintas, senón con memoria sólida. Todos os traballadores utilizaban materiais dispoñíbeis en rede e os controis de realización e emisión estarán robotizados. O seu obxectivo era ofrecer unha televisión de alta calidade e centrada nos intereses de Galicia.[4]

Esta canle comezou a emitir en probas o 9 de marzo do 2010 cunha mira de axuste. Nas primeiras medicións de audiencia, a porcentaxe correspondente a esta cadea foi do 0,3 %.[1] A partir de maio de 2010, V Televisión comezou a emitir tamén na compañía de cable R.[5]

A súa grella estivo conformada por programas informativos, faladoiros, debates e programas deportivos, entre outros, ademais de programas que xa eran habituais na emisora do Grupo Voz, Radio Voz. Un dos seus programas máis seguidos foi Vía V, dirixido e presentado pola xornalista Fernanda Tabarés, rodeada dun grupo politicólogos, analistas políticos e comentaristas, de maneira ininterrompida desde o principio, desde a redacción de La Voz de Galicia, onde estaba situado o estudo de gravación do programa.[6]

Sede de La Voz de Galicia, en Arteixo, desde onde se emitía V Televisión.

De luns a xoves, ás 10 da noite e durante máis de dúas horas de directo, o programa tomáballe cada día o pulso á actualidade informativa de Galicia, España e o mundo. Por el pasaron máis de 750 entrevistados, entre eles, algunhas das figuras públicas máis destacadas: Xosé Neira Vilas, Mariano Rajoy, Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Albert Rivera, Alberto Garzón e Xosé Manuel Beiras, entre outros. Os acontecementos máis importantes dos últimos tempos foron contados en tempo real en Vía V, como o accidente de Angrois, a morte de Hugo Chávez ou o contaxio polo virus do Ébola dunha enfermeira galega, así como todas as eleccións municipais, autonómicas, nacionais e europeas que se celebraron desde 2010. En total, máis de 250 persoas pasaron polo programa para analizar a actualidade durante máis de mil programas.[6]

Nos seus últimos anos, a canle centrouse en emitir en horario de máxima audiencia, o resto de horas, salvo algunhas excepcións, emitía teletenda.

No 2019 La Voz de Galicia, a traves da empresa Medios Digitales de Galicia, renunciou á licenza. A Xunta de Galicia volveuna a sacar a concurso mais tivo que declaralo deserto polo falta de ofertas.[7]

Programación[editar | editar a fonte]

A programación de V Televisión era xeralista.

  • Programas informativos: Informativos VTelevisión, Vía V...
  • Entretemento: Hai que andar, Ollo de pez, Leopardo das neves, Tu Night, Vaia praia, Última Fronteira, Vaia V...
  • Series: Para mariñeiros, nós, The Wire, Presa humana, May day, Border security, Cazadores de pitóns...
  • Realities: Perdidos en Galicia, Fóra de pista...
  • Divulgación: Máis que petiscos, Van de verde, Ata a cociña...
  • Docucoach: Galego con curso...
  • Docurreportaxe: Xente Emerxente, De bares en ruta, O gran día, Atréveste?...

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]