Cuntis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°37′58.1″N 8°33′46.59″W / 42.632806°N 8.5629417°W / 42.632806; -8.5629417

Cuntis
Bandeira de Cuntis---Escudo de Cuntis
Casa concello Cuntis 2.jpg

Casa do concello.
Situacion Cuntis.PNG
Situación
Xentilicio[1] cuntiense
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Comarca de Caldas
Poboación 5.066 hab. (2011)
Área 79,8 km²
Densidade 63,48 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Capital do concello Cuntis
Política (2011)
Alcalde Antonio Pena Abal
Concelleiros BNG: 4
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 4
Outros: 0
Eleccións municipais en Cuntis
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 75,09%
Na rede
http://www.cuntis.es/

Cuntis é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE en 2009 tiña 5.133 habitantes (5.340 en 2005). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cuntiense».

Poboación[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Cuntis (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 5.866  6.569  7.790  6.178  5.443  5.133  5.066  4.895  4.820
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Censo Total 4.992
Menores de 15 anos 503 (10,07%)
Entre 15 e 64 anos 3.080 (61.7%)
Maiores de 65 anos 1.409 (28.22%)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello está situado no noroeste da provincia de Pontevedra, e limita cos concellos de Valga, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña e Caldas de Reis. Ten 79,8 km², e conta con 78 entidades de poboación repartidas entre 8 parroquias.

Historia[editar | editar a fonte]

Megalitismo[editar | editar a fonte]

Escavacións en Castrolandín no 2005.

Consérvanse varios asentamentos megalíticos, entre elas once medorras (mámoas do Alto da Crus, no límite coa Estrada; Chan do Castro, Campo das Tombas, A Moma e Pedra Moma, en Arcos de Furcos; Congostra do Río, en Ferreiros; mámoas da Eira e Lagoa dos Mouros, en Zo; Petouto dos Mouros, en Pena de Arriba Troáns; Petouto ou Monte do Sino en Hervés, Troáns; e As Piñeiras, en Vilameán, Estacas) e un menhir, a lapa do Marco Carreira, en Estacas, Santo André de Cesar, de maior tamaño cá lapa de Gargantáns (Moraña).

Consérvanse diversos petróglifos, como o Outeiro do Forno de Tella, situado no polígono industrial da Ran, que ten diversas figuras. Na laxe de maior tamaño hai cérvidos, círculos concéntricos e pías. Noutras laxes menores (ás veces tapadas pola maleza) hai outras figuras. Nunha delas hai un cérvido fusionado a un motivo circular con pía central.

No Outeiro de Vales hai círculos concéntricos e pías, aproveitando a fisionomía das laxes. Na Costa de Vales hai círculos concéntricos. No Outeiro Grande hai círculos concéntricos e un cruciforme. No Outeiro da Campá, preto do antigo campo do Barazal, case baixo unha liña de alta tensión, aparece o grupo circular máis grande do concello. Presenta varios aneis cuasicirculares, cunha pía central e tres no exterior aproveitando as vagoadas da laxe nos extremos da mesma.

En Cardecide están os petróglifos de Cartas, con arredor de 35 motivos circulares, e Cartas da Fóra, con figuras circulares, pseudolabirinto e pías. En Laxos está O Pereiriño, con pías. O Castelo (entre Laxos e Xinzo), ten motivos circulares e pía. En Cequeril está a Laxe dos Homes, con figuras antropomorfas, posibelmente medievais. O Outeiro dos Campiños ten círculos concéntricos, espiral e pías. O Outeiro do Casal ten motivos circulares. Outro petróglifo é o Outeiro do Galiñeiro.

Época castrexa[editar | editar a fonte]

Da cultura castrexa quedan varios poboados castrexos. O máis coñecido é o castro de Castrolandín, escavado. Outros poboados son o castro de Meira, castro de Laxos, O Castreliño e O Castriño, en Xinzo; o castro da Bragaña, en Estacas; o monte do Sino, entre Novás e Hervés; o castro de Sobrada, en Troáns); o castro de Montesandeu, de Piñeiro ou de San Mamede e Entrecastros, en Sebil; o castro Sebil, o de Vilar do Mato, o de Arcos e o Castelo, no monte Xesteiras; o Monte do Castelo, en Calvos; o castro da Aurela, entre Arcos e Portela.

Época romana[editar | editar a fonte]

Trala romanización de Galicia os romanos asentáronse preto dos mananciais de augas termais. A vila foi chamada Aqua Calidae, integrada no territorio dos cilenos, moi próxima á mansión Aquis Celenis (Caldas de Reis), situada na vía XIX do itinerario de Antonino, que unía Lugo con Braga.

Un dos vestixios máis significativos, aínda que xa desaparecido, é un baño con varios canos que abastecían de auga, que tiña na parte central unha imaxe dun soldado portando unha lanza e un escudo ou dunha Minerva, e ao cal se accedía a través dun corredor abovedado. A estatuíña está en paradoiro descoñecido, conservándose só un debuxo. Unha ara, adicada ao deus Buximus, está depositada na Casa da Cultura. Consérvanse tamén varios elementos arquitectónicos e funerarios desta época, así como gran cantidade de tégula, muíños e moedas.

Entre as construcións sobresae a Ponte Taboada, de dous arcos, na que se conserva a orixinal de fábrica romana e unha ampliación posibelmente medieval ou moderna, baixo unha contemporánea. Até 1905 existía unha ponte de orixe romana no centro da vila, que foi demolida para construír unha máis ancha dun só arco. En canto ás vías de comunicación, había dúas principais que atravesaban o val de Cuntis, unha procedente de Caldas e outra da Terra de Moraña. No entanto, existen posíbeis restos dunha calzada no lugar de Vilar do Mato en dirección a Montillón, e outra nas inmediacións da Ponte Taboada e que confirmaría a vía de conexión Cuntis-Moraña. Ambas as dúas vías uniríanse na vila de Aqua Calidae e encamiñaríanse cara á parroquia de Arcos de Furcos.

Idade moderna[editar | editar a fonte]

Até a división territorial do século XIX, esta área xeográfica formou parte da provincia de Santiago. As súas parroquias dependían da xurisdición de Baños, baixo señorío do arcebispo de Santiago. Tamén pertencían a esa xurisdición as parroquias de Carracedo (no concello de Caldas de Reis), e O Couso, Morillas e Muimenta (do concello de Campo Lameiro).

Cuntis coñécese dende antigo polos seus mananciais de augas mineiro-medicinais. Por iso a capital se chamaba, até antes da Guerra Civil, Caldas de Cuntis.

Lugares de interese turístico[editar | editar a fonte]

Reitoral e igrexa de Teaño.

Mananciais de auga termal[editar | editar a fonte]

As augas dos mananciais do concello de Cuntis son sulfuro-sódicas e hipertermais, acadando até os 64 °C. O seu uso terapéutico está recomendado contra o reuma, a gota ou a psoríase. Antigamente tamén era recomendado para curar a sífilis. Algúns dos mananciais están explotados por empresas privadas, a pesar das protestas veciñais que defenden o seu carácter público. Destacan os mananciais de Fogo de Deus (ou do Foxo, ou A Burga), de uso público; o da Carreira do Conde, de uso privado; o da Rúa Real; As Eiras (Eira Vella e Eira Nova); Os Forniños (Forno Novo e Vello); a Burga do Castro e A Barreira.

Parques[editar | editar a fonte]

  • Parque da Feira: ampla zona de recreo, antigamente coñecida como As Codeseiras. Nel celébranse festas e romarías e sitúase o pombal e o hórreo da casa reitoral, o monumento homenaxe aos Canteiros, esculpido polo artista local Maxín Picallo Durán e un busto de Roberto Blanco Torres.
  • Parque de Maráns: nel está o Monumento ao Sagrado Corazón de Xesús, esculpido por Francisco Asorey. Desde el contémplase a vila de Cuntis desde un miradoiro.
  • Parque do Castro: situado á beira do río Gallo, é privado.

Outros lugares[editar | editar a fonte]

  • O Penedo: unha poza do río Umia próxima á Ponte Taboada e ó lugar de Fontecova. Na zona consérvanse muíños. Era lugar de baño nos meses do verán e podíase atopar o denominado mexillón de río (Margaritifera margaritifera), en perigo de extinción e protexido. Entre as aldeas de Vilameán e O Casal pódese ver unha casona de cantaría cun gran hórreo, a igrexa parroquial e o calvario, rodeados dunha carballeira onde se celebran as romarías.
  • Lagoas de Zo: situadas entre os lugares de Zo e Mesego, son interesantes por estaren localizadas nunha paraxe natural con amplas vistas do val de Cuntis, Salnés e terras de Montes e A Estrada.
  • Senda Peonil da Ponte do Ramo (PR-G 123):[3] Trátase dunha ruta circular de pequeno percorrido que ten inicio e fin na Ponte do Ramo. Enlaza nun tramo coa PR-G 20 (Circular de Cuntis) e noutro coa GR-94 (Rural de Galicia). No seu comezo discorre pola beira do Umia e máis adiante segue a vía romana que atravesa o Regato do Foxo en dirección as petroglifos de Cequeril.

O escudo do concello[editar | editar a fonte]

O escudo oficial de Cuntis é,[4] de azur e sobre ondas de prata, unha ponte de ouro surmontada dunha torre e dunha estrela tamén de ouro e, nos flancos, de dúas serpes do mesmo, linguadas de goles e enfrontadas. Ao timbre, a coroa real pechada. Recórdase a ponte romana que existiu no centro da vila e a case desaparecida fortaleza de Sebil. A estrela alude á vinculación destas terras cos arcebispos de Santiago.

Festas e feiras[editar | editar a fonte]

Festas[editar | editar a fonte]

Feiras[editar | editar a fonte]

Aínda que antigamente se celebraban tres (a do Baño, a de Santo Isidro en Meira e a da carballeira do 18 en Troáns), arestora só se celebran o día 22 de cada mes e os sábados pola mañá na Praza da Constitución. A feira do dezaoito recuperouse como feira sustentábel artesanal, gastronómica e lúdica con carácter anual a partir de 2009. Celébrase o sábado máis próximo ao día 18 do mes de xuño.

Galería de Imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Cuntis.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cuntis

Arcos (San Breixo) | Cequeril (Santa María) | Couselo (San Miguel) | Cuntis (Santa María) | Estacas (San Fiz) | Piñeiro (San Mamede) | Portela (Santa Eulalia) | Troáns (Santa María)

Lugares de Cuntis[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cuntis vexa: Lugares de Cuntis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". http://praza.gal/recurso/1263/evolucion-no-uso-do-galego-por-concellos/. Consultado o 14 de outubro de 2014.
  3. http://www.oportavezal.org
  4. Decreto 81/2008, do 10 de abril, DOG núm. 83 (30 de abril de 2008)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cuntis Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca de Caldas Comarca de Caldas
Caldas de Reis
Caldas de Reis
Catoira
Catoira
Cuntis
Cuntis
Moraña
Moraña
Pontecesures
Pontecesures
Portas
Portas
Valga
Valga