Aldán, Cangas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Aldán")
Aldán
Aldán.jpg
Igrexa parroquial
Concello Cangas
Área - km²
Poboación (Ano 2004) 2592 hab.
Densidade - hab./km²
Entidades de poboación 6

San Cibrán de Aldán é unha parroquia que se localiza no norte do concello pontevedrés de Cangas. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 2.592 habitantes (1.301 mulleres e 1.291 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando contaba con 2.685 habitantes. Está ligada ao mar, tanto polo seu porto e actividade pesqueira, do que depende a súa actividade económica, de longa tradición, como polas súas praias.

Índice

[editar] Xeografía

Sitúase preto do extremo da península do Morrazo. Enmarcada dentro do concello de Cangas, ocupa a súa parte Noroeste. Limita ao norte coa parroquia de Beluso, pertencente ao concello de Bueu, ao leste coa parroquia de Darbo, ao sur coa parroquia do Hío e ao oeste coa Ría de Aldán. Salvo por esta parte marítima na zona oeste, o resto da parroquia está rodeada por pequenas cadeas montañosas, destacando a Serra da Madalena.

Conta cun río principal, chamado río Orxas, que cruza grande parte do territorio de Aldán. Nace no polígono industrial de Castiñeiras, en Beluso, e desemboca no fondo da Ría de Aldán. O seu principal afluente é o río Fials, que fai o seu percorrido pola aldea de Herbello.

Conta con numerosas praias e calas. Chámanse, de sur a norte, San Cibrán, Con de Sestadelo, Cova de Balea, Areacova, Francón, Sartaxéns, Menduíña, Margaritas e Lagoelas.

A praia de San Cibrán atópase ao fondo da ría e nela atópase a desembocadura do río Orxas, que a divide en dous. Ten un perfil plano, polo que en marea baixa aumenta moito a súa superficie e pode avanzarse grandes distancias camiñando cara ao mar ata que non faga pé. Posúe moita lama e parte da praia utilízase para o cultivo de berberechos, polo que constitúe un ecosistema natural rico. Non é un lugar moi axeitado para o baño, pero isto non impide que existan moitos bañistas en verán. Serve tamén de punto de atraque de numerosas embarcacións pequenas. Está limitada pola estrada que conduce ao porto (Av. José Graña) e un paseo de madeira dende o que se pode apreciar moi ben a praia e o seu ámbito.

A praia de Areacova, na aldea de Espiñeira, é unha das que máis esperta atractivo turístico. É longa e estreita, rodeada de bosques con abruptas pendentes, o que fai que non teña accesos doados.

O mesmo sucede coa praia de Francón, moi próxima á de Areacova e máis pequena que esta.

A praia de Menduiña é a máis grande e popular. É a única que luciu varios veráns a bandeira azul, acreditativa de calidade. Ten acceso por estrada. É a única que posúe vixilantes e biblioteca. Ten un pequeno porto. Posúe un quiosco e un bar, e un restaurante moi preto.

Por último, está a praia de Lagoelas, no limite coa parroquia de Beluso. É a máis illada en canto a accesos.

Posúe dúas pequenas illas rochosas, chamadas Laxe do Aire, que ten un perfil chairo e baixo, e Niño do Corvo, cun perfil máis abrupto.

[editar] Demografía

Constitúena as aldeas de San Cibrán, Herbello, Gandón, Menduiña, Piñeiro e Espiñeira. Ten unha poboación lixeiramente superior aos 2.500 habitantes, cunha diminución do número de empadroados e cun aumento do turismo.

San Cibrán atopa ao fondo da ría e é a aldea máis urbana. Nesta aldea atópase o porto, o centro de saúde (Casa do Mar), a desembocadura do río Orxas, a alameda, o colexio Sagrada Familia, o colexio público de Espiñeira a nave do club de Piragüismo Ría de Aldán e a igrexa parroquial.

[editar] Comunicacións

Por estrada. O Corredor do Morrazo, unha vía para automóbiles que vai desde a Ponte de Rande ata Aldán, con conexións cara a Cangas e Moaña, que permite comunicar Vigo con Aldán en media hora.
De norte a sur é atravesado pola estrada C-550, o que lle dá acceso a Beluso polo norte e ó Hío polo sur. Polo leste, comunicando a aldea de Herbello coa parroquia de Darbo.

Transporte público. Existe unha liña de autobuses da empresa Cerqueiro que discorre pola C-550 que vai dende Bueu a Cangas. Ten paradas en A Cucaña, Panadaría Santo Amaro, Rozabales, Banco Galego, Veiga de Arriba e A Ponte en San Cibrán.

[editar] Economía

Destacada a industria mexilloeira, que inclúe o cultivo en bateas e a súa depuración. Antigamente tamén se realizaba aquí o enlatado en conservas.

[editar] Historia

A súa historia está escrita nas pedras de granito a través dos petróglifos da Idade de Bronce en Herbello, os seus sarcófagos suevos escavados no Outeiro do Pazo, e a propia pegada dos Aldao, familia que deu nome ao lugar. Os señores de Aldán, nobres que posuían as mellores terras, palacete-castelo, con frecuencia enfrontábanse a Pedro Madruga, Conde de Caminha e Soutomaior, na Idade Media. A industria pesqueira fixouse na bonanza das súas augas e instalou unha fábrica de conservas na praia de Menduiña no século XIX.

[editar] Construcións destacadas

  • A igrexa parroquial, en San Cibrán.
  • A capela de Santo Amaro en Menduíña.
  • O Pazo de Aldán, no lugar de San Cibrán.
  • A Ponte, é unha ponte de pedra de orixe medieval que cruza o río Orxas pouco antes da súa desembocadura.
  • O Pazo de Buenavista, en Espiñeira.
  • O acueduto e o castelo inacabado, no Terreo dos Condes.
  • Existen ao longo dos seus ríos moitos muíños de auga, a maioría en ruínas.

As vivendas que existen no pobo consisten case totalmente en casas unifamiliares. Destaca un grande número de casas de pedra.

[editar] Deportes

O deporte en Aldán destaca principalmente polos éxitos obtidos polo club de piragüismo Club de Mar Ría de Aldán, do que saíron campións do mundo e campións olímpicos, como David Cal, Teresa Portela e Carlos Pérez Rial.

Existe un club de fútbol na localidade chamado Rápido Baía, que na tempada 2011/2012 militaba no grupo IV da Primeira Autonómica de Galicia. O seu campo de xogo, o campo de San Amaro, atópase no extremo norte de Aldán, ao lado da C-550, xunto ao límite co municipio de Bueu. A primeiros de xullo, celébrase no campo de San Amaro o Mundialito de Aldán, unha competición que atrae todos os anos a máis de 500 xogadores.

[editar] Educación

Existen dous colexios en Aldán, un público e outro privado. O Colexio Público de Espiñeira (Espiñeira,4) posúe un pavillón de deportes. O colexio Sagrada Familia atopa na estrada de camiño ao porto (Avda. Xosé Graña, 4). Está dirixido polo padroado "Fundación Sagrada Familia na actualidade a dirección pedagóxica está a cargo das Cruzadas de Santa María, esta composto por tres unidades de Educación Infantil, seis unidades de Educación Primaria e catro unidades de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

[editar] Festas locais

Vestido utilizado na danza de Aldán

Santo Amaro. 15 de xaneiro. Na capela de Santo Amaro. Componse dunha romaxe durante a mañá e mediodía. Ao longo da mañá celébranse misas retransmitidas cara ao exterior por altofalante. A última misa é a misa maior xa a súa finalización se celebra unha procesión arredor da capela cos dous santos existentes nela: Santo Amaro e Santa Mariña.

San Sebastián (Día da Danza de Aldán). 20 de xaneiro. Danza voto, en honor de San Sebastián probablemente por algún favor concedido polo santo, como librar de algunha peste o pobo.

Festas do Carme (Festas maiores). Ultima semana de Xullo. Durante a semana realízanse diversos actos culturais. A fin de semana polas noites, se ameniza as festas con orquestras na explanada do porto. A noite do sábado pola noite realízase a tiraxe de foguetes tradicional. O domingo ao mediodía celébrase unha profesión dende a igrexa ata o porto onde se celebra unha misa ao aire libre. Á súa finalización, celébrase unha procesión marítima pola Ría de Aldán coa maior parte da flota de barcos que se atopa no molle, na que todo o público pode participar. A imaxe da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, vai na procesión dende a igrexa ata o porto e participa da procesión marítima. Ao chegar ao punto da ría sobre a altura de Bon, tírase unha coroa de flores e os barcos dan media volta.

Santa Mariña. 18 de Xullo. Na capela de Santo Amaro.

San Cibrán (Patrón de Aldán). 16 de Setembro.

[editar] Turismo

O fondo de ría é especialmente belo, e a calidade das súas augas fan das súas praias unha marca de referencia nas Rías Baixas. As praias con maior interese turístico son Areacova, Francón e Menduíña. Existen pequenas calas como Cova de Balea ou Lagoelas. Lugares a visitar: Porto pesqueiro, paseo marítimo, fonte e adro da capela de Santo Amaro, pazo (palacete) dos condes, igrexa de San Cibrán, pazo de armas, xardíns do conde (río e acueduto), ruínas doutro pazo e balcón de Montiño, Niño do Corvo, escola de D. Manuel Chouciño, cataratas do Fials, ponte e muíños do río Orxas, cova do Mouro Arturo, Duque de Tralalaxe.

[editar] Aloxamento

Existen tres casas rurais construídas hai pouco tempo, dúas no ámbito do porto de Aldán (A casa de Aldán e A Cova da Balea) e unha no interior (A casa de Ouro), na aldea de Herbello. Tamén existen dous cámpings, o Cámping Aldán no cumio dunha pequena elevación, rodeada de bosques, e o Cámping Francón, ao lado da praia do mesmo nome. Tamén existe a posibilidade de aluguer de casas privadas.

A Cova da Balea foi a primeira en crearse, na estrada que comunica ao porto de Aldán, ao lado do colexio privado Sagrada Familia (Avda. de José Graña 8, A Espiñeira). Constitúe unha casa de campo moderna. Posúe 5 cuartos dobres.

A Casa de Aldán sitúase á entrada do porto de Aldán (Avda. de José Graña 20, A Espiñeira), moi preto da anterior, onde se atopaba unha fábrica de salazón, en ruinas ao inicio da súa construción. É un aloxamento de luxo, con magníficos vistas á ría e ao porto. Posúe 13 cuartos.

A Casa de Ouro sitúase nun ámbito moitas máis rural (Herbello, 10), integrada no núcleo da aldea de Herbello, ao lado de campos de cultivo. É unha antiga casa de labranza e ten restaurado instrumentos relacionados con ela. Posúe 6 cuartos e 18 prazas.

O Cámping Aldán (Rúa dous Casás1, Espiñeira GPS=La:42º 17' 12" Lo:-9º 11' 10") está situado no medio dunha zona boscosa e lixeiramente montañosa. A praia está a menos de 500 metros. Posúe 150 parcelas e bungalows. Grande oferta de servizos. Abre en semana santa e do 1 de Xuño o 30 de Outubro.

O Cámping Francón (Baixada á Praia de Menduiña, s/n - GPS=La:42,29285 Lo:-8,81924) sitúase preto da costa, entre as praias de Menduiña e Francón, cunha saída directa a esta última. Posúe 71 parcelas. Non posúe supermercado nen piscina. Abre en semana santa e do 15 de Xuño o 15 de Outubro.

[editar] Gastronomía

Conta cun grande número de bares e restaurantes. Entre eles están o Camiñeira, Peralta, Capitán, Barbeiro. Posúe tamén unha grande fábrica de pan en Rozabales, pertencente á panadaría Iglesias.

[editar] Personaxes famosos

[editar] Lugares e parroquias

[editar] Lugares de Aldán

Lugares da parroquia de Aldán, no concello pontevedrés de Cangas

San Cibrán | Herbello | Gandón | Menduíña | Piñeiro | A Espiñeira

[editar] Parroquias de Cangas

As cinco parroquias de Cangas.
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cangas

Aldán (San Cibrán) | Cangas (Santiago e San Salvador) | Coiro (San Salvador) | Darbo (Santa María) | O Hío (Santo André)

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas