Portas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°34′37″N 08°39′24″W / 42.57694°N 8.65667°W / 42.57694; -8.65667

Portas
Escudo de Portas
CPortas.jpg

Casa do Concello.
Situacion Portas.PNG
Situación
Xentilicio[1] portense
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Comarca de Caldas
Poboación 3089 hab. (2009)
Área 22,6 km²
Densidade 136,68 hab./km²
Entidades de poboación 4 parroquias
Capital do concello Portas
Política (2011)
Alcalde Roberto Vázquez Souto
Concelleiros BNG: 3
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 1
Outros: -
Eleccións municipais en Portas
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 95,89%
Na rede
http://concelloportas.fegamp.es/
correo.portas@fegamp.es

Portas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o padrón municipal, no ano 2009 tiña unha poboación de 3.089 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «portense».

Estatua de Domingo Fontán.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo Total (Habitantes) 3.073
Menores de 15 anos 378 (12.3 %)
Entre 15 e 64 anos 1.890 (61.5 %)
Maiores de 65 anos 805 (26.2 %)

Historia[editar | editar a fonte]

Os restos arqueolóxicos máis antigos do concello datan do Neolítico, con tres mámoas en Portas. Unha ao pé do monte do Castro, duns 16 m de diámetro e unha altura de túmulo dun metro. A Cardadeira, no Liñar, ten 30 metros de diámetro e 2´30 de altura, con indicios de corredor cara ao leste. A mámoa do Castro, en Porta de Conde, ten 20 metros de eixo N-S e 16 metros L-O, cunha altura de 1,5 m.

Da Idade do Bronce (cara ao 1500 a. C.) data unha machada plana de fío campanulado, clasificada por Luis Barcelos Monteagudo como tipo Barcelos II D. Consérvase no Museo de Pontevedra. Outra machada máis recente, de talón con dúas anelas foi atopada no monte da Mourenta, no lugar de Casal, en Lantaño. Na actualidade está desaparecida.

Da cultura castrexa consérvanse dous castros, os dous no monte do Castro. O do lugar de Piñeiro (parroquia de Portas) corresponde á Idade do Ferro. Ten un só recinto habitacional, con defensas naturais de terraplén. No interior consérvanse restos de pedras en disposición de muros. Forno atopados no recinto fragmentos de cerámica castrexa, muíños de man e anacos de ladrillo.

O castro do lugar de Romai Vello (parroquia de Romai) é da mesma época có anterior. Tamén ten un só recinto habitacional, rodeado de terraplén. O seu límite é pouco perceptible, desaparecendo no S-SO. Na parte norte consérvanse restos dun anaco de muralla. No recinto foron atopados restos de cerámica castrexa e ánforas romanas, así como muíños de man circulares e do tipo de "cadeira de montar".

Da romanización consérvase a primeira documentación escrita relativa a un asentamento humano na zona. Trátase dun fragmento de ara votiva de granito, datada no século I ou comezos do século II. Está deteriorado e non se recoñece a forma orixinal, pero sábese que tiña base e cornixa. Foi atopado entre 1975 e 1976 ao abrir unha gabia no Peso, en Romai Vello. O recinto asemella un pequeno centro ritual, relacionado cos moradores do castro e co culto ao deus Cosus, unha das divindades indíxenas máis frecuentes no noroeste, un deus guerreiro e violento. A inscrición di[3]:

[D]EO.CO
SOE.SO
AEGOE.A
VS.VICTO
[ri]S.V.S.L.M

(Deo Cosoe Soaegoe, Aus Victoris v[otum] s[olvit] l[ibens] m[erito]: "Ao deus Coso Soaego, Aus, fillo de Victor, cumpriulle gustoso o voto merecido").

Tamén se atoparon restos romanos na Estación (dous ladrillos de grande tamaño con marcas, procedentes dunha sepultura) e en Parada (un muíño de man completo e unha peza doutro, máis restos de cerámica).

Pola parroquia pasaba a vía XIX do itinerario de Antonino, pola ruta que hoxe segue a ruta portuguesa do camiño de Santiago.

Na idade Media foi fundado o mosteiro de Lantaño, da orde de San Bieito. Hai documentación relativa ao mosteiro, fundado ou restaurado pola familia do conde don Gonzalo, nun preito do ano 960 no que intervén o bispo Sisnando relativo a unhas salinas construídas por uns moradores do Salnés en lugares usurpados á raíña Aragonta e ao conde don Paio, herdeiros dos condes don Gonzalo e Dona Tareixa. Posiblemente estaba no Rial, preto do pazo de San Bieito.

O mosteiro pasou a depender do mosteiro de Armenteira a mediados do século XII. Xa daquela se cultivaban vides, o que xerou protestas dos monxes ante o Xeral da Orde, porque Armenteira mandaba o mellor viño a León e Castela e deixaba sen nada ao mosteiro que o cultivaba.

A ermida de San Bieito do Monte (que posiblemente formou parte do mosteiro na súa orixe) aparece no testamento de Fernán García Barba de Figueroa, escrito en 1473, á que destina douscentos pares de Brancas. Nas Memorias da Mitra Compostelá, do Cardeal Xerónimo del Hoyo (1607) aparece mencionada, e di que "tiene renta". No Diccionario de artistas gallegos de Pérez Constante dise que o Mestre Cabrera esculpiu un retablo para a capela en 1640, a costa das Confrarías.

En Portas tivo tamén o mosteiro de Armenteira unha granxa, coñecida como Granxa Paraíso. O 30 de abril de 1165 Fernando II confirma a doazón feita ao mosteiro por Xoán Arias e Urraca Fernández da herdade chamada Paradisus, situada en Sanctam Mariam de Portis. En 1347 os monxes de Armenteira aforaron a granxa a uns veciños de Lantaño, cedéndolles tamén os dereitos sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites dela.

O cenobio de San Cristovo de Briallos era dependente do mosteiro de San Paio de Antealtares, e foi convertido en priorado de San Mariño Pinario trala súa anexión. O edificio foi reconstruído no século XVIII, conservando dúas inscricións dos anos 1802 (na fachada) e de 1746 (nunha ventá interior). O portalón de entrada ten un arco alintelado, e sobre a cornixa ameas e imaxes. A planta é en forma de L, bastante reformada, con dúas plantas (baixo e piso). Un dos lados do patio consérvase ameado, e a súa porta alintelada con mochetas.

Portas na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Viva Portas, viva Portas,
viva Lantaño tamén,
que entre Portas e Lantaño
teño quen me quera ben.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Portas.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Portas

Briallos (San Cristovo) | Lantaño (San Pedro) | Portas (Santa María) | Romai (San Xián)

Lugares de Portas[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Portas vexa: Lugares de Portas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. BAÑOS RODRÍGUEZ, G. (1994):Corpus de inscripcións romanas de Galicia. II. Provincia de Pontevedra. nº 128 p. 305.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Portas Modificar a ligazón no Wikidata


Concellos da Comarca de Caldas Comarca de Caldas
Caldas de Reis
Caldas de Reis
Catoira
Catoira
Cuntis
Cuntis
Moraña
Moraña
Pontecesures
Pontecesures
Portas
Portas
Valga
Valga