Francisco Javier González Pérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Fran")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fran
Información persoal
Nome Francisco Javier González Pérez
Nacido 14 de xullo de 1969 (51 anos)
Lugar Ribeira
Altura 1,79 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
Carreira CF
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1987–1988 Fabril Deportivo
1988–2005 Deportivo da Coruña 550 (58)
Selección nacional
1993–2000 España 16 (2)
Adestrador
2016– Galicia
Partidos e goles só en liga doméstica.

Francisco Javier González Pérez, máis coñecido como Fran, nado en Carreira (Ribeira) o 14 de xullo de 1969, é un ex futbolista galego. Xogaba de centrocampista e foi internacional coa selección española.

Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Deportivo da Coruña, co que disputou 700 partidos oficiais, sendo o xogador con máis encontros na historia do club.[1] É ademais, xunto a Mauro Silva e Donato, un dos tres únicos futbolistas que participaron nos seis títulos gañados polo Deportivo: unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas. Interior zurdo cun toque de balón excepcional e unha non menor visión de xogo, destacou sobre todo polos seus precisos centros dende a banda esquerda. É irmán do tamén ex futbolista José Ramón.

Actualmente é o seleccionador, xunto con Míchel Salgado, da selección galega, e director de fútbol base no Deportivo da Coruña.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira deportiva no equipo da súa vila natal, o Carreira CF até que se incorporou á disciplina deportivista. Na tempada 1987–88 debutou co Fabril Deportivo en Terceira División, conseguindo un 6º posto na clasificación. Na tempada seguinte debutou co Deportivo da Coruña en Segunda División, xogando esa campaña 4 partidos. O seu debut foi o 17 de xaneiro de 1988 contra o Real Burgos en Riazor, sendo Luis Rodríguez Vaz o adestrado branquiazul. O seu primeiro gol como deportivista chegou na tempada 1990–91, na xornada 14, con vitoria a domicilio sobre o UD Las Palmas (1–3). Fran marcou o terceiro dos tantos branquiazuis. Foi un dos principais artífices do histórico ascenso a Primeira dese ano, nun equipo no que tamén xogaba o seu irmán José Ramón.[2]

Fran foi cotizado polos grandes clubs españois: Real Madrid CF, co que asinou un precontrato que debería entrar en vigor na tempada 1995–96 e que Lendoiro recomprou a tempo por 260 millóns de pesetas; e FC Barcelona, onde Johan Cruyff ao final desa mesma tempada insistiu na súa fichaxe debida á súa afinidade co estilo de xogo do equipo culé, mais a intransixencia de Lendoiro a negociar o traspaso, a menos que pagasen os 2.000 millóns da súa cláusula, disuadiu ao club catalán de calquera intento de contratalo. A tempada 1995–96, con John Toshack no banco, foi persoal e colectivamente unha das peores para Fran. Por distintos motivos nunca chegou a render ao nivel que tiña afeitos aos seus seguidores, e ademais unha lesión pechoulle todas as portas, se tiña aberta algunha, de acudir á Eurocopa de Inglaterra. Foi operado do xeonllo esquerdo o 9 de maio de 1996, intervención que lle obriga estar tres meses de baixa. Nos anos seguintes os éxitos do Deportivo e de Fran continuaron chegando á culminación co título de liga logrado no ano 2000, ano en que Fran ademais foi convocado para a Eurocopa de Holanda e Bélxica.

O seu derradeiro encontro como deportivista foi na tempada 2004–05, o 22 de maio de 2005, no partido da xornada 34 que enfrontaba ao Deportivo co RCD Mallorca en Riazor e que se saldou con derrota branquiazul (0–3). Ao rematar a tempada retirouse do fútbol, xunto con Mauro Silva, despois de ter disputados 700 partidos oficiais co Deportivo, o que o converte no futbolista con máis encontros xogados na historia do club.[1]

En 2013 foi vivir coa súa familia a Barcelona para acompañar ao seu fillo Nico González, que comezaba a xogar nas categorías inferiores do FC Barcelona.[3] En 2016 aceptou unha oferta de Txiki Begiristain para traballar co fútbol base do Manchester City, onde tamén asistiu a Pep Guardiola nalgúns adestramentos do primeiro equipo.[4][5] En 2020 regresou ao Deportivo da Coruña para encargarse da dirección do fútbol base do club, que acababa de descender á Segunda División B.[6] Foi presentado en Riazor o 11 de agosto canda a outra lenda do deportivismo, Juan Carlos Valerón, quen tomou as rendas do Fabril.[1]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Convocado coa selección española desde abril de 1992, debutou co conxunto vermello o 27 de xaneiro de 1993, nun encontro contra México que rematou con empate (1–1), nun partido de clasificación para o Mundial dos Estados Unidos 1994. O seu primeiro gol co conxunto nacional chegou o 27 de marzo de 1999, marcando o último tanto da goleada que España lle endosou a Austria (9–0). En total, coa selección Fran xogou 16 partidos e marcou dous goles.

Selección galega[editar | editar a fonte]

O 6 de maio de 2016 foi presentado, xunto con Míchel Salgado, como seleccionador da selección galega.[7]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Deportivo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "El Deportivo se rearma con sus glorias e incorpora a Fran y Valerón". El País (en castelán). 11 de agosto de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  2. "Recordamos la temporada del inolvidable ascenso del 9 de junio de 1991" (en castelán). 9 de xuño de 2016. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  3. "Fran y Nico: La especie evoluciona" (en castelán). 14 de decembro de 2013. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  4. Centeno, Alexandre (22 de xullo de 2016). "Fran aterriza en el City". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  5. Centeno, Alexandre (22 de maio de 2017). "El pequeño mundo inglés de Fran". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  6. "Leyendas al rescate: Fran y Valerón vuelven al Deportivo" (en castelán). 9 de agosto de 2020. Consultado o 12 de agosto de 2020. 
  7. "Rafael Louzán presentou oficialmente aos novos seleccionadores galegos"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ventureira, Rubén; Centeno, Alexandre (2005): Fran. O neno 10. La Voz de Galicia.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]