Ricardo Mella
Ricardo Mella Cea, nado en Vigo o 23 de abril de 1861 e finado o 7 de agosto de 1925, foi un dos primeiros escritores, intelectuais e activistas libertarios de España. Caracterizouse por ser un estudoso e crítico de variados temas, así como falante e tradutor de inglés, francés e italiano.
Índice |
Traxectoria [editar]
Ricardo Mella naceu na Gamboa, Vigo. Fillo de Dolores Cea Fernández e de José Mella Buján, sombreireiro e militante do republicanismo federal, que influenciou ao seu fillo maior o respecto polos ideais republicanos e democráticos e máis a admiración por Francesc Pi i Margall. Ingresou moi novo Mella no partido deste político, do que chegou a ser secretario, e destacando xa na súa defensa do estatuto republicano federalista, ollando para a autonomía política e administrativa de Galicia.
Traballou na súa mocidade nunha axencia marítima do seu Vigo natal, que xa daquela estaba a experimentar unha transformación e expansión considerable coma cidade mercantil e industrial. Comezou o seu traballo xornalístico no periódico La Verdad, xornal portavoz do máis extremo republicanismo, que apoiaba de raíz a loita do proletariado galego, o que lle valeu unha causa por inxurias do Marqués José Elduayen, político canovista e representante local do poder central do goberno de Sagasta. En abril de 1881 foi condenado pola Audiencia Provincial a 4 anos e 3 meses de desterro e multa de 625 pts., conmutada posteriormente a 3 anos e 7 meses en 1882.
Fundou en Vigo La Propaganda, publicación federalista de marcado carácter obreirista, que se mantivo catro anos, de 1881 a 1885. O xornal foi presentado no congreso sindical de Barcelona onde se fundou a Federación de Trabajadores de la Región Española, dando un xiro do republicanismo socialista ao anarquismo, cambio que foi seguido con ledicia por Mella. Poucos dias denantes de recoller a súa condena, asistiu en Sevilla ao 2º congreso da Federación (24 a 26 de setembro de 1882), onde coñeceu a Juan Serrano Oteiza, coñecido anarquista de Madrid e editor da Revista Social.
Trasladouse a Madrid a cumprir a condena imposta, renovando o contacto con Juan Serrano, casando logo coa filla deste, Esperanza Serrano Rivera, coa que tivo 12 fillos. Foi nesta época (1884) cando traduciu o libro Dios y el Estado de Bakunin, colaborando coa Revista Social, coa publicación mensual Acracia de Barcelona e co xornal barcelonés El Productor.
Aconsellado polo seu sogro, estudou topografía, gañando unha oposición e trasladándose a Andalucía para exercela; onde tomou contacto cos ambientes libertarios da época, que se opuñan ao latifundismo gobernamental ao que estaban suxeitos os campesiños, aprendendo deles a súa grande capacidade de propaganda, e rexeitando a súa violencia. Durante a súa estancia en Sevilla, fundou o xornal La Solidaridad, entre outros.
En 1895 volveu a Vigo, mais por pouco tempo, xa que foi chamado polo seu traballo a Pontevedra, para colaborar no tendido do ferrocarril. Na capital da provincia tratou aos redactores de La Unión Republicana e escribiu para El Progreso de Madrid e El Corsario da Coruña, desde onde denunciou os fusilamentos de anarquistas de Montjuic.
O seu traballo de topógrafo levouno a Asturias, onde comezou un período de silencio, ante as graves divisións do anarquismo da época. Porén deixou sona naquela terra a través do seu primeiro biógrafo Pedro Sierra e máis de Eleuterio Quintanilla.
Volveu escribir nos xornais a raíz da semana tráxica de 1909, desta vez nas páxinas de Acción Libertaria de Xixón e Vigo e El Libertario, onde, segundo Pedro Sierra están as mellores liñas que produciu coa súa pluma. Foi tamén neste ano cando volveu a Vigo, chamado para a construción das liñas de tranvías da cidade, dos que ao seu remate, foi nomeado Director-Xerente.
Dende este momento e até a súa morte, deixou a militancia activa e as colaboracións nos xornais, dedicándose de cheo ós seus labores profesionais, mais aínda en 1911 asistiu en representación de Asturias ao congreso da Confederación Nacional do Traballo. O seu pasamento constitúe a maior mostra de dor pública que se veu na época, deténdose os tranvías e máis toda a cidade, nunha demostración do alto respecto que acadou na súa vida de calada loita. Fica enterrado do cemiterio de Pereiró, nun mausoleo feito polo escultor Asorey e pagado por colecta publica.
Escribiu máis de trinta ensaios ao longo da súa vida, sendo moitos deles premiados internacionalmente, e sendo traducido ao italiano, holandés, francés, inglés e portugués. O peso do sindicalismo revolucionario da CNT dos primeiros tempos procede das súas teses, nas que se reflectían os seguintes preceptos básicos:
-
-
-
- Todos os homes teñen necesidade de desenvolvemento físico e mental en grao e forma indeterminada.
- Todos os homes teñen o dereito de satisfacer con liberdade esta necesidade de desenvolvemento.
- Todos os homes poden satisfacela por medio da cooperación ou comunidade voluntaria.
-
-
Obras [editar]
Artigos e ensaios [editar]
- El Problema de la emigración en Galicia, monografía.
- Diferencias entre el comunismo y el colectivismo, monografía.
- La reacción y la revolución, artigo publicado na revista Acracia de Barcelona.
- La Anarquía no admite adjetivos, publicado en La Solidaridad.
- Breves apuntes sobre la naturaleza humana.
- La Nueva utopia.
- El colectivismo.
- Organización, agitación y revolución.
- El crimen de Chicago, reseña histórica.
- La ley del número, sobre ficción democrática.
- A los campesinos.
- En defensa de la anarquía.
Libros [editar]
- Lombroso e os anarquistas (1896).
- Plumazos, escolma de artigos.
- Ideario.
Traducións [editar]
- Dios y el estado de Bakunin.
- La anarquía de Errico Malatesta.
- La ciencia moderna y el anarquismo de Peter Kropotkin.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- José Alvarez, La ideologia política del anarquismo español, 1868,1910. Madrid, Siglo XXI, 1976.
- Correspondencia dirixida por Ricardo Mella a José Mª de Sucre (Fondo documental de El Ateneu Enciclopedic Popular).
- Breves apuntes sobre las pasiones humanas Barcelona, Tusquets, 1976.
- Victor Manuel Arbeloa, La Prensa obrera en España (1869-1899). Madrid, publicacións do Ministerio de Traballo, 1970.
- Juan José Morató, Lideres del movimiento obrero español. Madrid, 1972.
Ligazóns externas [editar]
- Biografía na web do IES Ricardo Mella
- Textos escritos e discursos de Ricardo Mella sobre a Revolta de Haymarket.