Florencio Delgado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Florencio Delgado Gurriarán»)
Infotaula de personaFlorencio Delgado

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(gl) Florencio Manuel Delgado Gurriarán Editar o valor em Wikidata
27 de agosto de 1903 Editar o valor em Wikidata
Vilamartín de Valdeorras, España Editar o valor em Wikidata
Morte14 de maio de 1987 Editar o valor em Wikidata (83 anos)
Fair Oaks, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Valladolid Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor , político Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Galeguista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega, lingua castelá e lingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Galiciana: 65324 BUSC: delgado-gurriaran-florencio-m-1903-1987 Dialnet: 3795355

Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego.[1] En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985). Encargouse da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.

A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2022 tendo en conta catro aspectos fundamentais:[2] a súa obra poética, catro libros con diferentes rexistros; a súa defensa e militancia a prol dos valores democráticos nun tempo adverso que el mantivo acesos mesmo nas angosturas do desterro; as terras de Valdeorras, coa súa cultura, tradicións, patrimonio histórico (material e inmaterial) e lingua; o entusiasmo, a colaboración, a demanda explícita que as institucións e as xentes dos concellos e as asociacións de Valdeorras lle transmitiron á Academia para que o ano 2022 fose o Ano Florencio Delgado.

Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.[3]

Familia Delgado Gurriarán no ano 1919, Florencio é o primeiro da dereita na fila de arriba.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Florencio Delgado Prada e Consuelo Gurriarán Díaz. Súa nai Consuelo Gurriarán Díaz proviña de ferróns vasco-navarros con dedicación á vitivinicultura e aos labores ferreiros nas bocarribeiras do Sil e do Leira desde a Idade Media.[5] O seu avó paterno, Constantino Delgado Gurriarán, era agrimensor e propietario de terras. O pai, perito agrícola (enxeñeiro técnico agrícola), foi profesor da Escola de Peritos Agrícolas de Valladolid. Amais, estivo destinado en Ourense, Palencia, Valladolid e A Coruña como empregado de Fomento. Xubilouse o 9 de abril de 1929[6] e faleceu o 2 de abril de 1933.[7]

Florencio estudou na aldea, en escolas particulares. Aos seis anos marcharon a Palencia onde estudou cos Maristas. Rematou o bacharelato en Valladolid e licenciouse en Dereito nesa universidade con 20 anos. Alá espertou cara ao «protonacionalismo» ao ler o xornal A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Anteriormente lera a Rosalía, Curros e Cabanillas na biblioteca familiar de Córgomo, onde tan só acudía os veráns. Estas lecturas espertaran a súa vocación poética.[5]

De volta en Córgomo, 1928, exerceu como avogado no Barco de Valdeorras mentres preparaba oposicións a Rexistros, que non aprobou.[8] Tamén participa nas estruturas asociativas de Córgomo: organizaba festas, promovía actividades culturais...; e levaba preitos dos veciños, pois traballaba de pasante nun bufete do Barco.[5]

Cando botou a andar a Irmandade Galeguista Valdeorresa foi o representante de Córgomo. En 1930, tamén comezaría a celebrarse en Valdeorras a «Diada de Galiza», como festexo nacionalista, e editaron un manifesto na defensa da lingua. Enviou unha nota de adhesión á Asemblea Galeguista de Pontevedra, na que xurdiría o Partido Galeguista. Naquel final de 1931, xa tiña escrito poemas de ton sociolingüístico e político, e algún traballo en prosa sobre política caciquil e centralista, e avogando por «unha Confederación Ibérica dentro da Confederación Europea».[5] Comezou a colaborar con artigos e poemas no xornal Heraldo Orensano co pseudónimo de "Corgomófilo", e tamén en Heraldo de Galicia e A Nosa Terra.[1] Despois dun ano en Madrid para preparar as nunca consumadas oposicións, retorna a Valdeorras e afíliase ao Partido Galeguista. En xaneiro de 1934 asistiu en Ourense á III Asemblea anual do partido en representación do grupo de Córgomo-Portela, onde coñece a Castelao.[9] Tamén se achegou ao Seminario de Estudos Galegos, do que foi socio protector.

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 logrou escapar da represión franquista, iniciada na comarca de Valdeorras polo bando sublevado, coa axuda do seu irmán Lucio, escollido como xefe dos falanxistas de Córgomo[10]. Entre os dous elaboraron un plan de fuxida para Florencio, na que contaron coa axuda de familiares e amigos. Inicialmente pasou por Zamora e Valladolid, volveu despois ata Ponferrada e cruzou a Portugal pola raia galega ata Tourém e chegou a Porto, Portugal. Desde alí viaxou nun barco noruegués, escondido debaixo dunha cama, a Bordeos (Francia). Despois foi a París e a comezos de 1938 conseguiu chegar á Barcelona republicana. Alístase no Exército, na Subsecretaría de Armamento. Ao pouco, xa como tenente, entra no Servizo de Información Periférico, dependente do Estado Maior, onde coñece a Guerra da Cal e a Líster, e se reencontra con Castelao, Santiago Álvarez e outros valdeorreses.[5] Nese mesmo ano accedeu á executiva do Partido Galeguista como Secretario de Propaganda. Colabora en Nueva Galicia con poemas de combate, baixo o pseudónimo Nadel, que en alemán significa “agulla”. En ocasións foi á fronte do Ebro, mais deseguida cambiaron os cometidos. Viaxou a Francia[8] nos comezos de 1939 en misión oficial, con pasaporte republicano, visado polo goberno francés, o que lle permitiu mobilidade para preparar a evacuación ante a inminente derrota do Exército republicano. Alá, entre París e a franxa sur, con Valenzuela, Pla e Ramiro Isla, sacaron galegos dos campos de concentración do sur de Francia. Finalmente, entre outras axudas, as SHC (Sociedades Hispanas Confederadas) financiaron o Ipanema, barco onde moitos galegos puideron recalar en Veracruz o día de San Fermín, con Florencio Delgado entre os mil pasaxeiros.[5] Viaxaban con el, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín Salvador, Carlos Tomé Alonso, Johán López Durá, Serafín Ferro ou Elixio Rodríguez.[11] O Tribunal de Responsabilidades Políticas abriulle expediente, que foi pechado en decembro de 1940 coa sanción do maior valor dos bens que lle embargaran.[12]

Florencio Delgado a bordo do Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro e Elixio Rodríguez.[11]

O exilio en México[editar | editar a fonte]

Trala guerra civil, exiliouse en México. Traballou un tempo de organizador de explotacións agrarias colectivas, como delegado do SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles) en Toluca.[5] Despois, xa na capital, pasou por múltiples ocupacións como vendedor de fertilizantes, zapatos ou aceites ata asentarse na farmacéutica Queralt Mir, onde se xubilou. En 1951 pasou a residir en Guadalaxara (Nueva Galicia, Xalisco). Desde 1940 tivo a nacionalidade mexicana.

Foi un dos creadores da revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo. Tamén fundou o Padroado da cultura galega de México, a Irmandade Galeguista, a asociación A nosa xente, o Ateneo de Galicia e a audición radiofónica Hora de Galicia, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas.[13] Colaborou nas publicacións Saudade - Verba galega das Américas, Galicia, Heraldo de Galicia, Nova Galicia e Opinión Gallega.[1]

Con Xoán López Durá, negociou, redactou e asinou o pacto Galeuzca (1944), en nome do Partido Galeguista, pouco antes de poñerse a trámite o Estatuto de Galicia nas Cortes españolas celebradas na Praza do Zócolo de México DF, en 1945. Segundo Elixio Rodríguez: «Florencio era un tipo moi especial no sentido de que todo o mundo o quería e non tiña roces con ninguén, ás veces enfadábase un pouco cos comunistas, porque os comunistas eran moi aborazados, tiñamos un proxecto de algo e os comunistas sempre querían a auga ao seu rego».[5]

Recibiu a medalla Eduardo Pondal en 1975 da asociación A Nosa Xente de México.

Durante a época de Vieiros, mantivo especial relación coa intelectualidade do exilio interior, como Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz-Andrade, e co Grupo Brais Pinto. Tamén se relacionou con Rodolfo Prada e outros galeguistas da Arxentina.

Volta a Galicia[editar | editar a fonte]

Despois de verse pechada a súa causa política en 1959 volveu temporalmente a Galiza en 1968 para ver a familia, logo de trinta e dous anos de exilio. Volveu en 1976 para contemplar como era o escenario posfranquista e albiscar as posibilidades de revitalizar o vello Partido Galeguista, logo de visitar aquí os seus principais «axentes». E en 1981 quixo contemplar a publicación compilada dos seus poemas de loita e combate, que xa tardaban; marchou para non volver, cunha doenza cardíaca.[5] Nese ano foi recoñecido como membro correspondente da Real Academia Galega,[14] e celebrouse un acto solemne no Casino do Barco[15], coa imposición da medalla. Foi apadriñado polos académicos Xulio Francisco Ogando, Ramón Piñeiro e Valentín Paz-Andrade. O acto contou coa presenza de Lauro Olmo Gallego, Isaac Díaz Pardo e o presidente da Xunta, Xosé Quiroga Suárez.[16] Así homenaxeou O Barco de Valdeorras ao "poeta do viño e a viña", amais de ser pregoeiro na capital valdeorresa e membro de mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses.

Morte[editar | editar a fonte]

Nicho de Florencio Delgado Gurriarán e irmás en Córgomo.

Finou o 14 de maio de 1987, cando se atopaba na casa dun dos seus fillos en California. As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo o 12 de xullo dese ano.[17]

O seu parente Ricardo Gurriarán escribiu:

Este poeta moderno, bailón, «musiqueiro», cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro... e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal.[5]

Obra poética[editar | editar a fonte]

Bebedeira[editar | editar a fonte]

Dedicatoria a Manuel Iglesias Corral nun exemplar de Bebedeira.
Artigo principal: Bebedeira.

Publicado pola Editorial Nós en 1934,[18] é un poemario vinculado ao hilozoísmo de Luís Amado Carballo. Por este libro pertence o autor á Xeración de 1922 ou 1925.[19] Ricardo Carballo Calero descríbeo como «unha turbulenta visión da dionisíaca terra de Valdeorras. É unha descrición poética de forte alento xeórxico, dun ruralismo moi animista e sanguíneo».[20]

Galicia infinda[editar | editar a fonte]

Galicia é infinda!
Nosa Galicia é máis ca toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia é infinda!

...[21]
Artigo principal: Galicia infinda.

Publicada na Colección Salnés da Editorial Galaxia en 1963,[22] esta obra reuniu boa parte da súa poesía de posguerra. Está composta por cinco apartados: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos. No libro conviven tendencias heteroxéneas, como a adopción dunha arquitectura modernista, motivos neorrománticos e recreacións de situacións e presenzas pouco habituais ata entón na literatura galega.[23] A obra ten tres tipos de poemas:

  • Os que prolongan a liña do libro anterior, a evocación animista da terra natal.
  • Os que fican na tradición novecentista de neorromantismo, na forma modernista representada principalmente por Ramón Cabanillas.
  • Os poemas mexicanos que recollen paisaxes e ambientes aztecas, escritos nunha especie de galego crioulo mexicano.[20]

Cantarenas. Poemas (1934-1980)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cantarenas. Poemas (1934-1980).

Publicado por Ediciós do Castro en 1981 e con limiar de Xosé Gayoso Díaz, recolle os poemas de Bebedeira e engade outros novos: Valdeorresas e Dionisias. O autor pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético. Regresa á terra da infancia que tanto o marcou, á que homenaxeou empregando en ocasións como pseudónimo o nome Corgomófilo.

O soño do guieiro[editar | editar a fonte]

...
Espellos de auga nos vales,
ondas de frouma nos tesos.
Na Galiza de arastora
xa non caben os galegos!

...[24]
Artigo principal: O soño do guieiro.

Publicado na Colección Opúsculos de poesía de Ediciós do Castro en 1986 e subtitulado Xeiras dun galeguista, está dedicado a Castelao. Volve recoller poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. O volume inclúe ademais algúns dos seus poemas sociolingüísticos, unha das facetas máis notables da súa poética. Recompilación da poesía de loita, de combate, desde a guerra civil, a posguerra e o exilio. É unha obra que se inspira nos valores da súa terra de Valdeorras, nas paisaxes, nos costumes, nos tipos humanos, mais que non renuncia a outros rexistros, en parte, froito das circunstancias vividas: poesía política, denuncia e crítica social…[2]

Nos dous últimos libros hai mostras elocuentes do seu talento satírico, cando retrata o ditador Francisco Franco ou describe o desleixo lingüístico de certos falantes.[13]

Escolmas da súa obra[editar | editar a fonte]

  • Antoloxía poética (2022). Vigo: Galaxia, Letras Galegas Clásicos. 164 páxs. Edición de: Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro. ISBN 978-84-9151-805-1.[25]
  • Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética (2022). Vigo: Galaxia. Edición e estudo de Xesús Alonso Montero. 308 páxs. ISBN 9788491517900.[26]

Obra colectiva[editar | editar a fonte]

  • Foi responsable intelectual e principal colaborador da obra Cancioneiro da loita galega (1943), a primeira publicación do Partido Galeguista en México.[27] A súa contribución nesta edición de “poesía de combate” é variada e significativa, con poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda.[13] Asina os poemas baixo o pseudónimo Nadel.[28]
  • O volume colectivo Presencia de Galicia en México (Padroado da Cultura Galega, 1956) tamén estivo organizado por Florencio. Nel, amais, participaron intelectuais extragalegos como o historiador catalán Pere Bosch i Gimpera.[13]
Mural en Córgomo, obra de Anxo Baranga.[29]

Tradución[editar | editar a fonte]

Gañou o concurso de tradución convocado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina, verquendo ao galego poemas en lingua francesa. Os textos publicáronse no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949), con outras traducións do francés e inglés de Plácido Castro e Lois Tobío Fernández.[5] Delgado Gurriarán tamén verteu ao galego a Arthur Rimbaud, Stéphane Mallarmé ou Paul Valéry.[30]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en México en 1944 con Celia Teijeiro (†2022), filla de emigrantes galegos, e tiveron cinco fillos.[31]

Rúa Florencio Delgado Gurriarán en Córgomo.

Día das Letras Galegas 2022[editar | editar a fonte]

En 2021, o proxecto “As Letras de Florencio” iniciou unha campaña para que se lle dedicase o Día das Letras Galegas.[32] A Real Academia Galega, no plenario do 2 de xullo de 2021, decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2022:[13]:

O Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta mañá renderlle homenaxe o ano que vén ao autor ourensán, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora. A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea.

No Plenario, a candidatura do valdeorrés acadou 14 votos, fronte aos 4 de Fiz Vergara Vilariño e os 4 da candidatura conxunta de Ánxel Casal e Federico García Lorca.[33] A súa candidatura fora presentada polos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Rosario Álvarez Blanco.[34]

A RAG decidiu desenvolver contidos para achegar a figura de Delgado Gurriarán a toda a sociedade.[35] Ademais, con este motivo, a súa obra foi obxecto de numerosas adaptacións musicais, da man de artistas como Fátima Delgado, Babykatze, Xurxo Souto, Anxo Rei ou Dioivo[36].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Enciclopedia Galega Universal.
  2. 2,0 2,1 F. Freixanes, Víctor. "Galicia infinda". Real Academia Galega. Consultado o 26/2/2022. 
  3. "Pseudónimos galegos en ogalego.eu:d". www.ogalego.eu. Consultado o 5/7/2021. 
  4. Raigame n.º 23. 2006
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 Gurriarán, Ricardo. "Biografía de Florencio Delgado Gurriarán". Real Academia Galega. Consultado o 26/2/2022. 
  6. "Hacienda - clases pasivas". El Ideal Gallego. 2/2/1930. 
  7. "Necrología". La Región. 21 de abril de 1933. 
  8. 8,0 8,1 Pla Brugat, Dolores. "Entrevista a Florencio Delgado Gurriarán realizada en la ciudad de Guadalajara, por Dolores Pla, los días 23, 24 y 25 de agosto de 1979". Instituto Nacional de Antropología e Historia de México. 
  9. Fandiño, Xosé Ramón (3/1/20222). "Álbum de Galicia". Consello da Cultura Galega. 
  10. "Un plan de fuxida". Consultado o 2/12/2021. 
  11. 11,0 11,1 F. Freixanes, Víctor (4/7/2021). "A bordo do Ipanema". La Voz de Galicia. 
  12. BOE, 21-4-1941, p. 1555.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "As Letras Galegas 2022 homenaxearán a Florencio Delgado Gurriarán". Real Academia Galega. 2/7/2021. 
  14. "Membros correspondentes da RAG". Real Academia Galega. 
  15. Xan Corbeira (8 de setembro de 1981). "Florencio D. Gurriarán recibiu a medalla de académico galego". La Región. p. 9. 
  16. Blanco, Aurelio (26/7/2014). "Florencio Delgado Gurriarán: O poeta do viño e da viña". La Región (en castelán). Consultado o 5/7/2021. 
  17. "Delgado Gurriarán, Florencio Manuel". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo. 2010-2011. p. 324. 
  18. Iglesias, Xabier (22/8/2015). "Bebedeira". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com. 
  19. Pérez Pena, Marcos (3/7/2021). "Florencio Delgado chegaba cargado de literatura galega feita en México, publicacións moi importantes para os resistentes". Praza.gal. Consultado o 6/7/2021. 
  20. 20,0 20,1 Carballo Calero 1975, p. 727.
  21. Pena 2022, p. 175.
  22. Vilavedra, D., ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Galaxia. pp. 227–229. ISBN 84-8288-365-8. 
  23. Vilavedra 1995, pp. 171-72.
  24. Pena 2022, p. 371.
  25. "Antoloxía poética". Editorial Galaxia. Consultado o Maio 2022. 
  26. "Xesús Alonso Montero: «Florencio Delgado Gurriarán foi un home fiel ao idioma galego»". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-03-22. Consultado o 2022-05-03. 
  27. Cancioneiro da loita galega. Sada, A Coruña: Ediciós do Castro. 1996.  Facsímile. ISBN 84-7492-805-2.
  28. Lama López, María Xesús (2006). "A Guerra Civil española na obra dos escritores exiliados galegos". Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos. Editorial Galaxia. p. 40. 
  29. "Córgomo lleva el arte a la fachada". La Región (en castelán). 11/10/2018. 
  30. Dasilva, Xosé Manuel (xullo, agosto, setembro 2022). "Florencio Delgado Gurriarán como tradutor. Entre Walt Whitman e Castelao". Grial LX (235): 92–95. ISSN 0017-4181. 
  31. "A RAG lamenta o pasamento de Celia Teixeiro, viúva de Florencio Delgado Gurriarán". Real Academia Galega. 20/6/2022. 
  32. Prieto, Susana (12/5/2021). "Reto por la candidatura de Florencio Delgado como homenajeado de las Letras Galegas en 2022". ValdeorrasDeCerca (en castelán). Consultado o 21/6/2021. 
  33. "Delgado Gurriarán será o homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2022". Nós Diario. Consultado o 6/7/2021. 
  34. "Florencio Delgado Gurriarán será el homenajeado en las Letras Galegas 2022". Axencia EFE (en castelán). Consultado o 6/7/2021. 
  35. "A RAG desenvolverá contidos para achegar a figura de Delgado Gurriarán a toda a sociedade". Real Academia Galega. Consultado o 26/2/2022. 
  36. "A poesía de Delgado Gurriarán faise canción". Real Academia Galega. Consultado o 2022-05-15. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]