Padroado da Cultura Galega de México

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Padroado da Cultura Galega de México
Tipoasociación cultural
Data de fundación29 de xuño de 1953
PaísMéxico
editar datos en Wikidata ]

O Padroado da Cultura Galega de México foi unha asociación creada o 29 de xuño de 1953 coa finalidade de promover distintas iniciativas culturais relacionadas coa cultura galega.

Historia[editar | editar a fonte]

O Padroado da Cultura Galega foi fundado por un grupo de galegos exiliados a México por causa da guerra civil española. Este grupo compartía un sentimento común de galeguidade, pois utilizaban o galego na súa vida diaria como instrumento de comunicación e instrumento literario en libros e revistas. O proxecto comezou como consecuencia dun chamamento feito por Roxelio Rodríguez de Bretaña, quen ocupou o posto de secretario na primeira xunta directiva, “aos bos e xenerosos”. A primeira directiva estivo presidida polo violinista Jesús Dopico Ferreiro. Entre os participantes do Padroado destacan o político e xornalista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo, o político Manuel Porteiro, o avogado Xoán López Durá, o musicólogo Xesús Bal y Gay, o aviador Elixio Rodríguez e o médico Francisco Comesaña.

Existían dúas liñas dentro do Padroado: unha máis radical liderada por Luís Soto e outra non tan extremista.

O número de socios fundacionais da entidade era de apenas 44 e no ano 1954 acadáronse arredor de 300 afiliados[1].

Obxectivos[editar | editar a fonte]

Os tres principais obxectivos do Padroado eran: a defensa da cultura galega, o estudo dos problemas culturais, sociais e económicos e a procura de posibles solucións e o fortalecemento dos lazos do pobo galego cos de España, Portugal e México[2].

Actividades[editar | editar a fonte]

Para levar a cabo os obxectivos marcados realizaron diversas actividades.

A revista Vieiros publicouse por primeira vez no 1959. Contou co deseño de Castelao, Arturo Souto, Carlos Maside, E. Gascón, Bartoli, Gironella e Ledo, baixo a dirección de Luís Soto, Carlos Velo, precursor da realización da revista, Elixio Rodríguez, Arturo Souto e o administrativo Xermán Raño. Nas publicacións coincidían exiliados de diferentes ideoloxías que fuxían do conformismo e do folclorismo.

Hora de Galicia foi unha emisión de radio de carácter divulgador que durou case 20 anos e que transmitía todos os domingos noticias, música galega e información cultural.

O libro Presencia de Galicia en México foi publicado polo Padroado en 1954. Simboliza unha evocación de Galicia e que constou de dous obxectivos moi diferentes: ofrecer algunhas das características do pobo galego e presentar un elenco de homes e mulleres que constitúen a honra de Galicia.

O Padroado tamén impartiu clases de Lingua e Literatura Galega, Xeografía e Historia de Galicia, Economía e Psicoloxía Social Galega, danza e gaita. Ademais organizou festas e romarías propias de Galicia.

Formaron unha banda de gaitas, un coro, un teatro galego experimental e ata un grupo de fútbol chamado Celta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alonso Montero, Xesús (2007). Presencia de Galicia en México. Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Comunicación, D.L. ISBN 978-84-453-4527-6. 
  2. "O padroado da cultura galega de México - Condado de Salvaterra do Miño". Condado de Salvaterra do Miño - Galicia - España (en castelán). Consultado o 2016-04-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ALONSO MONTERO, X. (2007). Presencia de Galicia en México. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia Secretaría Xeral de Comunicación, D.L. Ed. facsimilar.
  • MACEIRA FERNÁNDEZ, X.M. (1995). A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural. Vigo: Edicións do Cumio.
  • MARTÍNEZ LÓPEZ, R. (1987). A literatura galega no exilio. Ourense: Fundación Otero Pedrayo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]