Enrique Líster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Enrique Líster
Enrique Líster
Mikhail Koltsov, esquerda, e Enrique Líster en 1936.
Nacemento: 21 de abril de 1907
Ameneiro, Calo, Teo (A Coruña) Galicia Galicia
Falecemento: 8 de decembro de 1994
Madrid Comunidade de Madrid
Ocupación: Canteiro e Militar

Enrique Liste Forján, coñecido como Enrique Líster, nado en Ameneiro (Calo, Teo) o 21 de abril de 1907 e falecido en Madrid o 8 de decembro de 1994[1], foi un militante comunista e dirixente militar republicano galego durante a Guerra Civil Española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os principios do militante[editar | editar a fonte]

Estación, liña Sokólnicheskaya, primeira liña do metro de Moscú inaugurada en 1935.

Canteiro de profesión, emigrou a Cuba ós once anos, retornando a España en 1925, cando ingresa no Partido Comunista de España. Participa activamente nas loitas dos traballadores agrarios en Galicia e converterase rapidamente nun importante activista sindical, no difícil contexto do pistoleirismo patronal contra os sindicatos na fase final da Ditadura do xeneral Primo de Rivera. A inicios dos anos 30, proclamada a Segunda República, pola súa condición de cadro destacado do PCE é enviado á URSS onde cursará estudos de formación política e militar na escola de cadros da Komintern en Moscova; durante o seu período como estudante formou parte da Brigada de Traballadores de choque, encargada da construción do metro da capital soviética, onde a súa experiencia xuvenil como canteiro foi moi apreciada.

Líster e a guerra civil española[editar | editar a fonte]

Ó seu retorno, en 1936, Líster fíxose cargo das tarefas políticas sobre cuestións militares que o PCE asumiu ante o crecente perigo golpista. Tras gañar as eleccións de febreiro de 1936 a Fronte Popular (coalición das forzas democráticas que incluía os partidos republicanos ata a esquerda radical e os partidos nacionalistas) aceleráronse os plans da clandestina Unión Militar Española UME, composta polos oficiais ultradereitistas, reaccionarios católicos ou ben abertamente falanxistas. Ante esa situación, a rede de contactos establecida nos cuarteis por Líster e numerosos soldados e oficiais axudou a coñecer o alcance do perigo e facilitou moito o esmagamento do golpe en numerosas unidades.

Tras fracasar o golpe militar organizado polo xeneral Mola en xullo de 1936, a situación derivou rapidamente cara á guerra aberta. Na fase inicial da Guerra Civil Española, Líster tivo un papel moi destacado na organización do Quinto Rexemento, a primeira escola militar para formación de milicianos. Tras marchar ós combates na serra de Madrid, comeza o seu ascenso por méritos de guerra, participando nos posteriores do Texo, Toledo e marcha sobre Madrid. Encargado da defensa dun sector da cidade durante a Batalla de Madrid, ó mando da 1ª Brigada Mixta do EPR, foi posteriormente o responsábel da 11ª División, converténdoa na máis selecta unidade republicana, encargada de soportar os peores combates nas batallas de Brunete, Belchite e Teruel. En tódolos combates nos que se encontrou á fronte dos seus homes, Líster comportouse de forma audaz e decidida, ó tempo que procuraba reducir as baixas propias ó mínimo. As Brigadas baixo o seu mando constituían normalmente un batallón especial, adestrado para operacións especiais nas liñas próximas á fronte e que para as operacións de ruptura ou defensa a ultranza para as que eran requiridos a cotio. O avance nocturno en Brunete, que permitiu ocupar a poboación e capturar o Estado Maior inimigo na zona - operación realizada case sen baixas - ou a ruptura por sorpresa en Teruel son bos exemplos da súa cualidade como mando táctico de grande iniciativa.

En 1937, o goberno constitucional republicano ordenou que se disolvera o Consello de Aragón, a institución que controlaba gran parte do Aragón non ocupado polos franquistas e que estaba organizando de forma autónoma polos anarcosindicalistas da CNT e outras forzas afíns, por entender que se estaba entorpecendo o esforzo da guerra e para sufocar unha forma de poder dual revolucionario que impedía á República exercer a súa autoridade e a lei na zona. O Ministro de Defensa Nacional, o socialista Indalecio Prieto, ordenou persoalmente ao Maior Líster proceder á disolución do Consello de Aragón, operación levada a cabo limpamente e con escaso uso da forza. Tralos sucesos de maio do 1937 e a disolución do Consello de Aragón, as colectivizacións voluntarias mantivéronse, esta vez no marco dun esforzo conxunto para manter a produción e gañar a guerra.

En 1938, trala batalla de Teruel e a posterior Batalla de Aragón, Líster foi un dos oficiais encargados de conter a avalancha inimiga que ameazaba con cortar a zona republicana en dous sectores. Trala batalla defensiva no sur de Cataluña e Aragón, Líster logrou salvar a maior parte das forzas baixo o seu mando e retirarse á beira norte do Ebro.

Despois da primeira crise de Checoslovaquia, o goberno español valora que a única posibilidade de gañar a guerra consiste en manterse firme ata o momento no que estale a guerra en Europa contra o nazismo, cuxo detonante podería ser naquel momento a resistencia checa á anexión dos Sudetes por parte do III Reich. En xullo de 1938, o reorganizado EPR en Cataluña emprende unha ofensiva no río Ebro (a Batalla do Ebro) coas súas forzas de choque, o Exército do Ebro ó mando do Maior Modesto, rearmado cos recursos que Francia permitiu cruzar a fronteira nos días da crise checa. Líster recibe o mando do V Corpo do Exército (Divisións 11ª, 45ª e 46ª), encargándose do sector sur (Serra Pàndols e Fatarella) resistindo con éxito durante dous meses o peso dos ataques franquistas. Finalmente, en setembro de 1938, os franco-británicos deciden pregarse ás pretensións hitlerianas de anexión dos Sudetes checos e na Conferencia de Munich de finais dese mes, o primeiro ministro británico Neville Chamberlain sela a sorte de Checoslovaquia e de España. En novembro de 1938, tras sufrir graves perdas humanas e de material, as tropas do Exército do Ebro retíranse organizadamente cara a Cataluña.

Sen posibilidade de repoñer as súas perdas militares e coa batalla diplomática perdida pola política franco-británica de apaciguamiento ante o nazismo e o fascismo, a República Española sofre a ofensiva contra Cataluña por parte do groso do exército franquista xunto cos seus aliados italianos e alemáns. O Vº Corpo do Exército fai parte da defensa e Líster manda as súas forzas nos lugares de maior perigo. Trala rotura da fronte, o Vª Corpo do Exército cobre a retirada do groso das forzas e a poboación civil, que trala caída de Barcelona inunda as estradas camiño de Francia.

As derradeiras forzas do EPR en cruzar a fronteira son as mandadas polo maior Líster. Internado o exército en campos de concentración, un núcleo de oficiais e membros do goberno español regresan á España republicana para cortar a loita. Polos excepcionais servizos prestados, o maior Lister é ascendido a Tenente Coronel. Unha vez en España, queda ás ordes do goberno presidido polo Dr. Negrín, quen se atopa con numerosos obstáculos á súa política de resistencia para unha paz negociada. Nas filas do Estado Maior do Grupo de exércitos da Rexión Centro, un núcleo importante de conspiradores tentan unha rendición ás forzas franquistas e boicotean tódolos esforzos. O golpe militar do coronel Casado impide finalmente manter a loita e a derrota militar da República Española é definitiva. Líster, xunto con outros cadros militares e políticos, logra marchar ó exilio e escapar ó cativerio.

Líster na Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Exiliado na URSS, e tras un novo período na Escola Militar, participou nas discusións e tensións sufridas polo PCE nese tempo. O núcleo de militantes que foran militares de alta graduación, foi apartado da primeira liña política e incorporado ó exército xa entrada a II Guerra Mundial. Líster alcanza o grao de xeneral nas forzas da URSS e da Polonia Democrática e da nova Iugoslavia.

Líster e o PCE despois da Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Despois do fin da Segunda Guerra Mundial, Líster continuou a ser parte da dirección do PCE, destacando moi pronto pola súa actitude crítica cara á nova dirección do partido establecida despois da morte do secretario xeral José Díaz. As diverxencias co seu substituto Santiago Carrillo chegan a ser moi importantes. Instalado en Francia trala etapa na URSS, Líster levou a cabo algunhas tarefas de organización e encadramento dos guerrilleiros españois que continuaron a loita contra a ditadura franquista, pero o seu peso político no interior do PCE diminuíu ante a consolidación da liña carrillista da chamada Reconciliación Nacional. En 1968 apoiou a postura soviética na invasión de Checoslovaquia e denunciou publicamente a liña seguida por Santiago Carrillo, fundando á súa vez o Partido Comunista Obrero Español (PCOE) e denunciando a liquidación do proxecto comunista a mans dos sectores eurocomunistas.

En 1977 retornou do exilio, reingresando no PCE en 1986. As súas experiencias da Guerra Civil recóllense nos libros Nuestra guerra (A nosa guerra, 1966) e Memorias de un luchador (Memorias dun loitador, 1977). Ademais, en base á súa experiencia política dentro do Partido Comunista de España, escribiu Así destruyó Carrillo el PCE (Así destruíu Carrillo o PCE, 1983).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Obituario no New York Times (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]