Bebedeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bebedeira
Título orixinalBebedeira
Autor/aFlorencio Delgado
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Poesía
EditorialEditorial Nós
Data de pub.1934
Seguido porGalicia infinda
editar datos en Wikidata ]

Bebedeira é un libro de poesía de Florencio Delgado Gurriarán publicado pola Editorial Nós en 1934.[1]

Características[editar | editar a fonte]

É un poemario vinculado ao hilozoísmo de Luís Amado Carballo. Por este libro pertence o autor á Xeración de 1922 ou 1925.[2] Ricardo Carballo Calero descríbeo como «unha turbulenta visión da dionisíaca terra de Valdeorras. É unha descrición poética de forte alento xeórxico, dun ruralismo moi animista e sanguíneo».[3]

Segundo Ricardo Gurriarán:

Flora, cromática da paisaxe valdeorresa, castiñeiros, vento, noite, amoríos, cepeiras, lúa, paxaros, moceo, viño, cores estacionais... en conversa permanente, ligados cun ritmo e unha rima especial, cheos dunha paixón embriagadora, coma o seu título, de musicalidade achandadora, fondamente sensual, difícil de catalogar dentro dos tradicionais codificadores ismos da vangarda poética.[4]

Tivo unha notable acollida da crítica. Carballo Calero, Otero Pedrayo, Xohán L. Ramos e Antón Vilar Ponte deixaron positivas palabras do poemario.

Segundo a Editorial Galaxia:

trinta e dous poemas, dos que algúns deles xa viran a luz en revistas e xornais, onde as árbores, as plantas e a paisaxe adquiren características de personaxe central en poesías de corte sensorial evocadoras da cosmogonía valdeorresa, que teñen a viña e o viño como centro, achegando imaxes e metáforas que converten o poemario no máis importante do hilozoísmo galego, polo que recibiu notables gabanzas da crítica do momento.[5]

Edicións[editar | editar a fonte]

Bebedeira foi editado por Nós en 1934, con portada de José de Castro Arines, discípulo de Castelao e galeguista.

Foi reeditado en Xerais en 2022 da man de Xosé Ramón Pena[6] e en Galaxia no mesmo ano en edición de Dulce Fernández Graña.[7]

Poemas[editar | editar a fonte]

  • Sen título (Bebedeira na ed. de 1934 e Teu cabelo é viño branco en 1981)
Teu cabelo é viño branco,
os teus beizos viño tinto,
os teus ollo augardente...
quixera beberte a bicos!
...[8]
  • Hino ao viño
  • Cantiga de vindima
...
Ai! nena,
a túa boca é toda mosto
agre-doce de garnacha;
o teu ollar, viño novo,
Bébeda ten miña ialma
...[9]
  • Cousas. Dez cousas de Valdeorras (no vran)
...
O carro,
co lombo cangado de herba,
vén, por amostrar os folgos,
cantando unha cantarena
...[10]
  • Cousas das serras
  • Cousas do outono
  • Arelas
  • Quince anos
...
No rigueiro da túa fala
choutan fervenzas de risas;
á anela da túa boca
asoma a fada sorrisa
...[11]
  • Enterro
  • No vencello dos meus brazos
  • Festas. Folión de vran
  • Ruada
...
A rosiña está a chorar;
o piñeiro está a carpir;
a rosiña e mais o vento
van lonxe, no seu fuxir
...[12]
  • Muiñada
  • Aí vén o Maio
  • San Xosé
  • Miudezas. Matanza
  • A cadea
As penas, gardas civís,
ao río Sil lévano preso.
...[13]
  • Dores do agro
  • Amores
  • A lúa, branca pastora
  • Operación
  • Liorta
  • Romanzos. Romanzo do cabaleiro ourizo
O ourizo, siñor feudal
do pazo dos castiñeiros,
inda que llo dea a cara
non é de forca e coitelo.
...[14]
  • Romanzo da terra doente
  • Vente, ventiño do norte
  • Amencer de San Xoán
  • Camiño da serra
  • Romanzo da dona outonía
  • A traxedia dos castiñeiros. O castiñeiro morto
  • Tristura do souto mudo
  • Paisaxes. Paisaxes de inverno
  • Inverno no monte
...
Pra fuxir da neve,
tremendo co frío,
o vento ás carpazas
pídelle agarimo[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Iglesias, Xabier (22/8/2015). "Bebedeira". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com. 
  2. Pérez Pena, Marcos (3/7/2021). "Florencio Delgado chegaba cargado de literatura galega feita en México, publicacións moi importantes para os resistentes". Praza.gal. Consultado o 6/7/2021. 
  3. Carballo Calero 1975, p. 727.
  4. Gurriarán, Ricardo. "Biografía de Florencio Delgado Gurriarán". Real Academia Galega. Consultado o 2022-02-26. 
  5. "Bebedeira". Editorial Galaxia. Consultado o 2022-02-21. 
  6. Pena, Xosé Ramón, ed. (2022). Florencio Delgado Gurriarán. Obra poética. Xerais. ISBN 978-84-1110-060-1. 
  7. Fernández Graña, Dulce, ed. (2022). Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira. Galaxia. ISBN 978-84-9151-784-9. 
  8. Pena 2022, p. 103.
  9. Pena 2022, p. 111.
  10. Pena 2022, p. 113.
  11. Pena 2022, p. 120.
  12. Pena 2022, p. 128.
  13. Pena 2022, p. 138.
  14. Pena 2022, p. 145.
  15. Pena 2022, p. 155.