Santiago Álvarez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santiago Álvarez Gómez, nado en San Miguel de Outeiro (Vilamartín de Valdeorras), o 11 de febreiro de 1913 e falecido en Madrid o 29 de abril de 2002, foi un político comunista, fundador do Partido Comunista de Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia labrega, Álvarez realizou a penas estudos primarios. Foi campesiño e segador de mozo. Aos catorce anos tomou conciencia política. Proclamada a II República afiliouse ao Partido Comunista, organizando unha sección na comarca valdeorresas. Foi detido durante a revolución de 1934 en outubro dese ano. Logo das eleccións de febreiro de 1936, gañadas pola Fronte Popular, Santiago Álvarez entrou como concelleiro da corporación de Vilamartín.

O 18 de xullo de 1936 colleuno en Madrid, onde organizou xunto a Castelao as Milicias Populares Galegas, en boa parte integradas por segadores galegos esparramados polas Castelas, aos que convenceron ambos. Durante a Guerra Civil exerceu como Comisario Político, primeiro nas mesmas milicias por el cofundadas e logo na XIª División sob o mando do tamén galego Enrique Líster. Participou na defensa de Madrid e en varias batallas: Jarama, Guadalajara, Brunete, Sur do Texo, Garavitas...

Posguerra[editar | editar a fonte]

Exiliouse logo do fin da contenda, con estadías en diversos países, primeiro en Francia, para en outubro de 1939 saír para a República Dominicana, e logo para Cuba, onde permaneceu até o 18 de xullo 1944. Despois de pasar por varios países americanos, volveu a España, en 1944, clandestinamente, mais foi detido a fins de agosto de 1945, sendo torturado na Dirección Xeral de Seguridade durante tres días coas súas noites. Foi xulgado nun consello de guerra e condenado a 20 anos de cadea, e pasou por varias penitenciarías. Entre 1946 e 1951 estivo en situación de aillado na cadea de Logroño, onde tentou completar a súa formación con variadas lecturas. En 1954 foi indultado e levado directamente ao aeroporto, saíndo para Cuba. Aos poucos estaba en Francia, desde onde entrou a España e a Galiza varias veces.

No Comité Central. Fundación do PCG[editar | editar a fonte]

Formando xa parte do Comité Central do PCE formulou en 1965 a creación do Partido Comunista de Galicia (PCG). Desde 1968, data da súa fundación, sería secretario xeral da nova formación. Ao volver a España en 1976 pasou dous meses encarcerado en Carabanchel, e outra vez a fins de ano. Nos anos da transición Santiago Álvarez seguiu formando parte do Comité Central do PCE, mais abandonou en 1979 a Secretaría do PCG. Sen deixar a actividade política dedicouse a escribir as súas memorias políticas e outros libros de investigación.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Los Irmandiños
  • El origen y la formación de la nacionalidad gallega
  • Sobre Galicia
  • Ensayo sobre el problema nacional de Galicia. Madrid. 1976
  • Memorias. I. Recuerdos de infancia y de juventud (1920-1936).1985
  • Las milicias populares gallegas: un símbolo de la Galicia antifranquista. Sada. 1989
  • Memoria da guerrilla. Vigo. 1991
  • Osorio Tafall: su personalidad, su aportación a la Historia. Sada. 1992
  • Castelao y nosotros los comunistas. Sada. 1993 (2ª edic)
  • Negrín, personalidad histórica: biografía. Madrid. 1994.

Artigos (lista parcial)[editar | editar a fonte]

  • "Notas críticas sobre la posición de la socialdemocracia", in Nuestra Bandera. Madrid. Nº 44-45, maio-xuño 1965, pp. 45-55
  • "Los comunistas y la colaboración con los católicos", in Nuestra Bandera. Madrid. Nº 47-48. 1966, pp. 71-79