Océano Antártico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Océano Antártico
Southern Ocean.png
Localización administrativa
Localización xeográfica
Continente Antártida
Xeografia
Mares contiguos Parte da pasaxe de Drake, parte do mar de Scotia, mar de Weddell, mar do Rei Haakon VII, mar de Lazarev, mar de Riiser-Larsen, mar dos Cosmonautas, mar da Cooperación, mar de Davis, mar de Mawson, mar de d'Urville, mar de Somov, mar de Ross, mar de Amundsen e o mar de Bellingshausen
Illas interiores Illas da Antártida
Superficie 20.327.000 km²
Lonxitude màxima 17.968 km da costa
Profundidade màxima 7235 m (Foxa das Sandwich do Sur)
Profundidade media 4000-5000 m
Mapa
800px-LocationSouthernOcean.png

O océano Antártico, tamén coñecido como océano Glacial Antártico ou océano Austral[1] (Southern Ocean en inglés), é o nome dado ao conxunto das augas que bañan o continente Antártico, que en realidade constitúen o prolongamento meridional dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. Moitos científicos, oceanógrafos e xeógrafos, non recoñecen a existencia do océano Antártico, considerándoo como unha conxunción de partes dos outros océanos.

O océano Antártico esténdese desde a costa antártica até os 60° S, límite convencional cos tres océanos mencionados. É o penúltimo océano en extensión (só o Océano Ártico é menor).[2] Formalmente, a súa extensión foi definida pola Organización Hidrográfica Internacional (IHO) no ano 2000 e coincide cos límites fixados polo Tratado Antártico[3][4], mais a decisión non foi ratificada. Outros toman como límite natural do océano Antártico a estacional e flutuante Converxencia Antártica.

Historia[editar | editar a fonte]

Mapamundi de Abraham Ortelius (1570) que une a Antártida con Australia.

No Mundo occidental, a crenza nunha Terra Australis - un vasto continente localizado no extremo sur do globo terrestre para "equilibrar" ás vastas terras do norte: Europa, Asia e África do Norte - existiu xa desde tempos de Ptolomeo. A circunnavegación do cabo de Boa Esperanza en 1487 por Bartolomeu Dias atraeu por primeira vez os exploradores dentro da zona da fría Antártida, feito que demostrou que había un océano que sepaba África de calquera terra da Antártida que puidese existir. Fernão de Magalhães , que pasou polo estreito de Magallanes en 1520, asumiron que as illas de Terra do Fogo, ao sur eran unha extensión desta terra austral descoñecida. En 1564, Abraham Ortelius publicou o seu primeiro mapa, Typus Orbis Terrarum, un mapa mural de oito follas do mundo, no que se identificaba o Regio Patalis con Locach como unha extensión cara ao norte da Terra Australis , chegando ata a Illa de Nova Guinea.[5][6]

Mapa de 1863 que mostra o océano Antártico (Southern Ocean) estendido ata as costas de Australia

A segunda edición (1937) de Límites de Océanos e Mares do IHO incluía o océano Antártico, con todo, non aparecería na terceira edición (1953)[7] debido á flutuación dos seus límites hidrográficos do norte coas estacións e para que os científicos crían que un océano debería definirse como "auga rodeaba por terra" non auga que rodeaba terra. As oficinas hidrográficas dos Estados membros definiron os seus propios límites, o Reino Unido utiliza o paralelo 55°S.[8]

O IHO enfrontou coa mesma cuestión nunha enquisa do ano 2000. Das 68 nacións de membros, 28 responderon, e todos os que responderon afirmativamente, excepto o Arxentina, á proposta de definir un océano novo. O nome océano do Sur venceu por 18 votos á alternativa océano Antártico (aínda así este nome é o máis común en moitas linguas). A metade dos votos apoiaban que o límite do océano fose o paralelo 60S (sen interrupcións de terra nesta latitude), e 14 votos para outras definicións, principalmente o paralelo 50S e ata algún para límites moi setentrionais como o paralelo 35S.

Outras fontes como a National Geographic Society continúan mostrando os océanos Atlántico, Pacífico e Índico estendéndose ata a Antártida.

En Australia, as autoridades cartográficas definen o Océano Antártico incluíndo toda a masa de auga entre a Antártida e as costas do sur de Australia e Nova Zelandia, aínda que as autoridades de Nova Zelandia non seguen xeralmente esta definición.[9] Os mapas costeiros de Tasmania e Australia Meridional chaman o seu mar como Southern Ocean,[10][11][12] mentres que o cabo de Leeuwin en Australia Occidental é descrito como o punto no que se atopan os océanos Índico e Antártico.[13]

Xuridicamente, polo Tratado da Antártica, asinado o día 1 de xaneiro de 1959, o océano Antártico e o Continente Antártico serían responsabilidade de países, para usos pacíficos e científicos; Chile, Arxentina, Australia, Bélxica, Estados Unidos, Francia, Xapón, Noruega, Nova Zelandia, Reino Unido, África do Sur e a URSS.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Xeoloxicamente, o Antártico é o máis novo dos océanos. Formouse cando a Antártida e América do Sur se separaron coa apertura da pasaxe de Drake, hai aproximadamente 30 millóns de anos. A separación dos continentes permitiu a formación da corrente circumpolar antártica.

Mares antárticos.

Subdivisións do océano Antártico[editar | editar a fonte]

O océano Antártico é, xunto co Ártico, o único que circunda o globo de forma completa, e rodea completamente a Antártida. Ten unha superficie de 20.327.000 km², unha cifra que comprende aos mares periféricos, que en sentido horario son: parte da pasaxe de Drake (ou mar de Hoces), parte do mar de Scotia, mar de Weddell, mar do Rei Haakon VII, mar de Lazarev, mar de Riiser-Larsen, mar dos Cosmonautas, mar da Cooperación, mar de Davis, mar de Mawson, mar de d'Urville, mar de Somov, mar de Ross, mar de Amundsen e o mar de Bellingshausen. A terra firme que bordea o océano ten 17.968 km de costa.

Recursos naturais[editar | editar a fonte]

Sospéitase que existen grandes reservas de petróleo e gas natural no talude continental antártico, e nódulos de manganeso no propio océano.

Os icebergs que se forman cada ano no océano Antártico teñen a suficiente auga doce para cubrir as necesidades da poboación mundial durante varios meses. Nas últimas décadas houbo propostas, ningunha delas fiable ou viable aínda, para remolcar estes icebergs ata rexións ao norte máis áridas (coma Australia) onde puidera ser aproveitada a súa auga.[14]

Oceanografía física[editar | editar a fonte]

Banquisa e correntes[editar | editar a fonte]

A corrente circumpolar antártica comunica os océanos Atlántico, Índico e Pacífico.

A banquisa que se forma ao redor do continente antártico ten aproximadamente un metro de espesor, ocupa unha superficie de, polo menos, 2,6 millóns de km² en marzo, e chega ao seu valor máximo de 18,8 millóns de km² en setembro, unha superficie que heptuplica a de marzo.

A corrente circumpolar antártica móvese sempre cara ao leste, formando unha curva pechada de 21.000 km de longo,. É a maior corrente do mundo, e transporta 130 millóns de m³/s, 100 veces máis que todos os ríos da Terra xuntos. As ondas poden chegar a seren moi altas.

Fondo oceánico[editar | editar a fonte]

Fondo mariño xunto ao xeo no océano Antártico.

O océano Antártico, cunha profundidade xeralmente comprendida entre os 4.000 e 5.000 metros, é un océano profundo con poucas zonas estreitas de augas pouco profundas. A plataforma continental antártica é estreita e relativamente profunda con respecto ás outras: dos 400 aos 800 metros, contra unha media mundial de 133 metros. A maior parte do fondo oceánico está cuberta por depósitos de orixe glacial, excavados sobre o terreo xeado e posteriormente trasladados ao mar.

O punto máis profundo do océano atópase no extremo meridional da Fosa Sandwich do Sur e alcanza 7.235 m de profundidade.

Algúns procesos que operan ao longo da costa da Antártida producen un tipo de masas oceánicas que non se atopan en ningún outro lugar do hemisferio sur. Unha destas é o fondo de auga antártica, moi fría, altamente salina, e densa que se forma baixo a banquisa.

Mesetas de xeo[editar | editar a fonte]

Os glaciares e inlandsis antárticos que se estenderon e flotan sobre a superficie do océano formaron un amplo sistema de mesetas (ou barreiras) de xeo. Pedazos destas mesetas que están conectadas aos glaciares en terras firme rompen e forman campos de xeo e témpanos de xeo (ou iceberg). Debido ao quecemento global algunhas destas masivas mesetas estanse derretendo, contribuíndo á subida do nivel superficial do auga.

Ameazas naturais[editar | editar a fonte]

Algúns dos icebergs antárticos acadan dimensións impoñentes e constitúen un perigo para a navegación.

Clima[editar | editar a fonte]

A temperatura do mar varía de +10° C a -2 °C. Tempestades ciclónicas móvense cara ao leste ao redor do continente antártico e frecuentemente chegan a facerse intensas debido ao contraste das temperaturas dos xeos e do océano aberto.[15]

Na superficie oceánica comprendida entre os 40° de latitude sur e o círculo polar antártico prodúcense os ventos máis fortes xamais rexistrados na Terra. No inverno o océano xéase ao sur dos 65° S no sector do Pacífico e dos 55° S no sector do Atlántico, descendendo a temperatura superficial por debaixo dos cero graos. Porén, nalgúns puntos da costa, os fortes e constantes ventos que veñen do interior manteñen a costa libre de xeo tamén no inverno.[15]

Nebulosidade sobre o Océano Antártico.

Nebulosidade sobre o Océano Antártico.

Biodiversidade[editar | editar a fonte]

O océano Antártico ten unha biodiversidade inmensa e aínda moi pouco explorada. A súa fauna varía desde pingüíns, pinnípedes e cetáceos, até cianobacterias, fitoplancto e krill que, a pesar de seren pequenos organismos, serven de alimento para os animais maiores. A flora do océano Antártico está composta por algas mariñas e outros organismos autótrofos.

Medio ambiente[editar | editar a fonte]

O incremento da radiación ultravioleta procedente do Sol, resultado do buraco de ozono antártico, reducíu polo menos nun 15% o fitoplancto mariño, e comezou a danar o ADN dalgúns peixes[16]

As actividades pesqueiras ilegais, as non reguladas e as non declaradas, especialmente as capturas de pescada negra patagónica ou merluza austral (estímase que se pesca cinco ou seis veces máis do regulado), probabelmente están afectando á sostibilidade das especies. As artes de pesca usadas na captura da pescada negra, pola súa gran longura, están causando unha gran mortandade nas aves mariñas.

Acordos internacionais[editar | editar a fonte]

A navegación e a pesca están reguladas por varios tratados. A pesca comercial das baleas está prohibida ao sur dos 40° S (ao sur dos 60º S entre os 50º e 130º de lonxitude oeste). En 1999 foron asinados novos tratados para evitar a pesca ilegal.

Varias nacións prohiben a explotación mineira do océano ao sur da flutuante converxencia antártica[17], que se atopa no medio da corrente circumpolar antártica e serve de liña divisoria entre as xélidas augas superficiais polares ao sur e aquelas máis mornas ao norte.

Os acordos do Tratado Antártico aplícanse na rexion do globo situada ao sur dos 60º S (artigo VI)[18]. A cláusula 2 do artigo IV prohibe novas reclamacións de soberanía territorial sobre a Antártida[18].

Economía[editar | editar a fonte]

Entre o 1 de xullo de 1998 e o 30 de xuño de 1999 pescáronse 119.898 toneladas, o 85% das cales era de krill e o 14% de merluza negra ou merluza austral (Merluccius australis).

No verán antártico 1998-99, 10.013 turistas, a maioría en barco, visitaron o océano Antártico e a Antártida, fronte aos 9.604 do verán anterior.

Portos[editar | editar a fonte]

Graves rachaduras nun peirao sobre o xeo en uso durante catro tempadas na Estación McMurdo retardaron operacións de carga en 1983 e reveláronse un risco para a seguridade.

Entre os principais portos operacionais están a Base Rothera, a Base Palmer, a Villa Las Estrellas, a Base Esperanza, a Base Mawson, a Estación McMurdo, e os ancoradoiros no mar na Antártida.

Poucos portos existen na costa sur (Antártida) do océano Antártico, unha vez que as condicións do xeo restrinxen o uso da maioría das praias para curtos períodos, en pleno verán. E mesmo no verán algúns requiren escolta de navíos creba-xeo para o acceso. A maioría dos portos da Antártida son operados por estacións de seguemento gobernamentais e, agás en caso de emerxencia, permanecen pechados aos navíos comerciais ou particulares. Navíos en calquera porto ao sur dos 60 graos de latitude sur están suxeitos á inspección por observadores do Tratado da Antártida.

O porto máis ao sur do océano Glacial Antártico opera na Estación McMurdo na latitude de 77º 50' sur. A enseada Winter Quarters forma un pequeno porto, na punta sur da Illa de Ross, onde un peirao sobre o xeo flutuante fai posíbeis operacións portuarias no verán. Os integrantes da Operación Deep Freeze construíron o primeiro peirao sobre o xeo en McMurdo en 1973.[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. NGS 2014.
  2. "Introduction - Southern Ocean". CIA Factbook (en inglés). Consultado o 16/05/2015. ...como tal, o Océano Antártico é hoxe dos cinco océanos o cuarto máis grande do mundo (tras o Océano Pacífico, Océano Atlántico, e Océano Índico, e máis largo que o Océano Ártico). 
  3. Pyne, Stephen J. (1986). University of Washington Press, ed. The Ice: A Journey to Antarctica (en inglés). (Un estudio da exploración antártica, ciencias da terra, casquete glaciar, estètica, literatura e xeopolítica) 
  4. "The Antarctic Treaty" (en inglés). 
  5. Joost Depuydt, ‘Abraham Ortelius (1527–1598)’, Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, 2004
  6. Peter Barber, "Ortelius' great world map", National Library of Australia, Mapping our World: Terra Incognita to Australia, Canberra, National Library of Australia, 2013, p.95.
  7. International Hydrographic Organization, ed. (1953). "Limits of Oceans and Seas, 3rd edition" (pdf) (en inglés). Consultado o 4/10/2013. 
  8. International Hydrographic Organization, ed. (1953). Limits of Oceans and Seas (Special publication No. 28) (pdf) (en inglés) (3era ed.). Monte Carlo. p. 4. Consultado o 4/10/2013. 
  9. "InfoMap: Asia, South-East; Pacific, South-West" (JPEG) (en inglés). 
  10. "Map showing Australian definition of the Southern Ocean" (PDF) (en inglés). 
  11. Australian Hydrographic Service, ed. (29 de xuño de 1990). "Chart Aus343: Australia South Coast - South Australia - Whidbey Isles to Cape Du Couedic" (en inglés). Consultado o 11 de outubro de 2010. 
  12. Australian Hydrographic Service, ed. (18 juliol 2008). "Chart Aus792: Australia - Tasmania- Trial Harbour to Low Rocky Point" (en anglès). Consultado o 11 outubro 2010. 
  13. "Assessment Documentation for Cape Leeuwin Lighthouse" (PDF). Register of Heritage Places (en inglés). 13 maig 2005. p. 11. Consultado o 13 outubro 2010. 
  14. National Oceanic and Atmospheric Administration (ed.). "Water from Icebergs". Ocean Explorer. Consultado o 23 de xaneiro de 2014. 
  15. 15,0 15,1 U.S. Central Intelligence Agency (ed.). "The World Fact Book: Climate" (en inglés). Consultado o 29 de setembro de 2016. 
  16. Smith RC; Prézelin BB; Baker KS; Bidigare RR; Boucher NP; Coley T; Karentz D; MacIntyre S; Matlick HA; Menzies D (1992). "Ozone depletion: ultraviolet radiation and phytoplankton biology in antarctic waters". Science (en inglés) 255 (5047): 952–9. doi:10.1126/science.1546292. ISSN 0036-8075. PMID 1546292. 
  17. U.S. Central Intelligence Agency (ed.). "The World Fact Book: Environment - International Agreements". Consultado o 19 de xaneiro de 2014. 
  18. 18,0 18,1 National Science Foundation (ed.). "The Antarctic Treaty" (en inglés). Consultado o 29 de setembro de 2016. 
  19. "Unique ice pier provides harbor for ships," Antarctic Sun. 8 fr janeiro de 2006; McMurdo Station, Antarctica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Océano Antártico

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gille, Sarah T., 2002. "Warming of the Southern Ocean since the 1950s": abstract, article. Science: vol. 295 (no. 5558), pàg. 1275-1277.
  • Tchernia, P. (1980). Descriptive Regional Oceanography (en inglés). Pergamon Press. 
  • Tomczak, Matthias; Stuart Godfrey, J. (2003). Regional Oceanography: an Introduction (en inglés). 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Coordenadas: 78°S 167°L / -78, -167

Os cinco océanos
800px-LocationAtlanticOcean.png
Atlántico
800px-LocationArcticOcean.png
Ártico
800px-LocationIndianOcean.png
Índico
800px-LocationPacificOcean.png
Pacífico
800px-LocationSouthernOcean.png
Antártico