Fauna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

A fauna é o conxunto de especies animais que habitan nunha rexión xeográfica, que son propias dun período xeolóxico ou que se poden atopar nun ecosistema determinado. A Zooxeografía ocúpase da distribución espacial dos animais. Esta depende tanto de factores abióticos (temperatura, dispoñibilidade de auga) como de factores bióticos. Entre estes sobresaen as relacións posibles de competencia ou de depredación entre as especies. Os animais adoitan ser moi sensibles ás perturbacións que alteran o seu hábitat; por iso, un cambio na fauna dun ecosistema indica unha alteración nun ou varios dos factores deste.

Fauna silvestre ou salvaxe[editar | editar a fonte]

Distínguense diferentes tipos de fauna de acordo á orixe xeográfica de onde proveñen as especies que habitan un ecosistema ou biótopo.

  • A fauna silvestre autóctona ou nativa está formada por todos os animais que pertencen naturalmente ao ambiente que habitan.
  • A fauna silvestre exótica, alóctona, foránea ou introducida está formada por todos os animais silvestres que non pertencen naturalmente ao medio que habitan, senón que foron incorporados a el por acción voluntaria ou involuntaria do home. Este tipo de fauna na actualidade denomínase fauna contaminante.

Exemplos destes son:

Fauna doméstica[editar | editar a fonte]

Estimacións dos principais animais domésticos no mundo (as galiñas e os galos -24 mil millóns- sáense da gráfica)
Evolución de gando vacún en Castela e León, Galicia, Cataluña (as tres máis altas de España) e Portugal entre 1995 e 2004.

A fauna doméstica, ou fauna sometida a domesticación, está constituída polas especies domésticas propiamente ditas, é dicir, aquelas especies sometidas ao dominio do home, que se habitúan a vivir baixo este dominio sen necesidade de estar encerradas ou suxeitas e que neste estado se reproducen indefinidamente, tendo este dominio como obxectivo a explotación da capacidade de diversos animais de producir traballo, carne, la, peles, plumas, ovos, compaña e outros produtos e servizos. Algúns destes animais son o can, o gato, a galiña e o galo, o porco, a vaca e o boi, a ovella, a cabra, o cabalo, o coello, o pato, o pavo, a llama, o búfalo, o camelo e o dromedario, o elefante ou a cobaia.