Polo Sur

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 90°S 0°O / -90, -0

1. Polo Sur Xeográfico
2. Polo Sur Magnético (2007)
3. Polo Sur Xeomagnético (2005)
4. Polo de inaccesibilidade.

O Polo Sur, tamén coñecido como Polo Sur Xeográfico ou Polo Sur Terrestre, é un dos dous puntos nos que o eixe de rotación da Terra cruza a súa superficie. É o punto máis meridional da superficie da Terra e atópase no lado oposto ó Polo Norte.

Está situado no continente da Antártida sendo este é o lugar onde se encontra o estación Amundsen-Scott, que se estableceu en 1956 e que estivo permanentemente habitada dende aquel ano. O polo Sur xeográfico non debe confundirse co polo Sur magnético.

Clima[editar | editar a fonte]

Durante o inverno austral o Polo Sur non recibe luz solar en absoluto, e no verán o sol, polo contrario, está todo o tempo nunha posición baixa no ceo sobre o horizonte. Moita da luz solar que chega á superficie é reflectida pola neve. A falta de calor solar, combinada coa elevada altitude (3200 m), inflúe en que o Polo Sur teña un dos climas máis fríos do planeta. As temperaturas no Polo Sur son moito menores cás do Polo Norte, especialmente porque o Polo Sur se localiza a maior altitude en medio da masa continental, mentres que o Polo Norte está ao nivel do mar na metade do océano, o que á súa vez, actúa como reserva de calor.

A mediados de verán, o Sol logra a súa elevación máxima a aproximadamente 23,5º; as temperaturas no Polo Sur son de arredor de -25 °C. A medida que o "día" de seis meses vai rematando e o Sol baixa, as temperaturas tamén baixan e chegan na posta do Sol (finais de marzo) e a súa saída (finais de setembro) a arredor de -45 °C. A mediados do inverno, a temperatura mantense a arredor de -65 °C. a temperatura máis elevada rexistrada na Base Amundsen-Scott é de -14 °C, e a máis baixa, -83 °C. Non obstante, esta non é a máis baixa rexistrada no planeta, senón que foi a rexistrada nos cumes situados na meseta antártica oriental, entre o Domo A e o Domo F, que chegaron a -93 °C.

O Polo Sur ten un clima desértico, case sen recibir precipitacións. Non obstante, os fortes ventos poden causar nevadas.

Temperaturas media máxima e mínima, e precipitacións no Polo Sur
Datos climáticos para Polo Sur
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Temperatura máxima en °C −14 −20 −26 −27 −30 −31 −33 −32 −29 −29 −18 −13 −13,6
Media máxima en °C −25,9 −38,1 −50,3 −54,2 −53,9 −54,4 −55,9 −55,6 −55,1 −48,4 −36,9 −26,5 −46,3
Media mínima en °C −29,4 −42,7 −57,0 −61,2 −61,7 −61,2 −62,8 −62,5 −62,4 −53,8 −40,4 −29,3 −52,0
Temperatura mínima en °C −41 −57 −71 −75 −78 −82 −80 −77 −79 −71 −55 −38 −82,8
Media de días con neve (≥ 0.1 cm) 16 19 22 24 26 27 30 30 27 25 21 17 284
Media de horas de sol mensuais 558 480 217 0 0 0 0 0 60 434 600 589 2 938
Fonte #1: [1]
Fonte #2: Cool Antarctica[2]

Exploracións[editar | editar a fonte]

Base Amundsen-Scott.

Os primeiros homes en chegar ao polo sur xeográfico foron o noruegués Roald Amundsen e o seu grupo, o 14 de decembro de 1911. Amundsen chamou ao seu campamento Polheim, e todo o que rodeaba o polo, Haakon VII's Vidde, en honor ao rei Haakon VII de Noruega. O competidor de Amundsen, o británico Robert Falcon Scott, chegou ao polo un mes despois. Na viaxe de volta, Scott e os seus catro compañeiros morreron de fame e hipotermia. En 1914, o explorador británico Ernest Shackleton coa súa Expedición Imperial Trans-Antártica decidiu emprender a súa aventura de cruzar a Antártida pasando polo Polo Sur, mais o Endurance, o seu barco, quedou atrapado na banquisa e afundiu once meses máis tarde. Shackleton e todo su equipo sobreviviron despois de moitas vicisitudes.

Richard Byrd e o seu primeiro piloto Bernt Balchen convertéronse nas primeiras persoas en sobrevoar o polo sur, o 29 de novembro de 1929. Non obstante, non foi ata o 31 de outubro de 1956 cando outro home pisou o polo outra vez, cando un grupo liderado por George Dufek, da Mariña estadounidense, aterrou no avión de transporte militar R4D Skytrain (Douglas C-47 Skytrain). A Base Amundsen-Scott estadounidense foi establecida arredor de 1956–1957, con motivo do Ano Xeofísico Internacional.

Logo de Amundsen e Scott, os seguintes en chegar ao polo sur por terra foron Edmund Hillary, o (3 de xaneiro de 1958), e Vivian Fuchs, o (19 de xaneiro de 1958), cos seus respectivos grupos, no transcurso da «Expedición Trans-Antártica da Commonwealth». Houbo varias expedicións a continuación por terra, incluíndo a Antero Havola, Crary e Fiennes.

A marcha a pé máis rápida sen apoio ao polo sur xeográfico dende a costa durou 47 días, e foi feita en 1999 por Tim Jarvis e Peter Treseder, que levaron zorras que pesaban 200 kg e que contiñan comida e combustible.

Polo Sur Cerimonial[editar | editar a fonte]

Polo Sur Cerimonial coas bandeiras dos firmantes do Tratado Antártico.

O Polo Sur Cerimonial é unha área da Base Amundsen-Scott que consiste nunha esfera metálica nun pedestal, arrodeado das bandeiras dos firmantes do Tratado Antártico. Localízase a poucos metros do Polo Sur Xeográfico, que está marcado unicamente por un sinal e unha estaca. Debido a que a capa de xeo se move 10 metros por ano, a estaca cámbiase de lugar cada ano en Ano Novo.

Polo Sur Magnético[editar | editar a fonte]

O polo sur magnético é o lugar onde o campo magnético do planeta é perpendicular á superficie, e é un sitio moi próximo ao polo sur xeomagnético e ao polo sur xeográfico, aínda que nun sentido estritamente magnético é un polo norte, cara ao que apunta o polo sur dun compás.

Na Terra localizábase, en 2007, a 64°29′S 137°41′L / -64.483, -137.683; aínda que varía constantemente, chegando a cambiar a súa posición no planeta, circunstancia que se deu en numerosas ocasións como consecuencia das propiedades do campo magnético terrestre.[3]

O 16 de xaneiro de 1909, tres homes, Douglas Mawson, Edgeworth David e Alistair Mackay, dunha expedición dirixida por Sir Ernest Shackleton, aseguraron que atoparan o Polo Sur Magnético.[4] Non obstante, hai dúbidas de se a súa localización foi a correcta.[5]

Polo Sur de Inaccesibilidade[editar | editar a fonte]

O Polo Sur de Inaccesibilidade é o punto do continente antártico que está máis afastado do océano Antártico e o máis complicado de acceder.

Localízase a 85°50′S 65°47′L / -85.833, -65.783 e a súa primeira expedición foi o 14 de decembro de 1958 pola 3.ª Expedición Antártica Soviética, dirixida por Yevgeny Tolstikov. Estableceron unha base temporal, a base Polyus Nedostupnosti. De camiño ao Polo, a expedición estableceu outra estación, Sovetskaya, con coordenadas 78°24′S 87°32′L / -78.400, -87.533, que existiu entre o 16 de febreiro de 1958 e o 3 de xaneiro de 1959.

O Polo Sur de Inaccesibilidade é máis remoto e complicado de acceder que o Polo Sur Xeográfico. O 4 de decembro de 2006, o Team N2i[6] (Equipo N2i), embarcouse para lograr chegar sen asistencia mecánica e o equipo logrou o seu cometido o 20 de xaneiro de 2007.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "South Pole, Antarctica". WeatherBase. Consultado o 7 de outubro de 2009. 
  2. "Antarctica Climate data and graphs". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2010. Consultado o 10 de abril de 2010. 
  3. "Nation Geophysical Data Center". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2008. Consultado o 03 de xuño de 2016. 
  4. "Antartica.ac.uk". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2007. Consultado o 03 de xuño de 2016. 
  5. "Deeptow.whoi.edu sobre o Polo Sur". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2016. 
  6. "Team N2i". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. Consultado o 15 de febreiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]