Plataforma de xeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bordo da plataforma de xeo Ekström.

Unha plataforma de xeo flotante (tamén chamada barreira de xeo) é unha grosa plataforma flotante costeira de xeo de grandes dimensións, que se forma cando un gran glaciar perde parte dunha capa de xeo, que se estende de vagariño desde a costa para flotar sobre a superficie do océano. Poden ter moitos quilómetros cadrados de extensión e de 100 a 1000 m de grosor. As plataformas de xeo só se encontran na Antártida, Groenlandia, o Canadá e o Ártico ruso. As plataformas de xeo máis grandes do mundo son a barreira de xeo de Ross e a barreira de xeo de Filchner-Ronne na Antártida.

O bordo externo das plataformas de xeo flotantes presenta unha impresionante parede vertical, de decenas de metros de altura, o que levou aos primeiros exploradores do ártico a denominalas co nome Gran barreira.

A diferenza das plataformas de xeo, o xeo mariño (como a banquisa), é moito máis delgado (normalmente de menos de 3 m), e fórmase por todo o Ártico e tamén no Antártico.

Descrición[editar | editar a fonte]

O grosor das plataformas pode alcanzar, nalgúns casos, ata 200 m na fronte (barreira de xeo Larsen), que vai incrementándose cara a terra alcanzando máximos de ata 700 m na zona onde o xeo está apoiado na terra. A área fronteiriza entre a parte de glaciar (ou capa de xeo) que repousa sobre a terra e a plataforma flotante denominase liña de apoio («grounding line»), e advírtese a súa presenza na superficie do xeo por unha serie de gretas producidas pola flexión que afecta ao xeo flotante debido das mareas oceánicas. A liña de articulación («hinge line») é a liña que indica o fin da zona afectada pola flexión do xeo, e é moi difícil de detectar a menos que se empreguen técnicas interferométricas.

Cando a fronte da plataforma retrocede, agrégase auga doce ao océano e o nivel del mar aumenta lixeiramente. Isto non ocorre, en cambio, coa banquisa, que se forma pola conxelación da auga de mar. As banquisas son moito máis delgadas e fórmanse en todo o océano Ártico e Antártico. Cómpre ter en conta que existen dúas ordes de magnitude de diferenza entre o espesor das banquisas ou xeo mariño, por exemplo, na Antártida a banquisa ten arredor de 3 ou 4 metros; mentres que nas plataformas de xeo os espesores adoitan superar os 200 ou 300 m. Malia haber semellante diferenza, ambas teñen en común o feito de encontrarse en flotación na superficie dos océanos. Outra diferenza significativa, é que o xeo mariño ten un comportamento marcadamente estacional, mentres que a extensión das plataformas non depende da estación do ano (aínda que no verán é cando ocorren os desprendementos máis significativos).

As plataformas de xeo flotan impulsadas polas correntes horizontais da superficie do océano. Ese fluxo move continuamente o xeo da liña de costa a mar adentro, na parte dianteira da plataforma. O principal mecanismo de perda de masa das plataformas de xeo é a separación de fragmentos en forma de icebergs, na que unha gran fragmento de xeo da parte dianteira da plataforma rompe e flota libre no mar. Xeralmente, a fronte da plataforma esténdese cara adiante durante anos ou décadas con separacións importantes de icebergs. A acumulación de neve sobre a superficie superior e a fusión da superficie inferior tamén son importantes para o balance de masa dunha plataforma de xeo.

O espesor que teñen hoxe en día as plataformas de xeo oscila entre 100 e 1000 metros. O contraste entre a densidade do xeo glaciario, que é máis denso que o xeo normal, e a auga líquida, significa que só arredor de 1/9 dos xeos flotantes están por encima da superficie do océano.

O termo «plataforma de xeo capturada» utilizouse para referirse ao xeo que aparece sobre un lago subglacial, como no lago Vostok da Antártida.

Colapsos das plataformas de xeo[editar | editar a fonte]

Interaccións entre un glaciar e as plataformas de xeo.
Diagrama que mostra os procesos que se dan nunha plataforma de xeo da Antártida.

Nas últimas décadas, os glaciólogos observaron importantes diminucións na extensión das plataformas de xeo, nas cales se produciron grandes colapsos, desprendementos e, incluso, a completa desaparición dalgunhas delas,[1] especialemnte na Península Antártica.[2]

A plataforma de xeo da illa Ellesmere reduciuse nun 90 % no século XX, deixando separadas as barreiras de xeo de Alfred Ernest, Ayles, Milne, Ward Hunt, Markham. En 1986 unha campaña de exame das barreiras de xeo de Canadá encontrou que 48 km² (3,3 km³) de xeo se separaran das barreiras de xeo de Ayles e de Milne entre 1959 e 1974.[3] A plataforma de xeo de Ayles separouse por completo o 13 de agosto de 2005. A plataforma de xeo Ward Hunt, a máis importante e grosa (> 10 m) das plataformas da costa norte da illa de Ellesmere, experimentou a perda de 600 km² de xeo nunha separación masiva en 1961-62.[4] Igualmente, reduciuse nun 27 % do seu grosor (13 m) entre 1967 e 1999.[5] No verán de 2002, a plataforma de xeo Ward experimentou outra gran rotura.[6]

Dous das tres seccións da barreira de xeo Larsen, situada ao leste da Península Antártica, colapsaron en miles de témpanos infrecuentemente pequenos (de centos de metros de largo ou menores) en 1995 e 2002. Actualmente, só persiste un resto parcial de Larsen B[7] e o sector máis austral desta barreira, chamado Larsen C.

Os colapsos das plataformas ou barreiras de xeo están relacionados cunha drástica tendencia ao quecemento observada na Península Antártica (aredor de 0,5 °C por década desde finais da década de 1940), que sería consecuencia do quecemento global. As principais explicacións implican unha maior fractura do xeo debido á maior superficie de desxeo e unha maior fusión inferior debido á existencia de auga do océano relativamente máis quente en circulación baixo os xeos flotantes.

A auga fría doce producida por fusión baixo as barreiras de xeo de Ross e Ronne Flichner é un compoñente da corrente de fondo da Antártida.

Aínda que se cre que a fusión das plataformas de xeo flotantes non fan aumentar o nivel do mar, o certo é que teñen un pequeno efecto porque a auga do mar é ~2,6% máis densa que a auga doce, o que se combina co feito de que o xeo das plataformas de xeo é enormemente "doce" (virtualmente non ten salinidade); isto causa que o volume da auga do mar necesario para desprazar unha plataforma de xeo flotante sexa significativamente menor que o volume de auga doce contido no xeo flotante. Por tanto, cando unha masa de xeo flotante funde, o nivel do mar increméntase algo; porén, este efecto é pequeno, de modo que se todo o xeo flotante e todas as plataformas de xeo se derretesen, estímase que o nivel do mar subiría só uns 4 cm.[8][9][10]

Barreiras ou plataformas de xeo canadenses[editar | editar a fonte]

Todas as barreiras ou plataformas de xeo flotantes de Canadá encóntranse na illa de Ellesmere ao norte do meridiano 82° N. Son as seguintes:

Barreiras ou plataformas de xeo antárticas[editar | editar a fonte]

Principais barreiras de xeo na Antártida.
As maiores barreiras de xeo da Antártida.

O 44 % da costa antártica ten barreiras de xeo anexas. A súa área total é de 1 541 700 km². As principais plataformas de xeo son as da lista seguinte, enumeradas en sentido das agullas do reloxo, comezando na Península Antártica:

Outras barreiras de xeo en orde alfabética son as siguientes:

Plataforma de xeo Baka - Plataforma de xeo Cosgrove - Plataforma de xeo Crosson - Plataforma de xeo Dotson - Plataforma de xeo Eduardo VIII - Plataforma de xeo Ekstrom - Plataforma de xeo Gillett - Plataforma de xeo Hannan - Plataforma de xeo Jelbart - Plataforma de xeo Jones - Plataforma de xeo McMurdo - Plataforma de xeo Universidade de Moscú - Plataforma de xeo Müller - Plataforma de xeo Nansen - Plataforma de xeo Nickerson - Plataforma de xeo Príncipe Gustav - Plataforma de xeo Publicacións - Plataforma de xeo Quar - Plataforma de xeo Slava - Plataforma de xeo Strange - Plataforma de xeo Swinburne - Plataforma de xeo Venable - Plataforma de xeo Wordie - Plataforma de xeo Wyers - Plataforma de xeo Zubchatyy

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Antarctic ice shelf 'hanging by thread': European scientists". July 10, 2008. Yahoo! News.
  2. Revista Ciencia e Investigación, 59, No. 2, 22-25, 2009. "Acerca de los cambios ocurridos en la Península Antártica".
  3. Jeffries, Martin O., Ice Island Calvings and Ice Shelf Changes, Milne Ice Shelf and Ayles Ice Shelf, Ellesmere Island, N.W.T.. Arctic 39 (1) (March 1986).
  4. Hattersley-Smith, G. The Ward Hunt Ice Shelf: recent changes of the ice front. Journal of Glaciology 4:415-424. 1963.
  5. Vincent, W.F., J.A.E. Gibson, M.O. Jeffries. Ice-shelf collapse, climate change, and habitat loss in the Canadian high Arctic. Polar Record 37 (201): 133-142 (2001).
  6. NASA Earth Observatory. "Breakup of the Ward Hunt Ice Shelf". 
  7. "Cambios detectados con imágenes MODIS en la Bahía Larsen entre 2002 y 2007" (PDF). 
  8. Peter Noerdlinger, PHYSORG.COM "Melting of Floating Ice Will Raise Sea Level"
  9. Noerdlinger, P.D.; Brower, K.R. (July 2007). "The melting of floating ice raises the ocean level". Geophysical Journal International 170 (1): 145–150. Bibcode:2007GeoJI.170..145N. doi:10.1111/j.1365-246X.2007.03472.x. 
  10. Jenkins, A.; Holland, D. (August 2007). "Melting of floating ice and sea level rise". Geophysical Research Letters 34 (16): L16609. Bibcode:2007GeoRL..3416609J. doi:10.1029/2007GL030784. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]