Golfo de Carpentaria
Golfo de Carpentaria | |
---|---|
Gulf of Carpentaria | |
Localización administrativa | |
Estado | ![]() |
División | ![]() ![]() |
Localización xeográfica | |
Océano / Mar | Mar de Arafura (océano Pacífico) |
Illa/s | Groote Eylandt (2 326 km²), Bickerton, Vanderlin (264 km²) e Mornington |
Xeografía | |
Afluentes | Norman (420 km), Roper (>500 km), Flinders (840 km), Gilbert (610 km ) e Mitchell (750 km) |
Accidentes | |
Golfos e baías | Baía de Blue Mud e enseada de Limmen |
Penínsulas | Península de Cabo York |
Características | |
Superficie | 300.000 km² |
Lonxitude máxima | < 700 km (N-S) |
Anchura máxima | 590 km (O-L) boca 675 km (máx.) |
Profundiade máxima | 82 m |
Profundidade media | 55-65 m |
Mapa | |
![]() Localización do golfo de Carpentaria en Australia | |
O golfo de Carpentaria | |
O golfo de Carpentaria (inglés Gulf of Carpentaria) (14°S 139°L / -14, -139Coordenadas: 14°S 139°L / -14, -139) é un grande entrante pouco profundo na costa setentrional australiana do mar de Arafura, o mar localizado entre Australia e a Illa de Nova Guinea. Administrativamente, as costas do golfo pretencen aos estados australianos de Territorio do Norte e Queensland.
Xeografía[editar | editar a fonte]
O golfo de Carpentaria, xeralmente, ten como límite norte unha liña definida desde punta Slade (a esquina noroeste da península de Cabo York), no nordés, ata o cabo Arnhem (o punto máis oriental da Terra de Arnhem), no oeste. Na súa boca, o golfo ten 590 km de ancho, e máis ao sur, 675 km. A lonxitude de norte a sur é de máis de 700 km. Comprende unha superficie de auga de ao redor de 300.000 km². A profundidade en xeral é de entre 55 e 66 m e non excede de 82 m.[1] A amplitude das mareas no golfo de Carpentaria esta entre os dous e tres metros.[2]
A terra que rodea o golfo é polo xeral plana e baixa. Cara ao oeste atópase a terra de Arnhem e a parte norte do Territorio do Norte. Polo leste esténdese a península de Cabo York. A área cara ao sur (que do mesmo xeito que a península de cabo York, forma parte do estado de Queensland) é chamada «territorio do golfo» ou «o golfo» a secas.
En termos xeolóxicos, o golfo é xove, xa que durante a última era glacial estivo seco (gran parte da plataforma continental Sahul, que subxace baixo o golfo, era terra firme).
Xeografía marítima[editar | editar a fonte]
Algunhas veces o golfo de Carpentaria adoita considerarse como un mar independente do mar de Arafura, pero a máxima autoridade internacional en materia de delimitación de mares, a Organización Hidrográfica Internacional («International Hydrographic Organization, IHO), non o considera como un mar senón parte do mar de Arafura. Na súa publicación de referencia mundial, «Limits of oceans and seas» (Límites de océanos e mares, 3ª edición de 1953) o mar de Arafura ten asignado o número de identificación 48h.
Clima[editar | editar a fonte]
O clima é cálido e húmido, con dúas estacións ao ano. A estación seca comeza en abril e chega ata novembro e caracterízase por ventos do sueste e son sumamente secos, xerados polo desprazamento invernal dos sistemas de alta presión cara ao sur. A estación húmida esténdese desde decembro ata marzo. A maioría da precipitación pluvial prodúcese nestes meses, e moitas áreas baixas aláganse durante este período.
En moitas outras partes de Australia prodúcense transicións climáticas bruscas en distancias relativamente curtas. A cordilleira australiana, que corre paralela á costa leste e sueste do continente, é responsable do patrón de clima consistente nunha franxa costeira cun réxime de choivas razoable, unha zona relativamente angosta de montañas, e logo unha ampla conca plana interior que recibe choivas moi escasas. No golfo, con todo, non existen montañas que limiten a precipitación pluvial á franxa costeira e por iso a transición desde a profusa vexetación tropical das áreas próximas ao mar ata as zonas desérticas do centro de Australia é gradual.
No golfo, de setembro a outubro, obsérvase un fenómeno meteorolóxico pouco frecuente, que é a formación das nubes tipo Morning Glory (en inglés, Morning Glory Cloud, que en galego significa, «nube gloria da mañá»). Son nubes en forma de rolo que poden alcanzar os 1 000 km de longo, de 1 a 2 km de altura e que chegan a desprazarse a velocidades de ata 60 km/h.
Exploración europea[editar | editar a fonte]
O primeiro explorador europeo que visitou a rexión do que se teñen noticias foi o holandés Willem Janszoon (cuxo nome tamén adoita escribirse como Jansz) na súa viaxe de 1606. O seu compatriota Jan Carstenszoon (ou Carstensz) visitou o golfo en 1623 e nomeouno en honra a Pieter de Carpentier, que nesa época era o gobernador xeral das Indias Orientais Neerlandesas. Abel Tasman tamén explorou as súas costas en 1644.
A rexión foi explorada posteriormente por Matthew Flinders en 1802 e 1803, que levantou mapas da área.
O primeiro explorador que penetrou en terra na zona foi o prusiano Ludwig Leichhardt que atravesou a área en 1844 e 1845. Foi seguido por Augustus Gregory da expedición ao norte de Australia en 1856, e logo pola expedición de Burke e Wills en 1861. John McKinlay, Frederick Walker e William Landsborough encabezaron distintos grupos na zona do golfo en busca de Burke e Wills en 1861 e 1862.
Principais ríos do golfo[editar | editar a fonte]
- Top End
- Río Roper (máis de 500 km), co seu afluente o río Wilton;
- Gulf Country
- Río Cox
- Río Calvert
- Río Leichhardt
- Río MacArthur
- Río Flinders (840 km)
- Río Norman (420 km)
- Río Gilbert (610 km )
- Península do Cabo York
- Río Smithburne
- Río Mitchell (750 km), co seu afluente o río Alice;
- Río Staaten
- Río Mission
- Río Wenlock
- Río Archer
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ NORTH COAST OF AUSTRALIA—GULF OF CARPENTARIA
- ↑ David Hopley; Scott Smithers (2010). "Queensland". En Eric C.F. Bird. Encyclopedia of World's Coastal Landforms. Springer. p. 1255. ISBN 978-1-4020-8638-0.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golfo de Carpentaria ![]() |