Nacionalismo corso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha das máis importantes reivindicacións do movemento nacionalista é a lingüística, incluíndo a oficialidade da toponimia corsa.

O nacionalismo corso é unha corrente social, cultural e política que esixe máis autonomía ou a independencia para Córsega respecto a Francia.

Apoio social[editar | editar a fonte]

Segundo unha enquisa de 2008, o 10% da poboación corsa quere a independencia e un 51% máis autonomía [1]. A nivel electoral, Pè a Corsica, a coalición de autonomistas e independentistas liderada por Gilles Simeoni, gañou por primeira vez as eleccións á Asemblea de Córsega en 2015, facéndose co goberno insular. Nas lexislativas francesas de 2017 o nacionalismo conseguiu unha nova vitoria gañando 3 dos 4 deputados corsos na Asemblea Nacional de Francia.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

Bandeira de Córsega.

Córsega obtivo a independencia da República de Xénova en 1729 da man dos primados Carlo Francesco Raffaelli (nomeado xeneralísimo), Andrea Colonna, Luigi Giafferi (1663-1748), Ghjacintu Paoli (1690-1768) e Andria Ceccaldi. En 1736, o aventureiro alemán Theodor von Neuhoff autoproclamouse Rei de Córsega, promulgou unha Constitución e adoptou como himno nacional a canción Diu vi Salvi Regina. Porén, o novo Estado corso non se consolidou até a toma do poder por parte de Pasquale Paoli en 1755, que proclama a República Corsa. Paoli, entre outras medidas, fixo redactar unha nova Constitución, unha Cunsulta (poder lexislativo) escollida por sufraxio universal. Era un órgano soberano que controla ao xefe de estado, elaboraba as leis, o orzamento e escollía o goberno por maioría de dous terzos). En 1762 tamén se edita o primeiro xornal en lingua corsa, Ragguagli dell'Isola di Corsica. En 1765, créase unha universidade en Corte, adóptase o himno de Neuhoff e a bandeira da "cabeza do mouro".

En 1768 a illa é invadida e anexionada por Francia, aínda que entre 1794 e 1796 recupera a independencia como Reino da Córsega.

Despois da segunda anexión en 1796, hai varios intentos de recuperar a independencia por parte dos exiliados. En 1799, os irmás Buttafoco e Mario Beraldi, adversarios de Napoleón Bonaparte, co apoio do tsar Alexandre I de Rusia, intentaron facer un desembarco na illa. En outubro de 1800 hai un novo desembarco independentista, que chega a ocupar a cidade de Portivechju e a sitiar Sartène. Este novo intento infrutuoso provoca unha brutal represión que duraría até 1811.

Durante o século XIX, a política local estivo dominada e controlada polos chamados clans das grandes familias. Esta época tamén estivo marcada por varios problemas endémicos da illa, coma a banditaxe ou as vinganzas (vindettas en corso).

O "primeiro nacionalismo"[editar | editar a fonte]

En 1896 Santu Casanova funda a revista "A Tramuntana", de carácter teoricamente cultural, aínda que tamén cun forte compoñente político corsista e anti-clánico. Moitos corsos emigrados en Marsella editan publicacións en lingua corsa e fanse eco das primeiras reivindicacións nacionalistas contemporáneas. En 1909 intentaron, sen éxito, convocar un Congreso corso na cidade de Corte. En setembro de 1920 os irmáns Mattei e Petru Rocca fundaron a revista "A Muvra", xa cun carácter puramente político e nacionalista, que pretendía tamén servir de apoio para outros movementos nacionalistas (coma os de Alsacia e a Bretaña). En 1922 nace o Partido Corso de Acción, claramente inspirado polo Partido Sardo de Acción, co que mantiña unha relación moi estreita. Este primeiro partido nacionalista estaba formado maioritariamente por xornalistas, literatos de clase media, curas, funcionarios e profesionais liberais. A súa ideoloxía era un tanto imprecisa, sendo partidarios dunha autonomía administrativa dentro de Francia seguindo a estratexia dos nacionalistas alsacianos. En 1927 tiña 17 seccións locais, 13 delas en Córsega. Ese mesmo ano refundouse como Partido Corso Autonomista (PCA), cunha ideoloxía mellor definida: Córsega é unha nación cun pasado glorioso (nacionalidade definida pola lingua, historia e raza) que entra en decadencia pola invasión francesa, pero que podía renacer coa aplicación dos 14 puntos de Woodrow Wilson, e mediante a autonomía política. Dende 1932, o PCA foi infiltrado por sectores irredentistas pro-italianos, financiados pola ditadura fascista de Benito Mussolini.

O PCA intentou mostrarse neutral fronte ao irredentismo e celebrou en 1934 uns Estados Xerais de Córsega en Aiacciu, que repetirían no ano seguinte na cidade de Bastia. Estes actos tiñan coma principal intención recuperar as antigas asembleas da época xenovesa ou das "cunsulte" do século XVIII. No marco dos Estados Xerais, Petru Rocca propuxo a elaboración dunha Constitución corsa e a declaración da "resistencia fiscal" contra Francia. Porén, cando Italia fixo oficial a súa reclamación territorial sobre Córsega a partir de 1936, o PCA comezou a apoiar o irredentismo. Isto provocaría a súa ilegalización e o peche de "A Muvra" en 1939.

Na segunda guerra mundial a illa pasou a estar administrada por Italia en 1942. Debido á pasividade dos nacionalistas o movemento foi perdendo prestixio e importancia. Ao rematar a guerra, todos os nacionalistas foron xulgados e depurados, a pesar de que a maioría se mantiveran á marxe da política durante a ocupación. Finalmente, só foron xulgados por colaboración 40 corsos, e deles só 14 irredentistas, entre eles Petru Rocca, condenado a 15 anos de prisión pola acusación de ser "admirador e colaborador de Mussolini".

Continuación (1945-1974)[editar | editar a fonte]

O nacionalismo corso da posguerra tivo que enfrontarse ao estigma do profascismo colaboracionista. Porén, até a década de 1960 continuaría coas reivindicacións culturais e lingüísticas. A identidade colectiva corsa mantense con moita forza durante estes anos, facilitada pola insularidade, aínda que compatible coa cidadanía francesa e o sistema de clans, que permitía manter a representación dos intereses corsos en Francia por vías clientelistas, penetrando na estrutura dos partidos franceses na illa e favorecendo a captación dos membros da elite corsa na administración francesa. Intentouse revivir a economía mediante o desenvolvemento do turismo e a mellora da agricultura a través da modernización. Con esta finalidade foi creada a Societè d'Economie Mixte peur la Mise en Valeur Agricole de la Corse (SOMIVAC), grazas a cal se puideron cultivar novas terras e se concederon terreos a terratenentes franceses expulsados de Alxeria (os Pieds-noirs).

En 1959 formase o primeiro movemento anticolonialista, o Movemento 29 de Novembro, con base en Aiacciu, que pretende a modernización da illa sen cuestionar a unidade do Estado francés. En 1960 un grupo de estudantes corsos en París fundan a Unión Corsa, que en 1963 tomaría o novo nome de Union Corse-L'Avenir. Ao mesmo tempo celebrase en Corte o I Congreso da Unión Nacional de Estudantes Corsos, e en 1962 convócase unha manifestación en París para pedir unha universidade corsa. En 1964 fúndase o Comité de Estudos pola Defensa e os Intereses da Córsega (CEDIC), da man dos irmáns Max e Edmond Simeoni, mozos burgueses orixinarios da cidade de Bastia e moi influídos pola teoría sobre o colonialismo interno de Robèrt Lafont. Este grupo critica as consecuencias negativas da "balearización" de Córsega. Reclamaban, como programa de mínimos, a descentralización administrativa, pero dende unha perspectiva conservadora. Tamén nesta época aparece o grupo Ghjuvine Corsica-Jeune Corse.

En 1966, Unión Corsa únese ao CEDIC e a Ghjuvine Corsica para formar a Fronte Rexionalista Corso (FRC), dirixida polo independentista Sanguinetti. En 1967, escíndese a Acción Rexionalista Corsa (ARC), dirixida polos irmáns Simeoni, que reclamaron máis autonomía na xestión de recursos. En 1969 colócanse varias bombas nas dependencias do SOMIVAC e o nacionalismo corso obtén un certo apoio nas eleccións cantonais de 1970. En 1971 aparece o manifesto "Main basse sur une île..." e en 1973 a ARC cambia o seu nome por Acción polo Renacemento Corso. Unha parte da organización, dirixida por Dominique Alfonsi, escíndese e funda o Partido do Pobo Corso, con postulados máis nacionalistas. O sector independentista crea a Unione di a Patria, que o 7 de xaneiro de 1973 lanzou a coñecida como "Chjama di Castellare", onde se afirma que debían desaparecer as diferenzas entre os diversos clans corsos para conseguir a unidade de acción, xa que o inimigo a bater era Francia.

Nacemento do FLNC[editar | editar a fonte]

O 3 de xaneiro de 1974 dase a coñecer por medio de 9 explosións o Fronte Paisanu Corsu de Liberazione (FPLC), grupo armado fundado en outubro de 1973, con poucos militantes e que busca a creación dun Estado corso e a retirada dos granxeiros franceses chegados nos 60 á illa. O 22 de marzo do mesmo ano aparecería outro grupo, chamado Ghjustizia Paolina (GP), que fixo estoupar un avión de Air France en Bastia. Estas acciones provocarían, por un lado, a radicalización da ARC, e por outro, a aparición de grupos parapoliciais coma o Front d'Action Nouvelle Contre l'Independance et l'Autonomie (FRANCIA) como maneira de levar a cabo unha guerra sucia contra os nacionalistas corsos.

En 1975 teñen lugar os determinantes "Feitos de Aléria", cando 20 membros de ARC ocupan armados con fusís unha leira vitícola duns pied-noirs. O ministerio do interior envía 2.000 xendarmes para desaloxalos, causando os enfrontamentos a morte de dous deles. Despois deste suceso a ARC é ilegalizada.

O 4 de maio de 1976 aparece a Fronte de Liberación Nacional de Córsega (FLNC), que reagrupa a FPLC e a GP, e que aspiraban a unha coalición interclasista para a consecución do dereito de autodeterminación. O FLNC utilizara como táctica principal a chamada "propaganda armada", financiándose polo chamado "imposto revolucionario". O primeiro líder do FLNC foi o ex-lexionario Ghjuvan-Paolo Roeschm, detido en 1979. O FLNC edita o xornal U Rebellu ("O Rebelde" en lingua corsa) e populariza o slogan A Poppulu fattu bisogna à marchja. Así mesmo, a fronte crea organización satélites coma Donne Corse (mulleres) ou A Riscossa (apoio aos presos). A partir de 1977, o FLNC intenta internacionalizar o conflito, pero os contactos con outros grupos similares en Europa (Euskadi Ta Askatasuna, IRA Provisional e a Fronte de Liberación da Bretaña) foron infrutíferas.

A finais de 1980, 119 militantes do FLNC foron xulgados. Destes 52 serían liberados provisionalmente, 27 foron condenados a longas penas de prisión e outros 34 foron encarcerados mentres agardaban un novo xuízo. Estas condenas a prisión non diminuiron a intensidade dos ataques armados nos principais centros de actividade do FLNC: Córsega en si e a cidade de Niza. En 1980, o FLNC colocou arredor de 463 bombas, incluíndo unha no Hôtel de Ville de París; e preto de 30.000 nacionalistas manifestáronse en Aiacciu exixindo a liberación dos militantes presos. O 2 de abril de 1981 o FLNC realiza un ataque no Aeroporto de Aiacciu só 10 minutos despois de que aterrara o avión do entón presidente francés Valéry Giscard d'Estaing, causando un morto e oito feridos. Pouco despois deste incidente o FLNC declarou unha tregua á espera de negociar co novo goberno de François Mitterrand (que prometera a amnistía para os presos corsos).

O camiño cara ao autogoberno[editar | editar a fonte]

En 1977, a través dos restos da ARC, fúndase a Unión do Pobo Corso (UPC). A pesar da fúndación da UPC, o FLNC decide crear un brazo político propio en 1981, a Cuncolta di i Cumitati Nazionalisti (CCN), de carácter asembleario e independentista. Ese mesmo ano créase o Sindicato dos Traballadores Corsos (STC), que gaña o 17% dos votos nas eleccións sindicais de Córsega, sendo o segundo sindicato máis votado. O STC tiña moita forza nos sectores turístico e comercial. Tamén se funda unha asociación de pais e nais de alumnos, a Assoziu di i Parenti Corsi. Esta gaña 10 representantes escolares en 1984 e 140 en 1988. O gran logro do nacionalismo nesta época é a refundación da Universidade de Corte, que levará o nome de Universidade Pasquale Paoli.

Durante as eleccións presidenciais de 1981 o FLNC mantivo unha tregua unilateral e a UPC recomendou o voto para François Mitterrand. Tras as eleccións, que gañou Mitterrand, o 4 de agosto decrétase unha amnistía parcial para os presos corsos. O novo goberno comeza a redactar un estatuto de autonomía particular para a illa. Finalmente, o 23 de novembro, unha versión moi recortada do proxecto orixinal é aprobada pola Asemblea Nacional de Francia. As principais características do estatuto son:

  • Creación dunha Asemblea de 61 deputados escollidos por un período de 6 anos, que nomearán un presidente e soamente poderán redactar proposicións de lei. As leis será dictadas polo Primeiro ministro de Francia, que tamén terá a facultade de poder disolver á Asemblea corsa cando así o considere.
  • O poder executivo correrá a cargo do presidente, 10 vicepresidentes e 6 conselleiros. Haberá unha circunscrición electoral única para toda a illa.
  • O artigo 2 do estatuto sinala o compromiso coa cultura corsa. Ao mesmo tempo, o idioma corso non será cooficial, aínda que se ensinará na escola.
  • O recoñecemento da existencia do pobo corso como "colectividade rexional", pero non diferenciado do pobo francés.
  • O goberno corso terá competencias na xestión e recadación dalgúns impostos, pero non terá un réxime fiscal propio.

As primeiras eleccións á Asemblea de Córsega teñen lugar en 1982, obtendo a UPC o 10'61% dos votos e 7 escanos, mentres que o Partido do Pobo Corso obtén o 2'12% dos votos escrutados e un escano. O 21 de agosto de 1982 o FLNC deu por finalizada a tregua, ao mesmo tempo que reaparecen grupos parapoliciais coma FRANCIA ou o Mouvement Corse Français Libre (MCFL). Durante 1983 hai fortes tensións internas na Asemblea de Córsega polas que se consideraban "excesivas intervencións" do Goberno central francés, polo recorte nos orzamentos e pola pouca iniciativa que se lle deixaba ao poder autonómico. A desaparición do militante Guy Orsoni o 17 de xño de 1983 provocou tamén fortes represalias por parte do FLNC, o que intensificou a tensión. No ano seguinte, en xuño de 1984, convócanse novas eleccións á Asemblea de Córsega. Nestes novos comicios, o Movemento Corso pola Autodeterminación (MPA), de carácter independentista, obtivo o 5'3% dos votos e tres escanos. A UPC obtivo o 6'2% dos votos e tamén 3 escanos.

Institucionalización do nacionalismo corso[editar | editar a fonte]

Nas eleccións cantonais de 1985 os partidos nacionalistas perden representación e votos (7'44% en total), obtendo 50 concelleiros en toda a illa, destacando os 5 en Aiacciu (23'9% dos votos nesta cidade). Por este motivo, nas elección rexionais de 1986 a UPC e o MCA presentaron a candidatura unitaria Unità Naziunalista (UN), que obtivo 13.997 vots (8'97%) e 6 escanos. O Goberno francés respondeu ilegalizando ao MCA en 1987; ao mesmo tempo Pierre Poggioli creou a formación A Cuncolta Naziunalista (ACN), considerada o novo brazo político do FLNC. Nas lexislativas do 12 de marzo de 1988 o nacionalismo obtén o 7'09% dos votos.

En xaneiro de 1989 o FLNC anuncia unha nova tregua, que non é aceptada por algúns sectores da organización, o cal provoca a escisión d Fronte en 1990 entre o FLNC-Canal Habitual e o FLNC-Canal Histórico. O 7 de febreiro de 1989 a UPC e a ACN forman a coalición Per una Avvene Corsu (Por un futuro corso), e para xuño conformaron unha coalición electoral cos Verdes, que escollen a Max Simeoni como cabeza da lista Europe de l'Ecólogie, des Peuples et des Nations ás eleccións europeas de 1990, que obtivo en toda Francia o 15'5% dos votos e un escano no Parlamento Europeo para Max Simeoni.

O 16 de xaneiro de 1990 Michel Rocard e Pierre Joxe anunciaron a elaboración dun novo estatuto para Córsega, explicado ao público o 23 de maio: incluía maior autonomía, máis facultades lexislativas e o recoñecemento da existencia do pobo corso. Pese a que a Asemblea de Córsega fixo unha declaración a prol da "unidade nacional" de Francia o 11 de maio, entre o 15 o 23 de novembro o novo estatuto foi discutido na Asemblea Nacional de Francia, obtendo 309 votos a favor e 263 en contra. Finalmente chegouse a unha solución de compromiso: o pobo corso existe, pero coma parte do pobo francés.

A partir de 1991 as dúas faccións do FLNC iniciaron unha guerra fratricida, que acabou coa morte violenta dos seus principais dirixentes (como François Santoni). Para as eleccións á Asemblea de Córsega de 1992 a UPC promoveu a coalición Corsica Nazione, dirixida por Jean-Guy Talamoni, que obtivo 21.882 vots (16'85% dos votos) e 9 escanos, mentres que o novo MPA, liderado por Alain Orsoni, obtivo 10.360 vots (7'98%) e 4 escanos, un éxito sen precedentes do nacionalismo corso O FLNC intenta aproximarse politicamente a Corsica Nazione nesta época. Nas eleccións lexislativas de 1993 Corsica Nazione obtivo o 13'4% dos votos, mentres que o MPA obtén o 5'9% e ACN de Pierre Poggioli un 1'7%. As Xornadas Internacionais de Corte convértense nun referente e punto de reunión dos diferentes grupos independentistas de toda Francia.

Neste ambiente, en 1996 François Santoni entregase á Policía e inicia un proceso negociador co Goberno francés, sen que isto deteña os enfrontamentos entre as faccións do FLNC. O 15 de outubro de 1997 publicase un informe do prefecto da policía de Córsega, cunha lista de obxectivos a investigar polo Ministerio de Finanzas, acusados de enriquecerse con métodos mafiosos (incluída a extorsión a moitos políticos locais). Isto é o detonantdo asasinato do prefecto Claude Érignac en febreiro de 1998, reivindicado polo "grupo Sanpieru". Prodúcene 5.000 interrogatorios e 2.300 detencións (entre elas a do escritor Gabriel-Xavier Culioli), pero todos son postos en liberdade. Foron detenidos 13 dirixentes nacionalistas, entre eles Marcel Lorenzoni, finalmente foi detido e xulgado Yvan Colonna.

Nas eleccións corsas de 1998 os nacionalistas presentaronse divididos, xa que a UPC, Uniti, U Rinnovu e A Manca Naziunale se presentaron por separado, cosa que reduciu a súa representación (soamente 5 escanos para Corsica Nazione). As eleccións foron anuladas por irregularidades e volveron a celebrarse o 14 de marzo de 1999: nesta ocasión Corsica Nazione obtivo o 16'7% do voto e 8 escanos.

O proceso de Matignon[editar | editar a fonte]

O 4 de decembro de 1999 Lionel Jospin reuniuse en Aiacciu con 27 dirixentes corsos, entre eles os líderes de Corsica Nazione Jean-Guy Talamoni e Paul Quastana. Este encontro repetiuse o 13 de decembro no Hôtel Matignon, abrindo así unha nova época de diálogo coas forzas políticas corsas, que presentaron propostas para resolver o conflito. Como resultado, o 24 de decembro os cinco grupos armados corsos (FLNC-Canal Histórico, FLNC-Canal Habitual, Resistenza, Fronte Ribellu e Clandestinu) decidiron reunificarense coas siglas históricas de FLNC e declarar unha tregua coa posibilidade de ser definitiva se o Goberno francés satisfacía algunhas das súas reivindicacións. O 14 de xaneiro de 2000 celebrouse unha terceira reunión en Aiacciu, onde foi aparcada a proposta de reforma constitucional e dedicáronse durante seis horas a tratar sobre o peche de equipamientos, a simplificación administrativa, as transferencias de competencias e a supresión dos dous departamentos nos que está dividida a illa. O 6 de abril Jospin recibe de novo en Matignon aos líderes corsos. Finalmente, nos primeiros días de agosto de 2000, publícase un texto elaborado polo executivo de Lionel Jospin que foi aprobado pola Asemblea de Córsega.

A pesar deste proceso, agraváronse os enfrontamentos entre as diferentes faccións armadas do nacionalismo. Jean-Michel Rossi foi asasinado o 8 de agosto de 2000. O 17 de agosto de 2001 sería asasinado François Santoni, que dirixía un pequeno partido chamado Presenza Naziunale.

O 22 de maio de 2001 a Asemblea Nacional de Francia aprobou en primeira lectura o proxecto de lei sobre Córsega, con 287 votos a favor e 217 en contra (ademais das 53 abstencións do Partido Comunista Francés). O proxecto concedeu poder de adaptación das leis e regulamentos franceses á Asemblea de Córsega, previa a xeneralización do ensino da lingua corsa nas escolas infantís e primarias, permitía á Asemblea elaborar un plan de desenvolvemento propio, varias concesións fiscais e outras competencias. O 14 de novembro de 2003 o FLNC-Unión de Combatentes (FLNC-UC) anuncia unilateralmente unha tregua sen condicións.

Nas eleccións á Asemblea de Córsega de 2004 a coalición Unione Naziunale (impulsada por Corsica Nazione), obtivo 24.652 votos (17'34%) e 8 escanos.

Crecemento, pacificación e chegada ao poder[editar | editar a fonte]

Nas eleccións territoriais de 2010 as forzas corsistas obteñen un novo máximo histórico, o 35'74% dos votos na segunda volta. O moderado Partitu di a Nazione Corsa (PNC) convértese na primeira forza da oposición. Os independentistas de Corsica Libera (partido creado tras a fusión de Corsica Nazione, Rinnovu, ANC-PSI e Strada Diritta) obteñen un 9'85% do voto e 4 escanos.

Nas municipais de 2014 Gilles Simeone (do PNC) obtén a alcaldía de Bastia, sendo o primeiro nacionalista en conseguir ese cargo nunha cidade. No verán dese mesmo ano o FLNC inicia o seu proceso de disolución e abandona a loita armada.[2]

Nas territoriais de 2016 a coalición Pè a Corsica (fusión dos autonomistas de Femu a Corsica e dos independentistas de Corsica Libera) gaña a segunda volta co 35'34% dos votos. Esta vitoria histórica leva aos nacionalistas a gobernar a illa por primeira vez na historia.

Nas lexislativas de 2017 os nacionalistas de Pè a Corsica gañan 3 dos 4 deputados insulares.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Xosé M. Núñez Seixas (1998) Movimientos nacionalistas en Europa en el siglo XX Ed. Síntesis, Col. Historia Universal Contemporánea, 26 Madrid.
  • Ghjacumu Thiers, Aureli Argemí i Roca; Jordi Bañeres Informe Còrsega Altres Nacions núm 6 1984.
  • Paul Arrighi (1973) Histoire de la Corse PUF Col. Que sais je, París.
  • Front Régionaliste Corse, Main basse sur une île, Jérôme Martineau édition, 1971.
  • Pierre Dottelonde, Corse : la métamorphose, Albiana, 1987.
  • Bonardi Fabrice, Corse, la croisée des chemins, L'Harmattan, 1989.
  • Gabriel Xavier Culioli, Le complexe corse, Gallimard, 1990.
  • Pierre Poggioli, Journal de bord d'un nationaliste corse, Éditions de l'Aube, 1996, ISBN 2876782855.
  • Emmanuel Bernabeu-Casanova, Le nationalisme corse : genèse, succès et échec, L'Harmattan, 1997 ISBN 2-7384-5943-9
  • Pierre Poggioli, Corse : chroniques d'une île déchirée 1996-1999, L'Harmattan, 1999.
  • Pascal Irastorza, Le guêpier corse. De L'assassinat du Préfet Erignac à l'arrestation du Préfet Bonnet, Fayard, 1999 ISBN 2-213-60458-4.
  • Xavier Crettiez, La question corse, Complexe, 1999
  • Marianne Lefèvre, Géopolitique de la Corse. Le modèle républicain en question, L'Harmattan, 2000 ISBN 2738490751.
  • Jean-Michel Rossi / François Santoni, Pour solde de tout compte, les nationalistes corses parlent, Denoël 2000 ISBN 2207251306.
  • Ange-Laurent Bindi, Autonomisme. Luttes d'émancipation en Corse et ailleurs 1984-1989, L'Harmattan, 2000 ISBN 2-7384-0482-0
  • Edmond Simeoni, Corse, la volonté d'être. Vingt ans après Aléria, Albiana, 2001.
  • Pierre Poggioli, Derrière les cagoules : le FLNC des années 80, DCL Editions, 2004, ISBN 2911797779.
  • Jean-Louis Andreani, Comprendre la Corse, Gallimard, 2005 ISBN 2-07-031325-5
  • Daniel Arnaud, La Corse et l'idée républicaine, L'Harmattan, 2006 ISBN 2-296-00525-X
  • Marek Corbel, Le Sanctuaire de Cargèse, polar, 2013.

Outros artigos[editar | editar a fonte]