Constitución

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Magna Carta

A constitución[1] é a norma fundamental, básica, dun Estado, escrita ou non, que regula o réxime de dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns, e os poderes (a forma de partición dos poderes, en xeral en tres: Executivo, Lexislativo e Xudicial) e institucións da organización política. Considérase a Constitución a lei básica, ou "lei de leis" pois ningunha das disposicións normativas que rexen no Estado poden contradicir os principios expresados na Constitución. É o que se denomina principio de xerarquía normativa. Isto obriga non só a realizar un xuízo previo de constitucionalidade no proceso de redacción das novas normas, senón tamén unha adaptación do ordenamento pre-constitucional á nova realidade xurídica nacida da constitución. Antes da evolución de les constitucións nacionais modernas, o termo facía referencia a calquera lei importante que determinaba o funcionamento dun goberno.[2]

As constitucións utilízanse en moitas organizacións, ora en organizacións supranacionais, en estados e nas divisións administrativas constituíntes, ora en partidos políticos, sindicatos e as organizacións non gobernamentais. As ordes relixiosas réxense tamén per constitucións aprobadas pola Santa Sé.

A constitución da India é a constitución escrita máis longa de calquera país soberano do mundo,[3] contendo 444 artigos,[4] 12 capítulos e 94 emendas, con 117.369 se temos como referencia a súa versión en lingua inglesa,[5] mentres que a Constitución dos Estados Unidos é a constitución máis curta, con só 7 artigos e 27 emendas.[6] Neste senso, a Constitución española ten 169 artigos repartidos en 10 títulos.[7] A constitución escrita máis antiga e aínda vixente é a de San Marino que data de 1600, baseada no statuti comunali de 1300.[8]

Definicións[editar | editar a fonte]

O termo constitución provén do francés á súa vez procedente do latín constitutio, (constitutiones principis: edicta, mandata, decreta, rescripta).[9] usado para regulacións e ordes, e que facía referencia á promulgación de calquera lei importante, especialmente cando proviñan do emperador romano. Máis tarde, o termo utilizouse amplamente no dereito canónico, xa que se refería a unha determinación importante, especialmente un decreto promulgado polo Papa, coñecido como constitución apostólica.[10]

Definición formal[editar | editar a fonte]

A constitución é un acto xurídico, moi a miúdo concretado por un ou máis documentos escritos. Este acto sitúase no cumio da súa orde xurídica: calquera outro acto xurídico ten que aterse ás súas prescricións. Así, segundo a teoría da xerarquía das normas, desenvolvida notablemente por Hans Kelsen, cada regra de dereito é lexítima por unha regra de dereito superior e á cal se debe conformar (o regulamento é inferior á lei, e esta mesma inferior ós tratados, inferiores á constitución). A constitución é deste xeito a lei fundamental que lexitima todas as normas inferiores.[11]

Esta teoría compleméntase polo principio da constitucionalidade que indica que a constitución é o principio supremo de dereito dun estado e que o seu respecto, obrigatorio é preciso e asegurado por unha corte constitucional como tal, como o Tribunal Constitucional no caso de España, un consello constitucional como en Francia, ou a mesma Corte Suprema de Xustiza, como é o caso dos Estados Unidos.

Este lugar, no cumio da xerarquía das normas resulta de feito que a constitución se crea polo poder constituínte orixinario, e revisado polo poder constituínte do cal deriva ou institúe. É un acto xurídico imposto polo poder constituínte a todos os órganos do estado e da sociedade. Estabelece, polo tanto, unha lóxica "vertical" do poder e non unha lóxica "horizontal", como no caso dos contratos e os tratados.[12]

Clasificación das constitucións[editar | editar a fonte]

Constitucións Escritas X Constitucións Non Escritas[editar | editar a fonte]

Cando se fala de constitución non escrita nun país, isto non quere dicir que non existan naquel país leis cuxo contido sexa materia constitucional (ou sexa, dereitos e liberdades dos cidadáns, e distribución dos poderes e institucións do Estado), mais si que estas leis non están corporificadas nun único texto, que se elaborara dunha soa vez. O exemplo máis citado de constitución non escrita é a Constitución Inglesa, que se pode considerar composta pola suma de leis como a Magna Carta Libertatum de 1215 e outras leis posteriores que dan forma ao conxunto de dereitos e garantías fundamentais dos cidadáns ingleses, e definen (outras destas leis) a estrutura dos poderes no Reino Unido. Xa as constitucións da maioría dos países (exemplos: España, Francia, Estados Unidos, Portugal, India, Romanía, Brasil etc.) están expresas nun único texto.

Constitucións Ríxidas X Constitucións Flexíbeis[editar | editar a fonte]

  • Constitución Ríxida é a que necesita, para ser mudada, dun rito lexislativo especial, diferente dunha lei común. Isto non significa dicir que non sexa posíbel mudala, mais si que é mais traballoso modificar o texto constitucional do que os outros textos legais do país. Pode ser necesaria máis dunha votación, ou unha cantidade de votos de representantes do pobo (deputados, senadores) máis grande que o das leis comúns etc, conforme o que determinar, por tanto, o propio texto da constitución.
  • Constitución Flexíbel é a que non necesita, para ser mudada, de rito diferenciado en relación ao das outras leis do país. É dicir que a constitución, ou os textos compoñentes da consitución, son leis comúns.

Constitucións Sintéticas X Constitucións Detallistas[editar | editar a fonte]

Hai textos de constitucións que conteñen poucos artigos, restrinxíndose a enumerar os dereitos e garantías básicos dos cidadáns e a forma de organización do Estado e dos poderes. Un exemplo é a constitución dos Estados Unidos. Mais hai tamén constitucións que detallan outros aspectos, por exemplo, no campo do Dereito Civil (como o dereito de familia), Tributario (impostos que existirán no país), Dereito do Traballo (xornada de traballo, dereito de asociación en sindicatos etc), tornando así o texto constitucional máis extenso. Un exemplo desa última é a constitución do Brasil.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para constitución.
  2. Erin McKean (editor), ed. (2007). The New Oxford American Dictionary. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0195150605. 
  3. Pylee, M.V. (1997). India's Constitution. S. Chand & Co. ISBN 812190403X. 
  4. Sarkar, Siuli. Public Administration In India. PHI Learning Pvt. Ltd. ISBN 9788120339798. 
  5. .Ministry of Law and Justice of India, ed. (xullo de 2008). "Constitution of India". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2015. Consultado o 17 de decembro de 2008. 
  6. Cornell University Law School (ed.). "U.S.Constitution" (en inglés). Consultado o 7 de novembro de 2011. 
  7. Leggio, Contenidos y Aplicaciones Informáticas, S.L (ed.). "Constitución Española". Notícias Jurídicas (en castelán). Consultado o 19 de decembro de 2011. 
  8. Marín González, Gelu. Atlas de Europa: la Europa de las lenguas, la Europa de las naciones. Tres Cantos: Akal. ISBN 84-7090-395-0. 
  9. Mousourakis, George. The historical and institutional context of Roman law. Aldershot: Ashgate Publishing. ISBN 0754621146. 
  10. Rouco Varela, Antonio María. Teología y Derecho (en castelán). Madrid: Ediciones Cristiandad. 
  11. Institut Bundesstiftung, ed. (18 de xuño de 2011). "Hans Kelsen Institute" (en alemán). Consultado o 9 febreiro de 2012. 
  12. Rebollo Delgado, Lucrecio; País Rodríguez, Ramón (2004). Introducccion Al Derecho I: Derecho publico. Madrid: Dykinson. ISBN 9788498497618. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]