Nacionalismo quebequés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira quebequesa.

O nacionalismo quebequés (en francés: Nationalisme québécois) é un movemento político que defende que o Quebec é unha nación diferente do resto do Canadá. Promove a unidade dos quebequeses na provincia do Quebec.

O nacionalismo quebequés foi coñecido primeiro como nacionalismo francocanadense. Non foi até a época da revolución tranquila que apareceu o termo de nacionalismo quebequés, substituíndo o termo anterior de "francocanadense".[1] As raíces dos francocanadenses derivan das persoas nadas no Canadá con devanceiros de orixe francesa. O termo cambiou durante a década de 1960 ata o actual "nacinoalismo quebequés".[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda cando na primeira metade do século XX o nacionalismo quebequés pode considerarse como un movemento débil, as eleccións de 1962 significaron un claro triunfo para os partidarios dunha maior autonomía no seo da confederación, tendencia que se afirmou posteriormente.

Por outro lado os grupos independentistas que destacaron na década de 1960 non lograron consolidarse plenamente, aínda que recibiron un notable pulo trala visita de Charles de Gaulle ao Québec (xullo-agosto de 1967). A actividade dos separatistas derivou entón en accións terroristas, como o secuestro e asasinato do Ministro de Traballo e vice-premier Pierre Laporte (outubro de 1970), realizado pola Fronte de Liberación do Quebec (Front de Libération du Québec, FLQ). Nese mesmo ano, o Goberno federal do Canadá aceptou o lingua francesa como lingua cooficial para frear a corrente nacionalista.

Nas eleccións de 1973, gañadas polo Partido Liberal do Quebec (Parti libéral du Québec, PLQ), o recentemente creado Partido Quebequés (Parti Québécois, PQ) conseguiu o 30% dos votos, e vencería posteriormente nas eleccións de novembro de 1976.

O seu líder, René Lévesque, foi elixido primeiro ministro da provincia, na que se impuxo unha política de acentuado autonomismo. Non obstante, a súa política de "estado libre asociado", levada a referendo no Quebec en maio de 1980, foi derrotada, o que non foi obstáculo para o seu triunfo nas eleccións de abril de 1981, se ben a súa política posterior caracterizouse pola prioridade que se lle deu ás cuestións económicas con respecto á reivindicación nacionalista. Isto fixo que no congreso extraordinario do Partido Quebequés, celebrado en xaneiro de 1985, un sector independentista se escindira do partido e creara a Agrupación Democrática para a Independencia (Rassemblement démocratique pour l'indépendance, RDI).

En outubro de 1985, Levesque dimitiu como presidente do Partido Quebequés e Pierre Marc Johnson foi elixido para sucedelo como tal e como primeiro ministro da provincia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gilles, Gougeon (1994). A History of Quebec Nationalism. Toronto: Lorimer. ISBN 978-1550284409. 
  2. Santiago, Jose (xaneiro de 2015). "Religion, secularisation and nationalism in Quebec and the Basque Country: a comparative approach". Nations and Nationalism 21: 120–138. doi:10.1111/nana.12104.