Nacionalismo canario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bandeira tricolor canaria ou "bandeira nacional canaria", creada polo Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario na década de 1960.

O nacionalismo canario é un movemento político nacionalista que defende a consciencia nacional dos canarios. O concepto inclúe varias tendencias ideolóxicas, que abranguen dende o dereito a autodeterminación (e independencia completa de España) a unha exixencia de maior autonomía dentro de España. Inclúe tamén moitas tendencies políticas e sociais, mais tradicionalmente as organizacións de esquerda son as máis reivindicativas.

Historia[editar | editar a fonte]

Manifestación realizada nas Palmas de Gran Canaria o 6 de marzo de 2010, a prol da independencia das Canarias.

Períodos de autogoberno[editar | editar a fonte]

O 30 de maio de 1481, contra o final da conquista de Gran Canaria, Tenesor Semidán, líder grancanario (posteriormente converso ao cristianismo e bautizado como Fernando de Guanarteme) asinou a Carta de Calatayud xunto a Fernando II de Aragón. Devandita carta estabelecía a creación dun "Reino das Canarias" que se integraría no conxunto de reinos que logo formarían España.

Grafiti nacionalista na cidade de San Cristóbal de La Laguna, na illa de Tenerife.

A Carta estabelecía tamén os dereitos e deberes dos canarios, sendo algúns dos seus puntos salientables:

  • O repartimento de terras e outros medios de produción entre os canarios.[1][2][3][4]
  • Mantemento dos "títulos nobiliarios" entre os canarios.[5][1]
  • Existencia dunha fiscalidade diferenciada.[1]
  • Existencia de milicias canarias.[6]
  • O dereito de placet con respecto ás leis da Coroa.[6]
  • A acuñación de moeda propia até 1776.[6][3]
  • A posibilidade de comerciar independentes do monopolio comercial español.[3][7]
  • Mantemento de roles sociais relevantes por parte das mulleres canarias (como foi o caso de Inés Chemida) ou en temas legais (como foi o caso de María de Güímar) ou en temas de sucesión.[1]
  • Mantemento de normas civís magas como o dereito de separación das mulleres.[5][8]
  • Reclamación dos dereitos por parte dos canarios perante os tribunais.[1]
  • Cobro de débedas dos canarios aos colonos, como se pode ver na herdanza de Fernando Tacoronte.[1]

Nun principio só formaba parte do pacto a illa de Gran Canaria, mais as outras illas fórono aceptando segundio medraba o descontento co réxime señorial estabelecido trala conquista castelá. A Carta e os posteriores tratados de integración creaban uns organismos, a distintos niveis, tales como os cabidos insulares, a Audiencia das Canarias ou o bispado. A Carta foi ignorada polas autoridades centrais nalgunhas ocasións, o que provocou levantamentos e actos de rebeldía:

  • Levantamento de Ichasagua en 1502.[1]
  • Mantemento de poboados e asentamentos tradicionais canarios en contra das pretensións dos colonos.[1]
  • O asalto do Cabido de Tenerife e a queima do censo fiscal de Fernández de Lugo.[1]
  • Levantamento de Agüimes para evitar o roubo das terras en explotación por e para os canarios por parte de colonos españois.[3]
  • O axustizamento do Intendente Ceballos en 1720, en Santa Cruz de Tenerife.[6]
  • Levantamento en La Aldea en 1770 polas roturacións de terras.[6]
  • Levantamentos en 1778 pola explotación das tierra en Arico, Chasna e La Aldea.[6]

O baleiro administrativo permitiu, porén, a escravitude até ben entrado o século XVI (malia as prohibicións que o Papa expediu en 1434 e 1462 e as que publicaron os Reis Católicos en 1470, 1490 e 1499). Outro dos puntos negativos do pacto era o "imposto de sangue", que obrigaba a algúns canarios a repoboar as terras conquistadas en América, o cal creou un vencello con Suramérica e levaría á participación de canarios e descendentes de canarios nas guerras de independencia deses territorios, sobre todo en Cuba. Dito imposto de sangue existiu como contrapartida á excepción canaria ao monopolio da Casa da Contratación de Indias. No eido da política mercantilista da Coroa castelá, todo o comercio de Europa coas colonias americanas estaba monopolizado pola Casa da Contratación e suxeito a un estrito control, agás das Canarias, que podía comerciar libremente con América; isto converteu ao arquipélago nun enclave fundamental do comercio internacional e supuxo ademáas que a vinculación económica das Canarias con Inglaterra fose máis forte que co resto dos territorios da Coroa. A excepcionalidade canaria, obviamente, contou coa oposición da Casa da Contratación, mais a burguesía e os sectores economicamente acomodados xurdidos do comercio souperon xogar coa apetencia doutras potencias por un territorio cunha posición xeoestratéxica como as Canarias, e o temor da monarquía hispánica a perder o arquipélago a mans dunha potencia estranxeira.

As garantías de autogoberno foronse esvaecendo ao longo do século XVIII e xa no século XIX a burguesía das illas de Gran Canaria e Tenerife decántanse maioritariamente por participar da política española.

A chamada "Bandeira do Ateneo", primeira bandeira nacionalista canaria, creada en 1907.

Comezos do nacionalismo canario[editar | editar a fonte]

Aínda que xa houbera manifestacións soberanistas, tales como levantamentos e motíns, dende a conquista castelá, non é posible clasificar ditas manifestacións como nacionalistas. É a finais do século XIX cando os nacionalistas canarios comezan a agruparse en organizacións políticas máis ou menos importantes. En parte, compartindo escenario político co movemento obreiro, e vinculado coa diáspora canaria en países como Cuba ou Venezuela. Nese escenario nacería en Tenerife, a comezos do século XX, o Partido Popular Autonomista (PPA), vinculado á Asociación Obreira Canaria.

Nicolás Estévanez, José Cabrera Díaz e, sobre todo, Secundino Delgado, sofren e denuncian a que consideran como "nova realidade colonial", derivada do incumprimento dos pactos e o fin da coexistencia de canarios e colonos do resto de territorios de España.

Secundino Delgado dá voz ao movimiento coas súas publicacións (El Guanche ou Vacaguaré, entre outras), en boa parte, ilegalizadas e/ou publicadas noutros países. Por iso, algúns considérano o pai do nacionalismo canario. Secundino Delgado estivo nun primeiro momento vinculado ao independentismo cubano de corte anarquista, fundando posteriormente un xornal independentista canario en Caracas, a capital de Venezuela, chamado El Guanche. A escasa conciencia nacional existente neses momentos nas Canarias, unida ao feito de que o movemento obreiro canario se atopaba aína en período de formación (e con pouca conciencia de clase), así como o temor a unha invasión por parte do Reino Unido ou dos Estados Unidos, levou a que Secundino optase por opcións máis pragmáticas, intentando aglutinar a independentistas, autonomistas e federalistas.

En 1924, ten lugar en Cuba a fundación do Partido Nacionalista Canario (PNC). Un dos seus fundadores foi José Cabrera Díaz, antigo líder da Asociación Obreira Canaria. O primeiro PNC adoptou a bandeira que se izou en 1907 no Ateneo de Aguere durante as protestas contra os excesos estatais. Durou poucos anos, aínda que en 1982 foi refundado e no presente forma parte de Coalición Canaria.

Durante a Segunda República Española, o movemento nacionalista pasou inadvertido (aínda que se chegou a propoñer un Estatuto de Autonomía que non callou por mor da guerra civil española). Porén, dende algúns sectores do Partido Comunista de España (PCE) chegou a defenderse a autodeterminación e mesmo a independencia das Canarias, en parte pola asunción do principio leninista do dereito á autodeterminación dos pobos, aínda que sen excluír tampouco unha análise da realidade económica do arquipélago que levará a autores como Guillermo Ascanio a cualificar a situación das Canarias como "semicolonial". A Fronte Única Revolucionario (FUR), formada en 1934 polo PCE e o PSOE, tamén incluíu no seu programa "a liberación das Canarias da opresión do imperialismo español e o dereito á autodeterminación até a súa constitución en Estado independente se tal fose a súa vontade".

Bandeira adoptada polo Movemento Canarias Libre trala súa creación en 1959.

Na ditadura[editar | editar a fonte]

Durante a ditadura franquista, toda oposición ao réxime foi duramente reprimida, incluíndo o nacionalismo canario. Neste marco de represión, porén, conseguiron organizarse grupos como Canarias Libre en 1959, fundado por coñecidos activistas de esquerda como Fernando Sagaseta, que anos máis tarde sería deputado de Unión del Pueblo Canario (UPC) no Congreso dos Deputados e un dos fundadores do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE). Moitos dos membros de Canarias Libre son detidos e encarcerados, e a organización é desarticulada. A maioría dos militantes de Canarias Libre acabarían integrándose no PCE.

En 1964, fúndase en Alxeria o Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC). A este grupo atribúenselle responsabilidades na loita armada dos Destacamentos Armados Canarios (DAC) e as Forzas Armadas Guanches (FAG), como contrapartida pola morte a mans da Policía española de dous terroristas do movemento.

Un dos líderes históricos do MPAIAC, o avogado Antonio Cubillo, que chegou a formar parte de Canarias Libre, converteríase nunha das principais figuras do nacionalismo canario, aínda que sería expulsado finalmente do MPAIAC para fundar o Congreso Nacional de Canarias (CNC). Suponse que é o creador da bandeira tricolor canaria con sete estrelas verdes que, hox en día, é usada por militantes de todo o espectro nacionalista canario, e mesmo non nacionalistas, como o Partido Comunista do Pobo Canario (PCPC) ou a sección canaria do PCE e de Izquierda Unida.

En 1968, os países membros da Organización para a Unidade Africana (OUA) votaron a prol do dereito de autodeterminación para as Canarias, por considerar que é unha parte integrante de África e polo tanto unha colonia de España.

Na Transición[editar | editar a fonte]

A viraxe eurocomunista que experimentou o PCE (alén doutros partidos comunistas europeos) a comezos da década de 1970 supuxo o descontento dalgúns sectores marxistas-leninistas que acabarían organizándose na Oposición de Izquierdas del PCE. A Oposición de Izquierdas, na que participaron antigos militantes de Canarias Libre, deu orixe a varios partidos como o Partido de Unificación Comunista de Canarias (PUCC, soberanista), Células Comunistas (soberanista), ou o Partido Comunista Canario (provisional) (independentista).

As Células Comunistas e o PCC(p) unifícanse en 1977 nunha coalición denominada Pueblo Canario Unido, liderada por Fernando Sagaseta e Carlos Suárez. Neses momentos, tamén comezan a organizarse o Sindicato Obreiro Canario (SOC) e a Confederación Canaria de Traballadores (CCT).

O MPAIAC comeza a vivir unha serie de conflitos internos derivados do descontento das posicións de Antonio Cubillo. O intento de asasinato a Antonio Cubillo por parte dos servizos secretos españois en 1979,[9] e o feito que partidos políticos e medios de comunicación responsabilizaran ao MPAIAC do accidente de Los Rodeos de 1977 restaron moita forza á organización. As divisións internas levaron a que en ocasións chegaran a existir mesmo dúas organizacións chamadas MPAIAC. O até daquela brazo político do MPAIAC, o Partido dos Traballadores Canarios (PTC), acabará por desvincularse do anterior.

En 1979, PCU, Células Comunistas, o PCC(p), o Partido Socialista de Canarias (PSC) e o PUCC forman Unión del Pueblo Canario (UPC). Nese ano, UPC foi a terceira forza máis votada nas illas e tivo representación no Congreso dos Deputados, sendo elixido deputado Fernando Sagaseta. A intención de UPC de intentar atraer a outras formacións políticas máis moderadas como a Confederación Autónoma Nacionalista Canaria (CANC) ou Asamblea Canaria, os primeiros cristiáns de base e os segundos socialistas autoxestionarios, supuxeron o descontento de sectores como os "radicais de base de PCU". Estes conflitos supuxeron a desintegración de UPC.

Na democracia[editar | editar a fonte]

As Canarias conta cun Estatuto de autonomía dende o ano 1982. UPC desintegrouse e dividiuse en numerosos grupos. O que maior éxito electoral obtivo foi Izquierda Nacionalista Canaria, procedente da CANC e que se presentaría en coalición con Asamblea Canaria. Porén, o apoio electoral conseguido polos outros grupos resultantes da disolución de UPC, como Unión de Nacionalistas de Izquierda (procedente do PUCC), ou o Partido Comunista del Pueblo Canario (sección canaria do PCPE) foi moi escaso.

O PTC, os "radicais de base" do PCU e outros grupos minoritarios orixinarían a Fronte Popular pola Independencia das Canarias (FREPIC-AWAÑAK). Antonio Cubillo, pola súa banda, fundaría ao seu regreso do exilio en Alxeria en 1986 o Congreso Nacional de Canarias (CNC).

En 1991, Asamblea Canaria Nacionalista, Izquierda Unida Canaria (sección canaria de IU) e Unión de Nacionalistas de Izquierda forman ICAN.

En 1992, fúndase a organización xuvenil Azarug, que funciona de forma asemblearia e é abertamente independentista. Avogan por unhas Canarias libres e socialistas.

Dende 1993 até 2019, o Goberno autonómico canario recaeu no partido Coalición Canaria (CC), coalición que abrangue diversas organizacións como ICAN ou Asamblea Majorera) e outras máis achegadas ao centro-dereita, como a Agrupación Tinerfeña Independiente (ATI), e une a nacionalistas, rexionalistas e insularistas. CC define as Canarias como unha nación no seu ideario e aceptou o uso da bandeira das sete estrelas verdes, ademais de amosar o seu desexo de oficializala. Aínda que CC non defende abertamente a independencia das Canarias, nos Fins e Obxectivos recollidos no seus estatutos[10] CC aspira a que as Canarias poidan relacionarse directamente con outros estados, un obxectivo de dubidosa compatibilidade co artigo 149. 1.3 da Constitución Española, que confere ao Estado español a competencia exclusiva en materia de relacións internacionais.[11]

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Lápida en lembranza do prócer nacionalista Secundino Delgado, no cemiterio de San Rafael y San Roque, en Santa Cruz de Tenerife.

Segundo o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas do ano 2012, o 24% da poboación das illas séntese máis canaria que española, ou só canaria 12,1%, fronte ao 7% que se sente soamente española. A opción máis ampla é a de quen se senten tan españois como canarios, cun 53,9%.[12] Con estes datos, as Canarias rexistra un dos niveis de identificación coa autonomía máis altos de España, sendo a cuarta comunidade neste sentido, por detrás de Cataluña, o País Vasco e Galicia.

No presente existen gran cantidade de organizacións e partidos políticos que se autodenominan nacionalistas e a maioría acepta a bandeira das sete estrelas, aínda que as súas reivindicacións soberanistas son moi diferentes entre eles. Algúns dos partidos máis importantes que se consideran nacionalistas (non confundir co independentismo canario),[13] son Coalición Canaria (CC), o Partido Nacionalista Canario (PNC), Nueva Canarias (NC), Alternativa Sí Se Puede (SSP), Centro Canario (CCN), e outros máis minoritarios e de tendencia tanto esquerdista como abertamente independentista: Alternativa Popular Canaria (APC), Alternativa Nacionalista Canaria (ANC) ou Unidad del Pueblo (UP). Tamén salienta a organización xuvenil Inekaren, de tendencia comunista e independentista.

Tamén existen correntes sindicais nacionalistas como Frente Sindical Obrero Canario (FSOC), a Intersindical Canaria (IC), o Sindicato de Trabajadores de la Enseñanza de Canarias (STEC) e o Sindicato de Estudiantes Canario (SEC).

En 2007, o xornal El Día, un dos máis lidos das Canarias,[14] comezou a abranguer no seu contenido os principios soberanistas e nas súas páxinas hai cabida para opinións e proxectos de nacionalistas canarios históricos. O finado Antonio Cubillo, histórico dirixente do nacionalismo canario, publicou neste xornal un "Anteproyecto de Constitución de la República Federal Canaria", que xerou debate en varios medios das illas. Todos os partidos mayioritarios do arquipélago amosaron o seu rexeitamento a este proxecto.[15]

No ano 2020, xurdiu o partido político Unión Soberanista Canaria cuxo obxectivo principal é dotar ás Canarias de todas as súas competencias para facer das Canarias un estado soberano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Juan Bethencuort Alfonso, Historia del Pueblo Guanche, tomo III.
  2. Abreu Galindo.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Antonio de Bethencourt Massieu, Pedro Agustín del Castillo su vida u obra.
  4. Julio Pérez Ortega, la conquista de Canarias tomo II.
  5. 5,0 5,1 Revista de la Asociación Canaria de Estudios Rey "Fernando Guanarteme" tomo II.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 M Aranda, E. Galván y D. Alamo, Fuentes para una historia del derecho y de las administraciones públicas en Canarias
  7. Historia Popular de Canarias, El Antiguo Régimen.
  8. Luis Benitez Inglot, Instituciones Primitivas del Derecho en Canarias.
  9. Interior debe pagar 150.000 euros por el intento de asesinato de Antonio Cubillo Nova no xornal El Día
  10. "Estatutos - 6º Congreso Nacional Coalición Canaria" (PDF). 
  11. "Constitución Española". 
  12. Acosta, R. (23 de setembro de 2012). "Canarios y españoles al 50 %". laprovincia.es. Consultado o 5 de setembro de 2021. 
  13. "Paulino Rivero ve a España a las puertas "de una ciclogénesis política"". eldiario.es. 2 de novembro de 2014. Consultado o 5 de setembro de 2021. 
  14. Nova sobre lectores do xornal El Día segundo o estudo xeral de medios
  15. Todos contra la independencia Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Noticia en Canarias 7