Nacionalismo galés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O nacionalismo galés é un movemento que se volveu popular no século XIX e ó longo do XX. Xeralmente avoga pola independencia de Gales dentro do Reino Unido (e dicir, transformar a Gales nun estado libremente asociado ó Reino Unido e coa posibilidade de independencia total) ou fóra del.

A conquista de Gales[editar | editar a fonte]

Os reinos medievais de Gales

Ó longo da súa historia antes da conquista anglonormanda, Gales estaba dividido en varios reinos. De cando en cando, dirixentes como Howell o Bo e Rhodri o Grande conseguiron unificar varios dos reinos, pero ás súas terras foron divididas á súa morte. Aló polo 1282, unicamente o Reino de Gwynedd se facía notar, e o seu gobernante recibía o título de Príncipe de Gales. Trala morte de Llywelyn o Derradeiro por Eduardo I, Gales perdeu o seu último reino independente e converteuse en súbdito da Coroa Inglesa, de xeito directo ou indirecto. Non obstante, retivo algúns vestixios de distinción fronte ó seu veciño, como o idioma galés, a cultura, a lexislación galesa, etc.

Ata a vitoria de Henrique III na Batalla de Bosworth no 1485, os galeses en varias ocasións rebeláronse contra o dominio inglés nunha tentativa de acadar a súa independencia. A revolta máis grande foi a do nobre galés Owain Glyndŵr, que conseguiu apoio popular no 1400, e derrotou ó exercito inglés en Pumlumon no 1401. En resposta, o parlamento inglés aprobou medidas represivas denegando ós galeses o dereito de reunión. Glyndŵr fóra proclamado Príncipe de Gales, e buscou o apoio de Francia, pero no 1409 as súas forzas foron derrotadas polos ataques do rei Henrique IV de Inglaterra e foron impostas medidas represivas máis fortes ós galeses. O mesmo Glyndŵr desapareceu, e o lugar onde repousa segue a ser un misterio.

Anexión[editar | editar a fonte]

Ó longo do período de conquista os poetas galeses mantiveron vivo o desexo da independencia. No que se coñecia como o canu brud (poesía profética), a idea da vinda dun mesías simbólico, coñecido como Y Mab Darogan (O fillo do destino), que non só os liberaría do dominio inglés, senón que tornaría o dominio de Gran Bretaña aos galeses. No galés Henrique VII os galeses viron ó "fillo do destino", e non se falou máis de revoltas, xa que os galese foron tan leais ó rei coma calquera outro súbdito.

Durante o reinado de Henrique VIII foron aprobadas as Actas de Unión de 1536-1543, integrando formalmente a Gales no sistema legal inglés. As medidas represivas contra os galeses que estaban en pé dende a revolta de Owain Glyndŵr no século anterior foron eliminadas. Tamén se lle deu a Gales representación política no Parlamento de Westminster. Gales continuou a conservar unha gran identidade legal xunto a Inglaterra como entidades formantes de Inglaterra e Gales. As leis tamén remataron de establecer a división de Gales nos seus condados que comezara no 1282 e estableceron gobernos locais ó modelo inglés. As leis tamén tiveron o efecto de converter ó inglés no idioma a empregar para usos oficiais. Isto excluíu ós falantes de galés de calquera oficio até que adoptasen ó inglés como lingua normal.

A maioría dos galeses que eran capaces de expresar a súa opinión viron ben estes cambios e viron neles que Henrique VII e os seus descendentes eran os fillos do destino e que Gales volvera a gañar o que perdera na conquista de 1282. O patriotismo, ou unha forma non politizada de nacionalismo, foi tomando unha gran forza en Gales e o enorgullecerse da súa lingua, costumes e historia converteuse en algo común en tódalas capas da sociedade.

Ideas revolucionarias[editar | editar a fonte]

Consonte co ocurrido no resto de Europa os efectos da Revolución francesa foron sentidos en Gales. Isto puxo en primeira liña a unha pequena minoría de xente que simpatizaba coas súas ideas revoluciaonarias: xente como Richard Price (1723-1791), Iolo Morganwg (1747-1826), e Morgan John Rhys (1760-1804).

Século XIX[editar | editar a fonte]

A rápida industrialización dalgunhas partes de Gales, especialmente Merthyr Tydfil e as áreas adxacentes, deron forza para radicalizar os movementos obreiros galeses que propiciaron o Levantamento de Merthyr de 1831, o apoio xeral ó Cartismo, e o Levantamento de Newport de 1839.

Co establecemento da Igrexa Presbiteriana de Gales o inconformismo triunfou en Gales, e gradualmente a maioría previa de voces conservadoras dentro dela xuntouse coas voces máis radicais e liberais das máis vellas disidentes igrexas dos Baptistas e os Congregacionalistas. Este radicalismo foi exemplificado polo ministro Congregacionalista David Rees de Llanelli que editou o periódico radical Y Diwygiwr (= O Reformista) dende 1835 até 1865. Pero non era a única voz: William Rees (tamén coñecido como Gwilym Hiraethog) comezou o radical Yr Amserau (= Os tempos) en 1843, e no mesmo ano Samuel Roberts tamén comezou outro xornal radical, Y Cronicl (= A Crónica). Ambos eran pastores Congregacionalistas.

A crecida do radicalismo e a gradual politización da vida galesa non viron ninguha tentativa exitosa para establecer un órgano político independente para promover o nacionalismo irlandés. Pero apareceron algunhas voces dentro do Partido Liberal, as cales gañaron apoio en Gales coa extensión do sufraxio universal e o apoio tácito ó inconformismo galés. Foi comezado un movemento independentista á semellanza da Irlanda xove, Cymru Fydd, pero tivo unha curta vida.

Para a maioria da xente de Gales a cuestión máis importante non era a independencia ou a autonomía, pero gastaron moita enerxía na desestabilización da Igrexa de Inglaterra en Gales. Non obstante, o seu nacionalismo apolítico era o bastante forte para establecer institucións nacionais como a Universidade de Gales no 1893, a Biblioteca Nacional de Gales e o Museo Nacional de Gales en 1907.

A traizón dos Libros Azuis[editar | editar a fonte]

Este sentimento de diferenciación exacerbouse co resultado da publicación dos "Informes dos comisionarios dun estudo sobre a educación en Gales" en 1847. Os informes dicían que o sistema de educación galés estaba nun estado terrible, aínda que os comisionarios eran exclusivamente anglofalantes mentres que o sistema educativo era por aquel entón en galés, co cal os comisionarios non puideron formarse unha opinión realista do sistema educativo. De todos xeitos, eles concluíron que os galeses eran sucios, ignorantes, vagos, borrachos, supersticiosos, mentireiros, e tramposos porque eran inconformistas e porque falaban galés. Rapidamente, por mor das súas cubertas azuis, o informe foi chamado Brad y Llyfrau Gleision, ou en galego, "A Traizón dos Libros Azuis".

A influencia dos nacionalismos europeos[editar | editar a fonte]

Dúas figuras do século XIX son asociadas co comezo do nacionalismo galés nun sentido especificamente político, Michael D. Jones (1822-1898) e Emrys ap Iwan (1848-1906). Inspirados polas Revolucións de 1848 e a crecida do nacionalismo irlandés eles veron que Gales era diferente de Inglaterra en ter o seu propio linguaxe falado pola gran maioría dos seus habitantes e en aferrarse a unha forma inconformista da relixión cristiá que presentaba moitas diferenzas coa igrexa estatal. Gradualmente comezaron a preguntarse cal era a diferenza entre nacións como Italia e Hungría, e Gales, por que non tódalas nacións loitaban por ser libres.

O século XX[editar | editar a fonte]

O nacionalismo converteuse nun forte factor no Gales do século XX, pero non tan forte como o era entre a xente de Europa do Leste, ou Irlanda. En varias ocasións o Partido Laborista e o Partido Liberal apoiaron a causa do autonomismo galés, pero foi coa creación do Plaid Cymru (O partido de Gales) en 1925 cando foi reclamada por primeira vez a independencia de Gales do Reino Unido.

A elección dun goberno laborista en 1997 levou á convocatoria dun referendo sobre o establecemento dunha Asemblea Galesa. O referendo foi gañado, co apoio de Plaid Cymru, os liberais demócratas e gran parte da sociedade civil galesa.

Plaid Cymru[editar | editar a fonte]

Plaid Cymru foi fundado en 1925 polas organizacións anteriores Byddin Ymreolwyr Cymru e Y Mudiad Cymreig. Plaid Cymru conseguiu o seu primeiro membro parlamentario en 1966 na Eleccións parciais de Carmarthen, e hoxe en día ten tres representantes, xunto ós 12 membros (de 60) da Asemblea Galesa, facendo del o segundo partido máis forte. Tradicionalmente, o apoio ó partido concentrábase nas zonas rurais falantes de galés do norte e o oeste de Gales, de onde proviñan todos os seus membros do parlamento. Nos anos finais dos 60 e os 90 o partido tamén gozou dun apoio xeral en todo o país.

Outros partidos e movementos nacionalistas[editar | editar a fonte]

  • Cymru Goch (Gales Vermello) ou, "Socialistas galeses". Cymru Goch é un movemento moi coñecido popularmente, foi fundado en 1987 para loitar por un Gales socialista e independente. Publicou a revista mensual Y Faner Goch (A bandeira vermella). No 2003 converteuse en parte de Adiante Gales.
  • Alianza Democrática de Gales ADG, fundada no norte de Gales en 1999. Foi rexistrado como un partido político no rexistro de partidos políticos o 9 de maio do 2001. Foi creado por membros saíntes do partido laborista, e chegou a ter 11 representantes a nivel local. As recentes negociacións no 2004 co Partido do Traballo de Gales poderían deixalo fóra do sistema político.
  • Cymdeithas yr Iaith Gymraeg (A Sociedade do Idioma Galés). Creada en 1962 por membros do Plaid Cymru, é un grupo de presión que loita polos dereitos do idioma galés. Emprega unha acción directa non violenta nas súas campañas, e vese como parte do movemento de antiglobalización.
  • Cymuned (= Comunidade). Un grupo de presión que fai campaña polos dereitos do idioma galés creado no 2001, concentra principalmente os seus esforzos nas partes occidentais de Gales onde o galés é aínda o idioma comunitario vivo. Tamén considérase parte dos movementos globais polos dereitos dos pobos indíxenas.
  • Cymdeithas Cyfamod y Cymry Rhydd (A Sociedade do Pacto dos Galeses Libres). Creada en 1987, outra vez pola insatisfacción co nivel de independentismo do Plaid Cymru. Fixéronse famosos por producir os seus propios pasaportes galeses.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]