Nacionalismo canadense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira nacional do Canadá.

O nacionalismo canadense é un conxunto de ideas e conceptos nacionalistas que procura a unidade, soberanía e benestar do Canadá e dos seus cidadáns.[1] O nacionalismo canadense é unha ideoloxía política significativa dende o século XIX, e normalmente maniféstase como un intento de avanzar na independencia do Canadá da influencia do Reino Unido e dos Estados Unidos.[1] Dende a década de 1960, a maioría dos defensores do nacionalismo canadense avogaron por un nacionalismo cívico debido á diversidade cultural do Canadá que especificamente busca igualar a cidadanía, especialmente no referente ao Quebec e á poboación francófona, que historicamente se enfrontaron á discriminación cultural e económica e á presión asimilacionista dos gobernos anglófonos que dominan no Canadá.[2] O nacionalismo canadense converteuse nun tema importante durante as eleccións xerais canadenses de 1988, que se centraron no daquela proposto tratado de libre comercio do Canadá e os Estados Unidos, e os nacionalistas canadenses opuxéronse ao acordo, dicindo que conduciría á inevitable asimilación e dominación completa do Canadá polos Estados Unidos.[3] Durante o referendo do Quebec de 1995 que determinaría se o Quebec se convertería nun estado soberano ou permanecería no Canadá, os nacionalistas canadenses e os federalistas apoiaron a opción do "non", mentres que os nacionalistas quebequeses apoiaron a opción do "si", o cal resultou nunha axustada maioría a prol do "non".

Algúns sectores do nacionalismo canadense pulan por un maior nivel de soberanía ao tempo que apoian permanecer dentro da Commonwealth de Nacións. Un exemplo disto son os Tories canandenses. Os conservadores canadenses tamén se opuxeron fortemente ao libre comercio cos Estados Unidos, temendo a asimilación económica e cultural. Por outra banda, o nacionalismo canadense francés ten as súas raíces xa na preconfederación, aínda que un retrato máis preciso do nacionalismo canadense francés é ilustrado por figuras como Henri Bourassa durante a primeira metade do século XX. Bourassa avogou por unha nación menos dependente de Gran Bretaña nos eidos político, económico e militar, aínda que non optaba por unha república como era o caso dos reformadores radicais francófonos na rebelión do Baixo Canadá de 1837. Bourassa tampouco defendía necesariamente un nacionalismo provincial, é dicir, a separación do Quebec do Canadá que se converteu nun compoñente forte na política do Quebec durante a Revolución tranquila, especialmente a través do ascenso do Parti Québécois en 1968.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Motyl 2001, pp. 68.
  2. Recent social trends in Canada, 1960-2000. Pp. 415.
  3. Motyl 2001, pp. 69.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]