Nacionalismo montenegrino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O nacionalismo montenegrino é un movemento nacionalista que defende que os montenegrinos son unha nación e promove a súa unidade cultural e política.[1] Dende comezos do século XVIII, a poboación de Montenegro estaba dividida entre as variantes do nacionalismo montenegrino e do serbio.[2] Ao contrario do nacionalismo serbio, que enfatiza o carácter étnico serbio dos montenegrinos, o nacionalismo montenegrino enfatiza o dereito dos montenegrinos a definirse como unha nación única, e non simplemente como unha rama dos serbios.[1]

O nacionalismo montenegrino converteuse nun tema político importante na primeira guerra mundial, cando xurdiu un cisma entre as tribos de Montenegro polos plans de fusionar Montenegro co Reino de Serbia, xurdindo disputas entre as tribos verdes independentistas, nas que se incluían ao Rei de Montenegro, fronte ás tribos brancas favorables á unificación.[3] A etnia montenegrina foi recoñecida polo goberno comunista de Iugoslavia na década de 1960 aínda que xa fora declarada anteriormente.[4]

Durante a disolución de Iugoslavia a comezos da década de 1990, o presidente de Montenegro Momir Bulatović apoiou a alianza e a unidade con Serbia así como as aspiracións irredentistas sobre Dubrovnik e o territorio en Hercegovina, que afirmou, foron historicamente parte de Montenegro.[5] O xornal serbio Epoha declarou en 1991 que se os bosníacos de Bosnia e Hercegovina querían separarse de Iugoslavia, a Hercegovina oriental debería ser cedida a Montenegro.[6] O Tribunal Penal Internacional para a exIugoslavia declarou que o liderado serbio e montenegrino durante o asedio de Dubrovnik intentou anexar Dubrovnik, xunto coas "rexións costeiras de Croacia entre a cidade de Neum, Bosnia e Hercegovina, no noroeste e a fronteira montenegrina no sueste", a Montenegro.[7]

Despois de 1998, o goberno de Montenegro liderado por Milo Đukanović pediu maior autonomía dentro da República Federal de Iugoslavia]].[2] En 2006, unha maioría de algo máis do 55% dos cidadáns montenegrinos votou a prol da independencia do estado de Serbia. O nacionalismo montenegrino contemporáneo cita que unha cultura montenegrina independente separada da cultura serbia xurdiu despois de que Serbia fose tomada polo Imperio Otomán no século XIV, mentres que Montenegro permaneceu independente durante moitos anos.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Morrison 2009, p. 1.
  2. 2,0 2,1 Motyl 2001, p. 345.
  3. 3,0 3,1 Minahan 2002, pp. 1296-1299.
  4. Motyl 2001, p. 346.
  5. Daily report: East Europe, Issues 13-21. United States: Foreign Broadcast Information Service, 1996. p. 72.
  6. Steven L. Burg, Paul S. Shoup. The War in Bosnia-Herzegovina: Ethnic Conflict and International Intervention. Armonk, Nova York, USA: M.E. Sharpe, 2000. ISBN 9781563243097 p. 102.
  7. International Criminal Tribunal for the former Yugoslavia (ed.). "Investigative Summary". Consultado o 4 de setembro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]