Saltar ao contido

Historia de Europa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Principais potencias políticas de Europa

Contra 3000 a.C. - Século XV a.C. Talasocracia de Minos (mar Exeo)
480 a.C. - 401 a.C. Atenas, a través da Liga de Delos (mar Exeo)
338 a.C. - 168 a.C. Reino de Macedonia, mar Exeo
201 a.C. - 395 d.C. República de Roma - Imperio romano (mar Mediterráneo, Galia, Panonia, Mesia, Dacia, Xermania, Britania)
395 - 1204 Imperio bizantino (Mediterráneo oriental, Balcáns, Turquía)
481 - 751 Reino Franco (Galia, dividido en Austrasia, Neustria e Aquitania)
726 - 1797 Venecia (Véneto, en épocas, Costa dálmata, mar Exeo)
751 - 843 Imperio carolinxio (Galia, Xermania, Cataluña, noroeste de Italia
756 - 1031 Emirato - Califato de Córdoba (Al-Ándalus / España)
843 - Actualidade Francia (París primeiro, Francia actual)
880 - 1204 Rus de Kíiv (Rusia, Ucraína, Belarús).
962 - 1648 (de facto), 1806 (de iure) Sacro Imperio Romano Xermánico (Alemaña, Austria, República Checa, Países Baixos, en épocas, norte de Italia)
1066 - 1707 Inglaterra (Inglaterra, despois Escocia , Irlanda, en 1707 pasou a ser o Reino Unido)
1071 - 1198 Reino Normando de Sicilia (Sicilia).
1139 - Actualidade Portugal (oeste da Península Ibérica, salvo 1580-1640)
1396 - 1923 Imperio Otomán (Península Balcánica, Turquía)
1397 - 1523 Unión de Kalmar (Dinamarca e Escandinavia)
1520 - Actualidade España (Península Ibérica, salvo Portugal, agás entre 1580-1640)
1516 - 1556 Imperio de Carlos V (España, Borgoña, Flandres, Alemaña, Austria, Milanesado, Nápoles, Sicilia)
1569 - 1795 República das Dúas Nacións ou Reino de Polonia-Lituania (Polonia, Belarús, Estados Bálticos, Ucraína)
1707 - Actualidade Reino Unido (Inglaterra, Gales, Escocia, Irlanda do Norte)
1725 - 1917 Imperio ruso (Europa oriental, Siberia)
1796 - 1815 Imperio napoleónico (Francia, Italia, Alemaña)
1806 - 1918 Imperio austríaco (Europa central, Balcáns, que se converteu no Imperio Austrohúngaro en 1867)
1859 - Actualidade Italia (Italia, en ocasións Costa dálmata, Albania, Libia, Etiopía)
1870 - Actualidade Alemaña (Alemaña, en ocasións, Alsacia, Austria, Sudetes, Eslovenia)
1917 - 1991 Unión Soviética (Europa oriental, Siberia, Asia central)
1991 - Actualidade Rusia (Rusia, Siberia)

A historia de Europa refírese ao conxunto de sucesos relativos ás poboacións do continente europeo, desde que foi habitado polos primeiros seres humanos até a actualidade.

O Homo sapiens, segundo algunhas teorías, apareceu hai uns 130 000 anos en África.[1][2] Porén, tamén algúns destes humanos puideron chegar desde Asia e o Oriente Medio a Europa, onde se asentaron entre 40 000 e 25 000 a.C. (Paleolítico superior).[3]

A Antigüidade clásica estivo dominada polo influxo da civilización grecolatina sobre o resto de Europa. A fragmentación política de Europa e os sucesivos intentos forzados de unificación sumiron o continente en numerosos conflitos e guerras durante a Idade Media, como a guerra dos Cen Anos (que, a pesar do nome, durou máis dun século).

A Idade Moderna marca para Europa o inicio de procesos que moito despois darían lugar á globalización, e foi o tempo no que os conflitos bélicos se fixeron cada vez máis desastrosos, como na chamada guerra dos Trinta Anos. Os progresos económicos e o desenvolvemento científico-tecnolóxico aceleráronse en desmedro dos doutros continentes e, de maneira moito máis notoria, durante a Idade Contemporánea, producindo tensións por competencias que desencadearon máis guerras (como as guerras napoleónicas e as guerras mundiais).

Hoxe en día os procesos tendentes á unificación procúranse pacificamente, como no caso da formación da Unión Europea.

Prehistoria

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Prehistoria de Europa.

A prehistoria de Europa refírese ao período prehistórico de Europa, á prehistoria humana, desde o Paleolítico Inferior até a aparición da escritura.[4]

Venus de Willendorf exemplo da arte europea de hai 24 000 - 22 000 anos a.C.
O disco celeste de Nebra, descuberto en Alemaña.[5]

O berce da especie humana parece claro que non foi Europa, senón África e, polo tanto, o ser humano chegou a Europa desde fóra, nun movemento colonizador. Hai xa uns 500 000 anos existían espécimes de homínidos tales como o Home de Heidelberg, por exemplo, pero o ser humano actual (o Homo sapiens) chegou moito máis tardiamente.

A última vaga de poboación produciuse hai uns 25 000 anos, tratándose do Home de Cro-Magnon, o cal substituíu a poboación nativa, conformada polo Home de Neanderthal, ben fose asimilándoo, ou ben exterminado dita poboación; se houbo ou non hibridación entre neanderthais e cromañóns, é aínda materia de debate no mundo científico.[6][7]

O final da Glaciación de Würm e a chegada do Holoceno produciron algúns cambios xeográficos de importancia. Así, o casquete de xeo que cubría o norte de Europa desapareceu e, ao subir o nivel do mar, as illas Británicas quedaron separadas do continente pola Canle da Manga.

Nos 10 000 anos seguintes desenvolvéronse varias culturas que, a través do desenvolvemento da agricultura, crearon unha civilización incipiente, cuxos núcleos poden rastrexarse en Hallstatt ou La Tène.

O maior testemuño da dita cultura é o conxunto de megálitos que cubriron Europa, incluíndo dolmens, trilitos, menhires e o fastuoso sitio arqueolóxico de Stonehenge.

Desde a Idade de Bronce en Europa distínguense dúas rexións culturais diferenciadas. Por un lado, no sueste desenvolvéronse civilizacións comparábeis ás de Exipto e o Próximo Oriente e, por outro, a maior parte de Europa continuou unha traxectoria máis autóctona, de xeito que nela a prehistoria durou practicamente até o inicio da Idade Media.[8]

Idade Antiga: Europa grecorromana e Europa bárbara

[editar | editar a fonte]
O Partenón na Acrópole de Atenas é un símbolo universal da antiga Grecia e un dos principais testemuños da civilización occidental.[9][10]
Mosaico que mostra a Alexandre III de Macedonia loitando contra Darío III de Persia.
Evolución territorial do Imperio romano:
- República (vermello)
- O Imperio (púrpura)
- O Imperio occidental (azul)
- O Imperio oriental (amarelo).

Contra o ano 3000 a.C., por influencia da cultura do Oriente Medio, na illa de Creta xurdiu unha civilización que construíu un imperio marítimo que abranguía todo o mar Exeo, e que comerciou con Exipto e todo o Levante mediterráneo.

Os gregos estruturáronse politicamente ao redor de comunidades autónomas chamadas polis (cidades-estado). A diferenza doutras culturas, os gregos nunca formaron un só grande imperio; cando foron unificados foi por obra de invasores externos (macedonios e romanos), e non por si mesmos.

Pola súa parte, os gregos emprenderon dúas etapas colonizadoras, a Xonia primeiro, e logo por toda a conca do mar Mediterráneo e, posteriormente, do mar Negro, fundando, entre outras, as cidades que despois serían Marsella, Nápoles, Taranto, Síbaris, Bizancio etc. Aínda que centrándose en África, os fenicios e os cartaxineses tamén levaron a cabo labores de fundación de cidades en Europa, incluíndo Tartessos e Cartaxena. No norte de Italia, de maneira paralela, xurdiu a cultura dos etruscos.

Durante a segunda metade do Primeiro Milenio, o Mediterráneo converteuse en campo de batalla para distintas potencias políticas. Atenas intentou facerse coa hexemonía do Mediterráneo a través da Liga de Delos, á vez que viviu un período de esplendor durante o chamado Século de Pericles, pero colapsou despois da súa derrota na guerra do Peloponeso (431 a.C.-404 a.C.). Seguiu un século de inestabilidade en Grecia, até que Filipo II de Macedonia a unificou baixo a súa hexemonía.[11] Posteriormente, o seu fillo Alexandre o Grande emprendeu a conquista do mundo oriental, e aínda que despois da súa morte (323 a.C.) as potencias orientais volveron a ser independentes, o Reino de Macedonia permaneceu como unha gran potencia.

No Occidente, pola súa parte, empezou a medrar o poderío da República romana. Esta enfrontouse cos etruscos nunha longa serie de guerras que culminaron coa anexión das principais cidades etruscas contra 250 a.C. Tamén se enfrontou co poderío cartaxinés, dobregándoo nas guerras púnicas (264 a.C.-146 a.C.). Durante o século seguinte, os romanos estendéronse por Grecia e por Oriente. En Europa, os romanos seguiron estendendo as súas fronteiras terra dentro, até que na época de Octavio Augusto (31 a.C.-14 d.C.), o Imperio romano cubría todas as terras europeas ao sur dos ríos Rin e Danubio.

Neste proceso de expansión, os romanos abafaron a cultura dos celtas en Hispania e na Galia.[Cómpre referencia] Despois, ao asaltar Gran Bretaña no ano 43, os romanos destruíron os núcleos celtas en Inglaterra e Gales.[Cómpre referencia] Con todo, a cultura druídica conservouse en Irlanda e Escocia.

Ao outro lado do Rin, pola súa parte, vivían as tribos xermánicas. Non formaron un reino unificado, senón que eran diversas tribos mandadas por un rei e unha aristocracia tribal. Algunhas destas tribos de xermanos intentaron cruzar a fronteira (o limes) e atacar os romanos, aínda que sen éxito (por exemplo, os cimbrios e os teutóns). Durante os catro séculos que van desde a época de Xulio César até a de Teodosio o Grande, a fronteira dos ríos Rin e Danubio foi efectivamente o límite entre a cultura dos romanos e a dos xermanos.

Colapso grecorromano e reinos xermanorromanos

[editar | editar a fonte]

No ano 235 o Imperio romano entrou nun período de caos e confusión, do que saíu medio século despois, pero fortemente debilitado e cunha economía e políticas de corte marcadamente máis totalitario; este novo réxime coñécese polo Dominado. Durante esta crise, os bárbaros xermanos empezaron a facer presión con maior forza o Imperio, e incluso colonizaron pola súa conta (ou foron chamados como colonos) varias terras romanas fronteirizas.

Nesta época, dentro do Imperio romano prosperou a relixión cristiá. En 313, Constantino I o Grande decretou a tolerancia relixiosa cara aos cristiáns no chamado "Edicto de Milán", e en 395, Teodosio o Grande proclamou o cristianismo como relixión oficial do Imperio. Neste período, e en particular desde o primeiro Concilio de Nicea en adiante, o cristianismo desenvolveu fortes estruturas xerárquicas, ademais de desenvolver amplamente a doutrina e os dogmas de fe. Neste sentido, o cristianismo empezou a desenvolver a fisonomía que presentaría a Igrexa Católica durante a Idade Media.[Cómpre referencia]

No ano 378, na batalla de Adrianópole, os xermanos inflixiron unha dura derrota aos romanos. A partir de entón a presión dos xermanos aumentou aínda máis. En 406 cruzaron o Rin e, ante a impotencia dos romanos, instaláronse en varias terras do Imperio. En 410, os visigodos saquearon Roma (por primeira vez en sete séculos a cidade imperial foi pisada por estranxeiros), e os vándalos repetiron isto en 455. Aínda que nominalmente en pé, o Imperio romano disgregábase. En 476, Odoacro (xefe da tribo dos hérulos), tomou o poder en Roma pero, en vez de proclamarse Emperador, enviou as insignias imperiais a Bizancio, terminando así de iure o Imperio romano de occidente.

Os caudillos xermánicos lanzáronse entón, durante os séculos V e VI, a varias guerras que os debilitaron politicamente. Contra o ano 600 sobrevivían só os reinos dos visigodos, os longobardos, os francos e os anglosaxóns. Estas monarquías eran verdadeiras aristocracias militares, nas que o rei era máis un "primus inter pares" que un verdadeiro monarca absoluto.

Idade Escura

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Idade Media e Alta Idade Media.

As sombras de Roma

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Antigüidade tardía.
Invasións bárbaras do Imperio romano. Todos os pobos sinalados, excepto os hunos, son xermánicos.

Despois da desintegración do mundo antigo como consecuencia das irrupcións dos pobos xermánicos: Bélxica (259), Galia (268-78), Italia (260-70), Tracia, Grecia e Asia Menor (258-69), e cando os persas derrotaron e capturaron o emperador Valeriano na batalla de Edesa (260),[12] vén a época da Alta Idade Media ou da Idade Escura, que abarca o período comprendido desde a caída do Imperio romano de occidente até o feudalismo.

No ano 409 os xutos, anglos e saxóns desaloxaron os romanos da Gran Bretaña; no 490 visigodos e vándalos chegaron a España, mentres que os hunos alcanzaron Orleáns e Milán. Estas invasións supoñen a disolución e o desprazamento do centro do poder imperial de Roma cara ao norte de Europa, no que sería o Imperio carolinxio, e cara ao leste, onde permanecía o agora chamado Imperio bizantino.

Os xermanos dedicáronse tamén á tarefa de unificar a sociedade xermánica coa romana.[Cómpre referencia] En moitos casos isto reflectiuse nun proceso lexislativo que tendeu a unificar as leis aplicábeis aos xermanos e aos romanos.[Cómpre referencia] Este proceso lexislativo quedou completado no século VII, época na que xa non era posíbel distinguir entre ambas as poboacións.[Cómpre referencia]

Bizantinos e árabes

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Imperio bizantino e Historia do islam.

Caída do Imperio de occidente e xurdimento do Imperio bizantino como substituto do Imperio de oriente

[editar | editar a fonte]
Rómulo Augústulo entrégase aos xermanos en 476.
Constantino I e Xustiniano I ofrecendo a súa fidelidade á Virxe María (Igrexa de Santa Sofía, Constantinopla).
Santo Ambrosio e o Emperador Teodosio I, por Anton van Dyck.
Mapa do Imperio bizantino en 550. En verde as conquistas durante o reinado de Xustiniano I.
O Califato dos Omeias (661-750) na súa máxima extensión.

Mentres o Imperio romano de occidente era esnaquizado polos bárbaros, o Imperio romano de oriente conseguiu sobrevivir. Algúns consideran a Constantino I, que reinou entre 306 e 337, como o primeiro "emperador bizantino". Foi el quen trasladou a capital imperial, en 324, de Nicomedia a Bizancio, refundándoa como Constantinopla, ou Nova Roma.[13] A cidade de Roma en si non servira como capital desde o reinado de Diocleciano. Outros datan os inicios do Imperio no reinado de Teodosio I (379-395) e consideran que o cristianismo se instaurou como relixión oficial suplantando a relixión pagá romana, tras a súa morte en 395, cando a división política entre o leste e o oeste se converteu en permanente. Porén, outros datan aínda máis tarde o inicio do Imperio bizantino, en 476, cando Rómulo Augústulo, tradicionalmente considerado o último emperador occidental, foi deposto, co que o único que conservou a autoridade imperial foi o emperador grego no Oriente. E aínda outros apuntan á reorganización do Imperio na época de Heraclio (620), cando os títulos latinos foron substituídos oficialmente con versións en grego.[14] En calquera caso, o cambio foi gradual e para a década dos anos 330, cando Constantino inaugurou a súa nova capital, o proceso de helenizacion e o aumento da cristianización xa estaban en marcha. Considérase xeralmente que o Imperio terminou despois da caída de Constantinopla baixo os otománs en 1453.

Persecución cristiá do paganismo baixo Teodosio I

[editar | editar a fonte]

A persecución dos pagáns comezou en 381, despois dos dous primeiros anos do reinado de Teodosio no Imperio romano de oriente. Teodosio I reiterou a prohibición de Constantino dos sacrificios pagáns, prohibindo os arúspices baixo pena de morte, criminalizou os maxistrados que non fixesen cumprir as leis antipagás, eliminou algunhas asociacións pagás e destruíu templos pagáns.

Entre 389 e 391 emitiu os "decretos teodosianos", que establecían a prohibición, na práctica, do paganismo: as visitas aos templos estaban prohibidas, as festividades pagás que aínda se mantiñan quedaron abolidas, o que foi o lume eterno do Templo de Vesta no Foro Romano extinguiuse, as vestais foron disolvidas e a bruxería castigouse. Teodosio refugou restaurar o Altar da Vitoria na casa do Senado, tal e como lle pediran os senadores pagáns.

En 392 converteuse en emperador de todo o Imperio (foi o último en facelo). Desde ese momento até o final do seu reinado, en 395, mentres os pagáns continuaban sen seren escoitados nas súas peticións de tolerancia, autorizou ou mesmo participou na destrución de moitos templos, lugares sagrados, imaxes e obxectos de piedade ao longo de todo o Imperio. Emitiu unha lei que prohibía calquera ritual pagán mesmo na privacidade da propia casa, e foi particularmente opresivo cos maniqueos. O paganismo pasou a ser unha religio illicita e suprimiu os Xogos Olímpicos, cuxa última celebración foi en 393.

Intento de Xustiniano de restaurar o Imperio e primeiras incursións árabes

[editar | editar a fonte]

A política exterior do emperador Xustiniano I (527-565), baseada na doutrina da Recuperatio Imperii que respondía a uns sentimentos estendidos entre amplas capas da poboación da Pars Occidens (sobre todo entre o elemento senatorial urbano e sectores vinculados coa administración) e en parte do goberno do Imperio de oriente, que intelectualmente xoga ao xogo da continuidade imperial en Occidente; de feito, o sentimento de romanitas atópase —no século VI— amplamente estendido en Occidente e en Oriente, e é correspondido pola ideoloxía oficial do goberno imperial —segundo a cal o Imperio non se afundiu en Occidente, senón que os bárbaros gobernan alí en nome do emperador de Oriente— e por parte da intelligentsia de Constantinopla. Estes sentimentos foron aproveitados pola administración de Xustiniano para realizar, precisamente, unha política en consonancia con eles (fose sincera ou interesada).

Baixo Xustiniano, os xenerais bizantinos iniciaron, en consecuencia, unha ambiciosa serie de campañas militares para anexionar os antigos territorios romanos de Occidente, conquistando o norte de África aos vándalos, Italia aos ostrogodos (aínda que por breve tempo, porque en 568 apoderáronse dela os longobardos) e partes de Hispania, que conseguiron manter no seu poder até 622. Porén, o desgaste destas guerras, mais as emprendidas por Xustiniano e os seus sucesores contra a potencia persa dos sasánidas, debilitaron mortalmente o Imperio. Ademais, a peste de Xustiniano afectou o Imperio bizantino, incluída a súa capital Constantinopla, nos anos 541-542. Estímase que a praga provocou até un máximo de 100 millóns de mortes en todo o mundo,[15] causando a caída de arredor do 50 % do número de habitantes de Europa entre 541 e 700.[16] O éxito das conquistas árabes tamén puido contribuír á catástrofe demográfica.[17][18] No século VII a irrupción dos árabes asestoulle ao Imperio bizantino un duro golpe, privándoo dos seus territorios africanos (incluído Exipto), de Palestina e de Siria. A partir de entón o Imperio bizantino sería unha potencia que basearía o seu poderío no dominio da Anatolia e os Balcáns.

As conquistas árabes chegaron até Europa. No ano 711, ao mando de Tariq ibn Ziyad e enviados polo gobernador africano Musa ibn Nusayr, os árabes conquistaron e destruíron o Reino visigodo, e anexionaron Hispania. Aínda así, un núcleo de montañeses asturianos resistiu, e transformouse na semente do contragolpe cristián contra os musulmáns.[Cómpre referencia]

En 732, unha incursión musulmá contra a Galia foi freada na batalla de Poitiers por Carlos Martel, marcando o máximo de expansión musulmá en Europa na alta Idade Media. Algo despois, en 756, o Emir Abd al-Rahman I independizouse do Califato Abbásida, e creou en Al-Andalus o Emirato de Córdoba (máis tarde transformado en Califato de Córdoba), que se transformou nun importante núcleo do saber e a cultura na Europa da Idade Media.

Cristianismo feudal

[editar | editar a fonte]
O papa Hadrián I pide axuda a Carlomagno contra a invasión en 772.
Moeda coa efixie de Carlomagno e a inscrición KAROLVS IMP AVG.
Alongamento do Imperio carolinxio baixo Carlomagno.      O Imperio á morte de Pipino o Breve (768)     Conquistas de Carlomagno (768-814)      Reinos tributarios

Despois da caída do Imperio romano de occidente no século V, en Europa occidental emerxe unha nova civilización, porque as invasións bárbaras a separaron do Imperio bizantino (Imperio romano de oriente), que sobreviviu outro milenio.

O feudalismo substituíu o Imperio romano en Europa occidental. A única institución que sobreviviu foi a Igrexa Católica, que preservou parte da cultura romana,[19] e converteuse na principal fonte de aprendizado até o século XIII. Até o ano 1000 crece o feudalismo, que debilita o Sacro Imperio Romano Xermánico e define a Igrexa católica como o maior poder cristián, xa que o papado non só tiña o seu propio estado, senón que atesouraba todo o saber grecorromano e era a guía espiritual de todos os estados europeos, conseguindo controlar en moitas ocasións as súas políticas exteriores e de conquistas.

Imperio carolinxio

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Imperio carolinxio.

A Casa dos Pipínidas, á que pertencía, como mordomo de Palacio dos francos, o mencionado Carlos Martel, pediu o recoñecemento ao papado como reis, e foron entronizados. A Dinastía Merovinxia foi substituída así poa carolinxia. Como parte do acordo entre Pipino o Breve (fillo de Carlos Martel) e o papado, varios territorios italianos foron entregados ao Papa, transformándose na semente dos futuros Estados Pontificios.

Fillo de Pipino o Breve foi Carlomagno, quen gobernou o Imperio carolinxio desde 771 até a súa morte en 814. Carlomagno, aliado co papa, contra o ano 800 conquista Francia, o oeste de Alemaña, gran parte de Italia e partes doutros países.[20] Xorde así o Sacro Imperio Romano Xermánico, cuxo emperador intenta dominar ao papado que constituíra un estado independente no centro de Italia.

Carlomagno protexeu o papado, lidando varias guerras contra os seus inimigos tradicionais, os lombardos, e fortalecendo o papel social da Igrexa. Creou tamén a Escola Palatina, a cargo de Alcuíno de York, e impulsou o chamado Renacemento carolinxio.

En política exterior intentou atacar os musulmáns de España, operación que se viu frustrada pola dura derrota sufrida na batalla de Roncesvalles (778), aínda que en 804 creou a Marca Hispánica, futuro núcleo do Condado de Barcelona. Librou tamén unha guerra de aproximadamente trinta anos contra os saxóns, e iniciou a cristianización de Alemaña e dos Balcáns.

Emprendeu relacións diplomáticas tanto co Imperio bizantino como co Califato Abbásida. No ámbito interno levou a cabo unha serie de reformas administrativas, dividindo o seu imperio en Condados e Marcas, algúns dos cales sobreviviron ao seu Imperio como entidades independentes.

Porén, ao morrer Carlomagno en 814, o seu herdeiro Ludovico Pío resultou ser un monarca débil e non puido proseguir a obra do seu antecesor. En 843, os fillos de Ludovico Pío (netos de Carlomagno) repartíronse o Imperio no Tratado de Verdún, xurdindo así as coroas de Francia e de Alemaña (o outro territorio xurdido de dito tratado, a Lotarinxia, desintegrouse rapidamente).

Alto feudalismo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade Media.

Unha igrexa dividida

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cisma de Oriente.

Desde o século V ao XI foron numerosas as rupturas seguidas de reconciliacións entre as igrexas de Occidente e Oriente [21]

Un precedente do Cisma tivo lugar no ano 857 cando o emperador bizantino Miguel III, chamado o bébedo, e o seu ministro Bardas, expulsaron da súa sede de Constantinopla a San Inacio, que reprendía as súas crápulas. Substituírono por Focio, quen en seis días recibiu todas as ordes da Igrexa. Focio sublevouse contra o Papa e declarouse Patriarca Universal. Foi descrito como "o home máis arteiro e sagaz da súa época: falaba coma un santo e obraba coma un demo". A súa tentativa fracasou, e foi encerrado nun mosteiro, onde morreu en 886.

O principal conflito na Igrexa era o seu método de goberno, xa que mentres en Oriente concibían a Igrexa como unha Pentarquía dentro do Imperio bizantino, comandada polos patriarcas das súas cinco cidades máis importantes: Roma, Constantinopla, Alexandría, Antioquia e Xerusalén,[22] no Occidente os Papas, invocaban a súa xurisdición sobre todos os asuntos da Igrexa e o dereito de xulgar até mesmo os patriarcas.[23]

Contra 446 o papa León I reivindicou expresamente a súa autoridade sobre toda a Igrexa: "O coidado da Igrexa universal debe converxer para a cadeira de Pedro, e nada debe estar separado da súa cabeza".[24][25]

No ano 1054, o papa León IX que, ameazado polos normandos, buscaba unha alianza con Bizancio, mandou unha embaixada a Constantinopla encabezada polo seu colaborador, o cardeal Humberto de Silva Candida, e formada polos arcebispos Frederico de Lorena e Pedro de Amalfi. Os legados papais negaron, á súa chegada a Constantinopla, o título de ecuménico ao Patriarca Miguel I Cerulario e, ademais, puxeron en dúbida a lexitimidade da súa elevación ao patriarcado. O patriarca negouse entón a recibir os legados. O cardeal respondeu publicando o seu Diálogo entre un romano e un constantinopolitano, no que se burlaba dos costumes gregos e, tras excomungar a Cerulario mediante unha bula que depositou sobre o altar da Igrexa de Santa Sofía, abandonou a cidade. Á súa vez, poucos días despois, Cerulario respondeu excomungando o cardeal e o seu séquito, e queimou publicamente a bula romana, co que se iniciou o Cisma.[26][27]

A separación definitiva entre Occidente e Oriente produciuse cando todos os outros patriarcas orientais apoiaron a Constantinopla,[28] chegándose así ao Gran Cisma.

Desenvolvemento dos grupos cristiáns desde o cristianismo primitivo. Gran Cisma (século XI).

Ambas as igrexas reuníronse en 1274, no Segundo Concilio de Lión, e en 1439, no Concilio de Basilea, pero en cada un destes encontros as intencións de conciliación víronse frustradas polo mutuo repudio posterior. En anos recentes, algunhas Igrexas orientais decidiron aceptar a primacía absoluta do Papa e agora denomínanse Igrexas católicas orientais. Con todo, tanto a Igrexa Ortodoxa como a Igrexa Católica reivindican tamén a exclusividade da fórmula "Unha, Santa, Católica e Apostólica" implicándose cada unha como a única herdeira lexítima da Igrexa primitiva ou universal, e atribuíndo á outra o feito de "abandonar a igrexa verdadeira" durante o Gran Cisma.

Porén, tras o Concilio Vaticano II (1962), a Igrexa Católica iniciou unha serie de iniciativas que contribuíron ao acercamento entre ambas as igrexas, e así o papa Paulo VI e o Patriarca Ecuménico Atenágoras I decidiron, nunha declaración conxunta, o 7 de decembro de 1965, "cancelar da memoria da Igrexa a sentenza de excomuñón que fora pronunciada".

Guerras santas

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Cruzadas e Reconquista.

Establecemento da Igrexa Católica como poder hexemónico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estados Pontificios.
O Tapiz de Bayeux representa a Batalla de Hastings.
Maqueta coa reconstrución da abadía de Cluny.
     Imperio mongol No ano 1260 desintegrouse nos reinos:      Khanato da Horda de Ouro      Khanato de Chagatai      Ilkhanato      Dinastía Yuan

Posteriormente ocorreron cambios, cunha redivisión de Europa. Guillerme o Conquistador, duque de Normandía, invadiu Inglaterra en 1066, derrotando os anglosaxóns na Batalla de Hastings. A conquista normanda foi crucial na historia inglesa por diversas razóns. Esta conquista aproximou a Inglaterra á Europa continental coa introdución da aristocracia normanda e, polo tanto, diminuíndo a influencia escandinava. Así, creouse unha das máis poderosas monarquías europeas e un sofisticado sistema gobernamental.

Despois do Cisma de Oriente ou Gran Cisma, o cristianismo occidental foi adoptado polos novos reinos da Europa central: Polonia, Hungría e Bohemia. A Igrexa Católica desenvolveuse como unha gran potencia, dando lugar a conflitos entre o Papa e o Emperador xermánico. En 1129 a Igrexa Católica estableceu a Inquisición para facer dos europeos occidentais os seus membros pola forza. A Inquisición castigaba a aqueles que practicaban a herexía para que se arrepentisen. Se non podían facelo, sufrían a pena de morte.

Até aquela época moitos nobres gobernaran a igrexa. Os monxes de Cluny conseguiron establecer unha igrexa onde no existisen os nobres. O papa Gregorio VII, continuou o labor dos cluniacenses con dous obxectivos principais e complementarios: librar a igrexa do control dos reis e dos nobres e aumentar o poder do Papa.[29] A influencia da Igrexa Católica creceu enormemente debido ás conversións de reis pagáns (Escandinavia, Polonia, Hungría, Lituania), a Reconquista cristiá de Al-Ándalus e as Cruzadas. Como resultado, a maior parte de Europa era católica romana no século XV.

Os primeiros signos do renacemento da civilización en Europa occidental comezaron a aparecer no século XI, cando o comercio comezou de novo a florecer en Italia, dando lugar ao crecemento económico e cultural de cidades-estado independentes, tales como Venecia e Florencia e, ao mesmo tempo, os estados-nación empezaron a tomar forma en lugares como Francia, Inglaterra, España e Portugal, aínda que o proceso da súa formación (polo xeral marcado pola rivalidade entre a monarquía, a aristocracia -señores feudais- e a igrexa) en realidade levou varios séculos. Estes novos estados-nación comezaron a escribir nas súas propias linguas en lugar do tradicional latín. Por outra parte, o Sacro Imperio Romano, baseado esencialmente en Alemaña e Italia, viuse fragmentado nun innúmero de principados feudais ou pequenas cidades-estado, cuxa suxeición ao emperador era só formal.

Os século XIII e XIV, cando o Imperio Mongol alcanzou o seu esplendor, chámase moitas veces a idade dos mongois. Exércitos mongois estendéronse cara ao oeste baixo o mando de Batu Khan. As súas conquistas incluíron a parte occidental de Rusia (salvo Nóvgorod, que se converteu en vasalo),[30] as terras dos cumanos (tamén chamados polovtsianos), Hungría e Polonia (que permanecera como Estado soberano). Rexistros mongois indican que Batu Khan estivo planeando unha completa conquista das restantes potencias europeas, comezando cun ataque de inverno en Austria, Italia e Alemaña, cando debeu regresar a Mongolia tras a morte do Gran Khan Ogodei.[31] En Rusia, os mongois da Horda de Ouro gobernaron durante case 250 anos. En Europa, o centro e o oriente, dominado o Reino de Polonia, Bohemia e Hungría.

Querela das Investiduras

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Querela das Investiduras.

A Querela das Investiduras foi un conflito que enfrontou a papas e reis cristiáns entre 1073 e 1122. A causa do desencontro era a provisión de beneficios e títulos eclesiásticos. Pódese resumir como o conflito que mantiveron pontífices e emperadores pola autoridade nos nomeamentos na Igrexa.

O Papa Gregorio VII. Ilustración nun manuscrito de autor descoñecido do século XI.

En 1073 é elevado á sede pontificia Gregorio VII. A primeira medida que tomou ese mesmo ano foi dirixida á prescrición do celibato eclesiástico mediante a prohibición do matrimonio dos sacerdotes. Numerosísimos bispos, abades e eclesiásticos en xeral prestaban vasalaxe aos seus señores civís en razón dos feudos adquiridos deles. Aínda que un clérigo podía ser receptor dun reduto feudal en condicións paritarias ás de calquera laico, existían determinados feudos eclesiásticos concibidos para seren rexentados por un posuidor das ordes sacras. Sendo territorios de dominio señorial que levaban aparellados dereitos e beneficios feudais, a súa concesión era realizada polos soberanos seculares mediante o oportuno acto de investidura. O conflito xurdía da disociación de funcións e atributos que entrañaba tal investidura.

Pola súa propia natureza de feudo eclesiástico, o beneficiario debía ser un clérigo; de non selo, cousa que sucedía de ordinario, o aspirante quedaba investido eclesiásticamente de modo automático polo acto formal da súa concesión, de tal maneira que o investido recibía simultaneamente os dereitos netamente feudais e a consagración relixiosa. Segundo a doutrina da Igrexa un laico non podía consagrar clérigos, ou o que se tiña por equivalente; non estaba capacitado para outorgar a investidura dun feudo eclesiástico, prerrogativa que se atribuía en exclusiva para si ou para os seus legados o Sumo pontífice.

Para reis e emperadores os feudos eclesiásticos antes que eclesiásticos eran feudos. Os clérigos feudatarios, sen prexuízo da súa condición clerical, eran tan vasalos como os demais, obrigados na mesma medida para co seu señor, comprometidos a subvencionalo económica e militarmente en caso de necesidade. Os monarcas non querían que a discrecionalidade lexislativa do papa os desposuíse da facultade de investir os destinatarios daqueles feudos e de obter a cambio o proveito inherente á concesión feudal.

Dábase ademais a circunstancia de que nos dominios do emperador a clerecía feudal era moi numerosa e constituía un grupo ostentador de cargos de confianza na administración e fundamental para a marcha do goberno da nación. Así, os monarcas facían recaer os cargos eclesiásticos en parentes ou amigos, ou sexa, persoas que "moitas veces eran indignas". Ademais, moitos bispos, abades e os simples clérigos opuxéronse ao cambio da súa situación polo risco de perda das prerrogativas de que xa gozaban nas súas posesións feudais.

Privar o emperador da súa facultade de investir os titulares dos feudos eclesiásticos era tanto como furtarlle o dereito de nomear os seus colaboradores e funcionarios e subtraerlle boa parte dos seus vasalos, os máis leais, os seus valedores financeiros, os que lle sustentaban militarmente. Todo isto era parte da loita entre os Poderes Universais, que se disputaban o Dominium mundi.

As cruzadas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cruzadas.
Sitio de Xerusalén en 1099, primeira cruzada.
Crac dos Cabaleiros. Esta fortaleza, considerada inexpugnábel, controlaba o paso do interior de Siria á costa, e estivo baixo o mando dos Cabaleiros Hospitalarios até 1271, data na que se tomou.
O Reino de Xerusalén e os outros estados cruzados.
Lois IX de Francia (San Lois), último monarca europeo que emprendeu o camiño das Cruzadas.

As cruzadas foron unha serie de campañas militares que tiveron lugar entre os séculos XI e XIII contra os musulmáns, para a recuperación dos Santos Lugares ou Terra Santa. Promovidas e sancionadas polo Papa, comunmente estaban motivadas por estes motivos relixiosos, aínda que a eles sumábanse os intereses expansionistas da nobreza feudal, o control do comercio con Asia e o afán hexemónico do papado sobre as monarquías e as igrexas de Oriente, motivos que tiveron igual, ou maior, importancia que as razóns puramente relixiosas. Leváronas a cabo sobre todo os francos e o Sacro Imperio Romano Xermánico.

As cruzadas, co obxectivo específico de restablecer o control cristián de Terra Santa, libráronse durante un período de case 200 anos, entre 1095 e 1291. Outras campañas en España (a Reconquista) e na Europa oriental continuaron até finais do século XV. Foron sostidas principalmente contra os musulmáns, aínda que tamén varias campañas se fixeron contra os eslavos pagáns, xudeus, os cristiáns ortodoxos gregos e rusos, os mongois, os cátaros, os husitas, os valdenses, os prusianos e, principalmente, os inimigos políticos dos papas.

A derrota bizantina na batalla de Manzikert (1071), a mans dos turcos seléucidas, provocou que o basileus Aleixo I Comneno escribise unha carta ao papa Urbano II, solicitándolle o envío de mercenarios que loitasen por Bizancio contra os turcos. Urbano II foi máis alá desta limitada expedición e, no concilio de Clermont (1095) predicou a Primeira Cruzada ao berro de Quéreo Deus!, co obxectivo de liberar Xerusalén de mans musulmás (nas que levaba xa 400 anos).

Distínguense catro cruzadas principais, realizadas entre 1095 e 1203, e nas que se formaron varios reinos cristiáns na rexión que tiveron diversa fortuna (o máis prezado, o de Xerusalén, pasou das mans cristiás ás musulmás varias veces), ás que seguiron as denominadas cruzadas menores.

A predicación de Urbano II provocou unha vaga de fervor tanto no pobo chan como na pequena nobreza (non así nos reis, que non participaron na primeira expedición), polo que este grupo formou a chamada Cruzada dos pobres. De xeito desorganizado dirixíronse cara a Oriente, provocando matanzas de xudeus ao seu paso. Á súa chegada a Bizancio, o basileus enviounos, apresuradamente, ao outro lado do Bósforo. Despreocupadamente internáronse en territorio turco, onde os aniquilaron facilmente.

Moito máis organizada foi a chamada Cruzada dos príncipes, formada por unha serie de continxentes armados, procedentes principalmente de Francia, os Países Baixos e o reino normando de Sicilia. Estes grupos ían dirixidos por xentes da nobreza como Godofredo de Bouillon, Raimundo de Tolosa e Bohemundo de Tarento. Desde Bizancio foron para Siria atravesando o territorio seleúcida, onde conseguiron unha serie de sorprendentes vitorias. Puxeron sitio a Antioquía, que conquistaron. De alí foron a Xerusalén, que caeu nas súas mans o 15 de xullo de 1099. Na conquista os cruzados realizaron unha terríbel matanza, que non respectou a xudeus ou musulmáns, mulleres ou nenos.

Despois de moitas vicisitudes, en 1199 o papa Inocencio III decidiu convocar unha nova cruzada (a IV), para aliviar a situación dos estados cruzados. Esta Cuarta Cruzada non debería incluír reis e ir dirixida contra Exipto, considerado o punto máis débil dos estados musulmáns. Como non era posíbel seguir a rota terrestre, os cruzados empregaron a rota marítima, polo que se concentraron en Venecia. O dogo Enrico Dandolo coligouse co xefe da expedición Bonifacio de Montferrato, e cun usurpador bizantino, para cambiar o destino da cruzada e dirixila contra Constantinopla, ao estar os tres interesados na deposición do basileus do momento, Aleixo III Anxo. Inicialmente, os cruzados empregáronse para a loita contra os húngaros, en Zara, polo que foron excomungados polo Papa. Dende alí dirixíronse a Bizancio, onde conseguiron instalar a Aleixo IV como basileus en 1203. Porén, o novo basileus non puido cumprir as promesas feitas aos cruzados, o que orixinou todo tipo de disturbios. Foi deposto polos propios bizantinos, que coroaron a Aleixo V Ducas. Isto provocou a intervención definitiva dos cruzados, que conquistaron a cidade o 12 de abril de 1204. O saqueo da cidade foi terríbel. Miles de cristiáns (incluíndo mulleres e nenos) resultaron asasinados a mans dos cruzados. Desvalixaron e destruíron mansións, palacios, igrexas e a propia basílica de Santa Sofía. Europa occidental recibiu un aluvión de obras de arte e reliquias sen precedentes, produto deste saqueo.

Con isto chegaba ao seu fin o Imperio Bizantino, que se desmembrou nunha serie de estados, algúns latinos e outros gregos. Destes, o chamado Imperio de Nicea conseguiría restaurar unha sombra do Imperio Bizantino en 1261. Os cruzados estableceron o chamado Imperio Latino, organizado feudalmente e cunha autoridade moi débil sobre a maioría dos territorios que supostamente controlaba (e nula sobre os estados gregos de Nicea, Trebisonda e Epiro). A Cuarta Cruzada asestou un dobre golpe aos estados francos de Palestina. Dunha banda, privounos de reforzos militares. Por outra, ao crear un polo de atracción en Constantinopla para os cabaleiros latinos, produciu a emigración de moitos que estaban en Terra Santa cara ao Imperio Latino, abandonando os estados francos.

Tras o fracaso da cuarta cruzada, o espírito cruzado apagárase case por completo, aínda que algúns reis e papas trataban de reavivalo. Se os estados francos sobreviviron até 1291 foi pola intervención dos mongois, que ao acabar co Califato abbasí en 1258 e conquistar a rexión de Oriente Medio, deron un respiro aos latinos, a non ser os mongois hostís ao cristianismo. A primeira das cruzadas menores, a V, foi organizada por Inocencio III e partiu en 1218. Como a IV, tiña como obxectivo conquistar Exipto. Tras o éxito inicial da conquista de Damietta na desembocadura do Nilo, que aseguraba a supervivencia dos estados francos, aos cruzados púidolles a ambición e intentaron atacar O Cairo, fracasando e debendo abandonar incluso o que conquistaran, en 1221. O papa ordenara ao emperador Frederico II Hohenstaufen que fora ás cruzadas como penitencia. O emperador asentira, pero foi demorando a partida, o que lle valeu a excomuñón. Finalmente, Frederico II (que tiña pretensións propias sobre o trono de Xerusalén) partiu en 1228 sen o permiso papal. Sorprendentemente, o emperador conseguiu recuperar Xerusalén mediante un acordo diplomático. Tamén obtivo Belén e Nazaret.

En 1244 caeu de novo Xerusalén (esta vez de modo definitivo), o que moveu o devoto rei Lois IX de Francia (San Lois) a organizar unha nova cruzada, a sétima. Como a V, dirixiuse contra Damietta, pero foi derrotado e feito prisioneiro en Masura (Exipto) con todo o seu exército. Volveu a Francia, e emprendeu a chamada VIII Cruzada (1270), contra Tunisia, aínda que en realidade, máis que unha cruzada, era unha campaña para apoiar os intereses do seu irmán Carlos de Anjou, rei de Nápoles, que quería evitar a competencia dos mercadores tunesinos. A peste rematou co rei Lois e con gran parte do seu exército.

Aínda que algúns papas intentaron predicar novas cruzadas, xa non se organizaron máis e no 1291 os cruzados evacuaron as súas derradeiras posesións en Tiro, Sidón e Beirut, coa caída de San Xoán de Acre.

A Reconquista

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Reconquista.
Escena dunha batalla do libro de cantigas de Afonso X o Sabio.

A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente o proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica foron conquistando, lenta e progresivamente, o Al-Ándalus. Considérase que comeza en 722, ano en que as sociedades montañesas do norte da península, que se resistían ao avance dos musulmáns, véncenos na Batalla de Covadonga, e que finaliza en 1492 coa conquista do Reino de Granada polos chamados Reis Católicos.

Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e, polo tanto, inapropiado, dado que os reinos cristiáns que conquistaron o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos do antigo reino visigodo de Toledo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Polo tanto, suxeríronse varias denominacións alternativas, como Conquista cristiá, Conquista feudal de Al-Ándalus ou, directamente, Colonización feudal da península Ibérica, entre outras.[32][33]

Cómpre ter presente tamén que a colonización de Al-Ándalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal desde o núcleo orixinal do feudalismo, o centro da Europa occidental, cara á periferia, sendo así un proceso histórico que responde aos mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos, como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá cara ao leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou "Marcha ao leste"), ou a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.

A Carta Magna

[editar | editar a fonte]
Magna Carta Libertatum de 1215.

A Carta Magna ("Gran Carta" en latín), tamén coñecida como Magna Carta Libertatum, é un documento de 1215 que limitou o poder dos monarcas de Inglaterra, especialmente o do rei Xoán sen Terra, quen a asinou, impedindo así o exercicio do poder absoluto. Foi o resultado dos desencontros entre Xoán, o papa e os nobres ingleses sobre as prerrogativas do soberano. De acordo cos termos da Carta Magna, Xoán debía renunciar a certos dereitos e respectar determinados procedementos legais, recoñecendo que a vontade do rei estaría suxeita á lei. Considérase a Carta Magna coma o primeiro capítulo dun longo proceso histórico que levaría ao xurdimento do constitucionalismo.

A Peste Negra

[editar | editar a fonte]

A peste negra [34] foi unha devastadora pandemia que asolou Europa (e outras partes do Vello Mundo) no século XIV e que causou a morte de entre un 30 a un 60 % da poboación do continente, segundo as estimacións, reducindo a poboación mundial desde os 450 millóns até os 350 ou 375 millóns no ano 1400.[35] A maior parte dos científicos cre que a peste negra foi un gromo de peste bubónica, terríbel enfermidade que se estendeu en forma de epidemia varias veces ao longo da historia. Esta peste está causada por infección da bacteria Yersinia pestis, que se transmite polas pulgas (Xenopsylla cheopis) coa axuda da rata negra (Rattus rattus), hoxe con poboacións moi diminuídas.[36]

O despertar de Europa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade Moderna.
Home de Vitruvio de Leonardo da Vinci, exemplo da combinación de ciencia e arte.
Martiño Lutero
Retratado aos 46 anos, por Lucas Cranach o Vello, 1529.

Renacemento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Renacemento.

Durante o século XV, en Francia, Inglaterra e España, novos monarcas formaron poderosas nacións. Na Europa central e oriental, a República das Dúas Nacións, desde o ano 1655 o Reino de Polonia-Lituania foi o estado máis forte na parte oriental. Máis tarde comenzaría a era da dominación de Rusia e Austria.

A Igrexa Católica estaba perdendo poder pola corrupción, os conflitos internos e o xurdimento na cultura, nos medios artísticos, filosóficos, científicos e tecnolóxicos, do movemento renacentista.

A Reforma

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Reforma protestante.

Martiño Lutero empezou a reforma en 1517,[37] o que provocou guerras e persecucións relixiosas, con enormes implicacións para Europa.

Henrique VIII de Inglaterra autoproclamouse cabeza da Igrexa, e o Imperio, baixo os Habsburgo, foi atacado polos príncipes protestantes de Alemaña. En Europa Central, polacos, lituanos e húngaros adoptaron a tolerancia relixiosa entre católicos, protestantes, ortodoxos e xudeus. Pola súa parte, os denominados Reis Católicos, Isabel de Castela e Fernando de Aragón, estaban moi preocupados pola posíbel decadencia da súa relixión, polo que tomaron medidas cautelares.[38]

Era dos descubrimentos. Expansión colonial

[editar | editar a fonte]
Mapa político de América en 1794.

Desde principios do século XV, estendéndose até comezos do XVII, os navíos de Europa sucaron os mares do mundo en busca de novos socios e rotas comerciais cos que se puido contribuír ao florecente capitalismo europeo. Durante estas exploracións, os europeos descubriron e cartografaron territorios que anteriormente non coñecían.

Os novos estados tiñan os recursos pera comezar a exploración e, despois, a conquista de diversas rexións en todo o mundo, particularmente en Asia e no novo continente americano. No século XV Portugal foi o pioneiro da exploración xeográfica, seguido por España, no século XVI, de xeito que foron os primeiros países en establecer colonias en América, África e Asia. Pouco despois, Francia, Inglaterra e os Países Baixos farían o mesmo.

A expansión e o control colonial continuou durante tres séculos. España dominou case toda Suramérica, boa parte de Norteamérica, o Caribe e as Filipinas.

Gran Bretaña estableceu colonias en Norteamérica (Nova Inglaterra), a India, África, Australia e Nova Zelandia.

Francia tivo o control de diversas rexións do Canadá e Norteamérica (Luisiana) e a India (territorios que perdería na guerra con Inglaterra en 1763), Indochina e diversas amplas rexións de África.

Os Países Baixos estableceron colonias en Suramérica, o Caribe e Indonesia.

Portugal colonizou o Brasil e diversos territorios de África e de Asia.

E, moito despois, outras nacións como Alemaña, Bélxica, Italia e Rusia comezaron tamén o proceso de colonización, principalmente en África e en Asia.

A Ilustración

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ilustración.
Rousseau.
Denis Diderot, fundador da Enciclopedia Francesa.

No século XVIII dominou en Europa a Ilustración, movemento cultural e intelectual de pensamento baseado no corpo doutrinal dun grupo de filósofos –especialmente franceses e ingleses– que se desenvolveu desde finais do século XVII até o inicio da Revolución francesa, aínda que nalgúns países se prolongou durante os primeiros anos do século XIX. Foi denominado así pola súa declarada finalidade de disipar as tebras da humanidade mediante as luces da razón. O século XVIII coñécese, por este motivo, como o Século das Luces.

A Ilustración facía énfase na razón e na ciencia como formas de explicar o universo. Os seus pensadores sostiñan que a razón humana podía combater a ignorancia, a superstición e a tiranía, e construír un mundo mellor. O seu pensamento partía do suposto de que o ser humano nacera para ser feliz, de que a razón humana era capaz por si soa de alcanzar a verdade e dos principios fundamentais da teoría de John Locke e, a partir de aí, os filósofos ilustrados propoñían unha nova forma de Estado que garantise a liberdade, a seguridade e a prosperidade e que, como consecuencia, fose representativa e non totalmente dependente da vontade do monarca. Pero, para que triunfase esta postura, os filósofos eran conscientes de que tiña que cambiar a sociedade para basearse na tolerancia e a igualdade legal (aínda que non así a económica). Montesquieu, que teorizou sobre a separación de poderes, Voltaire, defensor da liberdade de pensamento, e Rousseau, que expresou o principio de soberanía nacional, foron os filósofos que máis influencia exerceron nos seus contemporáneos.

A Ilustración tivo unha grande influencia en aspectos económicos, políticos e sociais da época. A expresión estética deste movemento intelectual denominaríase Neoclasicismo.[39][40][41]

Revolución política

[editar | editar a fonte]
Lois XVI de Francia.
Toma da Bastilla, 14 de xullo de 1789.
A liberdade guiando ao pobo, (de Delacroix) idealización das revolucións liberais.
Napoleón I, Emperador de Francia.

A finais do século XVIII a negativa do rei de Francia Lois XVI (apoiada pola nobreza e o clero) de compartir o poder político co chamado Terceiro Estado orixinou a Revolución francesa en 1789, como un intento de crear unha nova forma de goberno baseada nos principios de Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade e Fraternidade). O rei foi executado, Francia foi proclamada unha república e estableceuse unha especie de goberno democrático. No subseguinte conflito (relacionado coa coalición da maioría das monarquías europeas que lle declararon a guerra á Francia republicana) o xeneral Napoleón Bonaparte tomou o poder.

Nos anos da era napoleónica, Francia venceu repetidamente a Austria (cuxo monarca foi forzado a abdicar o título de Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico; a partir de entón ostentou o título de Emperador de Austria), Rusia, Prusia e outras potencias aliadas, principalmente Inglaterra. Tamén organizou a Confederación do Rin. Despois de ser proclamado emperador francés en 1804, Napoleón foi derrotado finalmente na Batalla de Waterloo, en 1815.[42]

Despois da derrota da Francia napoleónica, as grandes potencias trataron de restaurar a situación que existía antes de 1789 (Congreso de Viena, 1815) pero os seus esforzos non foron suficientes como para deter a proliferación dos movementos revolucionarios e nacionalistas: as clases medias estaban fortemente influídas polos ideais de democracia emanados da Revolución francesa, e a Revolución industrial trouxo outros cambios sociais e económicos, mentres que as clases baixas empezaron a ser influídas por ideas socialistas, comunistas e anarquistas (especialmente as resumidas por Karl Marx no Manifiesto do Partido Comunista, e a preferencia dos novos capitalistas polo Liberalismo).

Revolución industrial

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Revolución industrial.

Na segunda metade do século XVIII iníciase en Inglaterra unha transformación das estruturas económicas e sociaies que serviu de base para o posterior desenvolvemento da revolución industrial no século XIX.[43] A expansión colonial comportou un aumento na demanda de produtos que non podía cubrirse coa protoindustria tradicional. A creación de fábricas, co conseguinte aumento significativo da produción e as consecuencias sociais que estas trouxeron, o cambio no comercio téxtil, pasando da la ao algodón, co desenvolvemento de novas tecnoloxías aplicadas a todo o proceso de produción téxtil e, sobre todo, a invención da máquina de vapor e a súa aplicación práctica no ferrocarril e, pouco despois, ás industrias, supuxeron unha revolución económica que comportou unha auténtica ruptura co modelo económico medieval.

Os nacionalismos

[editar | editar a fonte]
Otto von Bismarck, artífice da unificación alemá.[44]

A maior inestabilidade veu da aparición de varios movementos nacionalistas (en Alemaña, Italia, Polonia etc.), que buscaban a unificación dos seus nacionais e/ou a súa liberación da dominación estranxiera. Como resultado, o período entre 1815 e 1871 viu un gran número de intentos revolucionarios e guerras de independencia. Aínda que os revolucionarios eran comunmente derrotados, a maioría dos estados europeos foron, pouco a pouco, converténdose en monarquías constitucionais (deixando de seren absolutistas). Contra o ano 1871, Alemaña (vitoriosa na guerra franco-prusiana) desenvolvérase como un estado nacional unificado baixo a forma do Imperio alemán (o Segundo Reich),[45] cuxo arquitecto foi Otto von Bismarck, o chamado chanceler de ferro. Italia, cuxos estados tamén estaban divididos, e algúns deles sometidos ao Imperio Austro-Húngaro, ademais dos Estados Pontificios,[46] logrou a unificación baixo o liderado de Cavour, primeiro ministro do Piemonte (Reino de Sardeña) e do revolucionario Giuseppe Garibaldi.

A dinámica política de Europa cambiou en dúas ocasións durante o século XIX. A primeira, tras o Congreso de Viena, e a segunda, despois da guerra de Crimea. En 1815, durante o Congreso de Viena, as principais potencias de Europa trataron de establecer un balance pacífico do poder entre os Imperios despois das guerras napoleónicas (a pesar de que ocorreran movementos revolucionarios internos). Pero a paz só duraría até que o imperio Otomán declinara o suficiente como para converterse en albo dos demais.[47] Isto provocou a guerra de Crimea en 1854, iniciándose así un tenso período de choques menores dentro dos Imperios de Europa que prepararon o estalido da primeira guerra mundial.

Véxase tamén: Guerras balcánicas.

Desde 1870, a hexemonía que Bismarck exerceu ao longo de Europa puxo a Francia nunha situación crítica, obrigando ao país galo a reconstruír as súas relacións internacionais, buscando alianzas con Rusia e Inglaterra para controlar o crecente poderío de Alemaña. Deste xeito, Europa dividiuse en dúas zonas, que trataron de incrementar e mellorar as súas forzas militares.

Véxase tamén: Tripla Entente.

Fin da hexemonía europea

[editar | editar a fonte]
Alianzas militares europeas en 1910. Os aliados da Tripla Entente en verde folla e as Potencias Centrais da Tripla Alianza en verde oliva.
Expansión de Alemaña de 1935 a 1939.
Fotografía aérea de Colonia, destruída por bombardeos aliados durante a II guerra mundial.

Despois dunha relativa paz durante o século XIX, a rivalidade entre as grandes potencias europeas estalou en 1914, cando se iniciou a primeira guerra mundial.[48] Dun lado estaban o Imperio Alemán, o Imperio Austrohúngaro e o Imperio Otomán (as chamadas Potencias Centrais), mentres que do outro estaba Serbia, aliada de Rusia, e a Tripla Entente, vaga coalición de Francia, Inglaterra e Rusia, á que se uniría Italia en 1915 e os Estados Unidos en 1917. A pesar da derrota de Rusia en 1917 (a guerra foi unha das principais causas da Revolución rusa, que culminou na formación da Unión Soviética), a Entente finalmente conseguiu o triunfo no outono de 1918.

No Tratado de Versalles de 1919 os vencedores impuxéronlle duras condicións a Alemaña e recoñeceron os novos estados, como Polonia, Checoslovaquia e Iugoslavia, creados en Europa central con territorios que pertenceron a Alemaña, Austria-Hungría e Rusia, tomando como base a suposta autodeterminación dos pobos.

Nas seguintes décadas o temor ao comunismo e a Depresión económica de 1929-33 provocaron o auxe de gobernos extremistas -fascistas ou nazis- en Italia (1922), Alemaña (1933), España (logo dunha guerra civil que finalizou en 1939) e noutros países como Hungría.

Desde 1936 os futuros belixerantes de Europa na segunda guerra mundial comenzan a enfrontarse directa ou indirectamente no marco da guerra civil española. O 25 de outubro o Ministro de Asuntos Exteriores italiano Galeazzo Ciano visitou a Alemaña nazi, visita que deu lugar ao Pacto do Eixe Roma-Berlín. O acordo consolidou as posicións de Alemaña e Italia contra Gran Bretaña e Francia. O 25 de novembro seguinte, Xapón e Alemaña asinaron o Pacto Anti-Komintern. E en 1939 Alemaña e a URSS asinaron o Pacto Molotov-Ribbentrop, no protocolo secreto do cal se dispoñía a repartición da Europa central e do leste baixo influencia alemá e rusa, respectivamente, e establecía unha cuarta partición de Polonia.

O 1 de setembro Hitler ordenou, sen previa declaración de guerra, a invasión de Polonia,[49] o que motivou que Francia e o Reino Unido declararan a guerra a Alemaña o 3 de setembro. A URSS ocupou a parte oriental de Polonia, segundo acordara o pacto xermano-soviético, matando miles de oficiais polacos no que se coñece como o masacre de Katyń; posteriormente atacou Finlandia, o 30 de novembro, no que adoita coñecerse como a guerra de Inverno pero, enfrontada a unha resistencia inesperada, ambos os países firmaron a paz en Moscova o 2 de marzo de 1940, na que Finlandia cedeu a maior parte dos seus territorios da Carelia a cambio de conservar a súa independencia (territorios que non volvería recuperar).

Despois da fulminante conquista de Polonia, Alemaña invadiu Dinamarca e Noruega, esperando a intervención de Francia e o Reino Unido, pero como estes dous países non tomaron a iniciativa de atacar, non se produciu ningunha acción bélica en varios meses (tempo coñecido co termo francés Drôle de guerre (guerra graciosa ou, mellor guerra parva), até a invasión dos Países Baixos, Bélxica e Francia por parte de Alemaña, en maio e xuño de 1940 (Blitzkrieg ou guerra relampo).

Xudeus húngaros chegando ao campo de concentración de Auschwitz.

Desde a guerra contra Finlandia, Stalin estivera realizando esforzos apurados para modernizar o Exército Vermello, xa que tanto el como Hitler sabían que o tratado de amizade que firmaran non duraría moito tempo. Porén, Hitler adiantouse aos plans de Stalin e, en xuño de 1941, Alemaña lanzou a Operación Barbarroxa contra a Unión Soviética, cuxo obxectivo final era a derrota do enorme país eslavo en só tres meses, co que desta maneira Alemaña deixaría os ingleses sen un posíbel aliado (ademais de conseguir o ansiado territorio para a súa expansión territorial cara ao leste para levar a cabo a súa política de "espazo vital" (Lebensraum en alemán).

Italia, despois de ser invadida polos aliados, derrocou a Mussolini, cambiou ao bando aliado en 1943, facendo o mesmo Romanía en 1944, ao ser invadida polos rusos. Alemaña capitulou o 7 de maio de 1945, despois de que caera Berlín o 2 de maio ante as forzas soviéticas. O 8 de maio firmouse o armisticio que puxo fin á guerra en Europa.[50]

As dúas guerras mundiais terminaron coa posición preeminente de Europa Occidental, que pasou a ser ocupada polos Estados Unidos.

Guerra fría

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Guerra fría.
Conferencia de Ialta: de esquerda a dereita, Churchill, Roosevelt e Stalin.
Influenzaa militares na Europa da guerra fría. A OTAN en azul e o Pacto de Varsovia en vermello.
Francisco Franco xunto ao presidente estadounidense Eisenhower, en 1959.
Gorbachev e Ronald Reagan asinando o Tratado INF[51] na Casa Branca, 1987.
Derribando o Muro de Berlín, 1989.
Bandeira da CEE e, despois da súa transformación, da UE.

O mapa de Europa foi redebuxado na Conferencia de Ialta e foi dividido, como a principal zona de contención na guerra fría, entre as dúas novas potencias emerxentes, a capitalista Estados Unidos e a comunista Unión Soviética. Os Estados Unidos puxeron a Europa occidental (Inglaterra, Francia, Italia, Alemaña Occidental etc.) dentro da súa esfera de influencia, establecendo a OTAN como unha medida precautoria en contra dunha posíbel invasión soviética; a Unión Soviética fixo o mesmo coa Europa centro-oriental (Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Romanía, Bulgaria, Alemaña Oriental), reaccionando contra o establecemento da OTAN coa fundación do Pacto de Varsovia. A liña de separación da Europa occidental e a oriental coñeceuse coa expresión metafórica de "Pano de aceiro".

A situación de España foi, en certo modo, anómala. No famoso encontro de Hendaia, Franco adquirira o compromiso de adherirse ao Eixe, pero deixaba en mans de España a data desa unión, que non chegou a materializarse. Os requirimentos de Hitler nunca foron atendidos. Alemaña pediu a intermediación de Italia, e Franco entrevistouse con Mussolini en Bordighera o 12 de febreiro de 1941; Mussolini entendeu os argumentos españois para a dilación da súa incorporación ao Eixe, e saíu da entrevista coa certeza de que Franco non podía, nin quería, ir á guerra. España dependía das subministracións de Gran Bretaña e negociou outros con EEUU. O Reino Unido, que establecera un bloqueo marítimo internacional contra Alemaña, utilizou a arma da concesión de permisos de circulación de buques con trigo e gasolina destinados a España para facer presión sobre esta e forzala a preservar a súa neutralidade; Estados Unidos usou a arma do petróleo co mesmo fin.[52]

Porén, Franco, sen alterar a súa declaración de non belixerancia,[53] consecuentemete seguiu prestando apoio a Alemaña. Os submarinos alemáns utilizaron os portos españois, especialmente os galegos, como base para as súas reparacións e avituallamento, o que lles permitía estender o seu raio de acción. Tamén os avións da Luftwaffe utilizaron os aeroportos españois cos mesmos fins, quedando demostrado polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas que operaron desde eles en misións contra a frota aliada.[54] E en xuño de 1941, tras unha belixerante campaña de prensa, creouse a División Azul, que loitaría canda Alemaña na fronte rusa até 1944.

Coa evolución da guerra, ante a inminente derrota do Eixe, a primeira evolución do franquismo foi a súa "desfascistización". En 1943 a Delegación Nacional de Propaganda daba instrucións moi concretas: "Como norma xeral deberá terse en cota a seguinte: en ningún caso, baixo ningún pretexto, tanto en artigos de colaboración coma en editoriais e comentarios [...], farase referencia a textos, idearios ou exemplos estranxeiros ao referirse ás características e fundamentos políticos do noso movemento. O Estado español aséntase exclusivamente sobre principios, normas políticas e bases filosóficas estritamente nacionais".[55] Aínda que non cesou a colaboración, o Réxime foi afastándose paulatinamente do Eixe e, coa caída do Terceiro Reich, enviáronse directrices para que a derrota se vise como un triunfo do Réxime xa que España, segundo ditas directrices, se mantivera afastada da guerra e sempre estivera preocupada pola paz.[56] No plano internacional, Franco iniciaría en outono de 1944 unha operación de cosmética política que daría ao Réxime unha fachada máis aceptábel, e o 3 de novembro Franco declararía á axencia United Press que España nunca fora nazi ou fascista.

En 1945, a ONU, acabada de crear, rexeitou o ingreso de España e recomendou aos seus membros a retirada dos embaixadores en 1946: "Non hai lugar nas Nacións Unidas para un goberno fundado sobre principios fascistas".[57] Só a Arxentina de Perón firmou un tratado de relacións comerciais en xaneiro de 1947, ratificado coa visita de Evita, a Primeira Dama, en xuño do mesmo ano. Pero esta situación terminou, en parte, durante a guerra fría, cando as necesidades xeoestratéxicas dos Estados Unidos fixéronlle colaborar con España. Estados Unidos intentou incluír a España na OTAN, pero ante a oposición dos países europeos, principalmente do Reino Unido, reconduciu a súa estratexia, que acabaría coa firma dun tratado bilateral. En 1950 a ONU revoga a súa resolución de 1946 para a retirada de embaixadores, pero é especialmente a partir da firma do pacto de 1953 cos Estados Unidos, o ingreso na ONU en 1955 e a posterior visita do presidente Dwight D. Eisenhower a Franco en 1959, para establecer bases militares estadounidenses en España, cando se produce unha maior apertura internacional do réxime franquista.

A situación de enfrontamento leste-oeste durou até 1989, cando o debilitamento da Unión Soviética (e das democracias populares europeas) conduciron a Mikhail Gorbachev a poñer en marcha as súas reformas estruturais políticas e económicas na URSS, coñecidas polos seus nomes rusos glásnost e perestroika, que minaron o monopolio exercido polo comunismo nos países do leste e puxeron fin á guerra fría e, como consecuencia, tamén á división de Europa. Os gobernos dos aliados europeos da URSS, presionados pola poboación, que desexaba cambios cara á democracia e á occidentalización, víronse libres para disolver os réximes comunistas, sendo o fito máis emblemático a caída do muro de Berlín, que fixo que as dúas Alemañas puidesen reunificarse. En 1991 a mesma Unión Soviética colapsou, dividíndose en varios estados (o principal quedou como a Federación Rusa), e disolvéronse a maioría dos gobernos comunistas.[58]

Despois do fin da segunda guerra mundial, Europa occidental iniciou lentamente un proceso de integración política e económica, co desexo de unir Europa e así previr outra guerra no futuro. Este proceso deu como resultado o desenvolvemento de organizacións como o Benelux (Unión Económica do Benelux) fundado en 1944 e que entrou en vigor en 1948, legalizando o libre paso de persoas, bens de consumo e de capitais, favorecendo así unha rápida recuperación económica, ou a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) en 1951, que foi un organismo que regulaba os sectores do carbón e do aceiro dos Estados membros. O éxito destas institucións foi tal que, en 1957, o Benelux, Italia, Francia e Alemaña occidental asinaron o Tratado de Roma nacendo así a CEE que, máis tarde, se convertería na actual Unión Europea.

Unificación en Europa e rexurdimento de Rusia

[editar | editar a fonte]
Billetes de euro.
Durão Barroso, Tony Blair, George W. Bush e José María Aznar nos Azores, preparando a guerra de Iraq.
Dmitrii Medvedev e José Manuel Durão Barroso.
Vladimir Putin.

O 9 de maio de 1950, Robert Schuman pronunciou o célebre discurso coñecido como Declaración Schuman o que, tal como o recoñece oficialmente a Unión Europea, significou o primeiro paso para a formación desta organización.[59]

O que sería a UE iniciouse como unha vaga alianza económica entre nacións europeas, pero se requiría un maior esforzo para integrar estreitamente os estados membros e converter a Unión nunha organización supranacional. O proceso de integración de Europa foi lento debido á negativa da maioría dos estados membros a ceder parte da súa soberanía.

De calquera xeito, o proceso empezou a acelerarse a principios dos anos 1990. As nacións integrantes crearon unha zona de libre comercio e eliminaron a maioría das barreiras aduaneiras ao longo das súas fronteiras.

A nova moeda para Europa, o euro, foi establecida virtualmente en 1999, unindo oficialmente as moedas de cada nación participante, e posto en circulación física o 1 de xaneiro de 2002, co que as vellas moedas despareceron nuns meses.

Pese ao fortalecmento da unidade continental, Europa non soubo, e non puido, evitar conflitos tan graves como as guerras iugoslavas. Por outra parte, en 2003 algúns países europeos, encabezados por Alemaña, Francia e Rusia, opuxéronse ao novo concepto estadounidense de guerra preventiva e rexeitaron participar na invasión de Iraq, mentres que outros, encabezados pola Gran Bretaña, España, Italia, e Polonia, apoiaron a guerra de Iraq e enviaron efectivos militares.

O 19 de marzo de 2004 representantes de todos os estados membros da Unión asinaron un novo tratado para establecer a Constitución Europea,[60] suxeito a ratificación por todos os estados membros. Cando estaba en proceso de ratificación, en 2005, os votantes de Francia (29 de maio) e dos Países Baixos (1 de xuño) rexeitaron o tratado en referendo. A falta de apoio popular da constitución nestes estados fixo que outros países pospuxesen ou detivesen os seus procesos de ratificación.

Despois do rexeitamento da Constitución Europea nos referendos francés e neerlandés, así como o posíbel rexeitamento noutros estados membros, obrigou os países europeos a deixar a un lado o texto. Dous anos despois, a presidencia alemá do Consello da Unión promoveu a redacción dun novo documento, que viñese substituír parcialmente o texto constitucional, que acadase un maior consenso entre os gobernos e que completase o proceso de reforma institucional iniciado tras a ampliación a 25 membros. Este texto presentouse o 19 de maio de 2007 e, publicamente, no cumio do 18 de outubro dese ano, no mosteiro dos Xerónimos de Lisboa, sendo asinado este Tratado de Lisboa por todos os presidentes de goberno dos 27 países o 13 de decembro, agás polo británico Gordon Brown, que foi substituído polo seu ministro de Exteriores David Miliband.

O tratado debería ser ratificado polos estados membros ao longo do ano 2008, e se fose así, entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2009. Esa ratificación sería unicamente parlamentaria en 25 estados, mentres que necesitaría un referendo en Irlanda.[61] Despois de superar o problema do referendo irlandés,[62] e do caso checo, onde as cousas non estaban moi claras: o Goberno checo asinara o Tratado e as dúas cámaras do Parlemento ratificárano, pero esta ratificación debía ser promulgada polo Presidente Vaclav Klaus, reputado euroescéptico,[63] o Tratado de Lisboa quedou en condicións de entrar en vigor.

Por outra parte a UE é a primeira potencia comercial, representando o 20 % das importacións e exportacións mundiais,[64]

Rusia reafirmou o seu poderío tras o final da Era Eltsin.[65][66]

Tras a crise financeira de 1998 Eltsin encontrábase no ocaso da súa traxectoria. Só uns minutos antes do primeiro día do ano 2000, dimitiu por sorpresa deixando o goberno en mans do seu primeiro ministro, Vladimir Putin, un antigo funcionario do KGB e xefe da súa axencia sucesora tras a caída do comunismo.

En 2000, o novo presidente derrotou con facilidade os seus contrincantes nas eleccións presidenciais do 26 de marzo, gañando en primeira volta. En 2004 foi reelixido co 71 % dos votos e os seus aliados gañaron as lexislativas, pese ás reticencias de observadores nacionais e estranxeiros sobre a limpeza dos comicios. Pero a economía do país recuperouse e continuou en crecemento.

Galería de mapas[67]

  1. Goodman, M., Tagle, D., Fitch, D., Bailey, W., Czelusniak, J., Koop, B., Benson, P., Slightom, J. (1990). "Primate evolution at the DNA level and a classification of hominoids". J Mol Evol 30 (3): 260–6. PMID 2109087. doi:10.1007/BF02099995. 
  2. "Hominidae Classification". Animal Diversity Web @ UMich. Consultado o 312012. 
  3. "Homo Sapiens: más influencia de Asia que de África". Deutsche Welle 14.08.2007 (en español). 2007. Arquivado dende o orixinal o 21/03/2008. Consultado o 3/1/2012.. 
  4. Trinidad Nájera. "Prehistoria de Europa". Departamento de Prehistoria y Arqueología de la Universidad de Granada. Consultado o 5/1/2012. 
  5. Este disco é a representación máis antiga que se coñece da bóveda celeste."Disco celeste de Nebra". Deutsche Welle 22.02.2006 (en español). 2006. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2008. Consultado o 3 de xaneiro de 2012. 
  6. "El más viejo de los "modernos"". BBC 23.09.2003 (en español). 2003. Consultado o 3 de xaneiro de 2012. 
  7. "El ADN humano más antiguo". BBC 06.06.2006 (en español). 2006. Consultado o 10 de xuño de 2008. 
  8. "Prehistoria de Europa". El Cultural. Arquivado dende o orixinal o 29/07/2012. Consultado o 5/1/2012. 
  9. "El Partenón se muda para evitar la contaminación". Diario EL PAÍS 10.04.2008 (en español). 2005. Consultado o 3 de xaneiro de 2012. 
  10. "Partenón". Enciclopedia Encarta (en español). 2008. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2008. Consultado o 3 de xaneiro de 2012. 
  11. "Macedonia (región histórica)". Enciclopedia Encarta (en español). 2008. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2008. Consultado o 3 de xaneiro de 2012. 
  12. "Siete mil años de arte persa". Almendron (en español). 2007. Consultado o 3 de xaneiro de 2012. 
  13. Fletcher, Banister, "Sir Banister Fletcher's A History of Architecture", Architectural Press; 20 edition (11 de setembro de 1996), ISBN 978-0-7506-2267-7, pp 172
  14. Caesar Flavius Heraclius Augustus (César Flavio Heraclio Augusto), Capadocia, ca. 575 - Constantinopla, 11 de febreiro de 641, foi emperador de oriente desde o 5 de outubro de 610 até a súa morte. No ano 629 abandonou o uso do antigo título latino augusto (Augustus), adoptando o de "Rei de Reis", ao modo persa e, mais tarde, pasou a empregar o título de Βασιλεύς (Basileus), termo grego que significa "rei", e que foi aplicado aos emperadores bizantinos durante 800 anos.
  15. "Scientists Identify Genes Critical to Transmission of Bubonic Plague". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2007. Consultado o 05 de xaneiro de 2012. 
  16. An Empire's Epidemic
  17. Justinian's Flea
  18. "The Great Arab Conquests". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2009. Consultado o 02 de febreiro de 2009. 
  19. Europe and Faith, é un ensaio histórico escrito por Hilaire Belloc no ano 1920 onde explica como a Igrexa Católica axudou a salvar Occidente.
  20. "800: Coroação de Carlos Magno". Deutsche Welle 25.12.2007 (en portugués). 2007. Consultado o 10 de xuño de 2008. 
  21. Comby, Jean (1994): Pour lire l'Historie de l'Èglise. Des origenes ao XVème Siècle, tome 1. ISBN 2-204-02173-3, páx. 133.
  22. Encyclopaedia Britannica: Pentarchy
  23. "Milton V. Anastos, Aspects of the Mind of Byzantium (Political Theory, Theology, and Ecclesiastical Relations with the See of Rome), Ashgate Publications, Variorum Collected Studies Series, 2001. ISBN 0 86078 840 7)". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2011. Consultado o 05 de xaneiro de 2012. 
  24. Letter XIV
  25. "A idea da pentarquía na cristiandade". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2011. Consultado o 05 de xaneiro de 2012. 
  26. Cross, F. L., ed., ed. (2005). The Oxford Dictionary of the Christian Church. Oxford University Press (New York). ISBN 0-19-280290-9. 
  27. Norwich, John J. (1967). The Normans in the South 1016-1130. p. 102. 
  28. "The Eastern Schism" (en inglés). Consultado o 5 de xaneiro de 2012. 
  29. "I Reich: Sacro Imperio romano (siglo X-1806)". Deutsche Welle 13.01.2007 (en español). 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  30. "The Destruction of Kiev". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2011. Consultado o 05 de xaneiro de 2012. 
  31. "1241: Os mongóis na Europa". Deutsche Welle (en portugués). 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  32. Sociedad, política y protesta popular en la España musulmana Marín Guzmán, Roberto (2006): Sociedad, política y protesta popular en la España musulmana. San José (Costa Rica): Editorial UCR. ISBN 9968-936-96-0
  33. [1] Institución Milá y Fontanals (1990): De Al-Andalus a la sociedad feudal: los repartimientos bajomedievales Barcelona: CSIC. ISBN 84-00-07067-4
  34. O apelativo "negra", co que os coetáneos denominaron a enfermidade, e que tamén coñecían como mal negro, provén do feito de que os afectados presentaban machas escuras na pel como consecuencia de hemorraxiass subcutáneas.
  35. Ademais das mortes pola enfermidade, as consecuencias sociais da morte negra chegaron moi lonxe: rapidamente fanáticos ultracatólicos acusaron aos xudeus como causantes da epidemia por medio do envelenamento de pozos. En consecuencia, en moitos lugares de Europa iniciáronse pogroms xudeus chegándose nalgúns casos á extinción local das comunidades xudeas.
  36. De feito, constatouse unha progresiva caída nos casos de peste negra en Europa a medida de que as poboacións de rata negra (Rattus rattus) foron diminuíndo pola expansión da súa conxénere, a rata gris (Rattus norvegicus), a partir do século XVIII.
  37. "Martín Lutero". Deutsche Welle 13.04.2007 (en español). 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  38. Expulsión dos xuedeus (1492).
  39. Munck, Thomas (2001): Historia social de la Ilustración. Editorial Crítica. ISBN 978-84-8432-218-4.
  40. Hazard, Paul (1991): El pensamiento europeo en el siglo XVIII. Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-2434-1.
  41. Cassirer, Ernst (1993): La Filosofía de la Ilustración. Fondo de Cultura Económica de España. ISBN 978-84-375-0350-9.
  42. "1815: Napoleão perde a batalha de Waterloo". Deutsche Welle (en portugués). 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  43. "La Revolución industrial". Universitat de Barcelona (en español). 1995. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2011. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  44. "Bismarck's Legacy of Laziness". Deutsche Welle 21.12.2007 (en inglés). 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  45. "II Reich: Imperio bismarckiano (1871-1918)". Deutsche Welle 13.01.2007 (en español). 2007. Consultado o 10 de xuño de 2008. 
  46. E o meridional Reino de Nápoles, baixo os Borbóns.
  47. Naquela época era denominado o enfermo de Europa.
  48. O detonante foi o asasinato, o 28 de xuño de 1914, en Saraxevo, do Arquiduque Francisco Fernando, herdeiro do Imperio Austrohúngaro e súa dona Sofía Chotek, que foron asasinados polo nacionalista serbobosnio Gavrilo Princip.
  49. "1º de septiembre: 65 años del inicio de la II guerra mundial". Deutsche Welle 01.09.2004 (en español). 2004. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  50. "Alemania: ¿liberación o derrota?". Deutsche Welle 25.01.2005 (en español). 2005. Consultado o 4 de xaneiro de 2011. 
  51. Tratado de Forzas Nucleares de Alcance Medio, das siglas en inglés Intermediate-Range Nuclear Forces.
  52. Fusi, Juan Pablo (1985): Franco. Madrid: Ediciones El País ISBN 84-86459-01-X, páx. 83.
  53. Expresión que implica unha falsa neutralidad, isto é, unha neutralidade favorecedora dun dos bandos.
  54. Os aparatos alemáns eran reparados en aeroportos españois, e aos alemáns se lles permitía a inspección dos aparatos aliados que nalgún caso se viran obrigados a aterrar en solo español. A espionaxe e a sabotaxe alemán contra albos aliados en España folon facilitadas polas autoridades españolas. Preston, Paul (1994): Franco "Caudillo de España". Barcelona: Editorial Grijalbo. ISBN 84-253-2498-X, páxs. 448-449.
  55. Díaz-Plaja, Fernando (1976): La España franquista en sus documentos. Barcelona: Editorial Plaza & Janés. páxs. 139-140.
  56. Preston, Paul (1994): Franco "Caudillo de España". Barcelona: Editorial Grijalbo, páx. 237.
  57. Roosevelt ao embaixador en España Norman Armour. Fusi, Juan Pablo (1985): Franco. Madrid: Ediciones El País, páx. 96.
  58. "Tres días que cambiaron al mundo". BBC News 17.08.2001 (en español). 2001. Consultado o 4 de xaneiro de 2012. 
  59. "Founding Fathers: Europeans Behind the Union". Deutsche Welle 23.03.2007 (en inglés). 2007. Consultado o 14 de decembro de 2011. 
  60. Que substituiría os tratados de Maastrich e de Roma, até aquela vixentes.
  61. "Claves: el Tratado de Lisboa". BBC News 19.10.2007 (en español). 2007. Consultado o 4 de decembro de 2008. 
  62. Irlanda foi o único país que consultou a ratificación do Tratado aos seus cidadáns, vía referendo, e o 12 de xuño de 2008, pero aprobado noutro, o 2 de outubro de 2009, despois de que a UE dese garantías suplementarias (que non forman parte do tratado) a Irlanda.
  63. O Tribunal Constitucional deu unha resposta favorábel ás diversas cuestións formuladas e, unhas horas máis tarde Vaclav Klaus asinou finalmente o Tratado.
  64. "Comercio exterior". europa.eu (en español). 2008. Consultado o 4 de xaneiro de 2011. 
  65. "Rusia recupera influencia en Asia Central y reafirma sus posiciones frente a EE UU". Diario El País 18.11.2004 (en español). 2004. Consultado o 4 de decembro de 2011. 
  66. "Rusia reafirma posiciones con miras a centro financiero mundial". Prensa Latina 08.06.2008 (en español). 2008. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2009. Consultado o 4 de decembro de 2008. 
  67. Esta galería de mapas é unha síntese do Westermann Grosser Atlas zur Weltgeschichte, 1985, ISBN 3-14-100919-8, do DTV Atlas zur Weltgeschichte, 1987, ISBN 2-7242-3596-7, do Putzger historischer Weltatlas Cornelsen, 1990, ISBN 3-464-00176-8, do Atlas historique Georges Duby, Larousse 1987, ISBN 2-03-503009-9, da serie dos Atlas des Peuples de André e Jean Sellier, La Découverte: Europe occidentale, 1995, ISBN 2-7071-2505-9, Europe centrale, 1992, ISBN 2-7071-2032-4, Orient, 1993, ISBN 2-7071-2222-X, coin algúns datos tomados do Történelmi atlasz de l'Académie hongroise, 1991, ISBN 963-351-422-3 CM e no Atlas istorico-geografico de l'Académie roumaine, 1995, ISBN 973-27-0500-0, e do Atlas des religions, hors-série du Monde, 2007.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lebrun, François & Carpentier, Jean (1996): História da Europa. Lisboa: Editorial Estampa. ISBN 972-33-1085-6
  • Livet, Georges & Mousnier, Roland (1996): História Geral da Europa- Mem Martins (Portugal): Publicações Europa-América.
  • Rougemont, Denis de (2007): Tres milenios de Europa: la conciencia europea a través de los textos. Madrid: Veintisiete Letras. ISBN 978-84-935969-1-0

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]